Boletín Informativo de Via Galega nº 1 - Dia da Pátria 2018

Page 1

BOLETÍN INFORMATIVO VÍA GALEGA Nº1 // DIA DA PATRIA 2018 www.viagalega.gal

v Nasce Via Galega na procura dunha mellor defensa dos dereitos nacionais de Galiza

A importancia de ter soberania en dez motivos

Recuperando o noso pasado construindo o noso futuro

QUE É VÍA GALEGA? foto: gzcontrainfo O 3 de marzo presentouse en Compostela a Plataforma Social VÍA GALEGA. Unha plataforma integrada por entidades e organizacións de diferentes ámbitos que buscamos, a través da mutua colaboración, unificar esforzos e complicidades en favor do recoñecemento legal da nación galega e dunha mellor defensa dos dereitos consubstanciais a esta nosa condición. Dous son os principios básicos que nos unen e que deben aceptar todas as entidades que queiran formar parte de VÍA GALEGA: recoñecemento de que Galiza é unha nación e de que ten dereito a exercer a súa autodeterminación, segundo a legalidade internacional. A defensa destes dous principios e a súa divulgación, para que os mesmos sexan asumidos pola maioría da sociedade galega, é o principal obxectivo que vai marcar o traballo e as diferentes actividades que VÍA GALEGA desenvolva, xunto coa resposta a calquera agresión que sufra o noso pobo nos seus dereitos e que poida condicionar o seu futuro. As razóns polas que se conforma VÍA GALEGA nestes momentos ten que ver tanto coa propia realidade interna de Galiza, como coa situación política que se está a dar no contexto do Estado e da UE (novo contexto de debate explícito da cuestión nacional). Polo que respecta á realidade interna, é evidente que Galiza segue a cumprir no contexto do Estado e da UE un papel dun país colonizado, sen

soberanía, subministrador de materias primas, capital e man de obra (barata e de elevada calidade). Somos unha nación cunhas enormes potencialidades para poder levar adiante un desenvolvemento económico e social, que nos permita acadar unhas condicións de vida e de traballo dignas na nosa Terra. Realidade acreditada ao sermos os primeiros

GALIZA PRECISA POIS, FACER OUVIR A SÚA VOZ. FACERSE VISÍBEL NAS SÚAS REIVINDICACIÓNS COMO NACIÓN produtores do Estado en leite, pesca, madeira, conserva, mexilón, rochas ornamentais, enerxía eléctrica, construción de barcos, etcétera. Fronte a esta realidade, paradoxalmente, temos os salarios e as pensións máis baixas do Estado español, cunha destrución continuada da nosa capacidade produtiva no sector primario (por exemplo, téñase como mostra que a Galiza ten os prezos máis baixos do leite), padecendo un forte avellentamento e perda de poboación, cunha emigración secularmente mantida no tempo, ao que sumar o espolio do noso aforro e enerxía, entre outros, no ámbito económico, así como no eido cultural un alto nivel de españolización e perda de galego-falantes. Todo isto é reflexo de que somos

un país que, neste mundo altamente globalizado, temos un papel cada vez máis dependente e periférico, e que mesmo está en perigo a nosa existencia como grupo humano diferenciado e suxeito político propio. Polo que respecta á situación política no Estado, e que nos afecta tamén a nós directamente como nación, está moi marcada pola resposta que desde o goberno español, as forzas políticas e económicas do réxime monárquico e o aparello xudicial e as forzas armadas ao seu servizo, están a dar á reivindicación de autodeterminación e independencia de Catalunya, negándolle o recoñecemento como nación e o exercicio dos seus dereitos democráticos, amparados na legalidade internacional. A tal efecto o Estado español non ten dubidado en aplicar unha política represiva, negadora dos máis elementais dereitos democráticos (de opinión, manifestación, votación, etcétera), impondo o ingreso no cárcere de cargos electos da Generalitat, dirixentes políticos e activistas sociais, aos que se lles priva dos seus dereitos políticos, todo isto acompañado dunha forte campaña propagandística e mediática que lembra, en moitos aspectos, á ditadura franquista. Todo isto pon de manifesto os enormes déficits democráticos do réxime monárquico español e da propia Constitución española (negadora, a efectos prácticos, do carácter plurinacional do Estado español e dos dereitos das nacións que cualifica como históricas, Galiza, Euskadi e Catalunya, perpetuando a súa opresión).


BOLETÍN INFORMATIVO VÍA GALEGA Nº1 // DIA DA PATRIA 2018

Desde VÍA GALEGA achamos que cómpre, polo tanto, que as clases populares e as organizacións sociais das nacións oprimidas do Estado español, nos organicemos, unamos, acumulemos forzas e solidariamente nos mobilicemos, se queremos conquistar unha democracia verdadeira e facer realidade o dereito de autodeterminación, decidindo soberanamente sobre todas as materias que teñen que ver co noso futuro, como pobos e coas condicións laborais, sociais, culturais e económicas das nosas clases populares. Galiza precisa, pois, facer ouvir a súa voz. Facerse visíbel nas súas reivindicacións como nación. Para as clases populares galegas, o recoñecemento de Galiza como nación e o exercicio da autodeterminación, ademais de responder a algo que é real, xusto e democrático, é unha auténtica necesidade. Nós non queremos que estes dereitos queden reducidos exclusivamente, a un formalismo, aínda recoñecendo a importancia que tería o feito de aparecesen un e outro dereito recollidos na Constitución española. O exercicio do dereito de autodeterminación non pode quedar reducido ao dereito a poder votar un día

determinado, que por suposto sería de grande importancia tamén, queremos poder exercelo á hora de decidir soberanamente sobre o noso aforro, a nosa cultura, o noso idioma, a nosa enerxía, os nosos sectores produtivos, os nosos convenios colectivos, as nosas relacións laborais, a nosa fiscalidade, as nosas pensións, etcétera. Moitos dos problemas que Galiza ten hoxe e que vén arrastrando desde hai décadas, baixos salarios, emigración, perda de galego falantes, perda e avellentamento da poboación, industrias de enclave, espolio do noso aforro e enerxía eléctrica..., gardan relación coa falla de soberanía. Por iso a importancia de impulsarmos, como nación mobilizada, VÍA GALEGA; por iso a importancia de crearmos unha plataforma de entidades sociais que contribúa a espallar o debate arredor da cuestión nacional na sociedade galega,trasladándoo para alén do ámbito estritamente político-institucional, sendo esta iniciativa unha ferramenta para axitar e concienciar á sociedade galega no seu conxunto na liña que vimos expresando.

VÍA GALEGA, pois, é unha plataforma social que nace con vocación de permanencia e longo percorrido, aberta a quen queira traballar na procura da defensa dos dereitos nacionais de Galiza e asuma os principios que a mesma defende. Para sumarse a título individual ao seu manifesto fundacional basta con entrar na nosa páxina web (www.viagalega.gal) e adherirse ao mesmo. Ao tempo aquelas entidades que queiran adherirse á plataforma e ser integrantes da mesma, de pleno dereito, só teñen que comunicalo a través do noso correo-e (coordenadora@viagalega.gal). Desde estas páxinas apelamos a participar das próximas actividades que desenvolveremos ao longo do presente ano. Nomeadamente, para alén da nosa presenza o Día da Patria na capital galega, o 15 de setembro reivindicaremos en Compostela o 85 aniversario do recoñecemento da Galiza como nación, no marco do que fora o 'IX Congreso de Nacionalidades Europeas' (Berna, Suíza); e o 18 de novembro celebraremos en Lugo o centenario da Asemblea Nacionalista de Lugo. Datas de especial relevancia na nosa historia e que abordamos na contracapa deste noso boletín.

1ª ediçom

Daniel R. Castelao

construindo Galiza

Via Galega, Plataforma polos direitos nacionais e sociais da Galiza, convoca o concurso de murais “Construindo Galiza”. O objetivo do concurso é fomentar a atividade criativa dos e das artistas galegas potencializando a consciência nacional do nosso povo. Podes consultar as bases em: www.viagalega.gal

o prazo de receçom dos trabalhos establece-se entre 17 de maio e 1 de setembro


BOLETÍN INFORMATIVO VÍA GALEGA Nº1 // DIA DA PATRIA 2018

A IMPORTANCIA DE TER SOBERANÍA 1.-IDIOMA E CULTURA.- O galego é o idioma propio da Galiza, manifestación da nosa cultura e principal feito diferencial de noso, forxado ao longo de séculos, sendo idioma de diversos Estados en Europa (Portugal), África (Moçambique, Angola...) América (Brasil) ou Asia (Timor Leste). A perda nas últimas décadas de galego-falantes, especialmente entre a mocidade, pon en perigo o futuro do noso idioma e polo tanto o noso principal sinal de identidade como pobo. Nunha Galiza soberana o galego estaría normalizado plenamente e oficializado en todos os ámbitos, coa valorización que lle corresponde como idioma vehicular de noso; aproveitando a presenza da nosa lingua a nivel internacional, para proxectarmos mundialmente Galiza (o que no económico, para alén do cultural, reportaría importantes beneficios). 2.-EDUCACIÓN E PATRIMONIO.- Nunha Galiza soberana implementaríanse no ámbito educativo programas en favor do noso extenso e rico capital cultural, pondo de relevo o inmenso patrimonio material e inmaterial. Incentivaríase na educación infantil, primaria e secundaria dinámicas educativas que permitiran o coñecemento do medio (en todas as súas vertentes, tamén no ámbito natural), contextualizándoo historicamente e favorecendo un ensino interdisciplinar, no que ollar o mundo desde Galiza. O ensino universitario e a formación profesional poríase ao servizo do desenvolvemento económico e científico, así como para a modernización, da Galiza; afortalando e redimensionando o tecido produtivo galego.

alleos, na que se priorizan os intereses de grandes empresas multinacionais fronte aos intereses e necesidades da sociedade galega. 7.-SECTORES PRODUTIVOS.- Galiza é un país rico en materias primas e polo tanto cunhas enormes potencialidades para crear riqueza e xerar postos de traballo. Non é casual que sexamos primeiros produtores de mercadorías no sector primario e en sectores relacionados co mesmo. Galiza precisa ter soberanía para poder negociar coa UE e con terceiros países, en función dos propios intereses, sen depender dos intereses e das estratexias económicas e políticas da oligarquía española. Mellor nos iría na defensa da nosa capacidade produtiva e dos postos de traballo do noso sector primario, naval, conserveiro, financeiro ou eléctrico, entre outros. Cumpriría desenvolver políticas públicas que favorecesen o peche dos ciclos produtivos (garantindo o máximo respecto polo medio natural), co conseguinte incremento do valor engadido, así como impulsar proxectos empresarias de titularidade pública nos sectores estratéxicos da economía.

3.-DEMOGRAFÍA.- Somos unha nación sometida desde hai décadas a unha forte perda de poboación, a partir dun forte fluxo migratorio, cun grave avellentamento da mesma. Centralmente derivado este duplo fenómeno, sen dúbida, da precarización do mundo do traballo e o desemprego (coa falta de expectativas que isto supón para as galegas e galegos en idade laboral). A mellor maneira, pois, de corrixir a perda de peso demográfico de Galiza pasa por unhas políticas económicas, laborais e de servizos que favorezan a fixación de poboación no noso territorio a partir da creación de emprego de calidade, planificando ao tempo unha campaña específica para asentar poboación no medio rural (mentres este, en paralelo, se moderniza e dota de servizos dos que actualmente está carente), promovendo un desenvolvemento equilibrado de todo o territorio. 4.-CONDICIÓNS LABORAIS.- Termos unha Galiza soberana posibilitaría que a clase traballadora e empresarial, así como as institucións públicas galegas, tivesen plena capacidade para poder incidir decisivamente e lexislar, respectivamente, as condicións laborais das traballadoras e traballadores galegos. O que implicaría rachar cunha lexislación e cuns convenios colectivos impostos desde o ámbito estatal español, ben polo goberno, ben polas organizacións sindicais e empresarias españolas, sen posibilidade algunha de que a clase traballadora ou empresarial galegas, así como as institucións 'autonómicas', poidan incidir ou decidir sobre o seu contido, en función da nosa propia realidade socioeconómica e intereses obxectivos. 5.-EMIGRACIÓN.- A emigración é unha lacra con graves consecuencias sociais e económicas que Galiza leva sufrindo, de xeito masivo, desde o século XVIII, con centos de miles de galegas e galegos que marcharían alén mar. A resultante ten sido unha Galiza que perdeu historicamente o seu segmento social máis novo e dinámico, abortándose o futuro do país... Unha realidade arrastrada ao longo do s. XX e neste inicio do s.XXI. Na última década emigraron de Galiza, cada ano, máis de 13.000 mozas e mozos maiores de 16 e menores de 35. Termos unha Galiza soberana permitiríanos implementar unhas políticas económicas de apoio ao desenvolvemento dos nosos sectores produtivos e das nosas infraestruturas, de incremento do investimento en I+D, de investimento do noso aforro, de protección do medio natural, de mellora do ensino, de desenvolvemento dunha agricultura extensiva ao servizo da soberanía alimentar, etcétera , que posibilitaría a creación dun número de postos de traballo suficientes, e nunhas condicións dignas, para que a nosa mocidade (magnificamente ben formada) non tivese que emigrar na busca dun emprego estábel e digno a outras partes do mundo. 6.-MEDIO NATURAL.- Temos unha enorme e variada riqueza natural que cómpre protexer. Estamos a falar dunha grande fonte de vida que debe estar ao servizo do desfrute da sociedade galega, da mellora da calidade de vida das clases populares e dun desenvolvemento económico e social sostíbel. O medio natural está sendo atacado, desde a etapa do 'desarrollismo' franquista, por unha política destrutiva e depredadora do medio a través da plantación de árbores foráneas en detrimento das autóctones, caso da eucaliptización masiva de grandes superficies agrarias, dunha explotación mineira, na maior parte dos casos, abusiva e irracional ou da construción de parques eólicos –que se suman aos encoros, para a produción hidroeléctrica...- para beneficio de intereses

8.-BANCA PROPIA.- O sector financeiro é un sector estratéxico para o desenvolvemento económico de calquera país e un ámbito dos máis especulativos neste modelo de capitalismo neoliberal. Galiza precisa ter capacidade plena para promover unha banca pública de noso, que utilice o aforro da sociedade galega para facilitar o crédito ás clases traballadoras, así como as pequenas e medianas empresas, en vez de especular con el en beneficio dos intereses dos oligarcas e grandes accionistas dos bancos ou colaborar co seu espolio para a súa inversión noutras partes do Estado ou da UE. 9.-FISCALIDADE.- A fiscalidade xoga un papel moi importante no que ten que ver coa redistribución da riqueza, ben de forma directa ou indirecta a través duns servizos públicos universais e de calidade. Galiza non ten soberanía fiscal, por carecer de soberanía política, e vemos como o Estado expropia, todos os anos, o noso aforro en forma de impostos, que escasamente reverte no noso beneficio. Unha Facenda galega permitiríalle á sociedade galega ter máis recursos para os nosos servizos públicos (incluído o sistema público de protección social), que debera procurar unha política fiscal máis progresiva, progresista e xusta, na que paguen máis aqueles que máis teñen. 10.-TARIFA ELÉCTRICA.- A dependencia das sociedades modernas en relación á produción eléctrica é manifesta e a sociedade galega non escapa á mesma. É un contrasentido que sendo como é Galiza un país cunha enorme produción excedente de enerxía eléctrica, cos custes sociais e medio ambientais que supón a súa produción, non teñamos posibilidade de ter unha tarifa eléctrica propia e máis barata, que ademais de beneficiar á maioría da cidadanía, permitiríanos atraer industria e crear postos de traballo. Nunha Galiza soberana revisaríanse as concesións das empresas eléctricas sobre o noso territorio e patrimonio natural (encoros, parques eólicos....), condicionando a súa administración aos intereses da sociedade galega.


BOLETÍN INFORMATIVO VÍA GALEGA Nº1 // DIA DA PATRIA 2018

A I ASEMBLEA NACIONALISTA GALEGA(1918) O 18 de maio de 1916 o escritor e intelectual galeguista Antón Vilar Ponte convocaría no local da Real Academia Galega, por iniciativa do seu irmán Ramón, a xuntanza constituínte do que se denominará de inmediato “Hirmandade dos Amigos da Fala”, comunmente coñecida ao pouco como “Irmandade da Fala”. A primeira organización que, pasando de ter o local como ámbito de actuación, adoptou dimensión nacional axuntado a homes e mulleres que sentían á Galiza como Nación propia; preocupados pola inferiorización da lingua e cultura galegas , reivindicando a nación galega como suxeito político. Entre 1916 e 1918 após aquela xuntanza na Coruña, crearíanse en distintas localidades do país Irmandades da Fala (no 1916 Compostela, Monforte, Pontevedra ou Ourense, no 1917 Ferrol, Melide, Vilalba, Vigo, Pontevedra ou Lugo e no 1918 Betanzos, A Estrada, Vilagarcía ou Ortigueira, ás que sumar representación en Madrid, Porto, Buenos Aires ou La Habana… ). Sería no 1918 cando se fixaría unha primeira asemblea das e dos integrantes das Irmandades constituídas. Lugo sería a cidade escollida. Entre o 17 e o 18 de novembro do 1918 celebraríase aquel encontro, do que se cumpre o primeiro centenario

no presente ano, cualificado inequivocamente como 'I Asambreia Nazonalista Galega' (tamén referida comunmente como 'Asambreia de Lugo'), encamiñada a conseguir, en palabras dos seus artífices: “… a autonomía integral da Nazón Galega e fixar n-un programa concreto as que coidan testas solucións ôs problemas que intresan d'un xeito fondosísimo á vida nazonal da Galicia”. E, efectivamente, aprobarían as e os integrantes das Irmandades da Fala presentes na asemblea un programa-manifesto, inaugurando formal e explicitamente o 'nazonalismo' galego, a partir da 'previa' ao documento no que se podía ler: “Tendo a Galicia todal-as características esenciaes de nazonalidade, nós nomeámonos de oxe pra sempre nazonalistas galegos, xa que a verba 'rexionalismo' non recolle tódal-as aspiracións nin encerra a intensidade dos nosos problemas” (A Nosa Terra, nº73-74, 1918). No mesmo documento demandaríase a constitución dun 'Poder Autónomo Galego' e dun 'Xuntoiro ou Parlamento galego', así como dunha 'Federación da Iberia' –integrada polos Estados

existentes neste marco, incluído Portugal-, xunto a un réxime tributario galego, reclamándose, así mesmo a igualdade de dereitos civís e políticos para as mulleres en relación aos homes -incluíndose a reivindicación do sufraxio universal-, a administración do ensino na Galiza e a cooficialidade da lingua galega en territorio galego, xunto á española, entre outras demandas. Aliás, proclamaríase a 'soberanía estética da Nazón Galega', que se exercería sobre construcións urbanas e rurais, ditándose unha lei que obrigara ás e aos propietarios a 'axeitarse o estilo das suas construciós ô estilo xeneral de cada vila galega'. Remataban as Irmandades da Fala o seu 'manifesto' de Lugo aseverando: “Galicia ten direito, un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vountade ceibe faremos nupcias d’amore con outras soberanías, contr ‘as que non vai nin quér ire a soberanía nosa (...)”. Este programa-manifesto sería a folla de rota do nacionalismo galego até 1936, actuando como guía do axir do galeguismo político durante a segunda metade do primeiro terzo do s.XX.

foto: Alexandre Bóveda dirixíndose á militancia da 'Federación de Mocedades Galeguistas' (1936). Fundación Alexandre Bóveda.

O IX CONGRESO DE NACIONALIDADES EUROPEAS (1933) As Irmandades da Fala reorganízanse como partido político, diante da VII Asemblea Nacionalista, celebrada na cidade de Pontevedra en decembro de 1931, creando daquelas o Partido Galeguista (PG), capitaneado por Alexandre Bóveda e Daniel R. Castelao, para actuar no marco da II República española. Seguindo a folla de rota marcada na Asemblea de Lugo de 1918, procurarían o recoñecemento da Galiza como nación, vendo aprobado un Estatuto de Autonomía que recoñecera o noso país, nunha República Federal española, como Estado. Ora ben, a Constitución española do 1931 non respondería finalmente a un modelo federal, polo que a Galiza non sería recoñecida como Estado (tal e como se preconizaba no 'Anteproyeito de Estatuto de Autonomía', de maio de 1931, proposto polo nacionalismo galego desde o Seminario de Estudos Galegos). Mais o PG conseguiría desde o inverno de 1932, nunha multitudinaria Asemblea de Concellos, ver aprobado un articulado de Estatuto que tería que ser sometido a plebiscito do pobo galego e que lle

recoñecía importantes atribucións políticas ao noso país. Uns meses despois daquela asemblea municipal, o PG decidiría, en Asemblea Nacional, participar no IX Congreso de Nacionalidades Europeas de 1933. Sería elixido Plácido R. Castro, como delegado do PG para representar á nación galega nesta cimeira das nacións europeas sen Estado. Criado e formado no Reino Unido, era o galeguista que mellor coñecía a política europea e tendo unha forte introdución dentro do PG (lembremos que fora o militante que máis votos recibira, en listaxes abertas, para facer parte da Executiva do partido, con 1.654 votos ao seu favor, no 1933). Naquel IX Congreso de Nacionalidades Europeas, adscrito á Sociedade de Nación e celebrado na localidade suíza de Berna entre o 16 e o 18 de setembro, Plácido R. Castro tivo unha notábel intervención intervención (declaración), que foi recibida cos fervorosos aplausos das e dos asistentes, segundo as crónicas da época.

Edita: Via Galega · Diagramaçom: Setedous desenho gráfico · Imprime: Sacauntos · Tiragem: 3.000 exemplares · Encerramento da Ediçom: 12 de julho de 2018 · Distribuiçom gratuita. Permite-se a reproduçom total ou parcial dos artigos sempre que se citar fonte. www.viagalega.gal / coordenadora@viagalega.gal / twitter: @viagalega

Resolvéndose no encontro, oficialmente, recoñecer a Galiza como nación europea. As páxinas de A Nosa Terra, ao igual que outros medios, caso de El Pueblo Gallego (EPG), socializarían este relevante feito. A través de EPG afirmaría Plácido R. Castro, por volta do 30 de setembro daquel 1933: “Por vez primeira na súa historia Galiza concorreu con personalidade propia a un Congreso internacional. (…) foi acollida Galiza no Congreso de Nacionalidades Europeas e admitiuse a declaración presentada pola súa delegación (…)". Un recoñecemento (e esforzo) que visibilizaría naquela altura o feito nacional galego, oficializándoo a nivel continental. Exemplo que hoxe en día cómpre revitalizar. Datos tirados de: -DIÉGUEZ CEQUIEL, Uxío-Breogán (2015), Nacionalismo galego aquén e alén mar. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1931-1975), Compostela, Laiovento. -DIÉGUEZ CEQUIEL, Uxío-Breogán (2016) (Coord.), As Irmandades da Fala (1916-1931). Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural na Galiza do primeiro terzo do século XX. Compostela, Laiovento.

I ASEMBLEA NACIONALISTA GALEGA

18 NOVEMBRO_LUGO

100 ANOS

precisamos 1.200 galeg@s para rodear a muralla contamos contigo!!

en breve +info


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.