XI Concurso Literario Mª Vitoria Taboada: Textos premiados

Page 1

Textos premiados

Ilustración da portada: Pedro Alonso Cascallana

XI Concurso Literario Mª Vitoria Taboada

Textos premiados

1º premio na categoría de relato curto:

NOA GIL ROZADOS polo relato: Euxea

Euxea

“Anda, non me sexas parva! Deixa iso aí, Euxea!”

Acababa de chamarme Euxea? Esta xente tolea cada día máis. Que Euxea nin que leria! Eu chámome Alice. Son unha androide que vive nun mundo illado dos humanos, máis ben vivía, xa que un grupo de xente con traxes negros, coma as cinzas que deixa a leña despois de arder, atacou a miña cidade.

“Euxea, deixa iso e come ou voucho tirar ao lume!”

E dálle con Euxea, moito se debe parecer esa cativa a min. Que me chamo Ginger! Non creo que a tal Euxea collese un avión a París da noite para a mañá porque os miolos lle estivesen a rebentar do estrés.

“Ti o que es é unha aburrida, anda a xogar con nós, Euxea”

Jennifer, J-e-n-n-i-f-e-r! Mira que vos costa, eh. Ademais a vós non vos vai ben, a xogar eu? Se teño que ir á miña exposición de arte! Que Jack non me vai andar esperando sempre!

“Euxea, son as tres da mañá! Apaga a luz e a durmir, ti sempre cos fociños no demo dos libros”

Ui, pasoume o tempo voando, terei que apagar a luz. Sabedes? Teño moita curiosidade por quen serei mañá. A xente chámame aburrida por ler, pero non teñen nin idea! Vós imaxinádevos que perdidos están que me din que non desfruto da vida. Pois andan equivocados. Mentres eles só son eles, só viven nesta aldea e só fan unha cousa de cada vez, eu xa fun aviadora, modista, profesora, artista, escritora... Xa vivín aquí, en Australia, en París... Xa tiven fillos, fun un robot e tiven a oportunidade de coñecer a un cento de persoas!

Ao final é o que eu digo sempre: quen non ve nun libro máis que papel e tinta está destinado á máis aburrida das vidas.

Accésit na categoría de relato curto:

tronada

NOA GIL ROZADOS polo relato: A

A tronada

Entrei no teu cuarto buscando protección. Fóra tronaba, eses ruídos tan fortes, coma os que fan as bombas que tiran nas festas, ambos os dous ruídos me dan medo. Sabes por que? Porque me lembran esa noite. Unha noite na que tamén tronaba, unha cativa asustada polos ruídos que escoitaba, esa era eu. En busca de protección, fun ao teu cuarto. A mamá marchara porque tiña unha cea de empresa, e ben ti sabes o que facías cando a mamá non estaba. Ao entrar no teu cuarto vinte, de pé, nese estado. Camiñabas formando un “s” co teu andar.

Deixei de tremer polo que pasaba fóra e empecei a tremer polo que vía diante. Chameite coa maior inocencia que unha nena asustada chama a seu pai, e lanzáchesme a mirada máis severa que endexamais me mandara alguén. A botella de cristal que suxeitabas coa man esquerda deixaba ver un líquido, ese que chaman “sangue de Cristo”, pero que cando a xente o bebe mesmo semella que anden da man do demo. Abriches as gadoupas e deixaches caer a botella, que petou no chan deixando o viño todo ciscado, facendo un gran estrondo, un ruído que non cheguei a oír. Antes de que puidese reaccionar, a túa man xa me petara nas fazulas, aquelas que ti mesmo bicaras tantas veces. Ás meixelas seguiulle o peito, logo a gorxa e, finalmente, pechei os ollos e quedei durmida, xa non me importaba a tronada, eses ruídos xa non tiñan ningún sentido.

Ao espertar, nunha habitación branca, vinte a ti chorando nunha cadeira, pedíndome que non contase nada. Un home de bata branca como a habitación, como todo nese lugar, branco desesperante, pero tamén calmadiño, achegouse a min e preguntoume se me acordaba do que pasara, eu respondinlle que non, e ti, ben agudo cando che convén, dixeches que caera por unhas escaleiras. Que escaleiras, papá?

Gil Rozados

1º premio na categoría de poesía:

AROA AMORÍN NEGRO polo conxunto de poemas titulados, respectivamente: “As paces coa casa”, “Catarse” e “Obsesiva”

As paces coa casa

Algún día farei as paces coa casa e perdoareille os meus pecados e os da miña familia toda.

Algún día farei as paces coa casa e imaxinarei dela un fogar, botareina de menos e estarei soa.

Algún día estarei soa, máis que nunca, e na casa só atoparei recordos a medias e teas de araña que atraparon moscas xa mortas, soterradas en po.

Iso que quero perseguir sen moverme. Toda a miña vida, e eu, pedirémonos perdón algún día.

Catarse

Nada pode facerse xa.

Eu mordo unha culler de madeira mentres se evapora o sangue envelenado que deixaches nas miñas arterias.

Un desastre, un desastre. Unha trapallada sen precedentes.

Atópote no peor de min sempre, e por iso son peor cada día.

Bótote de menos, non podo mentir.

Son ás veces coma un can en adestramento, pois loito contra o meu instinto polo ben da paz e a concordia, por soterrarte con vapor.

Pero rompo, xúroche que creo que rompo. Rompo porque eras unha bala nunha arteria e eu aínda non sei coser ben nin teño forza de vontade para parar de sangrar

Obsesiva

Atópome contemplando unha patética realidade, tanto física como persoal, que é a de observar unha natureza artificial dende a comodidade máis mesquiña e beber do que queda no cu da botella que te deixaches ao meu carón.

Observando o absurdo da miña realidade nunha natureza artificial contemplo a similitude que ten esta co agarimo non correspondido para unhas entrañas tan expectantes.

Fun dar cunha teoría que dita que a miña inmortal e testana necesidade de querer terte é moi similar á de crear natureza artificial coas mans dun deus cruel. Obsesiva.

Aroa Amorín Negro

Accésit na categoría de poesía:

LEDICIA SILVA FERNÁNDEZ polo conxunto de poemas titulados, respectivamente:

“Comecei con medo”, “Un nubeiro” e “E agora por fin”.

Comecei con medo con nervios, soidade cun baleiro por dentro cunha carga inevitable.

Funme adaptando aos pequenos retos.

Fun superando as cousas co tempo

Tiven amigas que se foron. Foron coma xoias coma tesouros

Eran os piares que me sostiñan.

Eran mares de alegrías

E de súpeto o ceo tornou negro, deixándome cun feo sentimento no peito

Un nubeiro entrou no meu mundo e fíxome perder a alegría nun segundo.

A partir de aí, os problemas comezaron, facéndome pensar en todo rematalo.

Unha persoa entrou na miña vida e fíxome crer que era miña amiga

Estaba triste, derrotada, deprimida. Dentro dun burato do que cría nunca sairía

E aos poucos deime conta de que aquela amiga non era boa.

E que tiña que deixala por outra persoa .

E agora por fin podo mirar atrás, sabendo que non volverá pasar.

Sabendo que teño amigas ao meu carón. Que non son tóxicas nin me romperán o corazón.

E grazas a iso, estou mellor, sen tantos problemas sen tanta dor.

Sen unha opresión no meu peito. Sen soidade a cada momento.

Todos me din que estou mellor sen ela con outro brillo nos ollos coa cara máis contenta

Ledicia Silva Fernández

: Biblioteca

Maquetaxe “Mario Pereira” IES Ramón Mª Aller Ulloa Lalín, maio de 2024. Mes das Letras Galegas Biblioteca Mario Pereira IES Ramón Mª Aller Ulloa

Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.