Tema recursos cohesivos gramaticais e léxico semánticos

Page 1

RECURSOS COHESIVOS GRAMATICAIS E LÉXICO-SEMÁNTICOS A conexión é o mecanismo de cohesión empregado para facer explícitas as relacións semánticas existentes entre as unidades que forman o texto. As unidades lingüísticas que se utilizan frecuentemente para expresar estas vinculacións chámanse conectores. Estes, ademais de sinalar os vínculos entre as distintas partes do texto, serven tamén para estruturar o contido e guiar a interpretación que o receptor realiza do texto. Ademais dos conectores a lingua posúe outros procedementos de cohesión baseados na utilización adecuada de elementos léxicos e gramaticais ao longo do texto. Estes dous tipos de unidades lingüísticas serven para retomar a información e tamén para establecer os vínculos entre as partes do texto. Unha utilización adecuada dos elementos gramaticais contribuirá a que o texto resulte máis áxil e doado de comprender para os destinatarios. O emprego dun léxico variado e preciso fará tamén os textos máis atractivos e efectivos. Mecanismos gramaticais: utilízanse sobre todo como recursos de referencia. Os pronomes, artigos, posesivos e demostrativos serven para facer referencia a un elemento que aparece noutro lugar do texto. As marcas de concordancia axúdannos a recoñecer esas ligazóns. Tamén se consideran mecanismos gramaticais as marcas morfolóxicas dos verbos xa que a través da concordancia persoal nos permiten recuperar elementos elididos. A Carolina non lle parece que os nosos argumentos sexan convincentes. Ela considera que debemos buscar outros. Mecanismos léxico- semánticos: serven para mencionar elementos que apareceron antes, pero sen repetir constantemente as mesmas formas lingüísticas. A través do uso de palabras e expresións con significado próximo (sinónimos, hipónimos, etc.) conséguese a reiteración léxica sen que o texto resulte pesado nin repetitivo. Un señor baixo e ben parecido entrou no comercio e achegouse ás vitrinas. O home levantaba unhas lentes para mirar o prezo dos obxectos expostos. Aquel individuo resultoume sospeitoso dende o primeiro momento.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.