Skip to main content

Os camiños de Sócrates e Benito Prieto crúzanse en Tui

Page 1

Busto de S贸crates, copia romana dun orixinal grego perdido, British Museum

Benito Prieto Coussent


Vinte e cinco séculos separan a Atenas do filósofo Sócrates e o Tui do artista e mestre Benito Prieto Coussent. Moitos centos de quilómetros distancian a capital da rexión de Ática da cidade fundación lendaria do fillo de Tideo, Diomedes. Nin o tempo nin o espazo impediron unha produtiva relación que só a barbarie da guerra civil puido truncar mais que moi pronto imos restaurar. Os camiños vitais de Sócrates e de Benito Prieto (artista que guiou os ciceles que trazaron no duro granito a faciana do filósofo) corren para converxer en Tui na década dos anos trinta do pasado século. A Atenas do 400 a. X. e a España da II República representan momentos de grande inquietude cultural. A preocupación pola educación e a cultura leva ao goberno republicano a, entre outras medidas, incrementar o número de mestres e de centros de ensino. É deste xeito como Tui recupera o seu instituto de ensino medio e como chega a el unha pléiade de novísimos profesores como Xesús Ferro ou o propio Benito Prieto para educar, da man das máis modernas pedagoxías, ás novas xeracións. Benito Prieto é mestre de moitos rapaces e rapazas tudenses ao igual que vinte e cinco séculos antes o fora, a súa maneira, Sócrates en Atenas. Benito Prieto, ao igual que Sócrates, rompe moldes e sementa inquedanzas nos seus discípulos. Atrás queda a mecánica reprodución das láminas clásicas para debuxar, sen intermediarios, a natureza, para modelar, sen medos, coa arxila de Budiño ou para traballar o granito de Pazos de Reis. Sócrates, fillo dun artesán da pedra, foi -antes que filósofo- aprendiz de escultor no taller do seu pai e tal vez da súa autoría son unhas estatuas das tres Grazas hoxe perdidas. Benito Prieto, fillo de fotógrafo, encamíñase cara ao debuxo e chegará a consagrado pintor mais, na súa etapa tudense, dirixe a creación de dous pétreos bustos: un aínda hoxe visible no seu ostracismo do cumio do Curota e o outro afundido no leito do Miño pero que, reproducido de xeito exacto, xa imos ver moi pronto nos xardíns tudenses de onde endexamais debeu saír. Sócrates ensinaba de balde polas rúas e prazas atenienses, Benito Prieto tamén: fóra do seu horario laboral, nos mesmos locais do instituto, mostraba e facía partícipes dos seus saberes e habelencias a obreiros e artesáns, nun anticipo do que co tempo chegaría a ser o ensino nocturno e a formación profesional regrada. Exposicións, homenaxes, recensións na prensa da época testemuñan o magnífico traballo, o entusiasmo e o recoñecemento que o maxisterio de Benito Prieto e os seus froitos merecían á sociedade tudense e galega da época. Mais chegaban as duras e difíciles datas do cruento verán do 36. Levaba moi pouco tempo o busto socrático presidindo un belido xardín de Tui, aínda resoaban no xa crispado ambiente os ecos das loanzas e dos aplausos da última homenaxe cando as vacacións de Benito Prieto son interrompidas ao ser detido, na súa vila natal, e trasladado á cadea tudense, veciña das aulas do seu instituto.


Tamén Sócrates, vinte e cinco séculos antes coñeceu a prisión, acusado dos delitos de impiedade relixiosa e corrupción da xuventude, cargos que presentaron contra el Meleto, Ánito e Licón, simples voceiros do descontento que, en certos sectores da sociedade ateniense da época, sementaban as ensinanzas do filósofo e as simpatías que a mocidade sentía por el. Benito Prieto é culpable de simpatizar e colaborar con obreiros e anarquistas; entre os seus acusadores están algúns dos que compartiran, non moitas xornadas antes, mesa co homenaxeado e hoxe encadeado. A catarse, a depuración que impón o novo estado de cousas e o convulso aire bélico son os responsables últimos desta tráxica situación da mesma maneira que a débil e timorata democracia ateniense, nacida trala traumática experiencia da tiranía dos Trinta, facilita a condena de Sócrates. Na cadea Sócrates mantén un encomiable ánimo e ata o último momento segue ensinando, coa palabra e co exemplo, aos seus seguidores. Tamén Benito Prieto, na cárcere de Tui e nunha situación límite, é quen de exercer a súa profesión de pintor e retratar a moitos dos seus compañeiros que pronto serán pasados polas armas e que ofrecerán como derradeiro agasallo ás súas familias eses retratos. Sócrates, condenado á pena capital, bebe a cicuta. Benito Prieto esquiva a morte e sae da prisión, superando dificultades e incomprensións consolídase como un gran pintor e, lonxevo, visitará Tui para compartir lembranzas cos veteranos alumnos que, na década dos anos trinta, gozaran do seu maxisterio e compartiran moitos dos seus proxectos. Proxectos como o do busto de Sócrates que foi outra das vítimas dunha etapa na que o ruído dos sabres fixo calar o son das verbas. A ignorancia e o fanatismo, patrimonio común a tódalas guerras, quixeron executar, por segunda vez, a quen no ano 399 a. X. xa executaran os seus circunveciños. É así como Sócrates, en estatua pétrea, vinte e cinco séculos despois e a moita distancia da súa Atenas natal, foi afogado no Miño. No pedestal que servía de base ao busto de Sócrates estaba gravado: Estou sobre o pobo como o tabán sobre o cabalo para picalo e telo desperto. A mellor maneira de vivir é practicar a xustiza e a virtude. Porque grazas a Sócrates, a Benito Prieto e a moitos outros tabáns o pobo está desperto e porque somos inmensa maioría os que pensamos que a mellor maneira de vivir é practicar a xustiza e a virtude, imos inaugurar o novo busto socrático, reprodución fiel do anterior, para que as novas xeracións coñezan que os camiños dun gran filósofo ateniense e dun eximio pintor ribadense, alleos aos saltos espaciais e temporais, converxeron en Tui e que as súas existencias compartiron indubidables paralelismos.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Os camiños de Sócrates e Benito Prieto crúzanse en Tui by José María Lores Pérez - Issuu