Concurso de microrrelatos de AI Vigo 2012

Page 49

Pegadas no monte Microrrelato nº 48

A medida que pasaban os minutos e que a luz diminuía, a desesperación medraba. Caía unha boa treboada. Corríamos sen cesar deixando as fondas pegadas das nosas botas impresas no chan, onde a auga convertera a terra en lama. Sentíamos o latexo do corazón por todo corpo. Tremíamos do frío e non tíñamos como taparnos da auga que nos caía enriba. O ceo parecía escachar sobre a nosa cabeza a medida que as nubes escuras e bravas tapaban a luz da lúa. Gastábamos as últimas bafaradas de alento que quedaban nos nosos pulmóns, cando por fin atopamos un recuncho onde nos agochar. Era unha cova bastante fonda. “ Deus queira que non sexa a casa dun lobo” dixo un. Mais eu naquel momento ao animal que menos lle temía no mundo era ao lobo. Sentámonos en silencio, tentando recuperar os folgos que foramos deixando polo camiño. As árbores na noite parece que teñen vida. Ruxen aló arriba, no monte, como se asubiaran. Non tíñamos comida, nin auga, nin nada. Só tiñamos aquelo que nos facía estar alí: un sobre con catro fotografías vellas e dobradas. Era o pouco que puidéramos coller antes de chegar eles e comezar a remexer nos libros e nas fotografías que gardábamos naquel vello despacho de meu pai. Non sabíamos que pasaría ao día seguinte, cando as raiolas do sol rabuñaran a auga dos charcos daqueles camiños, mais sabíamos que o único que nos quedaba era esperar. Agardando a que se fixera xustiza. Agardando a seguir vivindo. 1º Concurso de microrrelatos de Amnistía Internacional Galicia


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.