5 minute read

Biodiversidade en risco: un estudo sobre a presenza de plantas invasoras nos Monumentos Naturais galegos

Next Article
Recursos

Recursos

Jon Castaño Serna*

O estudo que presentamos a continuación revelou a presenza de 53 especies de plantas exóticas invasoras nos oito Monumentos Naturais de Galicia, repartidos en distintos puntos da xeografía. Para acadar os seus resultados, revisáronse leis e estudos especializados, ademais de realizar traballos de campo para detectar especies invasoras en cada un destes espazos. Sorprendentemente, en moitos destes Monumentos Naturais, o número de especies invasoras superou o rexistrado nos plans de xestión oficiais.

A combinación das metodoloxías comentadas, xunto cunha análise de datos xeográficos, confirmou unha presenza significativa de plantas exóticas invasoras en hábitats protexidos pola Directiva Europea de Conservación de Hábitats (Directiva 92/43/CEE). Este tipo de plantas representa unha das maiores ameazas para a biodiversidade mundial, xa que fragmentan e alteran os ecosistemas onde se instalan, tal e como alerta o informe IPBES (Plataforma Intergobernamental sobre Biodiversidade e Servizos dos Ecosistemas) de 2023. Este informe tamén advirte que, sen cambios profundos na nosa forma de xestionar os recursos naturais, non se acadarán os obxectivos de conservación para 2030.

Figura 1. Localización xeográfica dos Monumentos Naturais declarados en Galicia e dos espazos naturais protexidos coincidentes con eles · Realización propia a partir da información obtida da Capa SIX Espazos protexidos Rede Natura 2000, Monumentos Naturais da rede Galega de Espazos Protexidos a escala 1:5.000, Reservas da Biosfera, Xeoparques e Límites e Poboación a escala 1:25000.
Táboa 1. Síntese de información básica de cada MN e Coincidencia dos MN con outras figuras de espazos protexidos · Elaboración propia a partir da información obtida dos Decretos de Declaración e dos Plans de Conservación de cada MN e dainformación obtida da Capa SIX Espazos protexidos Rede Natura 2000; Monumentos Naturais; Reservas da Biosfera e Xeoparques.

Para abordar esta situación, é clave contar con información precisa, especialmente nos espazos dedicados á conservación, como os Monumentos Naturais de Galicia. Este estudo céntrase en avaliar o estado destes espazos fronte ás plantas invasoras, cunha medición tanto do impacto en toda a superficie protexida como en hábitats específicos que figuran como prioritarios na Directiva 92/43/CEE.

Os Monumentos Naturais incluídos no estudo son: a Fraga de Catasós, o Souto da Retorta, o Souto de Rozavales, a Costa do Dexo, a Praia das Catedrais, a Carballa da Rocha, a Serra de Pena Corneira e o Pregamento Xeolóxi- co de Campodola-Leixazós, cuxa información principal pode observarse na Táboa 1 e na Figura 1.

Os resultados amosan que as áreas costeiras como a Costa do Dexo e a Praia das Catedrais son as máis afectadas, seguidas polo Souto da Retorta e a Serra de Pena Corneira, como se pode observar na Figura 2. Para abordar o impacto nos hábitats, foi necesario analizar como coinciden os Monumentos Naturais coas Zonas de Especial Conservación (ZEC), xa que estas zonas conteñen datos específicos sobre os hábitats protexidos presentes nestes MN.

Figura 2. Nº de EEI por MN · Elaboración propia a partir da información obtida nos Plans de Conservación, nas saídas de campo, e en Mouronte Barreiro (2015).
Figura 3. Nº de tipos de Hábitats afectados pola presenza de EEI en cada MN · Elaboración propia a partir da información obtida das capas SIX de MN, EEI, Hábitats do Plan Director da RN2000 e Mouronte Barreiro (2015).

Con todo, o Plan Director da Rede Natura 2000, que abrangue as ZEC de Galicia, aínda presenta algunhas carencias informativas a pesar de terse publicado en 2014. Para cubrir estas lagoas, utilizouse información da Axencia Europea de Medio Ambiente, que amosa que as plantas invasoras afectan principalmente a catro dos Monumentos Naturais estudados: o Souto da Retorta, a Costa do Dexo, a Praia das Catedrais e o Pregamento Xeolóxico de Campodola-Leixazós.

A situación é alarmante en zonas como a Costa do Dexo, onde todos os seus hábitats están afectados, e en Campodola-Leixazós, con impacto en 11 dos seus 15 hábitats. A Praia das Catedrais e o Souto da Retorta tampouco están a salvo, cunha media de hábitats afectados entre o 50 % e o 80 %, como se pode ver na Figura 3.

De todas as plantas invasoras, tres destacan pola súa capacidade para adaptarse e proliferar en diferentes hábitats: o vinagreiro (Oxalis pes-caprae), a hortensia (Hydrangea macrophylla) e a cala (Zantedeschia aethiopica), todas elas presentes en varios tipos de hábitats dos MN. Isto amosa a urxencia de tomar medidas, xa que a presenza de especies exóticas invasoras e a fragmentación dos ecosistemas son dúas das principais ameazas para a biodiversidade na actualidade.

A globalización, o comercio internacional, o turismo e o desenvolvemento de infraestruturas como estradas e portos están a facilitar o movemento destas especies a un ritmo acelerado, o que agrava o problema. Para enfrontalo, será necesario continuar investigando en profundidade os hábitats afectados nestes Monumentos Naturais e levar a cabo novas exploracións de campo. Só así se poderá mellorar a xestión e protección destes espazos únicos.

Bibliografía

Mouronte Barreiro, V. (2015). Valoración da presenza de especies exóticas invasoras en áreas naturais litorais da Mariña Luguesa. Traballo de Fin de Grao. Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural. Escola Politécnica. Superior. USC. Lugo. 58 pp.

Vinagreiro (Oxalis pes-caprae) · PlantNet
Cala (Zantedeschia aethiopica) · Jon Castaño Serna
Hortensia (Hydrangea macrophylla) · Jon Castaño Serna

*Jon Castaño Serna. PhD Bioloxía Vexetal pola Universidade de Vigo.

This article is from: