Page 1

O POZO Recollida polo alumno José Manuel Boullosa Bello, de 1º ESOA Narrado por José Manuel, inspirado nun personaxe de ficción televisiva. Protagonistas: o señor e a criada.


Era unha vez un home que vivía nunha casa grande e tiña moitas terras e riqueza. Vivía con el unha serventa que facía os traballos da casa e tamén axudaba no campo.

Un día, mentres a muller recollía a louza lavada para a colocar nas prateleiras, caeulle un prato, mais non un prato calquera..., un prato que o señor herdara da súa familia materna e que tiña en grande estima polo seu valor e a súa antigüidade. A serventa, moi nerviosa, tentou ocultar o feito ao señor, que tiña moi mal carácter, mais este acabou por se enteirar e, nun arrouto de raiba e furia violenta, bateu na muller quen, ao caer, golpeou a cabeza contra o canto da lareira e morreu no acto.


O home, ao ser consciente da morte da muller estivo cavilando como ocultar o seu corpo e… cavilando, cavilando, decidiu deitalo no pozo da eira, atado a unha grande pedra para impedir que o corpo subise á superfície. O que non sospeitaba aquel home era que nunca máis podería achar sosego na súa vida.

Todas as noites, alá polas doce, comezaba a letanía daquela voz do alén que chegaba do fondo do pozo: “un prato, dous pratos, tres pratos...” e así até ao infinito... O home non conseguía prender no sono por causa dos remorsos que aquelas contas lle traían e, pouco a pouco, foi ficando máis e máis débil.


Porén, un día, armouse de coraxe e decidiu baixar ao pozo para ver de onde procedían as voces e... cal foi a súa sorpresa, cando se encontrou coa pantasma da criada, que continuaba a limpar nos pratos mentres contaba e contaba neles. Aquela imaxe sobrenatural provocou tal conmoción no debilitado corazón do home, que sufriu un ataque cardíaco fulminante que o levou nun instante.

Ainda hoxe, contan os veciños que algunhas noites continúan escoitándose as voces desde o fondo daquel pozo.

O POZO  

HISTORIAS DO ALÉN

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you