Pazos de Galicia 5

Page 78

Raúl F. Vale

<

<

Raúl F. Vale

Frío e paisaxe A xente desafía as inclemencias do tempo para disfrutar da romaría

A ROMARÍA

Amence cedo en Cariño o día de San Xiao. Os veciños miran ao ceo desde principios da semana, tentando adiviñar se o santo terá nesta ocasión bo tempo ou se farán falla, de novo, as botas de auga para subir ata o lugar. Os panadeiros amasan e cocen moito máis que un día calquera. As peñas encargan con antelación o avituallamento, a pesares de que moitos van cociñar in situ as coñecidas caldeiradas. Ademais, o concello reparte conservas, pan e empanadas, todo ben saboroso. E regado por viño. Non moi bo, certo, pero de balde. No pobo vanse xuntando os grupos de amigos, as familias, as peñas. Os visitantes soen chegar da man dos autóctonos: sorprendidos compañeiros de facultade, profesores do colexio ou do instituto que quedan unha fin de semana, parentes que se deixan caer pola casa ou madrileños despista76

dos. Os gaiteiros e as bombas anuncian polas rúas a xornada festiva. Estridentes cores dos chuvasqueiros, os gorros, as bufandas e o calzado impermeable enchen o ambiente. As botas de viño comezan a circular, pode que chova ou non, pero vai moito frío. A ruta de acceso máis común pasa pola Praza da Marina e sube pola rúa Centeás, para desembocar tras do cemiterio. A partir de aí, unha estreita estrada leva, entre eucaliptos e vistas asombrosas, ata o lugar da cita. Desde hai uns anos, recuperouse a antiga ruta, o Camiño Vello, que se separa da estrada principal, sempre moi transitada por coches arriba e abaixo, e bordea a costa. Pero se chove, o barro pode chegar ás orellas. Ao chegar arriba, á dereita está O Chiringuito de San Xiao, un bar, cafetería, restaurante que ofrece todo o ano xantares tradicionais e sinxelos, con materias primas locais, acompañados dunhas extraordinarias vistas sobre o mar. Neste día, tomar un café ou un viño aquí require paciencia. Uns metros máis adiante vese, alá abaixo, entre verdes campos e sobre o mar enfurecido, a capela. E manchiñas de centos de cores, os que chegaron antes ca nós. Hai que baixar por unha pista de terra ata alí. Antes de acadar a ermida, no alpendre dunha das escasas casas de pedra do lugar, está montado o avituallamento do concello. E despois, improvisados bares (entre eles, o do Instituto, que recada fondos para a excursión de fin de curso), postos de venda de alimentación e o bar da organización, no que, se hai sorte, se poden probar os freixós e as chaolas, versión local e mellorada das filloas e as orellas de Entroido, que en Cariño comeza agora.

PROCESIÓN

Hai dúas misas, unha cedo e outra cara o mediodía. A esta segunda segue unha procesión, non moi longa, que saca ao santo ao redor da capela. Despois, durante todo o día, pódese poñer o santo, un ritual para protexer a quen o fai de mil desgracias. A parte relixiosa rematou. A parte profana prolóngase ate que o corpo aguante. Antes, a festa ía rematando coa chegada da noite, porque non había luces, nin outra música ca dos gaiteiros, humanos e cansos como os demais. Pero, de un tempo a esta parte, hai tamén orquestra. Se choveu, os máis pequenos puideron arrolar campo abaixo, collendo carreiriña e deslizándose polo barro. Se non, os tizóns do lume serviron como improvisados maquillaxes para mans e rostro. Os adolescentes andaron ás agachadas dos maiores, en grupiños que procuraron un lugar privado no que pasalo ben, ao seu xeito. E os maiores bailaron ao pé da orquestra, facendo congas e rodas, cantando e quentando o corpo, celebrando a romaría deste santo milagreiro. Só resta volver á casa e probar as chaolas. Iso se quedou alguén alí para facelas.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.