Galicia 25. Unha cultura para un novo século [Catálogo da exposición]

Page 22

1. O primeiro problema que cómpre analizar é a condición da cultura como factor esencial na definición da identidade de Galicia. Certamente, isto non é algo específico do caso galego. A consideración da cultura como factor central na construción dunha idea da nación é un proceso moi común a todas as ideoloxías nacionalistas, malia a diferenza existente entre “nacións culturais” e “nacións políticas”, que deriva da tradición historicista alemá. Aínda que cada vez semella máis evidente que as fronteiras entre nacionalismos étnicos e cívicos –que sería outro modo de designar as nacións–, son máis velaíñas e permeabeis do que se supón –como subliña Ramón Máiz no seu recente libro La frontera interior (2008)–, o certo é que nalgúns movementos nacionalistas tense posto máis o acento nos valores etnoculturais e, noutros, nos cívicos ou voluntaristas. A evolución do nacionalismo galego, dito coas reservas que se precisen, parece un exemplo máis próximo a unha nación cultural do que a unha nación política, non só por carecer de estado, senón tamén pola debilidade mobilizadora do nacionalismo, alomenos en comparanza con outras nacións europeas sen estado (Cataluña, Euskadi) ou con estado (Irlanda). O papel protagonista da cultura na articulación do nacionalismo galego do século XX non foi un resultado inexorable da acción de intelectuais, poetas e artistas. Desde logo, a fortaleza dos grandes teóricos do galeguismo, desde os tempos do rexionalismo de Murguía ata o nacionalismo de Risco, foi tan sobranceira que deixou nun lusco-fusco a importancia de organizacións e dirixentes. Pero puido ter acontecido que, na revisión da tradición rexionalista por parte do nacionalismo das Irmandades da Fala e do grupo Nós, se lle seguise atribuíndo unha posición relevante á Raza (celta) ou mesmo á Terra, ou que comezasen a ser máis evidentes os compoñentes voluntaristas na conformación do discurso nacionalista. Se non aconteceu deste modo, alomenos de xeito claro ata a II República e a emerxencia ao liderato político da figura de Castelao, foi debido a dous factores. Dunha banda, á importancia que o grupo de Ourense, tanto Risco como Otero Pedrayo, lle concedían á cultura como elemento definidor da identidade de Galicia. E, en segundo termo, á propia dificultade para organizar na sociedade galega do primeiro terzo do século XX un proceso de mobilización política de signo nacionalista, nomeadamente pola imposibilidade de empatar co agrarismo, ese gran “partido malogrado” en atinada expresión de Risco (El problema político de Galicia, 1930). A cultura sería, para o grupo Nós, a expresión máis acaída da capacidade dun pobo, que ten unha comunidade de orixe, un territorio ao que se sente panteistamente vencellado e un valores espirituais específicos (nomeadamente, a lingua), para crear unha forma propia de entender o mundo e un relato sobre si mesmo. Cando Risco asevera que os pobos que non son quen de crear unha cultura propia non teñen dereito a pertencer á historia da humanida-

Cultura e autonomía: da esencia á política

27


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.