
1 minute read
30 Costa (local social
Música e baile nas patronais do Santo Isidro
Amisa solemne cantada polo coro de Buxán e a tradicional procesión do Santo Isidro centraron os actos litúrxicos na mañá do día grande das festas patronais de Rois. Horas antes, unhas 150 persoas iniciaban en Urdilde a andaina de sete quilómetros polas terras do municipio ata o campo da festa, punto neurálxico da troula. Alí tiña lugar o 14 de maio a verbena coa que o dúo Reflejos e o grupo padronés Unión y Fuerza daban o tiro de saída das festas.
Advertisement
A chuvia do día 15 obrigou a modificar a axenda de actos nalgúns casos, como o do concerto das agrupacións da Escola Municipal de Música, que se celebrou no local social da Asociación de Veciños de Sanamede. Xa pola tarde, a rapazada foi a gran protagonista no campo da festa, coa actuación do grupo infantil La Granja, xogos populares como os zancos ou o minigolf, inchables e talleres de globoflexia, debuxo ou tatuaxe.
As Cantareiras da Asociación de Amas de Casa de Rois, as Repeniqueiras de Urdilde e as Pandeireteiras da Asociación de Mulleres Rurais de Ermedelo demostraron a súa capacidade de animar o público e colleitaron numerosos aplausos. Tras un divertido monólogo de Pepo Suevos chegou o esperado concerto do grupo compostelán De Vacas que, por mor da chuvia, tivo que celebrarase no auditorio municipal, con grande éxito de asistencia.








Cartel de Ainhoa Martínez García
A imaxe gañadora do concurso para o cartel anunciador do Santo Isidro Labrador 2022 foi a de Ainhoa Martínez García. Esta moza de 18 anos, veciña do Sisto, en Ribasar, recibiu de mans do alcalde, Ramón Tojo, e da concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, o premio de 120 euros co que estaba dotado o premio.