Programas Radio Faladora 2º T

Page 1


Durante o 2º trimestre graváronse 10 programas de Radio Faladora, que son os que van dende o programa número 12 até o 21 incluídos os dous. Comezamos coma no primeiro trimestre gravando os martes e emitindo o programa os mércores, pero resultaba moi xusto de tempo para facer os arranxos de son e tamén que os rapaces ensaiaran, de xeito que se pasou a entregar o guión os venres, gravar os luns e a emisión os xoves despois do recreo de Primaria, é dicir, ás doce cincuenta e cinco. Os apartados de novas seguen coma no primeiro trimestre, saúdo e presentación do equipo de locutores, novas do cole ou das saídas que se levan a cabo nesa semana, gañadores dos concursos de “Segue as Pegadas”, e o novo concurso da Biblio “ O Sabichondo”, logo rematase co apartado “Cousas de Ponteareas”, onde de momento séguese a tratar a información referente as parroquias do concello. Despedida do programa e as veces novas de última hora. Dende o Equipo agradecemos a colaboración que seguimos a pedir para continuar co programa.


RADIO FALADORA 12º PROGRAMA –14 DE XANEIRO DE 2009-

MÚSICA: TEMA CENTRAL MAMACABRA  Todos/as: Aí vai o doceavo programa de radio, RADIO FALADORA! NACHO: Hoxe, de novo como locutores: Bruno, Sergio, Monteagudo e eu Juan David. BELÉN:Olaaa, estades aí ou xa vos esquecestes de nós?, Arriba rapaces e rapazas que as vacación xa remataron!! Moooiii Boooos días e FELIZ ANINOVO !!! NOELIA: SIIIIIII, as vacacións xa remataron e agardamos que os Reis Magos vos trou...... NOÉ:Sii, lembrades rapaces e rapazas? O último día de clases antes das vacacións tremenda sorpresa!!! Aquí na nosa Biblioteca estaban as súas Maxestades cos seus paxes recollendo as vosas cartas .... NOELIA: Sii, moi ben deixa de interromperme que eu estaba a dicirlles que aínda que os Reis traían un agasallo para a clase, nós agardamos que tamén lles trouxeran todo o que pediron nas súas cartas e ademais MOIITAS GANAS DE TRABALLLAR que empeza un novo trimestre e hai moitas cousas por facer e agora por dicir. NACHO: Pois aí vai!! hoxe é mércores 14 de xaneiro de 2009 e comezamos ano e un programa novo. BELÉN: Atentoooooooooos que temos moitas novidades!!!  Todos/as: Comezamos!! MÚSICA

 TODOS/AS: Tempo de noticias: A RADIOXORNAL FALADORA NOELIA: A primeira nova de hoxe é ..., que pensades que será? NOÉ: Pois claro, xusto iso que estades a pensar, que despois de moitos anos o pasado venres nevou en Ponteareas. NACHO: Siii, foi unha pasada!!! As mestras e mestres deixáronnos baixar ao patio e xogar coas folerpas, guauuuuuuu!!!


BELÉN: O malo foi que non callou o suficiente para facer un boneco de neve ou xogar a tirarnos bolas de neve, que mágoa!! Outra vez será, o mellor moi pronto porque os do tempo anuncian nevadas para esta semana. Ídevos preparando, vale? MÚSICA

NOELIA: A seguinte nova chéganos dunha compañeira de 2º A, ela é Jenifer, atentooooooooooos que nos vai contar moitas cousas do seu grupo de baile “Pedra da Garza” NOÉ: Bos días!! JENIFER:Ola! Son Jenifer, teño 7 anos e vivo en Paredes. Dende os 5 anos estou no grupo dos pequenos da Pedra da Garza. NACHO: Onde ensaiades? JENIFER: En Fozara NOELIA: Que días? JENIFER: Os martes pola tardiña. As sete NOÉ: Cantos sodes no grupo? JENIFER: No grupo dos pequenos somos seis NACHO: Como se chama a vosa profesora? JENIFER: Chamase Nuria NOELIA: Que danzas bailades? JENIFER: Nós bailamos xotas e muiñeiras. NOÉ: Cal é a peza que máis che gusta das que interpretades? JENIFER: Gústame moito a muiñeira de Loliña e tamén a xota de Meirás. NACHO: Actuastes no Nadal? JENIFER: Non, cando máis actuamos é no verán, nas distintas festas das parroquias. NOELIA: Sabedes no que estaba a matinar mentres falaba Jenifer? Pois que Jenifer poderíanos ensinar algunha danza para o día das Letras Galegas, pensádeo, vale? NOÉ: Moitas grazas Jenifer e non esquezas pasar por Radio Faladora cando teñades algunha actuación. JENIFER: Grazas e ata outra.


MÚSICA BELÉN: A outra nova e para dar felicitacións aos gañadores e gañadoras do 6º xogo de “Segue as Pegadas” que desta vez volveu a resistírsenos a solución pero ao final acadouse. NOELIA: Como detectives son: Juan David Ortiz Sánchez de 6º; Noelia Ucha González, Beatriz Lorrana Rodrigues Reis, Daniel González Otero, Manuel Otero Gómez, Nerea Puentes Fernández, Ariana Santos Otero de 5º C; Alexandre Álvarez Amil, Facundo Guerreiro, Erik Ferreira Oset, Christopher de León Campo de 5º A; Victoria Gándara Vilas, Sara Méndez Amil, Esteban Martínez Pérez de 5º B; Eva Varela Pérez de 3º C; Angela Carrera Amoedo, Uxía Gómez Bouzó, Paula Codeseda Troncoso de 6º A; e Martín Rodríguez Ledo de 6º B. Felicitacións!! NOÉ: E como axudantes son: Erika Meiriño Álvarez, Iria Fernández Groba, Laura Infante, Nuria Fernández Fernández de 3º B; Ana Belén Novoa Fernández, Luana Rodríguez Álvarez de 3º C; e Adrián Ucha González de 1º C. Felicitacións!! NACHO: Pero non dixestes a solución!! Para os que non acertamos e para outra será, a solución era “OS BARRANCOS”. Parabéns! Moitas felicitacións!!!! Para os acértantes. MÚSICA

BELÉN: A continuación a sección do programa: “Cousas de Ponteareas”. NOELIA: Nela seguimos a falar cousas do noso concello. Así coñeceremos todos mellor onde vivimos. Lembrade o Concello de Ponteareas ten 21.049 habitantes, 125,9 Km cadrados e está dividido en 24 parroquias, e no último programa dábamos un dato importante sobre as parroquias de Angoares, Arcos e Areas. NOÉ: Hoxe imos continuar pola seguinte, que é Arnoso. Sabedes? Nela atopase a igrexa de San Lourenzo edificada en 1861 e que ten un retablo de arte neoclásica. NACHO: Ata aquí a información das parroquias de Ponteareas no vindeiro programa seguiremos coa investigación. Se queredes podedes axudarnos e colaborar traéndonos datos das parroquias as que pertencedes. ANIMADEVOS, AGARDAMOS A VOSA COLABORACIÓN!!!


MÚSICA

BELÉN: Dende a aquí, dende a nosa radio, A RADIO FALADORA, queremos recordarvos, porque saber xa o sabedes, verdade? NOELIA: O que? Pero ti de que estás a falar? NOÉ: Pois de que vai ser, que ademais da radio o cole tamén ten páxina web na que podemos ver os nosos traballos e fotos. NACHO: Esquéceste de algo máis, dende a nosa páxina web podemos consultar e escribir nos distintos blogues. BELÉN: Por se non sabedes a dirección para entrar na nosa páxina web, vai estar exposta no RECUNCHO GALEGO, que ademais vai quedar dedicado a colocar novas referentes a nosa lingua, o galego. NOELIA: Hoxe durante o recreo imos escoitar música de............... E moitas grazas por escoitar a nosa Radio, A Radio Faladora.  Todos/as: DEEEEIICCAAA LOOOOGOOOOOOO!!! MÚSICA


RADIO FALADORA 13º PROGRAMA –29 DE XANEIRO DE 2009-

MÚSICA: TEMA CENTRAL MAMACABRA  Todos/as: Aí vai o treceavo programa de radio, RADIO FALADORA! NACHO: Hoxe, de novo como locutores: Belén, Noelia, Noé e eu Nacho BELÉN:Olaaa, estades aí ?, Arriba rapaces e rapazas que chegan as novas da nosa radio !! Moooiii Boooos días !!! NOELIA: SIIIIIII, esta semana como xa todos sabedes, porque estamos todos e todas a traballar moito, é a semana da PAZ. NOÉ:Sii, pois aí vai !! hoxe é xoves 29 de xaneiro de 2009 e comezamos un novo programa . NACHO: Atentoooooooooos que temos moitas novidades!!!  Todos/as: Comezamos!! MÚSICA  TODOS/AS: Tempo de noticias: A RADIOXORNAL FALADORA NOELIA: A primeira nova de hoxe é como non referente ao DÍA DA PAZ. NOÉ: Dende o Equipo de Convivencia achegáronnos unha mensaxe do que vai ser a celebración que terá lugar mañá no patio. BELÉN: A mensaxe di: “Estades todos convidados ao acto do Día da Paz que celebraremos no noso cole o venres 30 de xaneiro. Todos xuntos manifestaremos os nosos desexos de paz para o mundo enteiro. Estaremos unidos por unha mesma causa, acadar a paz e por da nosa parte para conseguilo. Merecemos un mundo onde rematen as guerras, as desigualdades, as discriminacións, a pobreza … e só o acadaremos se todos pomos de nosa parte. O venres 30 de xaneiro reivindicaremos todos estes desexos. Lerase un manifesto de paz así como distintas mensaxes tamén de paz que cada clase está preparando xa con moita ilusión.Tamén cantaremos todos xuntos a canción “No dudaría” e ondearemos as nosas bandeiras coa pomba como símbolo da busca da paz para todos. O máis importante é que estaremos unidos por un mesmo desexo, un mundo en paz”. NACHO: E nós dende a Radio Faladora apoiamos esta mensaxe animando a todos e todas a loitar pola PAZ.


MÚSICA

NOELIA: E para continuar con esta loita pola PAZ, temos hoxe con nós a tres alumnos da aula de 1º A que van facer unhas peticións para que esta PAZ que todos queremos chegue axiña; eles son: Lucas, Lorena e Santiago. LUCAS: Que todos os nenos e nenas do mundo reciban cariño e educación. LORENA: Que ninguén sexa maltratado nin discriminado. SANTIAGO: Que rematen as guerras e triúnfe o amor nos corazóns NOELIA: Moitas grazas pola vosa colaboración!! E ata outra!!

MÚSICA BELÉN: A outra nova e para dar felicitacións aos gañadores e gañadoras do 8º xogo de “Segue as Pegadas” . NOÉ: Como detectives son: De 5º C: Noelia Ucha González, Beatriz Lorrana Rodrigues Reis, Daniel González Otero, Nerea Puentes Fernández, Nicolás Pérez Rodríguez, Andrea Sabino Rodríguez, Miguel Pumares Covelo e Cristian Pérez Gándara; de 5º A Blas Carballido Rodríguez, Facundo Guerreiro e Ángel Gándara Vila. Felicitacións!! NOELIA: Ecomo axudantes só Adrián Ucha González. Felicitacións para el !! NACHO: E a solución!! Para os que non acertamos e para outra será, a solución era “O BANCO” Parabéns! Moitas felicitacións!!!! Para os acértantes.

MÚSICA


BELÉN: A continuación a sección do programa: “Cousas de Ponteareas”. NOELIA: Nela seguimos a falar cousas do noso concello. Así coñeceremos todos mellor onde vivimos. Lembrade o Concello de Ponteareas ten 24 parroquias, e nos últimos programas estivemos a falar das parroquias de Angoares, Arcos, Areas e Arnoso. NOÉ: Hoxe imos continuar pola seguinte, que é Bugarín. Sabedes que a súa historia está vinculada cun concello preto de Ribadavia na provincia de Ourense, é Beade. A antiga igrexa de Bugarín da que xa nin restos quedan e Beade pertencían a orde de San Xoan de Malta, antes dos templarios. NACHO: E que tamén a súa igrexa nun principio foi unha capela dedicada a San Sebastián, construída no século XVII. BELÉN: Sabedes que na aldea de Camondes hai unha fonte con minerais de propiedades medicinais, e que podedes visitar. NOELIA:Ben, pois ata aquí a información das parroquias de Ponteareas no vindeiro programa seguiremos coa investigación. Se queredes podedes axudarnos e colaborar traéndonos datos das parroquias as que pertencedes. ANIMADEVOS, AGARDAMOS A VOSA COLABORACIÓN!!! MÚSICA

NOÉ: Atentoooooos!! Que hoxe temos un novo concurso!! E estamos seguros que vos vai gustar moito. NACHO: Sii, seguro que os que ides pola biblio xa o sabedes, verdade que xa adiviñastes? Trátase do “RECUNCHO DO SABICHONDO”. BELÉN: Neste Recuncho hai un panel con fotos antigas de nenos e nenas, tedes que adiviñar que profe corresponde a cada foto. NOELIA: Animádevos e moita sorte. NOÉ: Eh!!, lembrade a solución dáselle ao profe Daniel de Educación Física. NACHO:Agora si nós despedimos, e agardámosvos no vindeiro programa.  Todos/as: DEEEEIICCAAA LOOOOGOOOOOOO!!! MÚSICA


RADIO FALADORA 14º PROGRAMA –5 DE FEBREIRO DE 2009-

MÚSICA: TEMA CENTRAL MAMACABRA  Todos/as: Aí vai o décimo cuarto programa de radio, RADIO FALADORA! ÁNGELA: Hoxe, como locutores: Paula, Noel, Iria e eu Angela PAULA:Olaaa, estades aí ?, Arriba rapaces e rapazas que chegan as novas da nosa radio !! Moooiii Boooos días !!! NOEL:Sii, pois aí vai !! hoxe é xoves 5 de febreiro de 2009 e comezamos un novo programa . IRIA: Atentoooooooooos que temos moitas novidades!!!  Todos/as: Comezamos!! MÚSICA  TODOS/AS: Tempo de noticias: A RADIOXORNAL FALADORA ÁNGELA: A primeira nova de hoxe é para recordar que a semana pasada estivemos a traballar moito sobre un tema que cremos nos preocupa moito a todos e todas. Lembrades? PAULA: Siiii, seguro que todos o lembran e sobre todo o que máis nos gustou foi o acto no patio e a canción que pedimos sóase unha e outra vez. NOEL: Si, compañeiros e compañeiras, todos pedimos que reinase a PAZ, pero dende aquí preguntamos, seguimos a loitar entre todos para que esa PAZ que tanto pedimos chegue? IRIA: E sobre todo para que a teñamos todos os días no colexio e na casa? Pensade un chisco, o venres pasado lemos cousas moi bonitas ( ser amigos, non pelexar máis, querernos, respectarnos, etc) pero temos todos que levalas a cabo tanto na clase coma no patio ou na casa, para que se fagan realidade. ÁNGELA: Dende aquí agardamos saibamos comportarnos con respecto todos e todas para que reine a PAZ no colexio.


MÚSICA

PAULA: A continuación a sección do programa: “Cousas de Ponteareas”. NOEL: Nela seguimos a falar cousas do noso concello. Así coñeceremos todos mellor onde vivimos. Lembrade o Concello de Ponteareas ten 24 parroquias, e nos últimos programas estivemos a falar das parroquias de Angoares, Arcos, Areas, Arnoso e Bugarín. IRIA: Hoxe imos continuar pola seguinte, que é Celeiros. ÁNGELA: E que sabemos desta parroquia? PAULA: Pois temos datos moi interesantes, sabedes? Nela atopase a Igrexa de San Fins, construída no ano 1782 polo mestre en arquitectura Felipe Lopo. NOEL: E tamén no cemiterio atopase un panteón que é unha verdadeira obra artística, tratase do panteón da familia Candeira realizado baixo as directrices do Mestre Cerviño no ano 1871, un dos monumentos en granito máis importantes do ámbito rural galego non só en canto a arte funeraria senón para a cantería tradicional. IRIA:Ben, pois ata aquí a información das parroquias de Ponteareas no vindeiro programa seguiremos coa investigación. Se queredes podedes axudarnos e colaborar traéndonos datos das parroquias as que pertencedes. ANIMADEVOS, AGARDAMOS A VOSA COLABORACIÓN!!!

MÚSICA

ÁNGELA: A que non sabedes que festa celebramos este mes con moita ilusión? PAULA: Sii, que sabemos, verdade? NOEL: Chega o tempo de Entroido, porque o domingo pasado en Xinzo, unha vila da provincia de Ourense, xa comezaron a festa co Domingo Fareleiro. IRIA: Pois si! Nesa vila si que celebran ben a festa do Entroido, porque a que non sabedes que alí o Entroido dura cinco semanas?. Teñen o Domingo


Fareleiro que xa pasou, este que vai ser o Domingo Oleiro, o seguinte é o Domingo Corredoiro e nesa semana teñen o Xoves de Compadres, logo coincidindo coa nosa festa teñen o Domingo de Entroido, que nesa semana está tamén o Xoves de Comadres, e por último rematan o Entroido co Domingo de Piñata, e nesa semana tamén celebran o Enterro de Sardiña. ÁNGELA: Guauuu! Temos que ir aló! Pero nós de momento rapaces e rapazas a preparar os nosos disfraces para o desfile, e ide preparándovos tamén para a exposición e degustación de sobremesas, uumm!! Que ricos van estar e como o vamos a pasar!! VEÑA ANIMADEVOS E A TRABALLAR MOITO!! PAULA: Uff!! Cantas novidades pero por hoxe xa rematamos!! Agardámosvos no vindeiro programa con moitas máis novas!!  Todos/as: DEEEEIICCAAA LOOOOGOOOOOOO!!!


RADIO FALADORA 15º PROGRAMA –12 DE FEBREIRO DE 2009-

MÚSICA: TEMA CENTRAL MAMACABRA  Todos/as: Aí vai o quinceavo programa de radio, RADIO FALADORA! ÁNGELA: Hoxe, de novo como locutores: Paula, Noel, Iria e eu Ángela PAULA:Olaaa, estades aí ?, Arriba rapaces e rapazas que chegan as novas da nosa radio !! Moooiii Boooos días !!! NOEL:Sii, pois aí vai !! hoxe é xoves 12 de febreiro de 2009 e comezamos un novo programa . IRIA: Atentoooooooooos que temos moitas novidades!!!  Todos/as: Comezamos!! MÚSICA  TODOS/AS: Tempo de noticias: A RADIOXORNAL FALADORA ÁNGELA: A semana pasada os alumnos e alumnas de 6º fixemos unha saída para ver unha obra teatral en inglés. E hoxe temos aquí a outros compañeiros nosos que nos van falar dela. Escoitade. PAULA: Gustouvos a obra? NEREA: Si, rimos moito. ÁNGELA: De que trataba? C.MOTA: Chamábase “LIVING EUROPE”. Era dun rapaz de 19 anos de Barcelona que lle daban unha beca Erasmus para estudar fóra. Foi a Berlín a practicar nun programa de televisión en Internet. Pero saíalle todo mal. NEREA: E alí coñeceu unha rapaza francesa e unha señora maior italiana que ían vivir con el. E pasáronlle moitas cousas graciosas. PAULA: E falaban en inglés, non? Entendiades todo? C.MOTA: Non todo, pero un chisco si, pois falaban parte en inglés e parte en castelán. NEREA: E como na clase de inglés xa nos contaran algo da obra, fixéramos exercicios e escoitáramos as cancións, foi máis doado. ÁNGELA: Que sabedes dos actores?


C.MOTA: Había só tres actores pero facían de 6 personaxes. Dixeron que eran de Cataluña. Falaron connosco ao final e responderon preguntas do público. NEREA: Si, dixeron que ensaiaban moito pero que non era difícil aprender a obra en inglés. C.MOTA: Xa, pero os actores sabían falar varios idiomas. PAULA: Si, iso é importante. Apuntariádesvos a outra obra en inglés? NEREA: Eu, si, agora mesmo. ÁNGELA: Nós tamén, pero mentres temos que continuar con este programa, agardamos vos gustase a experiencia tanto do teatro coma da radio, moitas grazas por vir a contárnola e ata cando queirades. MÚSICA

NOEL: Outra das novidades que temos fresquiña é de parte da Biblio e de POPI. IRIA: Sííí, xa temos os gañadores e gañadoras do Recuncho do Sabichondo... ÁNGELA: Poooiiis son de 5º A: Ana Mª Álavarez Domínguez, Noelia Estévez Ferreiro, Alexiane Labajos e Mª Teresa. PAULA: De 5º B tamén acertou Sara Méndez Amil. NOEL: Sííí, e de 4º A, sabedes quen foi o afortunado? IRIA: Siii, de 4º A foi Juan. ÁNGELA: Moi ben, xa o sabedes, pasade pola Biblio a recoller o voso premio e sacar a foto d@s máis Sabichondo do colexio. PAULA: E, sabiades a outra nova da Biblio...? NOEL: Non, cal é?. IRIA: Non vos fixastes que temos un caixón cheo de libros na entrada da Biblio?. ÁNGELA: E, para que é?. PAULA: Pois alí, todos os nenos e nenas do colexio poden meter libros que non usen, contos ou cómics que teñan na casa. E cambialos por un que lles guste moito. Ademais cando queiran pódeno devolver ou gardalo para sempre. NOEL: Por iso POPI chama a caixa...A caixa de “Libros Libres”.


IRIA: Queres ler no recreo un libro?. Pois cóllelo, lévalo para o patio, coméntalo cun amigo ou amiga e se non che mola, déixalo outra vez no seu sitio. ÁNGELA: E POR FAVOR!!! Non o deixes tirado en calquera sitio. 

TODOS/AS: EEEEl nuuunca o faría!!!

MÚSICA

PAULA: A outra nova e para dar felicitacións aos gañadores e gañadoras do 9º xogo de “Segue as Pegadas” . NOEL: Como detectives, de 5º A son: Ana Mª Álvarez Domínguez e Aleixane Labajos, de 5º C son: Ariana Santos Otero e Beatriz Lorrana Rodríques, e de 6º B Martín Rodríguez Ledo, Felicitacións para todos eles!! IRIA: E como axudantes desta vez non houbo sorte, para próxima seguro que si o van conseguir. Verdade? ANGELA: E a solución!! Para os que non acertamos e para outra será, a solución era “Letreiro do colexio de Infantil” Parabéns! Moitas felicitacións!!!! Para os acértantes. MÚSICA

PAULA: A continuación a sección do programa: “Cousas de Ponteareas”. NOEL: Nela seguimos a falar cousas do noso concello. Así coñeceremos todos mellor onde vivimos. Lembrade, o Concello de Ponteareas ten 24 parroquias, das que estamos a falar por orden alfabética todos os xoves aquí na nosa radio, e xa levamos falado das parroquias de Angoares, Arcos, Areas, Arnoso, Bugarín e Celeiros. IRIA: Hoxe imos continuar pola seguinte, que é Cristiñade. ÁNGELA: E que sabemos desta parroquia? PAULA: Pois temos datos moi interesantes, sabedes? Nela atopase a Capela de San Gregorio, construída no ano 1500, tamén hai dúas torres interesantes para visitar, que son a Torre do Feixoal e a Torre do Señorito do Puño.


NOEL: E sabedes que tamén ten fontes moi importantes como son a do Tombo, Ambrosia e Mermexa. IRIA: Si, pero se o que queredes e dar un paseo ten dúas rutas de sendeirismo moi interesantes como son a do Río pola Ponte das Partidas ou a dos Muíños onde podedes atopar muíños de auga que aínda funcionan, e para merendar está a área recreativa da Fraga do Rei. ÁNGELA: Ben, pois agardamos que a información sexa de interese, no vindeiro programa seguiremos coa investigación. Se queredes podedes axudarnos e colaborar traéndonos datos das parroquias as que pertencedes. ANIMADEVOS, AGARDAMOS A VOSA COLABORACIÓN!!! MÚSICA

PAULA: Atentos rapaces e rapazas, xa queda pouco para o desfile do Entroido!! NOEL: Sii, estade moi atentos que mañá temos que lembrar.... IRIA: Que temos que lembrar?. ÁNGELA: Vaia despiste que tedes! Non sabedes que mañá chega o Meco do Entroido coas súas ordes para toda a semana que ven! Mirade que se non me lembro eu, ninguén se ía acordar de buscar o Meco no patio e como íamos saber que temos que facer o vindeiro luns. PAULA: Uff!! Menos mal que ti si te lembras que todos os anos nos días antes do desfile, é dicir, mañá chega o Meco coas súas ordes. Sii!!, lembrade rapaces e rapazas que mañá hai que buscar o Meco e mirar que nos ordena traer para o luns, logo o luns hai que ver o que nos manda para o martes e así ata o día do desfile; por certo como van os disfraces?, mirade que os tedes que facer moi bonitos, saímos polas rúas do pobo e non nós poden recoñecer. NOEL: Ata aquí o programa de hoxe, agardamos fose do voso agrado.  Todos/as: DEEEEIICCAAA LOOOOGOOOOOOO!!!


RADIO FALADORA 16º PROGRAMA –19 DE FEBREIRO DE 2009-

MÚSICA: TEMA CENTRAL MAMACABRA  Todos/as: Aí vai o dezaseisavo programa de radio, RADIO FALADORA! ÁNGELA: Hoxe, de novo como locutores: Paula, Noel, Iria e eu Ángela PAULA:Olaaa, estades aí ou aínda seguides a comer as lambetadas de onte?, estaban ben boas, verdade rapaces e rapazas? Pero agora chegan as novas da nosa radio !! Moooiii Boooos días !!! NOEL:Sii, pois aí vai !! hoxe é xoves 19 de febreiro de 2009 e comezamos un novo programa . IRIA: Atentoooooooooos que temos moitas novidades!!!  Todos/as: Comezamos!! MÚSICA  TODOS/AS: Tempo de noticias: A RADIOXORNAL FALADORA PAULA: Onte como xa sabedes tivemos a Exposición e Degustación das Sobremesas de Entroido!! NOEL: Sii, e que ben o pasamos e que ricos estaban os doces que fixeron as nosas familias, a que estaban boísimos? IRIA: Pois si, dalgúns non deixamos nadiña!!! ÁNGELA: Fixástesvos que había unha mesa con doces doutros países? PAULA: Sii, coma todos os anos, son dos nosos compañeiros e compañeiras que chegaron doutros países e que nos agasallan coas sobremesas típicas dos países de onde proceden. NOEL: Ben, pois se vos gustaron podedes consultar as receitas na nosa páxina web, que nolas van deixar alí para que nós poidamos cociñalas. IRIA: Moitas grazas para eles e as súas familias, e tentaremos facer algúns deses ricos doces que probamos onte.

MÚSICA


NOEL: Hoxe ademais, un aviso de parte da Biblio e de POPI. IRIA: Sííí, sabedes? Seguro que moitos aínda non, pero para iso estamos nós, verdade? ÁNGELA: Poooiiis veredes, no edificio de Educación Infantil están a facer uns arranxos e mentres os alumnos e alumnas teñen que estar por este edificio, así que unha aula de cinco anos está na Biblioteca, outra na aula de Audiovisuais e outra na de Psicomotricidade. PAULA: Así que por estes días a Biblioteca e as aulas mencionadas non poden ofrecer os seus servizos. NOEL: Agardamos saibades desculpar as molestias ocasionadas nestes días, que van ser poucos, pois os obreiros están a traballar a reo para arranxar todo axiña. IRIA: Sii, moitas grazas pola vosa comprensión e colaboración. MÚSICA

PAULA: A outra nova e para dar felicitacións aos gañadores e gañadoras do 10º xogo de “Segue as Pegadas” . NOEL: Como detectives, de 5º A sabedes quen son? Pois son: Mª Teresa Otero, Blas Carballido, Ángel Gándara e Facundo Guerreiro; de 5º B foron Victoria Gándara e Julia Maruxa González; e de 5º C o acertante foi Manuel Otero, Felicitacións para todos eles!! IRIA: E como axudantes desta vez case todos de 3º C, eles son: Ana Belén Novoa, Luana Rodríguez, Esther porrit, Alejandro Paz e Eloy Mota; e de 2º A Andrés , Moitas felicitacións para todos e todas!!! ANGELA: E a solución!! Sabedes cal foi? Estivo un chisco difícil pero estes rapaces e rapazas son moi listos. A solución era: O parque infantil do colexio. Parabéns! Moitas felicitacións!!!!

MÚSICA


PAULA: A continuación a sección do programa: “Cousas de Ponteareas”. NOEL: Nela seguimos a falar cousas do noso concello, para coñecer todos e todas mellor o lugar onde vivimos. Lembrade, o Concello de Ponteareas ten 24 parroquias, das que estamos a falar por orden alfabética todos os xoves aquí na nosa radio, e xa levamos falado das parroquias de Angoares, Arcos, Areas, Arnoso, Bugarín, Celeiros e Cristiñade. IRIA: Hoxe imos continuar pola seguinte, que é a de Cumiar. ÁNGELA: E que sabemos desta parroquia? PAULA: Pois temos datos moi interesantes, sabedes? Nela atopase a Igrexa de San Estevo construída no medievo de estilo románico Consta dunha soa nave de planta rectangular e ábsida tamén rectangular reconstruído. NOEL:Pero, sabedes que o que máis destaca desta obra é o seu arco triunfal semicircular así como diversos capiteis ornamentados con diferentes motivos vexetais e xeométricos. IRIA: Si, e que debeu custar moito rematala pois comezouse polo 1184, é dicir a comezos do século XII e non se rematou até os comezos do século XIII. ÁNGELA: Ben, pois sabedes dade unha volta por esta parroquia e podedes admirar esta obra arquitéctonica de arte románica; ademais agardamos que a información sexa de interese, no vindeiro programa seguiremos coa investigación. Se queredes podedes axudarnos e colaborar traéndonos datos das parroquias as que pertencedes. ANIMADEVOS, AGARDAMOS A VOSA COLABORACIÓN!!

MÚSICA


PAULA: Ai, rapaces e rapazas, que nervios!! Mañá é o día!! NOEL: Sii, despois de tanto traballo mañá imos por os nosos traxes, guau, que emoción!! IRIA: E sabedes cal é o tema deste ano? ÁNGELA: Si, claro que sabemos, pero por se alguén se despistou o tema son os contos, pois cada ciclo representa un conto, ou non vos destes conta que nas ordes do Meco está cada día o conto correspondente? PAULA: Pois si, o Venres coa orde do que tíñamos que traer o luns estaba o conto dos “Tres porquiños” que corresponde ao disfrace dos nenos e nenas de Educación Infantil. Tede moito coidado que creo que os acompañan uns lobos moi feroces, que medoooo! NOEL: E o luns coa orde para o martes estaba o conto de “A casiña de chocolate” que corresponde ao disfrace dos nenos e nenas do 1º Ciclo. E tamén hai por aí unhas velliñas que parecen moi doces pero, coidado, que debaixo do seu disfrace van unhas ......bruxas moi bruxas!! IRIA: E o martes coa orde para o mércores aparecía o conto “ Os dalmatas”, que é o disfrace dos nenos e nenas do 2º Ciclo, vaia panda, serán os 101? Quen se anima a contalos? Mirade que senón non vale!! E non esquezades quen os acompaña........sii rapaces e rapazas nin máis nin menos que unhas Cruella Devil, ooollooo queeeeee son moi maalaaas!!. PAULA: Cantos contos xuntos!!!. Uff que divertido!!.Para o mércores non podemos esquecernos dos de 3º Ciclo. Son uns frautistas... NOEL: Frautistas? IRIA: Non sabedes de que conto falamos?. Pois pensade un pouco... ÁNGELA: Qué difícil!!!. A orde do Meco para eles é a de traer unha gravata. Ben, ata aquí o programa de hoxe, pasádeo moi ben mañá e todos estes días de festa trouleai moito para volver con moitas ganar de traballar!! Todos/as: DEEEEIICCAAA LOOOOGOOOOOOO!!! MÚSICA


RADIO FALADORA 17º PROGRAMA –5 DE MARZO DE 2009-

MÚSICA: TEMA CENTRAL MAMACABRA  Todos/as: Aí vai o dezaseteavo programa de radio, RADIO FALADORA! AINHOA: Hoxe, locutores novos que somos: Uxía, Pedro, Robert e eu Ainhoa UXÍA:Olaaa, estades aí ou aínda seguides de troula? Mirade que o Entroido xa rematou!! Pero chegan as novas da nosa radio !! Moooiii Boooos días !!! PEDRO:Sii, pois aí vai !! hoxe é xoves 5 de marzo de 2009 e comezamos un novo programa . ROBERT: Atentoooooooooos que temos moitas novidades!!!  Todos/as: Comezamos!!

MÚSICA  TODOS/AS: Tempo de noticias: A RADIOXORNAL FALADORA AINHOA: Como xa sabedes estivemos de Entroido!! UXÍA: Sii, e vaia que si trouleamos!! PEDRO: Siii, e como foi iso de tanto troulear? ROBERT: Pois mirade, comezar, comezamos o venres 20 co Desfile dos colexios polas rúas da vila, pero seguimos o sábado e o domingo. AINHOA: Oe, para aí, que a fin de semana xa estabamos de vacacións, como foi iso? UXIA: Ben, non o podo crer!! Miña nai, que estes rapaces non se vos enteran de nadiña. E que vos non sabedes que os pais e nais da Asociación estiveron a traballar durante moitos días para facer unha carroza, e que participou no desfile de comparsas non só de Ponteareas senón que tamén foron a Vigo e Bembrive. AINHOA: Pois eu non che sabía nadiña, pero que nadiña, e vos rapaces e rapazas, sabiades algo desta festa? PEDRO: Algo si, pero non tanto coma iso, cóntanos entón un chisco máis, anda, infórmanos, sácanos da nosa ignorancia!! UXÍA: Vale, vale. Pois como vos dicía, despois do desfile do cole o venres, o sábado participou no desfile de Entroido en Vigo a comparsa “Érase unha


vez...” na que ían pais e nais do cole xunto cunha representación dos nosos compañeiros. E sabedes había 27 comparsas. Tamén participaron no Desfile de Bembrive xunto con 21 comparsas. E como non o día grande en Ponteareas, o Domingo 22, celebrouse na vila o desfile, e esta comparsa de pais e nais do cole participou con tres carrozas que representaban os contos: Peter Pan, A Bela Durminte e Brancaneves, xunto con sete comparsas máis. E levaron un merecidisimo 4º premio. ROBERT: Ben, grazas pola túa información e moitas FELICITACIÓNS para a ANPA do noso colexio polo seu traballo.

MÚSICA

AINHOA: Hoxe ademais, un aviso de parte da Biblio e de POPI. UXÍA: Sííí, sabedes? Xa remataron as obras no edificio de Educación Infantil e todo volta a normalidade. PEDRO: Que ben iso quere dicir que a Biblio tamén volta a normalidade. ROBERT: Sii, xa podemos ir buscar libros para ler, bravo!! AINHOA: Uff!! Eu xa botaba de menos non pasar pola Biblio, visitar a Popi e buscar as novas. UXÍA: Ben rapaces e rapazas pois xa sabedes, podedes xa pasar pola Biblioteca nos recreos e polas tardes, no seu horario de sempre. Boa lectura, boas aventuras e boas investigación.

MÚSICA

PEDRO: A continuación a sección do programa: “Cousas de Ponteareas”. ROBERT: Nela seguimos a falar cousas do noso concello, para coñecer todos e todas mellor o lugar onde vivimos. Lembrade, o Concello de Ponteareas ten 24 parroquias, das que estamos a falar por orden alfabética todos os xoves aquí na nosa radio, e xa levamos falado das parroquias de Angoares, Arcos, Areas, Arnoso, Bugarín, Celeiros e Cristiñade e Cumiar. AINHOA: Hoxe imos continuar pola seguinte, que é a de Fontenla UXÍA: E que sabemos desta parroquia?


PEDRO: Pois temos datos moi interesantes, sabedes? Nela atopase o Templo de San Mamede do século XVIII, con retablos barrocos. ROBERT: Si, e no pobo do Picouto, que pertence a esta parroquia, tamén podedes ver a Capela da Ascensión rematada de construír no ano 1877. AINHOA: E non só igrexas e co podedes admirar nesta parroquia, senón que tamén se atopan Pazos coma o dos Araujo que tamén ten data do século XVIII con planta en forma de ele; e o Pazo de Benavides, que só conserva o portalón. UXÍA: Ben, pois agardamos que a información sexa de interese, no vindeiro programa seguiremos coa investigación. Se queredes podedes axudarnos e colaborar traéndonos datos das parroquias as que pertencedes. ANIMADEVOS, AGARDAMOS A VOSA COLABORACIÓN!! MÚSICA

PEDRO: Ata aquí o programa de hoxe, lembrade que a troula rematou e temos que pornos a traballar e moito que xa chegan os exames e a avaliación. ROBERT: Sii, pero non vós angustiedes que antes da avaliación ven a festa do Día do Pai, e logo temos ponte e podemos facer un descansiño entre tantos exames que nos están a por nestes días os nosos mestres e mestras. Vese que o Entroido deulles forzas para facer exames!! A ver se son boíños coas notas!! Vale!! AINHOA: Agardade rapaces e rapazas temos noticia de última hora: xa hai gañadores do xogo “Segue as pegadas” número once!!!. Sabiades que a solución era “ O TOBOGAN DO PARQUE INFANTIL”? UXÍA: Nós non, pero hai uns compañeiros que si deron coa solución, así que temos novos detectives e axudantes. PEDRO: Pois si, como Detectives temos de 5º B: Silvia Guisado, Estefania González, Esteban Martínez e Sara Méndez; e de 6º B Martín Rodríguez. MOITAS FELICITACIÓNS!! ROBERT: E como Axudante desta vez a gañadora foi Lucía Rodríguez de 3º C, tamén MOITAS FELICITACIÓNS PARA ELA!!! E agora si rematamos.  Todos/as: DEEEEIICCAAA LOOOOGOOOOOOO!!! MÚSICA


RADIO FALADORA 18º PROGRAMA – 12 DE MARZO DE 2009-

MÚSICA: TEMA CENTRAL MAMACABRA

 Todos/as: Aí vai o dezaoitoavo programa de radio, RADIO FALADORA! AINHOA: Hoxe, de novo como locutores: Uxía, Pedro, Robert e eu Ainhoa UXÍA: Olaaa, estades aí? O recreo xa rematou, así que moooi atentos que chegan as novas da nosa radio !! Moooiii Boooos días !!! PEDRO:Sii, pois aí vai !! hoxe é xoves 12 de marzo de 2009 e comezamos un novo programa . ROBERT: Atentoooooooooos que temos moitas novidades!!!  Todos/as: Comezamos!!

MÚSICA  TODOS/AS: Tempo de noticias: A RADIOXORNAL FALADORA AINHOA: Hoxe aquí connosco temos dous invitados moi especiais, pois son dous compañeiros de 5º C que viñeron do Brasil, eles son Beatriz e Emmanuel. UXÍA: Sii, lembrade que no colexio dende hai uns anos hai un grupo de mestres e mestras que forman parte dun Seminario de traballo Intercultural; ben, se vos fixades ao subir do patio hai en cada corredor un mural, nun está representado Brasil e no outro está Francia, ademais dunha exposición de obxectos deses países. PEDRO: Siii, se lembrades aquí no programa da radio no trimestre pasado xa estivo tamén unha compañeira falándonos do seu país de orixe, Colombia. ROBERT: Pois moi atentos que alá imos coa entrevista, pero agardade un chisquiño escoitando música que se van colocar. MÚSICA

AINHOA: Moi atentos que xa estamos en posición!!! Bos días Emmanuel e Beatriz!! Dicídeme, canto tempo levades en Galicia?


BEATRIZ: case 4 anos EMMANUEL: 2 anos. AINHOA: Con que membros da vosa familia viñestes a España? BEATRIZ: Co meu irmán, miña irmá e miña nai. EMMANUEL: Co meu pai, miña nai e meu irmán. AINHOA: Por que viñestes a Ponteareas? BEATRIZ: En realidade, primeiro viñemos para Portugal e como meu pai coñecía esta zona, díxonos que era bonita, e viñemos aquí. EMMANUEL: Porque un amigo de meu pai aconsellounos Ponteareas. AINHOA: Que foi o primeiro que pensastes cando vos dixeron que viñades a vivir a España? Que vos pareceu? BEATRIZ: Que podería aprender un novo idioma. EMMANUEL: Que era moi bo e paréceume ben o que os meus pais decidiron. AINHOA: Como lembrades os vosos primeiros días no colexio? BEATRIZ: Moi bos porque fixen amigos o primeiro día. Lembro que me tocaba E.F. coa profe Silvia. EMMANUEL: Ben, eu cheguei a 4º e a miña mestra foi Nieves e era moi boa comigo e tamén tiña a Elena de profe de apoio. AINHOA: Fixestes amigos rápido ou custouvos adaptarvos? BEATRIZ: Rápido, desde o 1º día xa fixen amigos e amigas. EMMANUEL:Fixen amigos rápido pero non os comprendía ben. AINHOA: Agora estudades a lingua de Galicia, o galego, gústavos? BEATRIZ: Si e leo moitos libros en galego. EMMANUEL: Si, gústame moito aínda que non leo tanto como a miña compañeira. AINHOA: Como era o voso colexio en Brasil? BEATRIZ: O meu colexio en Brasilia era moi grande e tiña un parque moi grande. EMMANUEL: O meu colexio era en Tupaciguara na rexión de Minas Gerais e tamén era moi grande e ata tiña piscina. AINHOA: Que botades de menos do voso país ou do colexio no que estudabades? BEATRIZ: Aos meus amigos e familiares. EMMANUEL: A miña familia de alí. AINHOA: Gustaríavos volver a Brasil? BEATRIZ: Si gustaríame volver ao meu país definitivamente porque alí teño toda a miña familia.


EMMANUEL: Eu o mesmo. AINHOA: Moitas grazas, e ata cando queirades contarnos máis cousas!! MÚSICA

PEDRO: A continuación a sección do programa: “Cousas de Ponteareas”. ROBERT: Nela seguimos a falar das parroquias que forman o noso concello, para coñecer todos e todas mellor o lugar onde vivimos. Lembrade, o Concello de Ponteareas ten 24 parroquias, das que estamos a falar por orden alfabética todos os xoves aquí na nosa radio, e xa levamos falado das parroquias de Angoares, Arcos, Areas, Arnoso, Bugarín, Celeiros, Cristiñade, Cumiar e Fontenla. AINHOA: Hoxe imos continuar pola seguinte, que é a de Fozara. UXÍA: E que datos temos desta parroquia? PEDRO: Pois temos información moi interesante, sabedes? Nela ademais de monumentos e restos históricos, podemos ver unha fermosa paisaxe polas beiras do río Tea e Uma. ROBERT: Comezando polo máis antigo, o castro celta coñecido como “A cidade” na ribeira do Tea onde se atoparon puñais e espadas da época. Tamén están os restos da casa Reitoral que ten data do 1669. AINHOA: Despois tamén podemos ver a igrexa de San Bartolomeu que ten data, como case todas as da zona, do século XVIII e a Ermida de San Xoán Bautista xunto co seu cruceiro no campo diante dela que ten a inscrita a data de 1737. UXÍA: Ben, pois agardamos que a información sexa de interese, no vindeiro programa seguiremos coa investigación.Podedes axudarnos e colaborar traéndonos datos das parroquias as que pertencedes. ANIMADEVOS, AGARDAMOS A VOSA COLABORACIÓN!! PEDRO: E por hoxe o programa chegou ao seu remate. Que teñades unha boa semana e ata o vindeiro xoves aquí na nosa radio, A Radio Faladora.  Todos/as: DEEEEIICCAAA LOOOOGOOOOOOO!!! MÚSICA


RADIO FALADORA 19º PROGRAMA – 18 DE MARZO DE 2009-

MÚSICA: TEMA CENTRAL MAMACABRA  Todos/as: Aí vai o dezanoveavo programa de radio, RADIO FALADORA! AINHOA: Hoxe, de novo como locutores: Uxía, Pedro, Robert e eu Ainhoa. UXÍA: Olaaa, estades aí? O recreo xa rematou, así que moooi atentos que chegan as novas da nosa radio !! Moooiii Boooos días !!! PEDRO:Sii, pois aí vai !! hoxe é mércores 18 de marzo de 2009 e comezamos un novo programa. Xa vos dariades conta do motivo polo que o programa cambia de día, verdade? ROBERT: Claro como non o van saber, mañá hai que felicitar os pais ou avós. E tamén a todos os Xosés e Xosefas, moitas felicitacións para todos eles e elas. Atentoooooooooos que temos moitas novidades máis!!!  Todos/as: Comezamos!!

MÚSICA  TODOS/AS: Tempo de noticias: A RADIOXORNAL FALADORA AINHOA: A primeira nova de hoxe ten relación coas Xornadas de Portas Abertas para as Familias. UXÍA: Sii, e vós sabes de que trataba iso? PEDRO: Siii, por suposto estivemos a informarnos! Son xornadas para que os pais e nais dos novos alumnos e alumnas que van vir ao noso colexio o vindeiro curso, pois nestes días tamén se está levando a cabo a solicitude de praza, coñezan as instalacións e o funcionamento. ROBERT: Estas xornadas celebráronse o martes pola tarde e mércores pola mañá, da semana pasada. E seguro que vistes un gran número de pais e nais recorrendo o colexio acompañados de membros do Equipo directivo. AINHOA: Tamén sabemos que ademais deste recorrido polas instalacións, primeiro tiveron unha reunión na que se lles explicou o funcionamento e se lles entregou un tríptico informativo con aqueles datos máis importantes do colexio.


UXÍA: Ben, moitas grazas pola vosa información. E felicitacións para os que organizaron as xornadas, que eu tamén souben que foron todo un éxito. MÚSICA

PEDRO: A outra nova e para dar felicitacións aos gañadores e gañadoras do 12º xogo de “Segue as Pegadas” . ROBERT: Como detectives de 5º B é: Sara Méndez; de 5º C son: Manuel Otero, Nicolás Pérez Rodríguez, e Beatriz Lorrana; e de 6º A é: Jamile da Hora. Felicitacións para todos eles!! AINHOA: E como axudantes desta vez só tivo sorte Lucía Rodríguez de 3º C. Parabéns!! UXÍA: E a solución? Para os que non acertamos e para outra será, a solución eran as “Hastas das bandeiras”. Parabéns! Moitas felicitacións!!!! MÚSICA

PEDRO: A continuación a sección do programa: “Cousas de Ponteareas”. ROBERT: Nela seguimos a falar das parroquias que forman o noso concello, para coñecer todos e todas mellor o lugar onde vivimos. Lembrade, o Concello de Ponteareas ten 24 parroquias, das que estamos a falar por orden alfabética todos os xoves aquí na nosa radio, e xa levamos falado das parroquias de Angoares, Arcos, Areas, Arnoso, Bugarín, Celeiros, Cristiñade, Cumiar, Fontenla e Fozara. AINHOA: Hoxe imos continuar pola seguinte, que é a de Guillade. UXÍA: E atopastes información desta parroquia? PEDRO: Pois temos información moi interesante, sabedes? Xa atopamos datos dela do ano 963, aparecía como unha doazón ao Mosteiro de Santa Leocadia. ROBERT: Este Mosteiro estivo situado no lugar de A Encostada, pero lamentablemente está en ruínas, e só se poden apreciar unha pequena capela, o altar, a pila bautismal e unha parte do muro. AINHOA: Tamén hai nesta parroquia a súa igrexa dedicada a San Miguel que ten data do século XVIII, na que se atopan a imaxe do Santo Cristo da


Vitoria, a imaxe da Virxe das Angustias e o retablo Carmelita do Altar Maior. UXÍA: E fállavos por mencionar a Capela de San Gregorio que é do século XVII. Ben, pois agardamos que a información sexa de interese, e pasedes por esta parroquia a visitar todos estes monumentos e gozar da fermosa paisaxe. No vindeiro programa seguiremos coa investigación. Podedes axudarnos e colaborar traéndonos datos das parroquias as que pertencedes. ANIMADEVOS, AGARDAMOS A VOSA COLABORACIÓN!! PEDRO: E por hoxe o programa chegou ao seu remate. Que teñades unha boa fin de semana e ata o vindeiro xoves aquí na nosa radio, A Radio Faladora. AH!! Lembrade que mañá e pasado non hai colexio. Celebrade o día de San Xosé e o venres sabedes que é o patrón do ensino, así que tamén a celebrar e aproveitade para descansar que a volta é a recta final da avaliación. Agora si ata o vindeiro xoves!!  Todos/as: DEEEEIICCAAA LOOOOGOOOOOOO!!! MÚSICA


RADIO FALADORA 20º PROGRAMA – 26 DE MARZO DE 2009-

MÚSICA: TEMA CENTRAL MAMACABRA  Todos/as: Aí vai o vinteavo programa de radio, RADIO FALADORA! AINHOA: Hoxe, os locutores: Uxía, Pedro, Robert e eu Ainhoa, despedímonos para dar paso a un novo equipo de locutores. UXÍA: Boooos días!! o recreo xa rematou, así que moooi atentos que chegan as novas da nosa radio !! PEDRO:Sii, pois aí vai !! hoxe é xoves 26 de marzo de 2009 e comezamos un novo programa. Como van eses ánimos? A avaliación cheou o seu remate!! ROBERT: Claro, e seguro que as notas foron inmellorables!! Pois moi atentoooooooooos que temos moitas novidades máis!!!  Todos/as: Comezamos!!

MÚSICA 

TODOS/AS: Tempo de noticias: A RADIOXORNAL FALADORA

AINHOA: A primeira nova de hoxe ven da man duns compañeiros e compañeiras de 2º A. Eles vannos falar dunha obra que foron ver moi interesante. Como se chamaba a obra de teatro que fostes ver o primeiro ciclo o mércores pasado? ZAIRA: “Lío en la granja”. AINHOA: A onde fostes vela? NICOLY: Ao teatro Caixanova de Vigo. AINHOA: Gustouvos? RAÚL: Si, moitísimo!! AINHOA: Que foi o que máis vos gustou? ZAIRA: Os monicreques dos animais que saían na obra, e os decorados que saían de dúas caixas de madeira coma se fosen trucos de maxia. AINHOA: Cal era o argumento da obra? NICOLY: A obra trataba de que a galiña perdera un dos seus tres ovos. Así que, os dous chicos, que se chamaban Piñote e Calabacín, foron preguntando aos animais da granxa se sabían algo del.


AINHOA: E que ocorreu despois? RAÚL: Pois que todos os animais botaron a culpa da desaparición do ovo, a un corvo que chegara novo á granxa. AINHOA: E fora o corvo o culpable da desaparición? ZAIRA: Non! O que pasou foi que o ovo se convertera nun pitiño, e o corvo salvouno de morrer afogado nunha tempestade. AINHOA: Así que o corvo ao final era bo? NICOLY: Si, e os animais da granxa arrepentidos do seu erro tiveron que pedirlle perdón. AINHOA Por que credes vós que os animais culparon ao corvo? RAÚL: Porque normalmente desconfiamos das persoas que son distintas a nós, doutras razas ou idiomas. AINHOA: Que aprendestes coa obra? ZAIRA: Que non se debe rexeitar a ninguén por ser distinto a nós. AINHOA: Moitas grazas por vir ata a Radio a contarnos esta fermosa historia, e agardamos que igual que fixestes vós e os animais da granxa, os compañeiros e compañeiras que nos están a escoitaren aprendesen tamén que non se debe acusar a ninguén sen ter probas e menos por non seren igual. MÚSICA

PEDRO: A outra nova e para dar FELICITACIÓNS a unha profe do cole, bueno, profe pero tamén escritora, inventora de historias. Sii, rapaces e rapazas, unha escritora das de verdade, e no noso cole!!! Que sorte tivemos!!! ROBERT: Seguriño que xa sabedes de quen falamos, verdade? De Susana Lamela. Tamén seguro que xa vistes no taboleiro da Biblio o seu libro, “Soños de Andel”, que foi publicado neste mes. AINHOA: E a semana pasada presentouno na televisión de Ponteareas, que mágoa!! Queriamos ser nós os primeiros en entrevistala pero adiantáronsenos!! UXÍA: Pero non vós preocupedes rapaces e rapazas que no vindeiro programa ímola secuestrar e traela para aquí!! Ahh!! por se non chegamos a tempo, o vindeiro día 3 de abril fai a presentación do seu libro aquí en Ponteareas na librería “La Vara”, onde xa está a venda. Xa podedes


mercalo para que volo firme, senón Popi na Biblioteca tamén ten exemplares que podedes ler. Ides ver rapaces e rapazas como vos gusta está historia; pasádeo moi ben coa lectura!! Dende aquí moitas grazas Susana por agasallarnos con este libro!!! MÚSICA

PEDRO: A continuación a sección do programa: “Cousas de Ponteareas”. ROBERT: Nela seguimos a falar das parroquias do noso concello, para que todos e todas coñezamos mellor o lugar onde vivimos. Lembrade que o Concello de Ponteareas ten 24 parroquias, e dende Radio Faladora estamos a falares por orden alfabética de cada unha delas, xa levamos falado polo de agora das parroquias de Angoares, Arcos, Areas, Arnoso, Bugarín, Celeiros, Cristiñade, Cumiar, Fontenla, Fozara e Guillade. AINHOA: E hoxe imos continuar coa de Guláns. UXÍA: E que información atopastes desta parroquia? PEDRO: Pois para empezar é berce de músicos. Ou e que vós non sabedes que a súa Banda “A Unión” con máis de 100 anos de antigüidade é universalmente famosa? ROBERT: Sii!! Pero tamén ten unha fermosa paisaxe con lugares e monumentos importantes. Está a súa igrexa rematada en 1841 coa fachada neoclásica e dúas ermidas no alto do monte Faro de Budiño, a de San Cibrao e Santa Baia, que están rodeadas de áreas recreativas e rutas para pasear que deberiades ir ver e gozar delas. AINHOA: Si, ademais nestes arredores de San Cibrao existen dous miradoiros, un o Penedo Grande dende o que se pode ollar toda a parroquia, pois está a unha altitude de 500 metros; e o outro é O Cruceiro de 5 metros de altura e dende el pódese ollar a desembocadura do Río Miño ademais da mencionada paisaxe da parroquia. UXÍA: E fállavos por mencionar un dato histórico importante desta parroquia, na Idade Media tiña o nome de Gulas e foi un coto privado, que pertencía aos Soutomaior, e no ano 1427 herdouno Mencía de Andrade que era esposa de Payo de Sorredea de Soutomaior. PEDRO: Ben, pois agardamos que a información sexa de interese, e pasedes por esta parroquia a visitar todos estes monumentos e gozar da fermosa


paisaxe. No vindeiro programa seguiremos coa investigación. Podedes axudarnos e colaborar traéndonos datos das parroquias as que pertencedes. ANIMADEVOS, AGARDAMOS A VOSA COLABORACIÓN!! ROBERT: E por hoxe o programa chegou ao seu remate. Que teñades unha boa fin de semana e ata o vindeiro xoves aquí na nosa radio, A Radio Faladora.  Todos/as: DEEEEIICCAAA LOOOOGOOOOOOO!!! MÚSICA


RADIO FALADORA 21º PROGRAMA – 2 DE ABRIL DE 2009-

MÚSICA: TEMA CENTRAL MAMACABRA  Todos/as: Aí vai o vixésimo primeiro programa de radio, RADIO FALADORA! JAMILE: Hoxe comeza un novo equipo de locutores: Leticia, Iñaki, Martín e eu Jamile, agardamos facelo moi ben. LETICIA: Boooos días!! o recreo xa rematou rapaces e rapazas, así que moooi atentos que chegan as novas da nosa radio !! IÑAKI:Sii, pois aí vai !! hoxe é xoves 2 de abril de 2009 e comezamos un novo programa. MARTÍN: Quedade moi atentos que temos moitas novidades!!!  Todos/as: Comezamos!!

MÚSICA  TODOS/AS: Tempo de noticias: A RADIOXORNAL FALADORA JAMILE: A primeira nova de hoxe ven da man de Lucas e Alexiane, eles viñeron de Francia e queren contarnos algunhas cousas. Lucas está en 3ºB e Alexiane en 5ºA. Francia é un dos países expostos nos murais. Xa sabedes que se queredes saber máis sobre Francia podedes ler algúns dos libros que se atopan diante do mapa. LETICIA: Dicídeme, canto tempo levades en Galicia? ALEIXANE: Desde finais de xullo, é dicir, oito meses. LETICIA: Con que membros da vosa familia viñestes a España? LUCAS: Viñemos nós os dous cos nosos pais. LETICIA: Por que viñestes a Ponteareas? ALEIXANE: Porque xa tíñamos familia aquí. LETICIA: Que foi o primeiro que pensastes cando vos dixeron que viñades a vivir a España? Que vos pareceu? ALEIXANE:Pareceume ben porque aquí estaba a miña madriña aínda que dábame pena porque deixaba de ver á miña familia de Francia.


LUCAS: Deume pena porque deixaba os meus amigos e os meus curmáns cos que xogaba moito. LETICIA: Como lembrades os vosos primeiros días no colexio? LUCAS: Difíciles porque non sabía falar e non tiña amigos. ALEIXANE: Eu mellor que Lucas porque tiven axuda das miñas compañeiras e a miña profe é moi boa. LETICIA: Fixestes amigos rápido ou custouvos adaptarvos? LUCAS: A min custoume un pouco facer amigos pero despois apunteime a fútbol e fixen amigos cos compañeiros do equipo. ALEIXANE: Eu fixen amigos rápido porque a min non me custa moito. LETICIA: Agora estudades a lingua de Galicia, o galego, gústavos? ALEIXANE: A min gústame máis o castelán porque o galego é máis difícil para min. LUCAS: Eu opino o mesmo. LETICIA: Como era o voso colexio en Francia? ALEIXANE: Se queredes saber como era o noso colexio podedes consultar o blog de Educación Intercultural dende a páxina web do colexio. Damos moitos detalles do noso cole en Francia. Tamén no próximo número da revista “A Pita Faladora” aparece un artigo escrito por nós. LETICIA: Que botades de menos do voso país ou do colexio no que estudabades? LUCAS: Eu boto de menos aos meus amigos. ALEIXANE: Eu ás miñas amigas e o colexio. LETICIA: Gustaríavos votar a Francia? ALEIXANE: É difícil dicilo. Estou contenta aquí pero preferiría vivir alí. LUCAS: A min tamén me parece difícil decidir porque agora estou aquí e boto de menos os amigos de Francia e se volvo para Francia botarei de menos os amigos de aquí. LETICIA: Moitas grazas por vir ata a Radio a contarnos a vosa experiencia de adaptación ao noso cole, e agardamos que cun chisco máis de tempo esteades tan contentos e teñades tantos amigos coma no voso cole de Francia. Entre todos e todas tentaremos que así sexa, verdade rapaces e rapazas?


MÚSICA JAMILE: A outra nova e para dar felicitacións aos gañadores e gañadoras do 13º xogo de “Segue as Pegadas”, que desta vez estivo moi difícil! . IÑAKI: Como detectives, de 5º A sabedes quen foron? Pois só Christopher de León Campo; e de 5º B tamén só Esteban Martínez Pérez; Felicitacións para eles!! MARTÍN: E como axudantes desta vez non houbo sorte, pero moito ánimo que para a próxima seguriño que acertades. LETICIA: E a solución!! Sabedes cal era? Estivo un chisco difícil pero estes rapaces foron moi listos. A solución era: As cancelas da entrada do colexio. Parabéns! Moitas felicitacións!!!! MÚSICA

IÑAKI: A continuación a sección do programa: “Cousas de Ponteareas”. MARTÍN: Nela seguimos a falar das parroquias do noso concello, para que todos e todas coñezamos mellor o lugar onde vivimos. Lembrade que o Concello de Ponteareas ten 24 parroquias, e dende Radio Faladora estamos a falares por orden alfabética de cada unha delas, xa levamos falado polo de agora das parroquias de Angoares, Arcos, Areas, Arnoso, Bugarín, Celeiros, Cristiñade, Cumiar, Fontenla, Fozara, Guillade e Guláns JAMILE: E hoxe imos continuar coa de Moreira. LETICIA: E que información atopastes desta parroquia? IÑAKI: Pois para empezar nun principio denominábase Moraria, así figura nos documentos, foi doada xunto coas outras poboacións veciñas á igrexa de Compostela no ano 991, polo monarca Bermudo II. MARTÍN: E o templo dedicado a San Martiño data do século XVI, aínda que foi ampliado anos despois entre 1660 e 1664. JAMILE: En Moreira celebrouse durante séculos unha concorrida feira de gando, da que aínda queda o topónimo A Feira, que era o lugar onde se xuntaban. LETICIA: Nesta parroquia atópase A Ponte das Partidas, e sabedes rapaces e rapazas? Sobre ela hai varias lendas.


IÑAKI: Si, dise que existe unha lenda que asegura foi construída polos mouros nunha soa noite, e outra que di que os mouros non podían atravesala, e que caían ao río cando chegaban ao medio. MARTÍN: Tamén se fai un vello rito, o do «bautismo prenatal», que seguen as mulleres embarazadas para non perder o bebé. En Moreira estivo tan estendido noutro tempo que incluso hai quen a chama «Ponte das Paridas» por mor deste vello rito. JAMILE: Varias historias máis intentan xustificar a orixe do seu nome. A primeira fala dunha gran banda de ladróns que traballaba organizada por toda a comarca, de xeito que se xuntaban baixo a ponte para «partir» (ou sexa, «repartir») o botín das súas andanzas e para decidir cales serían os novos pasos a dar. Unha segunda versión fala dun grupo de cabaleiros ou guerreiros que, logo de facer algún xuramento cerimonioso, «partían» dende aquel punto con distintos destinos para loitar contra os mouros. LETICIA: Pero hai unha terceira versión, máis completa, a «dos sete santos». Disque en tempos de loitas e inxustizas, sete irmáns decidiron dedicar a súa vida a loitar contra esas calamidades na comarca. Xuntáronse un día debaixo da ponte e decidiron marchar en cadansúa dirección para facer o ben. Os sete irmáns eran Asunción, Lucía, María de la O, Marta, Amaro, Blas e Cibrán. IÑAKI: Antes de partir decidiron que, pasase o que pasase, farían o imposible por permanecer sempre xuntos, vixiándose e protexéndose. E acordaron xuntárense cada certo tempo naquel mesmo lugar para selar a súa unión. Logo botaron a andar cada un na súa dirección, Asunción colleu o camiño de Pesqueiras, Lucía marchou a Ganade, María de la O ficou na Picaña, Marta chegou ata Ribarteme, Amaro detívose en Lira, Blas camiñou ata Areas, e Cibrán quedou moi preto de alí, en Guláns. MARTÍN: Cada un no seu sitio, acadou proezas incribles pero baixo ningún concepto esquecían a súa promesa e cada certo tempo volvían a Moreira para saber dos seus irmáns. Xuntanzas de lecer e de lealdade que remataban coa chegada do día. E disque levaron tanto tempo e tanto traballo en rematar o seu cometido, que pouco a pouco, aos sete irmáns se lles foi murchando a vida. E disque tanto ben fixeron espallando a palabra sagrada e facendo tornar aos homes da senda do mal, que quixo o ceo que alí onde foron enterrados, medraran sobre os seus corpos sete montes en sinal de recoñecemento ao seu traballo. E disque vendo tal prodixio, o pobo ergueu unha ermida no alto de cada un dos sete montes.


JAMILE: E disque foi tanto o ben feito e tal o recoñecemento a cada un dos sete irmáns, que todos eles foron nomeados santos e venerados en cada unha das vilas onde estivera desenvolvendo o seu cometido. E aínda hai máis, porque disque cada un dos sete montes medrou de xeito que todos eles miraban en dirección á Ponte das Partidas, dando continuidade á promesa que os sete irmáns fixeran un día baixo os seus arcos, vixiándose eternamente e protexéndose entre sí. LETICIA: Á marxe da lenda resulta que, realmente, en cada unha das sete vilas mencionadas existe un monte cunha ermida no alto, e que en cada unha destas ermidas veneran ao santo referido: á Virxe da Asunción na vila de Pesqueiras, a Santa Lucía en Ganade, a María de la O no alto da Picaña, a Santa Marta en Ribarteme, a San Amaro en Lira, a San Blas en Areas, e a San Cibrán en Guláns. IÑAKI: Ben, pois agardamos que a información sexa de interese, e pasedes por esta parroquia a visitar todos estes monumentos e gozar da fermosa paisaxe. No vindeiro programa seguiremos coa investigación. Podedes axudarnos e colaborar traéndonos datos das parroquias as que pertencedes. ANIMADEVOS, AGARDAMOS A VOSA COLABORACIÓN!! MARTÍN: E por hoxe o programa chegou ao seu remate. Lembrade que mañá marchamos de vacación e non voltamos até o martes 14 de abril. Que teñades unhas boas vacacións! Descansade moito e pasadeo moi ben!! E a volta agaradámosvos aquí na nosa radio, A Radio Faladora. Lembrade que mañá venres día 3 de abril as 8 da tarde na libraría “La vara” tedes unha cita, a profe Susana fai a presentación do seu libro, que xa todos coñecedes, “Soños de Andel”. 

Todos/as: DEEEEIICCAAA LOOOOGOOOOOOO!!!

MÚSICA


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.