LuisSeoane

Page 11

Simultaneamente, a Academia Galega, a Universidade compostelá e o Seminario de Estudos Galegos, levaban a cabo as súas publicacións. O labor do Seminario de Estudos Galegos, disolto por decreto despois de 1936, constitúe unha das máis importantes iniciativas de cantas se emprenderon en Galicia no que vai de século e algúns dos seus tomos, coma Terra de Melide, non foron aínda superados. Actualmente continúan o seu labor oficial a Academia Galega e a Universidade e emprenderon un importante labor editor o Instituto Padre Sarmiento de Santiago de Compostela e o Museo de Pontevedra. Tamén algúns particulares como Edicións Celta de Vilagarcía comezan a realizar un labor serio e sistemático. Entre os artistas galegos que se dedicaron á decoración e ilustración do libro debemos salientar no século XIX a Ánxel Balaca, Cendón e Guisasola e Mayer, e xa no século XX a Bujados, Alfonso R. Castelao, Castro Gil, Cebreiro, Manuel Colmeiro, Camilo Díaz, Fernández Mazas, Urbano Lugrís, Carlos Maside, Portela, Máximo Ramos, Federico Rivas, Luís Seoane, Arturo Souto,Varela de Seijas e Manuel Torres, entre outros. Sinalamos a parte os grandes debuxantes galegos que realizaron case todo o seu labor nesta República, onde adquiriron xusta notoriedade sen que por iso esquecesen o seu país natal, como Cao, Alonso Lourido, Peña e Silva. O primeiro, ao mesmo tempo que realizaba o seu profuso e importante labor de debuxante satírico, entregado á paixón política deste país, editaba pola súa conta El Eco de Galicia, que máis tarde dirixiu e editou o historiador galego Manuel Castro López, tamén residente nesta República. Dos escritores máis destacados de Galicia que impulsaron a edición de libros débense citar os nomes ilustres dos historiadores e escritores don Benito Vicetto e don Manuel Martínez Murguía e a este último debemos, ademais, que na súa obra publicada en Vigo en 1862 titulada Diccionario de Escritores* aportase un dicionario bastante completo de impresores como primeira parte dese libro, no que están sinaladas as imprentas galegas desde aquela primeira fundada polo Conde de Monterrei ata a Tipografía Galaica, que publicaba na época en que Murguía editou o seu libro, o xornal El Avisador.

* MURGUÍA, Manuel, ‘Impresores’, Diccionario de escritores gallegos. Ed. Juan Compañel, Vigo, 1862: 11-30. É posible consultar unha copia dixitalizada do libro na Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana. (http://galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/consulta/registro.cmd?id=4829) [Último acceso 09.12.2012]

11


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.