Actas do Simposio Internacional Carlos Casares

Page 247

Xosé Luís Sánchez Ferraces

crición dun dos posibles rostros innobres da dor anunciados na epígrafe que precede o texto narrativo.

O texto narrativo O texto d’Os mortos daquel verán está formado por unha serie de informes —dez, en total— que un funcionario dunha dependencia policial (aparentemente quen os redacta parece ser sempre o mesmo) lle vai enviando durante os meses de agosto e setembro de 1936 á súa Xefatura, tras recibir inicialmente a orde de ampliar referencias sobre unha rede ou organización clandestina que a base de rumores incesantes, de ruxerruxes permanentes, intenta destruír, nos días inmediatamente posteriores ao golpe de estado de 1936 contra a República, a honra de determinadas persoas coñecidas pola súa “boa conducta” e “polo seu entusiasmo, adhesión e axuda á nova causa”. A dependencia policial está situada nunha vila galega e todo leva a supoñer que se trata de Xinzo de Limia. Na contorna da vila, concretamente nun camiño do Campo das Poldras, aparecera morto, coa cabeza esnaquizada, na mañá do 21 de xullo, o boticario don Modesto Vilariño Dacal. Pero esta morte non mereceu, ao que parece, a máis mínima investigación policial. O lector ten a impresión xa des­de as primeiras páxinas que se lle está escamoteando algo. Oficialmente, quérese dicir para a policía e para as novas autoridades, tratábase dun accidente, non dun crime, pero non hai que ser un lince para saber —e daquela sabíao de sobra, por desgraza, moita xente— que a palabra accidente era e é o vocábulo encubridor que usaban e usan habitualmente as forzas policíaco-represivas de todas as ditaduras para velar, tapar, encubrir un asasinato político. Extraoficialmente, algúns dos traballadores da Fábrica (así con maiúscula e sen nome) que participaron en todas as reivindicacións obreiras durante a República, que dirixiron o comité revolucionario na folga xeral de 1935, e que seguen libres, pero fuxidos, despois do 18 de xullo, pensan que don Modesto Vilariño foi asasinado ou mandado asasinar polo dono da Fábrica, don Andrés Fuentes Iglesias. Por iso, á mentira político-oficial do accidente opoñen o remusmús do “paseo”, o rumor do crime e do criminal. A identificar e desenmascarar as persoas que isto andan afirmando vai dirixido o escrito que a Xefatura lle remite o 5 de agosto á dependencia policial antes mencionada. Comezan as dilixencias, empeza o relato.

246


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.