O TESOURO DOS NOSOS AVÓS A vida das mulleres
Feito por: • • • •
Alejandra García Núñez Brais Vicente Lomba José Rodríguez Rodríguez Nerea López Álvarez
Testemuña 1: • • • •
Nome: Marcolina Franco Gómez Idade: 65 anos Nacida en: A Guarda Data de nacemento: 6 de xaneiro de 1943
Vivía nunha casa de dous pisos onde había moitos ratos, arriba era onde durmían e comían, debaixo era onde tiñan o porco, a cabra e as galiñas, o chan da parte inferior era feito de terra collida do monte para que absorbera as feces dos animais. Unha vez ó ano collíase esa terra e levábase cargada en cestos enriba da cabeza ata as leiras, para cultivar os alimentos para comer eles e alimentar os animais. Tiña que axudar nas tarefas da casa xunto cos seus pais e os seus irmáns. Tódolos días tiña que ir á misa coa cabeza tapada, e rezar antes de durmir.
Ademais das ocupacións da casa, tódolos días ían facer as redes ó porto, dividíanse en grupos de 10 ou 12 mulleres e cada grupo facía unha parte diferente da rede, as redes estaban compostas por tres capas unidas por unha corda grosa. Había varios tipos e tamaños de redes, ó rematalas para que non se enredaran estirábanse ó longo dunha das costas do porto. As redes facíanse pola tarde case de noite cando xa non se podía traballar nas leiras e no argazo.
Cando viñan mareas baixas recollían o argazo e cando facía bo tempo estendíase ó sol para secalo, despois levábase ás leiras e utilizábase como fertilizante xunto coa terra coas feces dos animais. Para coller o argazo utilizaban unha especie de pao que lle chaman cramoeiro e con el agarraban o argazo de debaixo da auga. Tiñan que poñer unhas botas de goma e meterse na auga ata a cintura. O argazo tamén se ía vender polas aldeas que non tiñan praias, íase a pé polas aldeas chamando nas portas.
Tamén, cando chegaban os mariñeiros do mar coas súas pescas, ía á lonxa a comprar o peixe a 3 pesetas o quilo. Despois, ían ela e a súa nai ata Tabagón a pé cos quilos de peixe nun cesto enriba da cabeza. Chamaban nas portas das casas preguntando se querían o peixe, e vendíano a 5 pesetas o quilo, así gañaban 2 pesetas. Primeiro ían andando de aquí a Tabagón. Máis tarde mercaron unha bicicleta e poñían unha cesta detrás para levar o peixe.
Informante 2: • • • •
Nome: Mª Consolación Barbosa Garabal Idade: 61 anos Nacida en: A Guarda Data de nacemento: 14 de Maio de 1947
Tivo unha infancia bastante bonita, non saía moito da casa. Sempre tivo o xusto para ter unha vida feliz e é unha persoa que se conforma con pouco. Trataba as persoas maiores de vostede e con moita educación. Ela e mais os seus pais e irmáns rezaban todos os días o rosario. Ós doce anos aprendeu a atar redes, primeiro eran de algodón, máis tarde de nailon e por último de tanza.
Axudaba moito nas tarefas de casa. Ós quince anos coñeceu o que hoxe en día é o seu marido, Xoaquín. Para ela o primeiro era a familia. Ós dezanove anos casou e tivo tres fillos, dos que hoxe en día está moi orgullosa. A primeira foi unha filla, Mª Graciela, que a tivo ós 20 anos, a segunda foi outra filla, MªConsolación Lomba Barbosa, que a tivo ós 21 anos e o ultimo foi un fillo, Xoaquín que o tivo ós 27 anos. Antes de que o terceiro fillo nacera morreulle o pai a esta muller, con 45 anos. Con sesenta anos coida da súa nai que esta encamada. Ela está moi orgullosa de poder coidar da súa propia nai e faino con moito cariño e respecto xunto co seu marido. Os domingos e en datas claves cociña para a súa familia, ou para case toda a súa familia, porque algunha das persoas está vivindo fóra, encántalle cociñar para a súa familia. Ten catro netos e unha neta, e encántalle que os seus fillos lle dean cariño e a respecten. Ela daría todo pola súa familia. En conclusión a vida desta muller non foi moi difícil, grazas a Deus, e pódenos contar como foi.
Informante 3: • • • •
Nome: Carmen Pereira Álvarez Idade: 82 anos Nacida en: A Guarda Data de nacemento: 15 Febreiro de 1926
Na escola só lles facían caso ás que lles levaban cousas de comer ás monxas, e o resto da clase estaba ó fondo, sen facer nada. Elas querían aprender, pero non lles facían caso, polo que ós 10 anos deixou a escola onde non aprendían nada e foi traballar coa súa nai por aí. Como non tiñan leiras, traballaban nas leiras doutros, que llas alugaban. A ama levaba a metade da colleita. Traballaban o millo, ó acabar a ama da leira ía alí e repartían o millo, e aínda ás veces tiñan que levarllo á casa. Chamábanlle “traballar a medias”, aínda que traballar só traballaban elas, a ama só aparecía por alí para vixiar o que facía e para coller a súa metade e que non levaran de máis. Un dito que se oía moito a propósito disto era: “a medias aínda se come pan” .
Tamén se traballaba no argazo. Nisto había moita xente, polo que moitas veces estaban enfrontados uns con outros polo sitio onde ían buscalo e onde o estendían para secar. Non tiñan reloxo, polo que marchaban de madrugada (sobre as 5-6 da mañá) pero sen saber a hora exacta, polo que ás veces chagaban as primeiras ou as últimas, ás 3 da mañá ou ás 7… O argazo tiñan que secalo, e logo levalo na cabeza ata o comprador, que llo pesaba e lles pagaba por el. Moitas veces este quedaba moi lonxe, e tiñan que recorrer moitos quilómetros ata a súa casa, cargando con máis de trinta quilos na cabeza.
Agora o argazo cóllese na terra, pero antes ó haber tanta xente tiñan que meterse no mar para apañalo antes que os demais. Outro traballo que facían era ir ó monte a coller fruma, gardábana nun cabanón, e logo en inverno vendíase para as estufas. Tamén ía vender o peixe e marisco que traía o seu pai do mar. Ás 4 da mañá levantábanse e levaban o peixe na cabeza para vendelo. E así recorrían as tendas da súa ruta, e así chegaban ata Burgueira co peixe na cabeza, e se non venderan aínda todo, a seguir ata máis lonxe ata vendelo todo. E cando chegaban outra vez á casa xa era case noite. Tempo libre tiñan pouco, xa que para ir vender calquera cousa tiñan que ir lonxe, e ó non haber coche leváballe moito tempo, pero como cando traballaban aínda eran novas, calquera momento que tiñan libre aproveitaban para ir xogar coas demais rapazas.
O pouco que sabía de contas aprendeuno pola súa conta vendendo o peixe. Ela sempre ía detrás da súa nai, a súa nai cargáballe o cesto e ela vendía porque como aprendera dos demais vendedores ela sacáballe máis diñeiro. Traballaran onde traballaran, e empezaran á hora que empezaran, o primeiro era ir á misa, non había día que non foran, aínda que fora ás 7 da mañá. Naqueles tempos tiñan moitas disputas, e por calquera cousa andaban a paos. Ós 13 anos regaláronlle un cramoeiro para coller o argazo e foi a maior alegría que levou, porque quería ir apañar argazo cun cramoeiro, coma os demais.
Informante 4: • • • •
Nome: Mercedes Martínez Piedra Idade: 80 anos Nacida en: A Guarda Data de nacemento: 4 de Marzo de 1928
Tivo unha infancia bastante triste pero non perdeu o seu sorriso. Foi ó colexio ata os 10 anos, logo tivo que comezar a traballar por necesidade da familia, pero aínda así aprendeu a ler e a escribir. A súa vida foi complicada. Casou ós 16 anos e tivo o primeiro fillo con 17 anos. Tivo 3 fillos máis co primeiro marido, que morreu ó ter o cuarto fillo. Despois da súa morte a súa vida complicouse moito máis, con 36 anos morreulle o segundo fillo afogado no mar, anos despois o primeiro fillo de SIDA e poucos anos máis tarde o terceiro nun accidente de coche. Despois de todo isto Mercedes entrou nunha gran depresión ata que coñeceu un home co que casou e tivo 3 fillos máis.
O segundo marido morreu hai 15 anos, traballaba como dinamiteiro e Mercedes como cociĂąeira.
Intentaban coordinar os seus traballos para non deixar os fillos nunca sós na casa. Mercedes levantábase cedo para ir preparar os almorzos ó restaurante onde traballaba, cando acababa volvía á casa e levaba os fillos á escola e logo facía as tarefas do fogar. Á hora da comida volvía facer o mesmo, ía a buscar os fillos deixábaos na casa e ía preparar as comidas ó restaurante, e pola tarde volvía á casa e seguía facendo as tarefas. Á noite outra vez o mesmo. Marchaba ás 8 da tarde e volvía ás doce da noite. Así día tras día... O dito da Guarda era que Mercedes facía as mellores tortillas do Baixo Miño... Entre esta vida tan ocupada tiña que sacar tempo para ir á misa, eran obrigadas a non faltar ningún día e ir coa cabeza tapada por un velo negro.
Entre tanta ocupación Mercedes só sacaba un pouquiño de tempo cada día para as súas cousas. Nos días festivos ou de fin de semana, Mercedes e o seu marido ían a seráns (pequenas festas ás que a xente acode a cantar e bailar música popular galega onde tamén se fan queimadas para as bruxas etc..) Mercedes ensinounos a letra dunha canción que di: “Axudádeme a cantar mozas da miña aldea, Axudádeme a cantar mozas da miña aldea, Axudádeme a cantar que son de terra allea Ailelalala aiele aielelo.. E o corazón dunha pulgha quen o soubera ghisare E o corazón dunha pulgha quen o soubera ghisare daba xantar e merenda, e a cea para ceare Ailelelala aieleaielelo...”
Conclusións: • Facendo este traballo démonos conta do afortunados que somos tendo todo o que temos agora. • Tamén descubrimos como foi evolucionando a situación da muller ó longo dos anos, pasou de ser un obxecto a ser unha persoa. • Observamos como cambiou todo, as rúas, os costumes, a forma de vida, as persoas...