
3 minute read
Ramsés Pérez
from Cerna 87
Sarela Paisaxe Cultural
José Manuel Ortigueira Bobillo / Alvarellos Editora Galego (180 páx.) 2022 ISBN 9788418567230
Advertisement
O río Sarela representa unha parte fundamental da personalidade e da historia, de Santiago de Compostela. Non obstante, as súas poéticas augas e a súa riquísima contorna seguen a ser hoxe unhas grandes descoñecidas. Por esta razón, a presente obra será todo un descubrimento. Poderemos gozar do seu patrimonio histórico e dunha riqueza natural, a flora e a fauna, pois o Sarela agasállanos con verdadeiros bosques de ribeira que acollen un ecosistema natural único. Esta paisaxe complétase coa singular historia industrial do río. Toda esta documentación preséntase dun xeito áxil e didáctico, enriquecida con máis de 100 imaxes e ilustracións -actuais e históricas-, ademais dun detallado mapa que nos permite situar os lugares citados e camiñar, guía en man, por unha “nova” Compostela fluvial.
Guía del paisaje vegetal de A Ribeira Sacra
Javier Guitián, José L. M. Villar e Augusto Pérez Alberti / Ézaro Español (236 páx.) 2017 ISBN 9788494673115
Guía da paisaxe vexetal da Ribeira Sacra é unha guía que tenta mostrar o valioso patrimonio natural desta área. Inclúe unha serie de rutas e lugares para visitar pero, sobre todo, fai unha exposición detallada das súas características (xeoloxía, clima, etc.) e entra na descrición das comunidades vexetais agrupadas nos diferentes tipos de paisaxes: Biopaisaxes, Hidropaisaxes, Litopaisaxes, Agropaisaxes e Paisaxes alteradas. Este enfoque innovador permite identificar máis facilmente as diferentes formacións vexetais e axuda a localizalas no territorio.
Manual de recuperación de valados de pedra seca
Lucía A. Anido e Ramsés Pérez / ADEGA / Galego (77 páx.) 2022
Os valados son elementos patrimoniais ben coñecidos dende o punto de vista cultural e paisaxístico pero cunha faciana que ten pasado máis desapercibida, a súa función ecolóxica. Na publicación faise unha chamada de atención sobre a diversidade natural que acollen os valados de pedra seca así como as súas funcións ambientais e beneficios ecosistémicos. A obra ofrece tamén unha pequena categorización e nun extenso capítulo móstranse algunhas ideas para levar adiante a restauración dun valado de pedra seca.
En un metro de bosque: un año observando la naturaleza
David George Haskell Turner / Español (300 páx.) 2014 / ISBN 9788415832232
Un home senta todos os días durante un ano na mesma pedra do mesmo bosque, unhas veces loitando contra o frío e a choiva, outras a pleno sol. Outras sen que pase nada, outras presenciando feitos incribles. Esa é a historia narrada neste libro. Un ano escoitando cantar os paxaros, vendo caer e medrar as follas, seguindo o camiño das formigas, escoitando de fondo o ruído da estrada ou dunha motoserra. Nun metro de bosque está o mundo enteiro, e nel comeza e remata este libro como a mellor das novelas á vez que descobre unha realidade inesperada, como o mellor dos ensaios.

Que fai o mosquito por nós? A biodiversidade, clave para a vida humana
Frauke Fischer e Hilke Oberhansberg / Patricia Buxán Outeiro (trad.) Catro ventos editora Galego (208 páx.) 2022 ISBN 9788412463538
Que nos pode importar a nós, desde a outra beira do Atlántico, que se extinga unha especie no Brasil da que nunca oiramos falar? E non vos preguntastes algunha vez por que demo existen os mosquitos… ou as carrachas?
Atendede ben: sen mosquitos, ídevos esquecendo do chocolate! A natureza é unha rede en que cada organismo desempeña unha función esencial. Non hai especie que non dependa doutra, e os seres humanos non iamos ser a excepción. Sen a diversidade da natureza non dariamos sobrevivido: sen insectos non habería froita, sen microorganismos non habería humus… e, o dito, sen mosquitos non habería chocolate.
Ao destruírmos esta diversidade estamos a pór en perigo a nosa propia existencia. Para que iso non pase, este libro, Premio Alemán de Comunicación Medioambiental en 2021, preséntanos, con humor e claridade, o mundo fascinante dos animais e das plantas, que nos agasallan alimentos, seguridade, saúde e moito máis, e amósanos o que debemos facer para deter ―aínda estamos a tempo!― a sexta extinción masiva.
