Haiche outra 2018 monografico hubble 1

Page 1

Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

haiche

OUTRA

A Revista do CIFP FERROLTERRA Xuño 2018

Número monográfico: No interior:   

Hubble

Aprendendo a coñecerse Os híbridos Deseño “a mazo”

Un paseo polo Universo da man do Telescopio Espacial Edwin Hubble


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

EDITORIAL Galego e STEM, ou de Rosalía de Castro a Patricia Conde Tod@s sabemos que é o galego... A maioría coñecemos a Rosalía... Algunh@s imos entendendo que é o STEM (Science, Technology, Engineering and Maths), ou mellor CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas)... A Patricia Conde tamén a coñecemos tod@s... Ou non? Patricia Conde Muiño é unha investigadora, que o 26 de maio de 2.009, dende o seu laboratorio do CERN afirmaba o seguinte: “...dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala,

estaba facendo con motivo do 25º aniversario da posta en órbita do Telescopio Espacial Hubble, ese enorme trebello do tamaño dun autobús que circula a uns seiscentos kilómetros por riba das nosas cabezas a vinte e sete mil kilómetros por hora, sacando fotos a destro e sinistro.

pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutiu no pasado tal condición esa non foi o castelán...”. Nós non traballamos no CERN, facémolo no CIFP Ferrolterra, e dende as nosas aulas intentamos impulsar todos os días as vocacións tecnolóxicas de cada un/ha dos alumn@s que por aquí pasades. Pero tamén, por que non? dende a biblioteca, e coa colaboración do equipo de dinamización da lingua, tentamos alimentar outras vocacións con iniciativas que esperten o voso interese. Unha destas iniciativas é o club de ciencia que ven funcionando dende hai xa uns cantos anos. Esta revista, que volve despois de varios anos de ausencia, é froito dese grupo de alumnos e profesores, que no seu momento quixemos unirnos á celebración que a nivel internacional se

O noso humilde gran de area para dar a coñecer a grandísima achega á ciencia que supuxo a súa posta en funcionamento, foi unha escolma de imaxes tomadas polo telescopio, e obtidas fundamentalmente das páxinas web da Axencia Espacial Europea e Americana (ESA e NASA). Con ese material montamos unha exposición de máis de trinta imaxes, que agora reproducimos nestas páxinas. As achegas á astronomía deste telescopio -que debe o seu nome ao grandísimo astrónomo, descubridor das galaxias, e precursor da teoría do big bang - foron enormes, grazas á antes inimaxinable resolución das súas imaxes. Iso si, esa resolución conseguiuse despois de poñerlle gafas, xa que inicialmente, este enxeño de 2800 millóns de dólares -dos de 1990- resultou miope! Resulta consolador saber que tamén as axencias e empresas tecnoloxicamente máis avanzadas tamén meten a pata; será porque tamén son humanos. Así, pois, esta humilde publicación científica que tedes nas vosas mans, escrita en galego, intenta impulsar o que Patricia e as súas compañeir@as nos transmiten día a día coa súa intelixencia e o seu esforzo. Unha aperta a tod@s, gozade da lectura, do traballo... e da nosa lingua.

HAICHE OUTRA, en Ferrol, a 4 de xuño de 2018.

HUMOR

Un pouco de da man de Xaquín Marín

2


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

O Sistema Solar

Unha nova mancha en Xúpiter Esta foto da superficie de Xúpiter foi tomada polo Telescopio Espacial en maio de 2008. Nela se aprecian as coñecidas como Gran Mancha Vermella e Pequena Mancha Vermella (as dúas da dereita), que foron observadas por primeira vez no século XVII, xunto a outra máis pequena á esquerda que se formou en 2006 Estas manchas son ciclóns permanentes nos que os ventos rondan os 500Km/h. O seu tamaño é realmente enorme: a Gran Mancha Vermella ten máis de dúas veces do tamaño da Terra

3


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Nacemento das estrelas

4


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Os Piares da Creación Esta é unha das imaxes máis coñecidas de todas cantas obtivo o Telescopio Espacial. Trátase dunha concentración de pó e gases, situada na constelación da aguia. O po está chamuscado pola intensa radiación de estrelas xoves no seu interior e erosionado por potentes ventos provocados por estrelas masivas nas proximidades Unha das preguntas máis frecuentes é se realmente as espectaculares imaxes vense tal cal son ou están coloreadas artificialmente… Pois depende. A luz que vemos é un pequeno anaco de radiación dentro dun conxunto moito máis amplo, é dicir, que o noso sentido da vista só é sensible a unha pequena gama de “cores”. Os astrónomos en moitas ocasións teñen que observar toda a radiación, polo que empregan cámaras sensibles a outras ondas que os nosos ollos non poden captar, como por exemplo a radiación infravermella ou a ultravioleta. Neses casos, as cámaras “traducen” esa luz invisible para nós en cores que os nosos ollos podan interpretar e estudar.

5


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

A Montaña Mística Unha máxica cume dunha montaña cargada de misterio que podería saír das paisaxes da Terra Media en “O señor dos Aneis”... Pero e real. Atópase na nebulosa de Carina, a 7500 anos luz, visible no hemisferio sur. Con esta imaxe celebrou o Telescopio Espacial o seu 20º aniversario. Un caos de po e gas de tres anos luz de longo, no que se están formando estrelas. algunhas delas pódense ver na imaxe como pequenos avultamentos, como o que aparece na parte superior da imaxe, no que se aprecian claramente chorros de gas de cor clara en direccións opostas, característicos do nacemento dunha estrela.

6


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

A Cabeza de Cabalo Aquí temos un exemplo dos beneficios de fotografar en distintas lonxitudes de onda. Na imaxe pequena vemos como apareca un dos obxectos máis coñecidos do espazo: a Nebulosa Cabeza de Cabalo, na constelación de Orión, vista dende a superficie da Terra en luz visible. A imaxe grande é a que obtivo o Hubble en luz infravermella. O que aparece como unha mancha escura transfórmase nunha imaxe na que se poden apreciar os máis finos detalles

7


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Carina e o Verme Se viaxamos a países do hemisferio sur poderemos ver unha parte do ceo diferente e repleta de obxectos de interese. Un deles é a Gran Nebulosa de Carina (NGC 3372), fogar de estrelas masivas e unha cambiante nebulosa que amosamos nestas imaxes, que son froito dunha composición de 48 fotogramas de alta resolución tomadas polo Telescopio Espacial Hubble en 2007 Trátase de unha das rexións máis brillantes da nosa galaxia, a Vía Láctea. Eta Carinae , a estrela máis enerxética da nebulosa, era una das estrelas máis brillantes do ceo, pero se escureceu dramaticamente en 1830. A nebulosa do centro á esquerda (chamada O Ollo da Pechadura), contén varias das estrelas máis masivas coñecidas, e tamén mudou de aparencia. Toda a Nebulosa Carina abrangue máis de 300 anos luz y está a uns 7500 anos luz de distancia na constelación do mesmo nome. A fotografía de arriba, realizada polo Telescopio Espacial, e coas cores procesadas, é a imaxe máis detallada desta nebulosa xamais realizada. Abaixo, ao centro temos unha visión de conxunto coas cores naturais, no que se sinala a área que comprende a imaxe grande. Na ampliación (abaixo á esquerda) e na imaxe de detalles da dereita vemos a coñecida como Nebulosa do Verme, un tipo de obxecto espacial coñecido como glóbulo de Bok. Estes obxectos son nubes de gas e po tan mestas que son practicamente opacas á luz visible, polo que foron descubertos inicialmente como buratos sobre un fondo estelar, coma neste ca8

so. A sola emb que astr para ción fusa gan


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

A súa masa é aproximadamente de 100 masas ares e conteñen núcleos que se pensa que son brións de novas estrelas. Isto é precisamente o e os fai especialmente interesantes para os rónomos, que aproveitan a súa simplicidade a examinar os primeiros momentos da forman de estrelas en condicións moito menos conas que en complexas nubes moleculares xintes, como pode ser a gran nebulosa de Orión

9


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Un disco protoplanetario Este imaxe capturada polo Telescopio Espacial, con aspecto de Frisbee estelar, ĂŠ un disco de po visto de canto arredor dunha estrela acabada de nacer, que aparece oculta no centro. Nese disco agromarĂĄ o po para formar os planetas dun novo sistema solar

10


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Vida das estrelas

A boca da Balea Formalhaut, que significa en árabe boca de balea, é unha estrela da constelación de Piscis, visible no hemisferio sur, situada a uns 25 anos luz, e que goza do honor de contar co primeiro exoplaneta que foi fotografado. A imaxe (en cor artificial) tomada polo Hubble, que aquí se presenta reguire algunha explicación:

En primeiro lugar, no centro obsérvase a estrela Formalhaut, e sinalado no recadro, o planeta Formalhaut b, que ten unha masa dunhas 3 veces a de Xúpiter, así como as sucesivas posicións en distintas observacións. Toda a imaxe está inundada de raios que parten da estrela, e que son feixes de luz dispersos. Sen embargo, a parte máis interior, arredor da estrela aparece en negro, debido a que os astrónomos usaron un coronógrafo, un aparello que bloquea a luz para que non cegue a cámara e permita ver o que hai arredor da estrela. A moi pouca distancia por fóra da posición do planeta obsérvase un disco elíptico máis brillante, con forma de rosquilla, que é unha concentración de escombros iluminados pola estrela (similar ao Cinto de Kuiper que rodea o noso Sistema Solar). O curioso deste disco é que presenta unha beira interior perfectamente definida. Isto foi o que deu a pista aos astrónomos da existencia do planeta antes de ser observado, xa que este afiado borde, xunto coa súa forma elíptica so podía ser explicado pola acción dun planeta que fora “aspirando” os escombros ao seu paso no seu movemento de traslación arredor da estrela. Finalmente, tras corroborar as hipóteses coa información obtida grazas ás imaxes do Hubble, foi anunciado o seu descubrimento en 2008

11


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

A xigante Betelgueuse Betelgueuse é unha das raíñas da noite. Está situada en Orión, unha das principais constelacións do ceo, especialmente no inverno. É unha estrela xigante vermella que se atopa a “tan so” uns 300 anos luz de nós e as súas dimensións son descomunais. A imaxe que vemos aquí foi tomada polo Telescopio Espacial Hubble, e constitúe a primeira imaxe dunha estrela distinta do noso Sol, na que se aprecia o seu disco solar e a súa atmosfera. Na composición pode verse o tamaño da estrela en comparación coa órbita terrestre (coa órbita, non co planeta) e coa órbita de Xúpiter, para comprender as súas incribles proporcións

12


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Balizas cósmicas Existe un tipo de estrelas chamadas Cefeidas cuxo brillo varía periodicamente e son usadas polos astrónomos para medir distancias dende hai cen anos, xa que se coñece que existe unha relación constante entre o tamaño e o período, e con iso pódese determinar a distancia, empregándoas como balizas cósmicas. Con este método de medición puidéronse determinar distancias a cúmulos, galaxias, etc. O que fai especial a esta cefeida chamada RS Puppis é que está rodeada dunha densa capa de po, no que se produce o fenómeno do eco de luz e permite medir a súa distancia (6500 anos luz) con moita precisión.

13


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Un eco de luz A estrela V838 Monocerotis, situada na nosa galaxia a aproximadamente 20.000 anos luz de aquí, era unha descoñecida, unha estrela do montón ata que en xaneiro de 2002 aumentou de súpeto o seu brillo facéndose unhas 600.000 veces máis brillante que o noso Sol, e converténdose nunha das estrelas máis brillantes da Vía Láctea. Este estourido de luz foi moi breve en termos astronómicos, de tan so unhas semanas, que podería compararse ao destello dun flash. coñécense moitas estrelas que presentan este fenómeno, pero o que fai singular este caso é que o pulso de luz a medida que ía avanzando, ía iluminando nubes de po arredor da estrela, e o que vemos é a luz rebotada por estas partículas de po, igual que o son cando vai rebotando nos distintos obxectos que se vai atopando; por iso este fenómeno coñécese como eco de luz. Na imaxe vemos a evolución do eco de luz en distintas tomas feitas polo Hubble en sucesivas ocasións

14


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

15


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Morte das estrelas

Morte dunha estrela Esta imaxe amosa como o crecente gas expulsado durante a morte dunha estrela evoluciona no tempo. Estas nubes de gas, denominadas nebulosas planetarias, son creadas cando estrelas, na derradeira etapa da súa ‘vida’, expulsan as súas capas exteriores ao espazo e o resto queda no centro con moi pouco brillo: é unha anana branca. Ao conxunto coñécese como nebulosa plantetaria

16


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Unha anana branca Esta imaxe amosa a fin dunha estrela similar ao noso Sol. Cando a estrela esgota o seu combustible, se desprende do gas das capas máis externas, que forma unha envoltura como a que vemos na imaxe. O pequeno punto branco que se ve no centro é o que queda da vella estrela, que quedou reducido ao que se coñece como unha anana branca.

17


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

18


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Nebulosa da Hélice Esta detallada imagen da Nebulosa da Hélice foi tomada polo Hubble en 2002 en coordinación co telescopio de Cerro Tololol en Chile. Trátase da nubulosa planetaria máis cercana a nós, na dirección da constelación de Acuario, formada pola envoltura gasosa expulsada por unha estrela moribunda. O seu simple aspecto de donut, visto dende aquí parece ser enganoso, xa que novas probas suxiren que en realidade consiste en dous discos de gas case perpendiculares entre si. Unha posible explicación é que a estrela teña outra compañeira: un dos discos sería perpendicular ao eixo de rotación da anana branca (a do centro), mentres que o outro estaría no plano orbital das dúas estrelas

19


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

O ollo do gato Chamada oficialmente NGC 6543, tamén é coñecida como Nebulosa Ollo de Gato pola súa forma, e incluso ai quen lle atopa parecido co Ollo de Sauron, da saga do Señor dos Aneis. Parecidos aparte, trátase dunha nebulosa planetaria formada pola expulsión das capas máis externas dunha estrela, mentres que as internas quedan no centro da formación cun brillo moi mermado, no que se coñece como anana branca A imaxe obtida polo Hubble permite apreciar nunha observación máis detallada, aneis concéntricos, como se se tratase do corte dunha cebola. Cada un deses aneis é realmente a beira dunha burbulla esférica proxectada ao espazo. Isto suxire que a estrela expulsou a súa masa nunha serie de pulsos a intervalos de 1500 anos. Estas convulsións crearon nubes de po cunha estrutura en capas como unha cebola arredor da estrela moribunda. O patrón en capas observado nesta nebulosa planetaria foi unha sorpresa para os astrtónomos porque non se coñecía que episodios de perda de masa ao final da vida dunha estrela puidese repetirse cada 1500 anos. Outra teoría suxire que o material foi expulsado suavemente e que os aneis foron creados máis tarde debido á formación de ondas nese material.

20


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

O Reloxo de Area MyCn18 é unha nebulosa planetaria nova a uns 8000 anos luz de distancia. Esta imaxe do Hubble amosa a forma de reloxo de area desta nebulosa, cun intrincado patrón de grabados nas súas paredes. A imaxe está coloreada partido de tres imaxes en distintas frecuencias. Os resultados obtidos desta forma son de gran interese porque aportan información sobre a pouco coñecida exección de materia estelar que acompaña á morte lenta dunha estrela como o noso Sol. En imaxes anteriores obtidas dende a superficie da Terra, parecía ser un par de dous grandes aneis con outro central máis pequeno, pero os finos detalles non se podían apreciar. De acordo coa teoría de formación de nebulosas planetarias, a forma de reloxo de area está producida pola expansión dun rápido vento solar dentro dunha nube en expansión que é máis densa preto do ecuador ca nos polos. Sen embargo, a imaxe obtida polo Hubble que aquí se amosa revelou aspectos completamente novos; así, o que aparece como un anel brillante no centro, e que a primeira vista pode ser tomado erroneamente como unha rexión ecuatorial densa, nunha inspección máis detallada resulta ser unha estrutura con forma de pataca cun eixo de simetría completamente diferente do que ten o reloxo de area. A estrela que expulsa e ilumina a nebulosa, e que por tanto se esperaba que estivera no seu centro de simetría, está claramente descentrada. Así que o que revela a precisión da imaxe do Hubble non cumpre coa teoría… Como en tantos outros casos na historia da Ciencia, haberá que buscar unha nova teoría que explique a obstinada realidade.

21


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

22


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Remanentes de Supernovas As estrelas moi masivas teñen unha morte moi violenta, explotan en forma de supernova, liberando en poucos días unha enorme cantidade de enerxía. Estos fenómenos son coñecidos desde a antigüedade, pero é agora cando o Telescopio espacial Hubble nos amosa o que queda desas explosións, neste caso, na gran nube de Magallanes nunha zona turbulenta donde se están a formar novas estrelas. Calcúlase que a estrela que explotou tiña unha masa 50 veces maior a do Sol

A nebulosa do Cangrexo A Nebulosa do Cangrexo é o resultado dunha supernova, a explosión dunha estrela moi masiva que devorou moi rapidamente o seu combustible estelar. O Cangrexo está na nosa galaxia, a 6500 anos luz, pero a explosión dunha supernova é tan violenta que se poden distinguir supernovas dentro doutras galaxias distintas da nosa Vía Láctea, competindo en brillo con centenares de miles de estrelasO cangrexo está entre os obxectos máis interesantes e mellor estudiados na historia da astronomía. De feito, hai constancia de que foi observada no ano 1054 por astrónomos chineses e árabes e podía verse de día . Os restos da explosión forman esta nebulosa cunha estrutura de filamentos tremendamente complicada, e que actualmente ten un tamaño duns 10 anos luz e segue en expansión. Pero iso non é todo: a masa da estrela que non foi expulsada na explosión “cae” sobre si mesma, formando unha bola compacta chamada estrela de neutróns, que xira moi rápido, constituíndo un obxecto estelar coñecido como púlsar. No centro do Cangrexo hai un púlsar que ten a masa do noso Sol, pero co tamaño dunha pequena cidade, e rotando a unhas 30 voltas por segundo. Esta imaxe foi tomada polo Telescopio Hubble e é a de maior resolución obtida nunca deste obxecto.

23


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Estrelas en compaña

Un cúmulo dobre Na nosa galaxia anana veciña, a Gran Nube de Magallanes, atópase este xove cúmulo estelar dobre, rodeado dunha nebulosidade filamentosa que se cree orixinada durante a explosión dunha supernova. Está formado por un cúmulo principal no centro e outro cúmulo menor, máis novo, que se pode ver abaixo á dereita, composto por estrelas azuis extremadamente quentes e apenas visibles estrelas vermellas. Esta variedade de estrelas permite un profundo estudo do proceso de formación das estrelas.

24


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Unha pelota de estrelas Esta imaxe amosa o Cúmulo Globular M92, descuberto en 1777. É unha “pelota” dunhas 330000 estrelas que orbitan coma satélites en torno a un núcleo galáctico, neste caso, a nosa Vía Láctea. Mediante a exploración da súa composición, os astrónomos poden saber o vellos que son estes cúmulos, e hacharon que M92 é un dos máis vellos de cantos orbitan a Vía Láctea, con case a mesma idade que o Universo.

25


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

26


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Galaxia Remuíño Esta é a imaxe tomada polo Hubble en 2005 da galaxia xa coñecida de vello como M51 (do catálogo Messier), tamén chamada Galaxia Remuíño, pola súa perfecta forma espiral. Está colocada respecto a nós de tal forma que se pode apreciar con total nitidez a súa estrutura cun núcleo central e brazos espirais con grandes cantidades de gas e po, nos que están nacendo novas estrelas

.

27


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Encontro galáctico Na dirección da constelación do Can Maior, dúas galaxias espirais pasan unha xunto a outra como dous maxestuosos barcos na noite. A próxima colisón que terá lugar foi captada nesta espectacular imaxe polo Telescopio Espacial. Tempo atrás estas dúas galaxias eran similares á nosa Vía Láctea, ata que toparon unha coa outra fai unhs centos de millóns de anos. a colisión é tan violenta que as estrelas foron arrincadas das súas galaxias, formando un arco que se pode apreciar na foto de campo amplo e que lle dá o seu nome.

28


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

29


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Interacción galáctica Nesta formación, coñecida como ARP 87, pode verse a deformación que sufren as galaxias cando se aproximan, por acción dos seus campos gravitatorios. A máis grande das dúas está sacando estrelas, gas e po da máis pequena. Ambas as dúas teñen forma de espiral, e se atopan a uns 300 millóns de anos luz da Terra, na dirección da constelación de Leo

30


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

A Galaxia das Antenas Esta imaxe foi tomada polo Telescopio Espacial en 2009, e amosa dúas galaxias unidas por unha aperta mortal. As que no pasado foron dúas galaxias normais como a nosa Vía Láctea levan os últimos centos de millóns de anos en liorta. A colisión é tan violenta que as estrelas foron arrincadas das súas galaxias orixinais para formar un arco entre as dúas, que, xunto con gas ten esa forma de antenas que se pode ver na imaxe de campo amplo.

31


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Bailando twist O Telescopio Espacial Hubble capturou esta imaxe de ESO 510G13, unha galaxia espiral a uns 150 millóns de anos luz de distancia na dirección da constelación de Hidra Os brazos espirais e o po que rodea a unha galaxia normal coma a nosa Vía Láctea están formando un plano, de maneira que observada de canto se vería recta. En cambio a galaxia da imaxe revela nitidamente detalles dun disco galáctico inusualmente torto, a causa, probablemente da interacción gravitacional con outra galaxia. Na parte dereita pode observarse no medio do po zonas azuladas que revelan a presenza de formación de novas estrelas

32


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Unha rosa galáctica Esta imaxe de dúas galaxias interactuando, chamada ARP273 foi tomada polo Telescopio Espacial Hubble para conmemorar o seu 21º aniversario. Pode apreciarse a deformación da galaxia máis grande, na parte superior causada pola atracción gravitatoria da inferior, da mesma forma que lle ocorre á masa oceánica da Terra atraída pola Lúa, que orixina as mareas. Neste caso ambas as dúas adoptan esta fermosa forma de rosa

33


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

A galaxia asasina Na actualidade está bastante claro que as galaxias, ou polo menos moitas delas, teñen no seu centro un burato negro supermasivo. En ocasións estes obxectos lanzan o espazo enormes chorros de materia a moi alta velocidade. A uns 1.400 millóns de anos luz da Terra hai un sistema chamado 3C321 formado por dúas galaxias que orbitan unha arredor da outra (as zonas brillantes en rosa). Nesta imaxe, conseguida combinando datos das observacións do Hubble en luz visible e outros observatorios na Terra, pódese ver como a galaxia inferior emite un destes chorros a unha velocidade próxima á da luz. O chorro atopa no seu camiño a galaxia máis pequena e impacta ca zona máis exterior da mesma. Tras o impacto, o chorro defórmase e segue o seu camiño (chorro azul). Este chorro está causando serios problemas nas estrelas e planetas da galaxia pequena, pero por outro lado, pode ser o xerme para o nacemento dunha nova xeración de estrelas, unha vez que a primeira vaga de destrucción pase

34


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Proxector cósmico Esta imaxe presenta un dos fenómenos máis sorprendentes da Natureza: un chorro de electróns e outras partículas subatómicas lanzadas a unha velocidade próxima á da luz, provocado por un burato negro supermasivo no centro da galaxia M87 ( o punto amarelo brillante na imaxe), como se fose un proxector de enormes proporcións

35


Haiche outra

2018

Unha galaxia mente brillante

CIFP Ferrolterra

especial-

Cando ollamos ao espazo distante, a gran maioría de obxectos que vemos son galaxias: inmensas agrupacións de estelas, planetas, gas, po, e… materia oscura, amosándose en todo tipo de formas. Este obxecto é unha ultraluminosa galaxia, a cal emite unha enorma cantidade de luz infravermella. Os científicos vinculan este fenómeno cunha intensa actividade de formación de estrelas desencadeada pola colisión de dúas galaxias

36


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

O espazo profundo

Campo Ultra Profundo Para tomar imaxes de campo ultra profundo o telescopio Hubble necesita exposicións moi longas, pois se trata de captar obxectos moi tenues e moi afastados, en zonas onde aparentemente non hai nada. Neste caso aproveitouse o período de vacacións de Nadal de 1995 e o Hubble quedou apuntando nesa dirección durante 10 días, cun total de máis de 100 horas de exposición. O resultado foi espectacular: na imaxe aparecían máis de 3000 galaxias onde aparentemente non había NADA! O que vemos é unha escea dun universo moi novo no que as galaxias aínda non tiveron tempo de formar estrelas. As galaxias máis pequenas, unhas 100 de cor vermella están entre as máis distantes coñecidas, e xa existían cando o universo contaba so con 800 millóns de anos

37


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Espazo Profundo En astronomía nos referimos como “espazo profundo” a aquelas rexións do ceo onde a simple vista non se ven astros. Normalmente si apuntamos a esas rexións cun telescopio, ou incluso cuns prismáticos, enseguida se nos revelan cúmulos estelares, nebulosas, galaxias... Esta imaxe do Hubble amosa un cúmulo de galaxias situado a 2.100 millóns de anos luz da Terra, na dirección da constelación do dragón, chamado Abell2218. Este cúmulo está formado por miles de galaxias, pero o máis interesante da foto son os arcos circulares que se aprecian. Trátase das imaxes de galaxias moi afastadas que aparecen amplificadas e deformadas por un efecto de “lente gravitatoria” causada pola inmensa gravidade do cúmulo

38


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Para rematar, un sorriso cósmico No centro desta imaxe tomada polo Hubble hai dúas débiles galaxias que semellan os ollos dunha cara cun alegre sorriso. O contorno da cara e máis o sorriso son en realidade arcos causados por un efecto coñecido como lentes gravitatorias Tal como explica a Teoría Especial da Relatividade de Einstein, unha gran concentración de masa curva o espazotemo arredor seu. Deste xeito, a luz que procede de obxectos que están atrás é dobrada e distorsionada, formando en casos coma este uns aneis, coñecidos como Aneis de Einstein. O efecto é similar ao que vemos cando miramos a través do pé dunha copa de non moita calidade

39


Haiche outra

2018

CIFP Ferrolterra

Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística

Enderezos: http://www.edu.xunta.gal/centros/cifpferrolterra/ http://bibliomarques.blogspot.com/ https://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/ http://coordinadoraendl.org/limiar.php

40


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.