Concurso de microrrelatos de AI Vigo 2012

Page 74

Impotencia Microrrelato nº 73 Despois de revisar todo o correo electrónico que lle chegara da Universidade e da oficina, Ánxela por fin abriu aquela mesaxe de Amnistía Internacional que tivera deixado para mais tarde. Non era que non fose importante, pero tiña cousas mais urxentes ás que atender primeiro. Un texto, unha petición para asinar por unha causa e unha imaxe. Aquela imaxe. Por un momento aquelas caras de xente sostendo pancartas lembráronlle a ela mesma coas súas compañeiras no día da folga, na súa cidade. Pero non, esta xente estaba a protestar por outros motivos; pedían liberdade de expresión. ¿Liberdade de expresión? ¿Pero en que cabeza cabía que no século vintaún non houbera liberdade de expresión? Coma sempre, Amnistía Internacional, abríndolle os ollos, amosándolle aquilo do que ninguén quere falar. Liu a petición, alarmouse, asinou e compartiu no Facebook. Pechou a tapa do portátil e meteuse na cama. Tentou imaxinar a súa vida sendo perseguida e castigada por expresar as súas opinións e ideoloxías. Non era fácil, non. A ela encantáballe escribir a súa percepción da vida no seu blogue, queixarse das inxustizas do mundo, das actuacións corruptas dos políticos, animar ós seus amigos a acudir as manifestacións,... Pero noutros lugares do mundo non era así. De súpeto, os seus problemas parecéronlle insignificantes. ¿Por que a ninguén lle importaban estas cuestións? ¿Por que non se falaba disto nos diarios? Invadiulle a impotencia e, buscando solucións, foi atrapada polo sono. O último que lle pasou pola mente antes de durmirse foi facerse activista.

1º Concurso de microrrelatos de Amnistía Internacional Galicia


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.