Page 1

O ARREPENTIMENTO Recollido por Verónica Pedreira Lage de 1º ESO B Narrado polo padriño de Verónica, Anxo Lage Rivas en Pontevedra Protagonistas: María, Pedro, Merche, Fernando e Virginia. Lugar onde aconteceron os feitos: nunha finca en Vigo


A familia de María tiña moitas terras alá pola zona de Beade, no Concello de Vigo. Unha tarde foron vendimar todos os membros da familia : Maria e o seu home, Pedro; o irmán de María, Fernando, e a súa cuñada Merche. Como non tiñan con quen deixar a pequena, María e Pedro decidiron levar a súa filla Virxinia con eles; aínda que a nena non quería ir, porque non tiña con quen xogar mentres os maiores vendimaban. De calquera maneira, os pais obrigárona a ir. Cando chegaron á finca, a rapariga ficou a brincar ela soa, mentres os adultos preparaban as navallas e os cestos de vimbio para apañar as uvas. Todo trascorreu ben, entre contos, falares e risos, e os cestos foron enchéndose pouco a pouco ao longo da tarde; mais cando chegou a noitiña, María decatouse de que había xa algún tempo que non sabía nada de Virxinia, quen durante o traballo estivera indo e vindo continuamente onde os pais, para pasar o tempo.


A nai chamou por Virxinia, mas non obtivo ningunha resposta. Alarmada, saiu da viña para procurala mentres gritaba o seu nome pola finca adiante, sen obter resposta. Pouco despois, xa se uniran á busca o pai e os outros membros da familia. A cousa comezaba a pórse fea, estaba anoitecendo e a nena aínda non tiña aparecido.

Entón, un grito de espanto saíu dun dos cantos da finca, mesmo onde o terreo facía unha fonda depresión, profunda como un precipicio. A nai da rapaza viña de decubrir o corpo sen vida da pequena Virxinia. Os pais pensaron que aquel era un castigo por teren teimado en levar a nena con eles a pesar de ela non querer. Todos se arrepentiron…


Ben, todos non: a avoa da nena, unha Muller chea de rancor e ruindade que, por sentir, nin pena sentía pola coitada meniña, non sentía arrepentimento ningún e aínda dicía que a miúda tivera o fin que merecía por ser, segundo ela, tan caprichosa.

A partir de entón, comezaron as aparicións do espírito desacougado da pequena, que comezou a roubarlles o sono aos pais, aparecendolles pola noite, como unha pantasma na néboa dos soños. Tamén a avoa recibía esas visións durante a noite, mas ela sabía que era debido á súa falta de arrepentimento.


Así transcorreron os meses sen que aquela familia encontrase acougo por causa do sentimento colectivo de culpa. Un día, a avoa, atormentada polos remorsos e os seus malos pensamentos sobre a coitada neta, dirixiuse ao cemiterio para facer unha ofrenda de flores ante a pequena tumba e mostrarlle a Virxinia o seu sinceiro arrepentimento. E aquel acto tan simple foi suficiente para que toda a familia recuperase a serenidade de espírito e puidese superar a tráxica morte da pequena.

Tamén ela descansou en paz, e nunca máis volveu aparecer polas noites nos soños dos seus seres queridos.

O ARREPENTIMENTO  

HISTORIAS DO ALÉN

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you