Page 1

V JIA 2012 Arqueoloxía para o S. XXI Queridas/os compañeiras/os, Un ano máis, convidámosvos á participación nas Xornadas de Novas/os en Investigación Arqueolóxica, destinadas a todas/os aquelas/es investigadoras/es que aínda non leron a súa tese de doutoramento. Este ano, grazas á elección levada a cabo polo Comité Científico, estas celebraranse no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC), en Santiago de Compostela. Serán as V Xornadas de Novos en Investigación Arqueolóxica, e dende a nosa institución xunto co Comité de Organización faremos o maior esforzo posible para estar á altura das edicións anteriores. Celebraranse durante os días 9, 10 e 11 de maio, realizándose unha excursión o día 12 de maio. Co paso dos anos, o evento foi consolidándose, até o punto de terse convertido nun punto fixo no calendario da nova comunidade investigadora, non só a nivel peninsular, senón tamén internacional, basta con ver as estatísticas dos últimos anos. Dende o Incipit queremos manter o traballo levado a cabo polos anteriores comités organizadores, pero apostamos pola introdución dunha serie de modificacións que fagan aínda máis atractivo o evento. Buscamos, sobre todo, unha maior participación e responsabilidade por parte de todas/os as/os participantes, para que o éxito do mesmo sexa compartido por todas as persoas presentes nas Xornadas.

PROXECTO CIENTÍFICO DO CONGRESO Dende o Incipit apostamos por unha proposta novidosa, interesante e ambiciosa. Centrada, verdadeiramente, no intercambio de ideas e propostas por parte de todas/os as/os participantes, fuxindo dos congresos meramente expositivos. A intención do noso proxecto é


que se leve a cabo durante as Xornadas unha reflexión real e profunda sobre a prática arqueolóxica do S. XXI, a todos os niveis. Por elo, propoñemos: 1º. Formular novidosas temáticas. Dende o Comité de Organización, como xa se expuxo no JIA2011, valoraranse as propostas temáticas orixinais, por iso, elixíronse unha serie de temas orientativos á hora de elaborar as propostas que están en consoancia co subtítulo das Xornadas: Arqueoloxía para o S. XXI. Avaliaranse positivamente aquelas propostas que traten temas como: - A participación civil en Arqueoloxía. - O papel das redes sociais na creación de coñecemento arqueolóxico. -Multidisciplinariedade en Arqueoloxía: a necesidade de abrir (aínda máis) os nosos horizontes. - Políticas actuais de xestión do coñecemento arqueolóxico - Arqueoloxía Social e Arqueoloxía Pública - Arqueoloxía e Xestión Patrimonial - Arqueoloxía e Educación: ¿como se educan hoxe as/os arqueólogas/os do futuro? - Un pouco de teoría: Narrativas en Arqueoloxía para o século XXI. Facendo balance tras despedirnos de Lewis Binford. 2ª. Modificación da estrutura do congreso. Consideramos que debe verse modificada, substituíndo as sesións tradicionais, exposición e debate de curta duración, por un modelo máis orientado a mesas redondas, onde a discusión sexa o eixe central das mesmas. Por iso, a pesar de que se manterá a posibilidade de realizar sesións co formato dos anteriores JIAs, valorarase a presentación de mesas redondas.

CONVOCATORIA DE SESIÓNS Coa difusión desta circular inicial, queremos establecer as condicións necesarias que serán esixidas para que as propostas remitidas sexan aceptadas para formar parte do programa do JIA2012.


Deste xeito, abrimos o prazo de recepción de propostas que finalizará o día 1 de decembro de 2011. Estas propostas deberán axustarse, ao máximo posible, ao disposto nesta circular. O Comité de Organización debaterá e compoñerá, vistas as propostas, o organigrama das próximas xornadas, para facelo público en xaneiro de 2012. Entón abrirase o período de aceptación de comunicacións para a participación nas distintas sesións xa configuradas, para o cal rexerán as normas da 2ª circular. As características serán: 1. Sesións tipo Mesa Redonda. As sesións con este formato, estarán divididas en dous bloques, separados por un breve descanso. O primeiro bloque compoñerase dun máximo de 6 ponencias, aproximadamente, duns 10 minutos cada unha. Ao finalizar estas 6 ponencias terá lugar un descanso duns 10 minutos. Trala volta á sesión, terá lugar unha mesa redonda. O obxectivo da mesma, é a substitución da quenda de preguntas/debate actual, pola instalación dunha mesa redonda, cuxo tema será o marcado para a sesión. Estímase que a duración total da mesa será de 2 horas. RECOMENDACIÓNS. Se estás interesada/o en propoñer unha mesa redonda sería conviente que seguises, na medida do posible, estas recomendacións. O teu papel é esencial para a organización da mesa, así como para o seu seguimento durante as Xornadas e a súa posterior preparación para a publicación. - En todo momento debes estar en contacto coas persoas que van participar nela, informándolles sobre o que se lles vai pedir, sobre os tempos e sobre o seu labor antes, durante e despois da mesa. - É importante que recibades con tempo os textos que teñan preparado os/as participantes para poder deseñar unha estratexia de debate o máis acorde posible coas facetas que queiran resaltar cada unha/un delas/es. - Sería bo que tamén circulasen os textos entre todas as persoas que participen na mesa, para que cada quen vaia pensando nas posibles preguntas ou cuestións a formular. - É moi importante que o debate non se esgote antes da mesa. É dicir, non pode haber contacto fluído entre as/os participantes, nin intercambio excesivo de ideas entre elas/es,


dado que no momento da celebración da mesa, os discursos resultarían demasiado planos e o debate esgotaríase con facilidade. - Estamos traballando para que a totalidade da mesa quede gravada en formato de audio. Aínda así, sería conveniente que unha parte do equipo coordinador tratase de recoller os temas que se teñan abordado na mesa, e así dispor de máis información á hora de redactar o artigo final. - Por agora non podemos dicirvos qué formato de publicación terán as mesas redondas. Podemos adiantar que terán unha extensión maior ca dun artigo de sesión tradicional e que nela aparecerán os nomes de todas as persoas participantes, diferenciando entre as/os editoras/es (o equipo coordinador), as/os poñentes/participantes da mesa, e as/os autores/as do texto (as persoas que teñan participado na redacción do texto final). Estas/os últimas/os dependerán da maneira na que o equipo coordinador decida traballar: ben incluíndo os textos íntegros das/os poñentes e engadindo un texto conxunto, ou ben elaborando un texto xeral coas ideas máis importantes da mesa. Este aspecto será de libre elección e nas seguintes circulares iremos dándovos máis información ao respecto. 2. Sesións tradicionais. As sesións presentadas con este formato, manterán a estrutura dos JIAs anteriores, onde un coordinador de sesión proporá un tema a tratar. A sesión dividiranse en dous bloques, un inicial expositivo, e unha segunda parte de menor duración

para a quenda de

preguntas/debate. Estímase que a duración total da sesión tradicional será de 1 hora.

A persoa que propoña cada sesión, unha vez sido elixida, independentemente do formato, converterase en coordinadora da mesma. Por elo, deberá manter un contacto fluído cos autores e autoras sobre a organización da sesión (antes, durante e despois do JIA 2012), así como a adecuación dos correspondentes textos para a publicación cos obxectivos da sesión; realizando as tarefas de relator/a no transcurso das xornadas; e actuando de nexo de unión, en definitiva, entre as/os participantes e o comité organizador. Por outra banda, queremos lembrar que se dará prioridade a aquelas sesións que traten temas relacionados coa temática xa exposta, así como a aquelas propostas que aposten polo formato de mesa redonda.


Para a formalización das distintas propostas, é preciso enviar a seguinte documentación ao correo jia2012secretaria@gmail.com: •

Exposición detallada (dunhas 1000 palabras) na que se argumenten as motivacións e obxectivos preliminares da organización da sesión. Este texto serviría de descriptor para a posterior convocatoria de participación, polo que debería ser moi expresivo e alentador.

Guión cunha serie de preguntas e puntos de debate de breve formulación sobre os que pivotarán tanto as exposicións como os debates ou mesas redondas posteriores de cada sesión, a modo de axenda de actuación.

Datos completos da persoa ou persoas que se encargarán de realizar as tarefas de coordinación da sesión, con e-mails, direccións postais e teléfonos de contacto.

Relación de investigadoras/es que terían confirmado o seu interese por participar nesa sesión, cos seus temas de estudo e datos de contacto.

De cara á realización de proposicións, quereriamos facervos varios rogos e observacións: •

Se, unha vez aberto o prazo de recepción de propostas de sesións, derase a situación de que recibísemos propostas similares, tratariamos de poñervos en contacto para que reformulásedes sesións comúns.

En función do número de sesións recibidas, adecuariamos o seu deseño interno, sobre todo respecto á duración das exposicións de cada participante e do debate, polo que non será até xaneiro cando vos indiquemos estes datos de maneira definitiva.

Dende o Comité de Organización farase un esforzo por ofrecer sesións variadas, nas que poidan ter un oco o maior número de novas investigadoras/es posible. Por elo, animámosvos encarecidamente a que nos enviedes as vosas propostas, e que animedes tamén as vosas/os colegas a participar, nas distintas modalidades, no próximo JIA 2012.

A persoa ou persoas que sexan coordinadores dunha sesión poden tamén participar cunha comunicación no transcurso desa mesma sesión.


Con esta primeira circular, iniciamos a andaina cara a celebración do JIA 2012. Esperamos que poidamos atoparnos entón gran parte das/dos novos investigadoras/es que xa nos temos atopado nos JIAs anteriores; e que aquelas/es que non estivestes vos animedes agora a asistir. Para calquera dúbida ou suxerencia, non dubidedes en escribirnos á nosa dirección de contacto ou visitar a nosa páxina web: jia2012secretaria@gmail.com http://sites.google.com/site/jia2012compostela/proyecto-jia-2012

Un saúdo, Comité de Organización JIA2012

1ª circular JIA 2012GALEGO  

Dende o Incipit apostamos por unha proposta novidosa, interesante e ambiciosa. Centrada, verdadeiramente, no intercambio de ideas e proposta...

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you