Estudios de Comunicación N.º 0 (2001)

Page 8

A evolución da difusión…

Nos últimos anos do século XX tamén se deron pequenos pasos para a consolidación de novos grupos de prensa galegos con cabeceiras en varias provincias. Ademais da iniciativa de El Ideal Gallego con Diario de Ferrol, este xornal coruñés mercou Deporte Campeón, diario de información deportiva, para crear un grupo de publicacións na provincia coruñesa. O segundo grupo que deu pasos nesta dirección foi El Progreso, que mercou Diario de Pontevedra e creou unha televisión local, Telelugo. Estes dous grupos sumáronse a unha estratexia comezada no seu día por La Región, que promoveu a edición en Vigo de Atlántico Diario, rompendo así a tendencia das empresas a limitar a súa actuación ós mercados onde tiña a súa sede a empresa editora. Mediante estas actuacións, as pequenas e medianas empresas galegas de comunicación perseguen unha estructura máis axeitada para competir no escenario actual da comunicación. Buscan a consolidación de proxectos viables para a renovación tecnolóxica e o aproveitamento de sinerxias no mercado. Tentan sentar as bases para diversificar a elaboración de productos en varios soportes e prepararse para unha etapa na que todos os datos apuntan que o paradigma empresarial é a multimedia e que camiñamos cara a unha converxencia mediática. Trátase de proxectos que están nos seus comezos e dos que en pouco tempo coñeceremos se cumpriron os obxectivos fixados. As iniciativas das empresas galegas, a maioría de propiedade familiar, tamén pretenden responder ás iniciativas dos grupos de fóra, especialmente de Madrid, que construíron plantas para a multiimpresión en Galicia (Prisa ou Recoletos) ou que alugan rotativas dos diarios galegos para a impresión dos seus productos. Estas empresas aspiran non só a incrementar a oferta informativa dos actuais productos, sobre todo mediante a multiedición, senón que aspiran a participar ou, se é o caso, mercar cabeceiras galegas. Na entrada do terceiro milenio, mantense a presencia de Prensa Ibérica, grupo de prensa rexional no ámbito do Estado español, en Faro de Vigo, e de Prensa Española, editora de ABC, en La Región, grupo co que chegou a un acordo estratéxico polo que a empresa madrileña se comprometeu a adquirir o vinte por cen das accións da empresa ourensá. Esta presencia dos grandes grupos reviste maior importancia nos medios audiovisuais (Telefónica en Antena 3 Televisión, que ten desconexións para Galicia, e en Onda Cero Radio; Grupo Prisa na cadea SER, con emisora propia en Santiago, en Canal Plus e en Canal Satélite Digital, cun número importante de abonados no noso país,...). E as tendencias indican que aumentará a concentración e que os grupos estatais e transnacionais terán máis implantación en Galicia.

E STU DIO S DE C OMUN ICAC IÓN. 8


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.