"Galicia sempre tivo ás. Sempre foi propensa a cruzar fronteiras, a percorrer o mundo coma un Ícaro afectado polas culturas que se asentaron na Península Ibérica. Aínda enraizada nas aldeas ou na beira do mar, Galicia alzaba o voo". As palabras da escritora Nélida Piñón no Catálogo da exposición Galicia, un relato no mundo resumen o espírito dunha mostra, e dunha obra, que nos falan de camiños e encrucilladas, de encontros e desencontros, de aventuras e dunha historia forxada durante milenios.
Co símbolo do pobo galego que chegou ao corazón do imperio romano, a caetra ou pequeno escudo circular que porta o icónico Guerreiro do castro de Lesenho, arranca esta obra: unha apaixonante secuencia de encontros arredor dos catro puntos cardinais. Norte, sur, leste e oeste son precisamente os títulos dos catro bloques que artellan os diferentes textos especializados a través dos que o lector pode percorrer tematicamente as máis de 300 pezas recollidas na exposición ao longo das súas 278 páxinas.