Issuu on Google+

Influencias da tecnoloxía no xeito de facer e entender a música

Cástor Manuel Castro Vicente Ourense, 10 de setembro de 2010


Resumo: Vilar, Concello de Calvos de Randín, a escasos 4 km. do límite con Portugal, na fría noite do 2 de febreiro de 1944, un avión bombardeiro do exército canadense que se desprazaba a participar nas derradeiras campañas da Segunda Guerra Mundial choca contra a Serra de Pena espetándose no profundo dun barranco. Son anos de posguerra, moi difíciles, e a nave inesperadamente caída do ceo traerá unha pequena riqueza a este pobo afastado e innovacións que cambiaron o xeito de producir música. Uns vinte anos despois chegan as primeiras radios ao pobo de Vilar. Os Gaiteiros de Vilar, que antes se sentían “probes na música”, agora aprenden repertorio da radio e triunfan interpretando grandes éxitos de Eurovisión. Mais a xente vai deixando de facer festas improvisadas cos gaiteiros e xúntase os domingos pola tarde na tenda-bar a escoitar a radio. A música váise transformando nun ben masivo de consumo. Os poderes fácticos, a igrexa e garda civil tamén se preocupan dos bailes, pero para prohibilos. Os tempos cambian e os bailes de domingo van esmorecendo.

Abstract: Vilar, shire of Calvos de Randin, aproximately four km from the Portuguese border, on the cold night of the 2nd of February 1944. A Canadian bomber aircraft that was on manoeuvres in some of the last campaigns of the second world war, crashed into the mountain peak at “Sierra de Pena”, leaving a trail of destruction down the mountain side. These are difficult times after the Spanish civil war and the disaster brings a little treasure to the isolated village which would change the way that local people were to make their musical instruments. Some twenty years after this event, radio was to arrive in the village of Vilar. The bagpipe players of Vilar were always short of music to play could now expand their repertoire from the radio and would go on to have success playing popular hits of the day including music from the Eurovision song contests. But in this environment the people start to abandon the custom of the improvised musical fiestas with the bagpipe players and start to meet in the bars and cafes on a Sunday afternoon to listen to the radio. The music begins to be transformed into a consumer product. The Church and the Spanish Guardia Civil are also worried about the fiestas, but in order to forbid them.


Influencias da tecnoloxía na forma de facer e entender a música: Innovacións tecnolóxicas fortuítas A fría noite do 2 de febreiro de 1944, un gran balbordo esperta ás tres da mañá aos veciños do pobo de Vilar, Concello de Calvos de Randín (provincia de Ourense) a escasos 4 km. do límite con Portugal. No alto da serra de Pena, que fai fronteira, sucédense as explosións e as lapas. Un avión bombardeiro do exército canadense, que se desprazaba xunto con outras dúas aeronaves para participar nas derradeiras campañas da Segunda Guerra Mundial, foi perdendo altura ate chocar contra a montaña, quedando as súas grandes hélices cravadas no cumio e espetándose o avión no profundo dun barranco despois de abriren unha impresionante zanxa. As detonacións duran todo o día seguinte. A aeronave ía cargada de material bélico: bombas, metralladoras, fusís, mosquetóns

e

munición. Os seus seis tripulantes morren carbonizados. Son anos de posguerra, moi

difíciles,

segundo

e

lembran

os veciños algúns dos primeiros que chegan ao lugar do sinistro dedícanse a saquear. Segundo contan,

os

tripulantes levaban carteiras cheas de ouro

e

reloxios…

dólares, dise


incluso que a algún dos falecidos lle cortaron os

dedos para

sacarlle os aneis. Os gardas civís españois do posto preto os

de

Sabucedo

e

gardas

portugueses

apúranse a chegar

ao lugar, para protexer a zona.

Hamilton Spectator 31/3/1944

Os tripulantes foron enterrados no

Diario La Región 24/2/1944

cemiterio de Randín e os

seus corpos repatriados vinte e seis anos despois. Os restos do avión quedaron esparexidos na zona do impacto e alí ficaron durante case un ano (aínda hoxe en día áchanse restos de fuselaxe). Para evitar desgrazas, as bombas e demais armamento que non chegou a estourar foron soterrados preto do barranco. Os veciños de Vilar e Vilariño aproveitaron parte dos restos: Cordas e tecidos dos paracaídas, tubos metálicos, un pequeno motor que un carpinteiro levou para o seu taller. Moitas portas de palleiras e cortes rechapáronse con planchas do aluminio da fuselaxe daquel avión. Un ano despois uns quincalleiros pagaron por facerse cos restos, baixáronos en carros de vacas, e compraron no pobo todas as chapas “recicladas” a moi bo prezo, que se foron descravando dos portóns ata que non quedou ningunha.

Os mozos do pobo, que empezaban a tocar nos fiadeiros e triscas, aproveitaron para facer con aquel aluminio extremadamente lixeiro e inoxidable, os aros e corpo dun bombo e unha caixa que durante moito tempo animaron as festas da contorna. Bombardero Halifax R.C.A.F. canadiense

Altísima tecnoloxía bélica americana aplicada para innovar a creación musical nun pequeno pobo a miles de quilómetros de distancia.


Poucas lembranzas quedan da traxedia: O bombo e a caixa daquela xeración de mozos e mozas perdeuse e ninguén sabe onde foron parar… Quedan unha chave abrazadeira de aluminio empregada nunha mangueira de rego por D. Francisco Ferreira Vázquez, clarinete da “Música de Vilar”, un reloxo de pulseira que segundo din aínda conserva un cura-párroco veciño, e comentarios que corren coa boca pequena de que algún veciño, aínda en tempos recentes, teno pasado mal ao ires co gando cara a serra de Pena, pois escóitanse de cando en vez os ecos lonxanos dos gritos dos tripulantes falecidos.

Diversa propaganda canadiense II WW


A chegada da radiodifusión nos anos 60: Un cambio radical na forma de entender a música Tradicionalmente na Limia, igual que acontece na meirande parte de Galicia, o gaiteiro aprendía a técnica e o repertorio do seu instrumento dun xeito autodidacta (“de orella”, “de cachimonia”, como dicía D. Xoán Ferreiro, gaiteiro de Laroá, ou “aprendizaxe de curiosos” nas palabras de D. Francisco Ferreira, da Música de Vilar) é dicir, a base de escoitar e tentar imitar ós gaiteiros da súa parroquia 1, que tocan nas festas locais, nos múltiples fiadeiros que se organizaban no inverno, ou nas triscas2. Tamén incorporan melodías de orixe vocal, oídas a familiares e veciños, que adaptan ao instrumento. De feito, é ben coñecida o dito popular “Fai falar a gaita!” que indica a íntima imbricación que ten a tradición de gaita e a expresión oral. Moi poucos refiren ter adquirido os seus saberes doutro gaiteiro por ensino directo seguindo o esquema mestre-alumno. Quizais o único caso que podemos citar é Francisco Villarino Ojea, Paco de Escornabois, quen explica que o coñecido gaiteiro Leopoldo Quiroga de Córgomo-A Rúa (Lugo) estivera fuxido tras a guerra civil nos montes da zona de Baldriz, e que pasara quince días na súa casa ensinándolle a tocar. Ademais de aprender as melodías dos gaiteiros da zona e crear as súas propias muiñeiras, xotas, pasodobres, con variacións sobre os recursos e tópicos musicais herdados, a outra fonte de repertorio na primeira metade do S. XX provén das bandas de música. É importante salientar que os gaiteiros non se consideran a si mesmos “músicos”. Saber “música” e ser “músico” son termos que en Galicia se aplicou case exclusivamente a quen sabe solfexo, “tocan por papel”. Eles integran as chamadas “Músicas”, pequenas agrupacións ou bandas de música que xa abundaban a finais do S. XIX e tiñan longa tradición na comarca destacando as de Parada, Calvos de Randín, Trasmiras, a Xironda, Xinzo de Limia, ou a chamada “Música Rabeosa”, de Sanmartiño-Baltar.

1

Xeralmente iniciábanse xa de nenos con instrumentos vexetais que construían eles mesmos como pasatempo (palla de centeo, frauta de cortiza de castiñeiro, frauta e gaitas de sabugueiro). Xa de rapaz (14 ou 16 anos), cando a familia vía que tiña aptitudes e interese, mercábanlle a gaita (a veces unha frauta travesa de buxo). 2 Baile ao ar libre, que se celebraba a tarde de domingo nas airas, en que os mozos e mozas escotaban para pagar ao gaiteiro.


Nas festas locais cando había posibilidade económica, ademais do gaiteiro ou grupo de gaitas, era habitual contratar unha banda de música que fai a alborada, toca na procesión, na misa y á saída, e logo fai baile á tardiña, copando boa parte das actividades que antigamente correspondían ao gaiteiro. Durante o verán chegan a ter tantos compromisos que as bandas máis solicitadas teñen que repartir os “números” e facer varias agrupacións menores para atendelos, o que en ocasións non é ben visto polo pobo que contrata a banda, e así xorden ditos coma este “A orquestra de Julio Rato, tocan tres e bailan catro” (Julio Rato foi director da Banda de Música de A Limia). Son moitos os gaiteiros e músicos tradicionais que refiren que aprendían parte das melodías do repertorio das bandas. Dª. Concha Dacal Alvarez (Traballo de campo 10-1-2005, 83 años), filla menor de D. Xosé Dacal Peaguda (1876-1939) “o Cego da Gándara”, violinista, lembra cómo seu pai as mandaba a escoitar as músicas: “Cando foi na guerra, dicíanos alí no Cristal 3: -Espreta aí a música!-". (Outros exemplos, Dámaso Feijóo de Carpazás, Bande, TC 29-8-2000; Francisco Fernández, Gudín, xinzo de Limia, TC 28-11-2004, Música de Vilar, Calvos de Randín TC 25-10-2000; Delfín Martínez Castro, Nocedo-Blancos; Ernesto Araújo Pérez, da Carballal-Rairiz de Veiga).

A radio como nova fonte de melodías Toda esta situación sofre un cambio drástico coa chegada á comarca das primeiras radios a finais dos anos 50 e inicios dos 60 (primeiro procedentes do estranxeiro, tempo despois do mercado interior). En Galicia a emisora máis antiga foi Radio Pontevedra, creada en 1933. Na provincia de Ourense en concreto, as primeiras emisións radiofónicas as realizou na 3

Romaría da Virxe do Cristal, en Celanova.


capital D. Ramón Puga Noguerol dende o ano 1932 para promocionar produtos do “gran Bazar Puga” da súa propiedade, sito na rúa das Tendas. Nas seguintes décadas os seus contidos vanse facendo máis serios, pasan numerosas personalidades da vida cultural e profesional da cidade por ela, e adquire a denominación de Radio Ourense. Ata os anos 60 coexiste con algunhas radios afeccionadas e con radios parroquiais; no ano 1963 desaparecen por mor da nova regulación estatal as últimas tres emisoras “amateurs” da provincia, que emitían dende Ribadavia, Barco de Valdeorras e Xinzo de Limia. No ano 1966 Radio Ourense integrouse na Sociedad Española de Radiodifusión e aparecen dúas novas radios oficiais, La Voz del Miño (asociada a Radio Cadena Española) e Radio Popular (da COPE).

Anuncio publicitario na revista Aeroclub de Galicia, ano 1931 Fonte: ourensenotempo.blogspot.com

En Xinzo de Limia creouse Radio Limia en 1958, cofundada por D. Carlos Gómez García de Vedmar, destacado escritor e articulista. Ten unha existencia efímera. Neste contexto chegan os primeiros receptores ao pobo de Vilar, Calvos de Randín, onde empezamos falando neste artigo. Aínda que os diversos estudios que hai sobre a radio en España fálase que xa no ano 1943 había máis dun millón de radioreceptores, e destacan a importancia do medio


radiofónico na loita propagandística durante a Guerra Civil, o certo é que ao pobo de Vilar a primeira radio chegou case vinte anos despois.

Os Gaiteiros de Vilar (ou “Música de Vilar”) é unha formación de corte tradicional composta por clarinete, gaita, bombo e caixa, que desempeñou a súa actividade musical dende 1959 ata 1974 (retomada no ano 2000 ata a actualidade despois de seren entrevistados e gravados por nós). É a xeración musical inmediatamente posterior a aqueloutra que disfrutou do bombo e caixa con materiais de alta tecnoloxía bélica.

Música de Vilar, xuntos de novo. Año 2005 Fotografía: Alba Vázquez Carpentier. Difusora de Artes, Letras e Ideas

D. Francisco Ferreira Vázquez, o clarinete dos gaiteiros de Vilar, rememoraba así a irrupción da radiodifusión no seu entorno (TC 7-3-2005) “No ano 58 chegaron as primeiras radios, eran a pilas, procedentes de Venezuela. No ano 61 chegou alí a luz eléctrica e chegaron as radios, antes non había, máis ben polo 60. Pero ata aí, ata eramos pobres na música, porque quero dicir, non podías coller así cancións. Logo chegaron máis radios, unha delas era daquelas grandes de madeira, que estivo na tenda de Domingo Vázquez. Estamos falando dos anos 50, o único que ibamos collendo era das festas, das bandas de música. Cando xa empezaron os radios, pois xa ibas sacando unha cousiña


do radio, pero ¡Moitas veces as cancións non as collías completas, porque así de oído, tampouco é moi fácil, se houbera aquelas cintas casetes, a puñas, a volvías a poñer, e a base de poñela íala collendo toda”. Noutras conversas o Sr. Francisco comenta que por mor da mala recepción moitas veces deixaba de escoitarse as melodías e tiñan que inventar partes para completalas. “Nós tocabamos de todo, iamos tocando o que iamos sabendo, tanto dá que fora unha música clásica ou que fora unha música galega, y así foi. Collemos un repertorio de moitas, moitísimas cancións, iamolas collendo así, primeiro da radio, despois da televisión, que tocabamos moitas cancións que foran de Eurovisión, porque as de Eurovisión colliámolas con moita facilidade porque as repetían moito, por exemplo aquela canción que era dos ingleses que lle chamaban /Congratuleishon/ “Congratulations”. No ano 1968 Cliff Richards, membro de The Shadows, obtiña un segundo posto no Festival de Eurovisión, coa canción “Congratulations”, canción lixeira ou pop, que foi éxito en toda Europa. Hai moitos factores que fan que un grupo de corte que agora calificamos como tradicional como é a “Música de Vilar” chegue a incorporar ó seu repertorio este tema xunto con moitos outros (“La casita de papel”, “Kasachov”, “doce cascabeles tiene mi caballo…”4) aprendidos da radio naqueles anos. En primeiro lugar, a falta de prexuizos no tocante ao concepto tan debatido da autenticidade5. En Galicia, xa dende finais do s. XIX, a elite intelectual construíu un discurso de corte nacionalista ou etnicista en torno á figura do gaiteiro e da gaita, fixándoos como un dos maiores símbolos de Galicia, establecendo unha serie de características (vestimenta do s. XVIII, percusión con tambor de cordas e bombo, 4

Translocalidade musical ¿músicos galegos interpretando cancións de copla española, é equiparable aos okinawos interpretando música xaponesa? No artigo“Okinawa Latina: La orquesta Diamantes y la errante identidad de los emigrantes nipón-peruanos” de Shuhei Hosokawa, na Revista Transcultural de Música nº. 6 dánse pistas que os asemellan bastante. 5 Diversos informantes da zona, pódese dicir que identifican autenticidade con antigüidade p.ex. Eduardo Rivas, de Randín, frauteiro e clarinetista, percibimos que mide o valor das melodías que interpreta dacordo á súa idade, cando destaca que tal o cal canción é “antigüísima”.


repertorio de muiñeiras, alboradas, foliadas e alalás 6). Tal modelo encárnano á perfección tanto “Os Soutelo de Montes” -quizais o primeiro grupo de gaitas con verdadeira repercusión mediática-, coma os Coros creados a fins do XX, inicios do XX dentro das burguesías urbanas (Aires da Terra de Pontevedra, Coro De Ruada, de Ourense…). Á súa imaxe xurdirán multitude de grupos por toda Galicia. 7 O feito de ser A Limia unha comarca absolutamente periférica en Galicia fai que todas estas consideracións de tradicionalidade relativas a vestimenta e repertorio, teñan pouca relevancia entre os músicos. Son poucos os gaiteiros e grupos da comarca que teñan feito uso do chamado traxe tradicional (os “Airiños de Antela” de Baronzás, os “Eiroá de Nocedo”, e algún máis), e os que o empregaron foi xa en tempos do réxime franquista, mais influenciados por estéticas folclorizadas que por outras consideracións. En segundo lugar, a necesidade imperiosa de ter un amplo repertorio, ao que conflúe sen dúbida, o reto e interese que supón para o gaiteiro ou a Música interpretar un tema de éxito, coñecido e recoñecible polos receptores da súa música, e así amosar as súas habelencias musicais. Pero sobre todo inflúe o sentimento de que fan unha música para bailar, a súa función de entreteñemento (A. P. Merriam). Como explica o Sr. Francisco Ferreira: “Nós naqueles tempos tiñamos o ritmo xa moi controlado. Cando iamos facer unha festiña así polos pobos, “¡esto sí que da gusto! ¡Esto para bailar non hai nada 6

Xéneros “sospeitosos” coma os pasodobres, valses, mazurcas, polkas, rumbas, teñen sido excluídos deliberadamente dos principais cancioneiros galegos, o de Casto Sampedro (1943) y o de MartínezTorner e Bal y Gay (publicada no ano 1973). Como conclúe Luis Díaz G. Viana (R.T.M. nº. 6 2002) “ El colector es el gran autentificador, el que vela porque la tradición continúe”. 7 Despois este fenómeno de identidade incipiente é fagocitado polo réxime franquista e diluído dentro das iniciativas musicais que promoveu a Sección Femenina. Así expresaba e xustificaba ese forzado afán uniformador a súa fundadora, Pilar Primo de Rivera, no prólogo ao Cancionero Español de la Sección Femenina, del Frente de Juventudes de F.E.J. y de las JONS (1940 Madrid): “Cuando los catalanes sepan cantar las canciones de Castilla, cuando en Castilla se conozcan también las sardanas y se toque el “chistu” ; cuando del cante andaluz se entienda toda la profundidad y toda la filosofía que tiene, en vez de conocerlo a través de los tabladillos zarzueleros; cuando las canciones de Galicia se canten en Levante; cuando se unan cincuenta o sesenta mil voces para cantar una misma canción, entonces sí que habremos conseguido la unidad entre los hombres y entre las tierras de España”. Para contradicir a tan insigne teórica, basta reflexionar que o que non conseguiu a súa maquinaria ideolóxica acádano décadas despois os mass media e que nesta pel de touro uns centos de miles de voces álzanse cada mañá para cantar “¿Quién vive en la piña en el fondo del mar?”, tema principal de Bob Esponja, SpongeBob (emitido por Clan TV en España L-V ás 8:15 da mañá, S-D ás 10 hs) e composto por Sage Guyton, Nickelodeon Studios, e coreado por quizais millóns de individuos nas súas diversas linguas se o trasladamos á nivel planetario. Mais a unidade entre as persoas non vén de cantares a mesma canción, senón de fomentar o respecto á diversidade de pensamento e á variedade e riqueza cultural, lingüística e musical, que está en claro retroceso.


mellor! ¡Pero si agora veñen esas orquestas que a maior parte do tempo temos que estar mirando para eles que non somos capaces de bailar o que tocan!”. E nós tocabamos aquelo tan… ¡tan rumboso! Que boeno, o bailaba a xente. ¡Eu qué sei! Te acostumbrabas a aquel ritmo de bailar, do baile da xente, e te acostumbrabas a levar un ritmo, tanto do bombo e da caixa, como a gaita e o clarinete. Buscabas sempre un ritmo moi adecuado para que a xente bailase”.

Para ilustrar estes aspectos preséntanse como exemplos os seguintes cortes musicais8: -

Pista 1: Versión orixinal de “Congratulations” de Cliff Richards (que se expón con fines didácticos)

-

Pista 2: “Congratulations”, versión Música de Vilar (gravación do ano 2000)

-

Pista 3: “A muiñeira da raia”, interpretada pola Música de Vilar, e aprendida de banda de música (ano 2000)

-

Pista 4: “Xota de Vilar”, interpretada tamén pola Música de Vilar, e aprendida dos gaiteiros antigos do lugar (gravación do ano 2000)

-

Pista 5, “A vassourinha”, canción portuguesa aprendida doutros músicos da mesma zona, e que fora popularizada en 1912 por Deustche Grammophon e a Casa Edison. Nesta gravación é interpretada na gaita por Francisco Ferreira Vázquez e cantada por Recaredo Pena Vázquez, da Música de Vilar.

-

Pista 6, “Congratulations”, nesta ocasión interpretada por Julio Pérez Carballo, gaiteiro de Nocelo da Pena-Sarreaus (Limia). Recuperada dunha cinta de bobina aberta que a familia nos entregou e que foi gravada no ano 1969 –é dicir, o mesmiño ano seguinte de converterse nun gran éxito-.

8

Pódense descargar en formato mp3 do sitio web: www.musicarabeosa.tk


Julio Pérez Carballo, gaitero de Nocelo. Años 70

Si escoitamos os cortes 2, 3, 4 e 5, interpretados pola Música de Vilar, vemos que teñen un son coherente, gracias á asimilación que se produce cando catro melodías de moi diversas fontes son interpretadas cunha instrumentación tradicional e cuns recursos estilísticos propios. O tema “Congratulations”, en compás binario, que os bailadores convertían en agarrado (estilo pasodobre), era perfectamente asimilable e entendible tanto para os músicos como para o seu público9. Todo isto ten una profunda relación coa música como escoita, a coherencia contextual, a capacidade dos músicos de unir diversas tradicións sonoras, a apropiación musical axustada ás necesidades básicas e inmediatas (M. de Certeau), e a capacidade de “sintonizar” co seu público.

Outras consecuencias da chegada da radio: A desacralización da música 9

Este grado de similitude musical (rítmico, pero tamén melódico) con outros temas xa coñecidos para as xentes de Vilar, facilita este exemplo concreto de transculturación musical (Margareth J. Kartomi “Procesos y resultados del contacto entre cultura musicales” en Las culturas musicales ed. Trotta. 2001.)


Varios informantes refiren que naqueles anos coa chegada da radio pouco a pouco desaparecen as triscas nas tardes de domingo e a xente vai á taberna a escoitar a radio. A música perde toda noción de temporalidade e a súa delimitación espacial, libérase do ritual e desacralízase, o que supón un cambio radical na función social da música (como fala Josep Martí en “Músicas invisibles” R.T.M. 6, pero sen dúbida é aplicable aquí), múdase dunha música autoproducida, activa e participativa (coa canción, baile) a una música en maior medida pasiva e “contemplativa”. Coincide este declive tamén coas cada vez maiores dificultades para realizar estes bailes. A una actividade social espontánea, a partir dos anos 40 e 50 se lle impón normativamente que os mozos obteñan primeiro un permiso gubernativo para o baile, que hai que tramitar en Xinzo (a uns 50 km. do pobo de Vilar) e se esixe aos músicos estar sindicados. A garda civil controla ambos requisitos e moitas veces é o cura quen denuncia os bailes ilegais. Chégase a tal punto que por citar un exemplo, Julio Pérez Carballo, gaiteiro de Nocelo da Pena, despois de diversos problemas cos gardas, acaba por tocar só nos pobos máis distantes, onde non chegan nin as estradas nin os civís. O acordeonista Manuel Nocelo Jardón, de Sanmartiño-Baltar despois de varias multas, acabou vendendo o acordeón (TC 9-2-3005): “Víñanme chamar os mozos, pero despois multáronme en Feás, e había que sindicarse para poder tocar, e claro ¿cómo me vou sindicar eu? Eu sindícome pero Cómo un mozo por un baile dun domingo iba ir a Xinzo a firmar os contratos? .. Así se quedou a cousa”. Julio Pérez Carballo de Nocelo da Pena, Sarreaus (TC 18-3-2005). “[Antes tocaba…] no pueblo, casi todos os domingos. Aghora viña niste tempo, en Corpus, e Navidades e Pascua e todo eso, os domingos todos todos, eí nesa contorna, alí en Nocelo, e Lodoselo, e eses pueblos todos, pero en Lodoselo, xa digo foi cuando empezou a vir a guardia civil e retirarnos e pralí non nos animábamos moito, foi cuando empezaron a faer as carreteras e pralí circulaban máis, nós como estaba un pouco máis pra riba, non viñan tanto. Daquela nós non podíamos tocar, andaba a ghuardia civil sempre detrás de nós, e despois aghora ó último faían sacar hasta permiso i eso, aghora mismo unha orquesta pra poder tocar ten que sacar permiso senón non deixan tocar, e nós daquela inda viñamos moitas veces eí en Lodoselo, estuvemos tocando eí, e apareceu a ghuardia civil e nós escapamos e os mozos tamén cada un pra onde pudo e despois iles


[os mozos] claros, disculpáronse que iles non nos mandaran vir, e tiñamos que paghar nós o mochuelo, despois viña a ghuardia civil, “non, pois eiquí hai que paghar, senón non podedes tocar” i escapabamos e deixabamos de tocar e fuera. Así andabamos a escapadas. …Había que sacar permiso pra tocar, nós non ghanábamos prel, cómo ibámonos nós paghar permiso nin nada, entós nós escapabamos como os demáis, il escapaban e nós tamén. Entón viñan “Ai que tal senón multámovos”, e por aquí e por alí, pero por fin ibamos pasando e “bueno, pois pra outra vez”, eles marchaban tamén, que non iban estar alí toda a tarde.”

A modo de conclusión Hai innovacións tecnolóxicas fortuítas e puntuais que non perduran no tempo, como a que expuñamos ao inicio. A seguinte xeración de gaiteiros do pobo de Vilar, a “Música de Vilar”, a quen entrevistamos, tamén fixeron no ano 1959 o seu propio bombo e caixa, que aparecen tocando na fotografía, pero xa non dispuxeron daquel fabuloso aluminio ultralixeiro -pasarán décadas ata que materiais similares sexan empregados para a fabricación de instrumentos de percusión- senón que empregaron chapas de zinc que “tomaron” dunha caseta de obra abandonada da construción da estrada de Pitoes das Junias (Portugal) a Calvos. Outras innovacións, ou máis ben revolucións, como a que se produce coa masiva chegada das radios e casetes e a “democratización” desta tecnoloxía, que independiza a música do intérprete, permitindo escoitar a música en calquera lugar, ambente e situación, enchoupan todos os aspectos da vida social (medios de comunicación, produción e difusión musical, aparición da música ambiental), e mudan para sempre o “ser” e a conciencia musical da sociedade, e os seus receptores non teñen alternativa: adaptarse, beneficiarse das súas vantaxes e minimizar a influencia negativa que poida ter no seu facer musical, ou desaparecer. O doado ou difícil acceso á industria musical favorece ou invisibiliza certos tipos de música. No caso que estamos a expoñer, ao ser A Limia unha zona totalmente lonxana dos centros económicos de produción de Galicia, país tamén periférico dentro do Estado, teremos que esperar ata o ano 1993 para ver publicada a primeira gravación


en cinta casete “comercial” dun músico tradicional limiao, D. Francisco Villarino Ojea, o Sr. Paco de Escornabois, en claro retraso e desvantaxe respecto doutras áreas e tradicións musicais, o que da pe a moitas reflexións que exceden das pretensións e extensión desta comunicación.


Bibliografía CÁMARA DE LANDA, Enrique. Etnomusicología. Madrid: Instituto Complutense de Ciencias Musicales, D.L. 2003 CARPINTERO ARIAS, Pablo. A aprendizaxe tradicional da gaita de fol En: Actas do primeiro congreso de ensinantes de música tradicional galega. Santiago de Compostela: Asociación de Gaiteiros Galegos, 2007. CARPINTERO ARIAS, Pablo e MARÍN MARTÍNEZ, Xoán Ramón (Deseños) Os instrumentos musicais na tradición galega. Ourense: Difusora de Artes, Letras e Ideas, 2009. CARPINTERO ARIAS, Pablo e CASTRO VICENTE, Cástor. Os sons da Limia. (librocd) Ourense: Difusora de Artes, Letras e Ideas, 2009. CASTRO FLOXO, Colectivo. Cancioneiro popular da Provincia de Ourense Vol. II Comarca da Limia. Ourense: Ed. Deputación. 2003. CASTRO VICENTE, Cástor e CASEIRO NOGUEIRAS, Delfín. Catálogo de músicos da Limia. Música tradicional.Ourense, Vilar de Santos: Difusora de Letras, Artes e Ideas, Museo da Limia, 2005. CASTRO VICENTE, Cástor. «O cego da Gándara.» Lethes. Cadernos culturais do Limia. Xinzo de Limia: Centro de Cultura Popular do Limia, 2006, nº 8, pp. 14-27. COSTA, Luis, Las rumbas olvidadas: transculturalidad y etnicización en la música popular gallega en Sociedad

de

Revista Transcultural de Música nº. 8. Barcelona: Ed. SIBE-

Etnomusicología.

http://www.sibetrans.com/trans/trans8/indice8.htm

[Consulta:10-9-2010]

CRUCES, Francisco e

outros. Culturas Musicales. Lecturas de Etnomusicología.

Madrid: Ed. Trotta. 2001 MARTÍNEZ CARNEIRO, Xosé Luis (coord.). Antela. A memoria asolagada. [con casette]. Vigo: Xerais, 1997. MARTINEZ TORNER, Eduardo e BAL Y GAY, Jesús Cancionero Gallego, A Coruña: Fundación P. Barrié de la Maza.1973 SAMPEDRO Y FOLGAR, Casto Cancionero Musical de Galicia. A Coruña: Fundación P. Barrié de la Maza.1982.


VV.AA. Revista Transcultural de Música nº. 6, xuño 2002. Barcelona: Ed. SIBESociedad

de

Etnomusicología.

http://www.sibetrans.com/trans/trans6/indice6.htm

[Consulta:10-9-2010]

VV.AA. O feito diferencial galego. Música. Galicia fai 2000 anos. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego. Vol. 1 e 2. 1998

Discografía de músicos citados: VILLARINO OJEA, Francisco e GAITEIROS DA PONTEVELLA. A marcha do meu pobo. [Gravación sonora]. Bias records, 1994. VILLARINO OJEA, Francisco. O Gaiteiro de Escornabois. [Gravación sonora]. Vilaboa: Edicións do Cumio, 2007.

Videografía de músicos citados: GAITEIROS DE VILAR -Calvos de Randín. En: Alalá [Programa televisivo] nº 25, emitido o día 31-10-2006 [en liña] http://www.crtvg.es/tvgacarta/index.asp [Consulta 10-92010]

SEGUÍN MATÍAS, Hermelinda, Hermelinda do muíño. En: Alalá [Programa televisivo] nº 19, emitido o día 27-6-2006 [en liña]. http://www.crtvg.es/tvgacarta/index.asp [Consulta 10-9-2010]. VV.AA. Catálogo de Músicos da Limia. En: Alalá [Programa televisivo] nº. 29, emitido o día 28-11-2006 [en liña]. http://www.crtvg.es/tvgacarta/index.asp [Consulta 109-2010]. VILLARINO OJEA, Francisco. Paco de Escornabois. En: Alalá [Programa televisivo] nº 17, emitido o día 13-6-2006 [en liña]. http://www.crtvg.es/tvgacarta/index.asp [Consulta 10-92010]. O gaiteiro de Escornabois. Gravado por Alba Vázquez Carpentier. En: Vídeo do entroido de Castro de Laza [videogravación en liña]. http://webs.uvigo.es/ronsel [Consulta 18-03-2009].


Infuencias da tecnoloxía no xeito de facer e entender a música