Folleto Informativo “Recinova” Nº 20 EDLG DO CEIP RECIMIL
DECEMBRO 2012
O APALPADOR Todas as culturas teñen un home sabio pola idade que lles axuda aos nenos a pasar o inverno. A cultura galega ten o Apalpador, que durante moitos anos sobreviviu nos montes do Courel e o Cebreiro e agora volve facernos compaña. Moito antes de que a sociedade de consumo importase dos países nórdicos a Papá Noel, en Galicia xa habitaba a figura mítica do Apalpador. Nos últimos anos, grazas ao traballo de José André López González nas vilas de Galicia estase recuperando o mítico personaxe do Apalpador, un home que vivía nas altas montañas de Galicia e que nos días de inverno baixa ás aldeas e vilas para apalparlles a barriga ás neniñas e neniños para ver se comeron ben durante todo o ano, achegándolles castañas e agasallos feitos á man.
Folleto Informativo “Recinova” Nº 20
QUEN É O APALPADOR? O Apalpador é un home de barba rubia, un vello xigante, de aspecto bonachón que viste boina e traxe esfarrapado e con remendos. Fuma en pipa e aliméntase de bagas salvaxes e de porcos bravos que caza no monte. Na noite do 24 de decembro baixa ata as aldeas, métese polas chemineas nas casas e achégase aos nenos e ás nenas que dormen ao remol das mantas. Apálpalles a barriga para ver se están fartos ou teñen fame ( de aí o seu nome). Se o caso é o primeiro di: “ Así, así esteas todo o ano”, e deixalle unha presiña de castañas. Se pola contra, están famentos, fica calado e deixalle tamén unha man chea do froito do castiñeiro. O Apalpador é moi lambeteiro e se os nenos lle deixan un calcetín ou uns zapatos con algo doce para axudarlle a andar toda a noite visitando todas as casas de todos os nenos galegos, el entrégalles os agasallos de madeira, tea e cartón que fixo coas súas mans no tempo de lecer do resto do ano. Ao Apalpador gústanlle máis os xoguetes feitos á man con materiais naturais como a madeira ou o barro, cheos de cariño e respectuosos co medio ambiente, que aqueles de plástico, automáticos e con pilas que gastan moita enerxía e empobrecen os nenos e nenas doutras partes do planeta. Xa o sabemos, para visitar a Papá Noel tedes que ir cos vosos pais a un centro comercial...para saber do “Apalpador” só tedes que ir pasear, cando escampe, ben abrigadiños, polos soutos, polo montes, e sentir a súa presenza detrás dalgunha árbore, como vemos e sentimos as pegadas das lebres,do corzo, do lobo ou do xabarín...
Aí o vén o apalpador pra facerche a revisión se medraches ou minguaches en talla e en musculación Aí vén o apalpador non é mestre nin doutor é un vello das montañas, onde crían as castañas pra che dar a boa mantenza da señora natureza. Vén do Courel...que ben ! Vén dos Ancares...que grande ! Vén do Souto máis retorto onde aínda moucha o moucho.
Folleto Informativo “Recinova” Nº 20