
3 minute read
ENTROIDO INTERXERACIONAL dende o Centro de Día da Farixa
O Entroido en moitos puntos de Galicia e en especial na provincia de Ourense é tradición, historia e sentimento, pero tamén hai espazo para o cambio e o intercambio nestas datas.
Por iso, este momento é unha gran oportunidade para poñer en marcha un proxecto interxeracional, pois esta festa é común a todas as idades. Tendo en conta os cambios culturais, todas as xeracións entenden o Entroido de tal forma que poden atopar diferentes puntos de unión e a partir de aí crear algo propio de maneira conxunta. Despois do letargo que nos proporcionou a “pandemia”, este ano retomamos o “Entroido Interxeracional entre o Centro Interxeracional de Ourense e o I.E.S Ramón Otero Pedrayo” na súa segunda edición, xa que a primeira se realizou no ano 2020. Foi un festexo no que desfilaron comparsas formadas polos alumnos e alumnas e os membros do Centro Interxeracional con diferentes temáticas de disfraces e posterior exhibición dunhas espectáculares coreografías.
Advertisement
Dende o Centro Interxeracional todas aquelas persoas que quixeron participar, previamente, uníronse aos grupos de comparsas de 3º da ESO e, de xeito conxunto, decidiron a temática dos disfraces, planificaron e ensaiaron as coreografías ao longo de diferentes encontros programados. E chegou o día! O 17 de febreiro, nas instalacións do I.E.S Ramón Otero Pedrayo, o alumnado e as persoas do Centro Interxeracional compartiron e gozaron da festa do Entroido representando aos moteiros máis heavys da contorna xunto cos protagonistas das praias galegas conxugandose nun único grupo con unha mesma coreografía final. E non esquecemos á nosa deusa grega do Centro Interxeracional que compartiu pasos de baile, emoción e camaradería xunto co resto de deuses e deusas do Otero. Sen cabida a prexuízos, sen importar a idade e sempre festexando a vida.
O obxectivo fundamental destes encontros, foi aproveitar a oportunidade que permite un tempo e un espazo de enriquecemento mutuo entre os participantes coñecendo a persoas que se atopan nunha etapa da súa vida diferente, diferentes da súa familia e podendo desmontar estereotipos ou prexuízos que puidera haber respecto a persoas de idades diferentes. Luz, participante do centro interxeracional dinos: “Pasámolo moi ben, pero o mellor de todo foi o que estes cativos e cativas nos ensinaron… o compromiso, a empatía, a igualdade e o aga- rimo que desprenden en todo o que fan”. Para Teresa, deusa grega do centro interxeraciona,l “Esta dicia estaba no aire e o mellor de todo o apoio recibido polas miñas compañeiras e compañeiros da comparsa”.“ Para o ano repito, foi moi gratificante compartir cos cativos e cativas o festexo do entroido”, expresaba Carmen, moteira do centro.
Con este proxecto propoñemos desmitificar as barreiras da distancia entre xeracións dando cabida á participación e empoderamento de todas as persoas independentemente da súa idade, do seu momento vital, do seu estado físico e cognitivo. As relacións interxeracionais amosan a importancia e subliñan o impacto positivo que teñen as xeracións máis novas sobre as maiores e viceversa.

Somos Clara Marra, Aroa Vázquez e Martina Domínguez, alumnas de 3º ESO B que participamos no Proxecto Interxeracional este curso. A actividade consistiu en preparar unha coreografía para a celebración do Entroido en conxunto coas persoas do Centro Interxeracional da Farixa. A nós dende o principio pareceunos unha idea xenial e encantounos que contaron con nós para este proxecto.
Son Clara Marra Vázquez. “A min este proxecto pareceume unha boa idea para coñecer a xente doutras idades e poder aprender eles de nós e nós deles en moitas cousas. Dende o primeiro momento conectamos moi ben con elas e empezamos a ensinarlles o bailes, adaptándose perfectamente ao que tiñamos pensado e adaptamos algúns pasos do noso baile ás súas ideas. As persoas do centro de Día repartíronse entre os tres grupos. Pareceume unha moi boa experiencia e gustariame repetila para o ano que vén.”

“Eu son Aroa Vázquez Fernández e xa cando nos dixeron a idea deste proxecto tiña moitas ganas de empezar. Xa o primeiro día cando viñeron ao instituto e estivemos cos maiores sabía que ía aprender moito e que ía pasalo moi ben. Non me confundín nisto. Encantoume disfrutar desta experiencia e espero que se siga facendo, xa sexa connosco ou con outros rapaces e rapazas.”
“Agora é o meu turno. Son Martina Domínguez Pereira e a experiencia pareceume moi bonita. Paseino moi ben e disfrutei moito. Aprendín deles e eles creo que tamén aprenderon moitas cousas de nós. Durante a actuación disfrutei moito e encantoume como o fixemos. Non gañamos pero non pasa absolutamente nada. O importante é participar e pasalo ben, cousa que fixemos indubidablemente. Repetiríao moitas veces máis.”
A conclusión final que sacamos da experiencia é que non debemos tratar aos maiores como se fosen nenos, xa que nos poden ensinar moitas cousas que non sabemos.
