Tema teoría interferencias e desviacións

Page 1

INTERFERENCIAS LINGÜÍSTICAS E DESVIACIÓNS DA NORMA 1 Interferencias lingüísticas As interferencias lingüísticas son cambios que se producen nunha lingua (lingua autóctona) debido á influencia exercida sobre ela por outra (lingua allea). Nunha situación de contacto lingüístico na que dous idiomas conviven en desigualdade, case sempre se producen interferencias. Polo que respecta a Galicia, a lingua produtora do maior número de interferencias é o castelán, mentres que o galego é a receptora. A semellanza estrutural entre as dúas (coincidencia en parte do vocabulario, regras morfosintácticas común) favorece este fenómeno. As interferencias do castelán afectan a todos os planos da lingua: fónico, morfosintáctico e léxico, sendo este último o máis permeable. 1.1 Interferencias fónicas: •

Substitución do j castelán (inexistente en galego) polo x galego: cerrajero > *cerraxeiro, burbuja > *burbuxa no canto de cerralleiro, burbulla.

Cambio dos grupos semicultos br-, cr-, pr- por bl-, cl-, pl-: *blando, *blandir, *clavo, *placer, *plazo ( brando, brandir, cravo, pracer, prazo).

Perda da última sílaba en voces rematadas en -ade, -ude: *humildá, *lonxitú, *xuventú (humildade, lonxitude, xuventude).

1.2 Interferencias ortográficas: ◦ Grafías v/b: *maravilla, *boda, *basoira, *aboa, *móvil (marabilla,

voda, vasoira, avoa, móbil). ◦

Grafía h: *armonía, *ahí (harmonía, aí).

Grafía y : *hay (hai).

Acento gráfico: *médula, *héroe, *atmósfera, *parásito (medula, heroe, atmosfera, parasito).

1.3 Interferencias morfolóxicas: •

Substantivos. Cambio de xénero en substantivos que presentan solución diferente en galego e en castelán: *o reciclaxe, *o laranxeiro, *os parénteses, *o ponte, *a sangue.

Artigo. Uso do artigo masculino diante de substantivos femininos que comezan por a tónico: *o aguia, *o área, *o arpa, *o arte.

Uso do pronome persoal eu por min tras a partícula comparativa ca e as preposicións canda, onda: *Ven onda eu; *El non pesca mellor ca eu.

Demostrativos. Uso dos demostrativos *estos, *esos, *aquelos no canto de estes, eses, aqueles.


Relativos. Emprego da forma *quenes no canto da invariable quen.

Indefinidos. Uso da forma apocopada *calquer en lugar da invariable calquera ou emprego do indefinido algún en frases negativas: *Non houbo razón algunha en vez de Non houbo razón ningunha.

Verbos. Uso dos tempos compostos; conxugación irregular dalgúns verbos seguindo o modelo castelán: formas como *traduxo, *anduvera no canto de traduciu, andara ou a utilización como pronominais de verbos como *casarse, *marcharse, *espertarse, *caerse.

1.4 Interferencias sintácticas: •

Ausencia de artigo diante de posesivo: *Miña bicicleta é moi boa (A miña bicicleta é moi boa).

Colocación incorrecta dos pronomes átonos: *Me dixo que non era certo (Díxome que non era certo).

Emprego da preposición a na perífrase ir + inf: *Vou a comer contigo mañá (Vou comer contigo mañá).

1.5 Interferencias léxicas: •

Restrición do significado. A forma galega convive coa castelá, de xeito que na conciencia do falante a primeira pasa a designar realidades de menor prestixio. Exemplos son: vasoira/*escoba, billa/*grifo, tixola/*sartén, moa/*muela, corte/*cuadra, lura/*calamar.

Presión dunha voz coincidente. Cando existen na nosa lingua dúas palabras co mesmo significado e unha delas coincide coa forma do castelán, esta última pasará a ser a máis usada en detrimento da forma exclusiva do galego. É o caso de formas como labios/beizos. Outros exemplos son pensar/coidar, comprar/mercar, enfermo/doente.

Restrición do vocabulario. Cando en galego temos varios termos con significados especializados e un cun significado xeral que coincide co castelán, será este o que se potencie en detrimento das formas específicas galegas. En galego existen as formas esnaquizar, rachar, crebar, esfarelar con significados específicos fronte á extensión da forma romper coincidente co castelán.

Simulación de voz autóctona. Castelanismos que se introducen na lingua baixo unha falsa aparencia galega: *amasixo *mortaxa *antoxo *conexo no canto de amasillo, mortalla, antollo, coello.

Substitución da forma galega pola castelá. Son os chamados castelanismos. Exemplos *acera, *arcilla, *arcén, *archipiélago, *puente, *rodilla, *tenedor, *grifo, *xaula, *manzanilla, no canto de beirarrúa, arxila, beiravía, arquipélago, ponte, xeonllo, garfo, billa, gaiola, macela.


Tamén se producen, aínda que en menor medida, algunhas interferencias do galego no castelán. Son formas como reseso, colo, carballo, parvo, silva, cismar ou construcións como:*Vas estudiar, *No lo doy hecho, * Y luego? Cómpre lembrar que entre as linguas adoitan producirse préstamos. Son algúns exemplos: bocadillo, tortilla (ambos do castelán) ou vieira ( do galego).

2. Desviacións da norma Os principais desvíos están constituídos por voces que non se axustan á normativa oficial do noso idioma (lingua estándar). Desbótanse as formas consideradas incorrectas por estaren fóra de uso ou deturpadas por estar creadas artificialmente como reacción diferencialista con relación ao castelán. Tamén se desbotan os préstamos inxustificados doutra lingua. Os principais tipos son os seguintes: •

Arcaísmos. Son formas lingüísticas anticuadas (de uso na Idade Media) desaparecidas da fala actual e recuperadas por vía culta: *vegada, *capiduo, *cibdade, * door, * cor, *nascer no canto de vez, capítulo, cidade, dor, corazón, nacer.

Dialectalismos. Son formas lingüísticas características de determinadas zonas da nosa comunidade, propias dunha variedade xeográfica que se arredan do código estándar : *iste, *verao, *muito, *eiquí en vez de este, verán, moito, aquí.

Vulgarismos. Son deformacións producidas na fala descoidada e reproducidas tamén na escrita correspondentes a rexistros lingüísticos informais do nivel vulgar :* polígano, *gomitar, *romedio, *cuciña no canto de polígono, vomitar, remedio, cociña.

Estranxeirismos. Son aquelas palabras que un determinado idioma toma dunha lingua estranxeira. O máis habitual é que se utilicen para denominar novos elementos, técnicas ou conceptos que non existían anteriormente. Considéranse innecesarios e, polo tanto, incorrectos cando ese mesmo concepto existe na lingua que incorpora o termo estranxeiro. Os estranxeirismos máis frecuentes no galego son os castelanismos (xa estudados no apartado 1.5). Ademais destes cómpre destacar os seguintes:

- Lusismos. Son voces do portugués empregadas no lugar de formas galegas. Exemplos: *frango, *presunto, *comboio, *conceito no canto de polo, xamón, tren, concepto. - Anglicismos. Formas procedentes do inglés: *camping, *míster, *casting, *chat en vez de acampada, adestrador, proba, conversa. Cómpre salientar que son moi frecuentes os anglicismos relacionados co campo da informática e das comunicacións.


Hiperenxebrismos ou hipergaleguismos. Son ultracorreccións orixinadas mediante falsas evolucións e deformacións ás que se lles dá unha aparencia galega. Prodúcese por un afán diferencialista respecto do castelán naqueles vocábulos nos que existe coincidencia formal en ambas linguas . Son formas propias da escrita e inexistentes na fala que se caracterizan pola súa pretensión de autocorrección ao pensar que as formas iguais ao castelán non poden ser válidas.

Listaxe de hiperenxebrismos frecuentes: *abandoar –abandonar * ambente – ambiente * brilar -- brillar * cencia – ciencia * desfrutar –gozar * escea –escena *gañancia --ganancia * hourizonte –horizonte * inconvinte -- inconveniente * montana –montaña * ordear—ordenar * orgaización --organización *orgulo –orgullo * persoalidade -- personalidade * persoaxe -- personaxe * prácido – plácido * pranta – planta *primaveira --primavera * respostar – responder * urbán -- urbano * zoa --zona



Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.