Historia andante
BIBLIOTECA IES Pedra da Aguia
O MISTERIO DO EXAME DESAPARECIDO Capítulo 1. A partida (Emilio Roca) Aquel recreo Emilio entrou na biblioteca un pouco tarde. Quedara a falar cos de 2ºA para aclarar os puntos do exame do día seguinte. Xa en canto abríu a porta notou que aquel recreo ía ser tranquilo, había moito silenzo. - Que ben, –pensou- hoxe non terei que andar todo o rato a pedirlles que baixen o volume. Camiñou entre as mesas coas mans nos petos e un asubío entre os dentes, sen deixalo saír, non fora que lle dixeran a el que na biblio non se asubiaba! O ambiente era do máis tranquilo, incluso pode que un tanto tranquilo de máis. - Xaque mate! Roi miraba cara el, coa man aínda enriba da peza de xadrez, pasando a mirada por riba de Álvaro, o seu eterno rival no taboleiro. Emilio mirou a partida: Como que xaque mate? – preguntou. Xaque mate! –insistiu Roi. Pero se nin siquera é xaque. Xaque mate! Tes ganas de meterte comigo –díxolle, baixando a voz e facéndolle un xesto para que tamén el baixara o volume. - Xaque mate! -
Decatouse entón de que algo estraño pasaba, a cara de Roi estaba moi seria, sen expresión, coma se estivera hinoptizado ou algo así. Sentiuse un pouco intranquilo. -Déixate de lerias Roi, non hai mate, segue coa partida. Foi entón cando reparou en que non era que na biblioteca houbera máis silenzo do habitual, é que o silenzo era absoluto. Non se escoitaba o balbordo do corredor nin entraba son algún pola ventá. Mesmo o tic-tac do reloxio da parede pareceu deterse. Mirou para as outras mesas. Todos miraban cara el. - Xaque mate! -volveu a escoitar, pero a voz non viña da mesa de Roi e Álvaro. - Xaque mate! –volveu soar. 1
Mirou as mesas nas que había taboleiros de xadrez. Eran catro ou cinco... en todas elas as pezas estaban exactamente na mesma posición que na partida de Roi. Aquilo era estraño, moi estraño. Sentiuse raro. - Non tolees, Emilio, estás imaxinando cousas –pensou. A cabeza empezaba a darlle voltas e tiña unha molestia continua nos ollos. Pechounos con forza. Cando os abriu a sensación foi distinta, como se a luz, o aire, o son, fosen máis reais. Ergueu a cabeza e botou unha ollada pola sala. Todo parecía normal. Roi e Álvaro estaban rematando a súa partida; na mesa do lado o grupo de Marina, Sandra e Nerea estaban a mirar os deberes da clase seguinte. Un grupiño dos de 1º estaban na mesa do fondo, con libretas, lápises, regras e compases. Todo parecía no seu sitio. -Onde estarán Sara e Raquel? –pensou- raro que non anden hoxe por aquí, non apareceron en todo o recreo. E como é que non hai ninguén nos ordenadores? Nin sequera Michael, ou Isma? Non, se aquí algo raro si que hai!... - Riiiiing, riiiinnnng A serea tocou e sacouno dos seus pensamentos. Quen pode pensar cun ruído coma ese? -Sillaaas, sillaaaas!! –díxolles, máis por costume que outra cousa. Saíron todos e quedou un momento a ordenar as cousas. Apousou a radio-CD na mesa para recoller a libreta e os exam.... - Onde demo puxen os exames? Esperta Emilio -dixo para si- que andas a durmir! Pero non aparecían. Nin na carteira, nin na mesa. Nada. Nunca na vida perdera uns exames. Os de 2ºB esperando para facelos e os exames sen aparecer. -Non, non. Non pode ser. A ver, calma, onde demo os puxen...? –quedou pensndo
2
Capítulo 2. A carta do cartafol. (Sara Carballo 4ºA) Emilio estaba preocupado. Non era quen de encontrar os exames, e xuraría que os deixara alí. Entón, alguén abriu a porta e volveu á realidade. Tódolos alumnos desfilaban en fila india, e dirixíanse ás súas clases. O recreo finalizara. Emilio sempre soñara con esa tranquilidade… Pero agora o seu soño resultaba frustrante e inquietante. Saiu da biblioteca collendo os seus libros de clase e a radio-CD. Soltou un suspiro e apagou as luces, pechando a porta tras de si. Nese momento, dúas rapazas e un rapaz entraban pola porta do instituto que estaba bastante preto de onde el estaba e viunas entrar. - Emilio!- soltou a máis xove das dúas rapazas. Tiña o pelo castaño escuro e ondulado, recollido nunha coleta. Os seus ollos eran azuis verdosos. Adoitaba saudalo sempre que o veía. Era unha das ex-alumnas de inglés que pasaran de curso. -De onde vindes?- preguntou estrañado de non velas antes na biblioteca. -Tanto Raquel coma eu vimos de recoller no aeroporto a un amigo noso que vén de intercambio… Que pasa? Que non te lembras? Deberías sabelo, es profesor de inglés-constestoulle de novo. Era certo. Un novo alumno de intercambio con Londres, que era amigo das dúas rapazas, chegaba hoxe pola mañá. Debía ser o rapaz que as acompañaba cun xesto algo tímido, xa que non entendía nada do que falabamos. O seu nome era Kyle. -Síntoo, non caía da burra. Levo un dia un tanto raro -explicou Emilio, pegando unha ollada a clase na que debería estar agora repartindo uns exames, sentándose na mesa do profesor e controlando que non copiaran entre eles (o que era raro vendo como estaban hoxe). Todos estaban quedos nas súas sillas. Non movían nin un músculo… Estaban completamente inmóbiles. Un arrepío percorreu o corpo do profesor de inglés dende a cabeza aos pés. Os rapaces miraron cara o lugar que Emilio espiaba. -Normalmente non están tan calados antes dun exame de inglés -comentou Raquel, en inglés, para que Kyle se enterase daquela situación insólita.
3
Nese preciso instante, Emilio decatouse de que pousara unha das súas carpetas nun dos andeis da biblioteca mentres colocaba uns libros. Correu adentro seguido das rapazas, que non entendían o que lle pasaba. A carpeta, co nome de 2ºA, estaba enriba dun dos andeis, e, esperanzado, abriuna. O que encontrou nela non era o esperado… Había unha carta. -Sabedes? Son un gran xogador de xadrez… Xogaremos alguna vez un campionato? -preguntou Kyle. -Supoño que si, tódolos anos xogamos, e para cando se celebre aínda estarás aquí! Supoño que Emilio estará xa preparando as cousas -contestoulle Raquel. Sara, que era a máis xove, achegouse a onde estaba Emilio. -Que e iso?-preguntoulle curiosa. As mans de Emilio tremían intentando comprender o que a carta dicía. “A partida comeza aquí. O perdedor perderá o mais prezado dos tesouros que non todos merecen e aprecian: a vida, e converterase nunha peza… Condenado a seguir a partida da eternidade” Sen darlle tempo a reaccionar, un rapaz entrou pola porta. - Non vén o profe de sociais… Podo coller un xadrez? - Álvaro! Non ven Jacobo? -preguntou Sara cos ollos iluminados. Álvaro moveu a cabeza indicando que non. -Estás raro -indicou Raquel, tocándolle o ombro. Álvaro, sen dicir nada ao respecto, abriu a porta do armario onde estaban os xogos de mesa e sacou unha das moitas caixas de xadrez que alí había. -Déixao, non collas nada -prohibiulle Emilio, alarmado polo que acababa de ler. A pesar do aviso do profesor o rapaz marchou co xadrez para clase. -Que demos pasa? –preguntou Kyle en inglés, pois non entendía nada do que estaba a ocorrer.
4
-Nin sequera nós o entendemos… -contestoulle Raquel.
Capítulo 3. As pezas. (Raquel Rodríguez) Os ollos de Sara e Raquel pasaban por riba das pezas de xadrez, supostamente novas, que relocían no sol de media mañá. Sorprendía o realismo das mesmas. Emilio xa marchara había escasos intres a buscar a Auri, a outra profe encargada da biblioteca. Kyle miraba polos andeis da biblioteca rebuscando un libro de inglés-galego. - Que ocorre? –dixo este último achegándose ás rapazas intentando falar o galego. - Xogamos unha partida? –preguntoulle a rapaza máis nova a súa curmá maior. - Sácate, que eu sempre perdo, a non ser que xoguemos ao revés – díxolle Raquel collendo os peóns na man. Sen dúbida eran as súas pezas preferidas. - Como que ao revés? – preguntou Kyle. O seu galego era medio tirando a alto, pero non sabía entender ben á xente deste poboado que falaba moi rápido. - O que perde as pezas todas, gaña – díxolle Raquel alegremente, dirixíndose a Kyle en inglés.
5
Sara riuse cos dous anglófonos. Viu a carta que Emilio abandonara na mesa, ao lado do taboleiro de xadrez. Colleuna e púxose a ler. - E logho isto? Converterase nunha peza? – murmuraba Sara e Raquel e Kyle, mirando por riba do ombro dela, tamén a leron. - Se xogamos ao revés tamén nos converteremos en pezas? – preguntou Raquel, merecendo unhas olladas de incredulidade dos seus compañeirosOes, que só era unha pregunta! - Que mal estás, Raquel –dixo Sara ríndose. Mentres Kyle e as dúas rapazas xogueteaban coas pezas relocentes, Emilio volveu con Auri, Almudena e Silvia. Emilio parecía nervioso, medio cabreado, medio cheo de medo. Almudena tentaba calmalo, e Auri colleu a carta que os rapaces abandonaran por mor do aburrimento. Os profes colleron as pezas para examinalas e os ollos dos tres rapaces fixáronse neles Parecían espías axexando aos profes. Logo dun anaco apareceron Roi e Álvaro que se achegaron ao grupo de rapaces. - Kyle, queres xogar ao xadrez? –preguntoulle Roi ao rapaz estranxeiro. Este levantou a mirada e asentiu coa cabeza. - Elixe, negras ou brancas? – preguntoulle ao mesmo tempo que se sentaba diante de Kyle. - Negras, empezas ti –respondeulle o rapaz que era un verdadeiro xenio cando se lle falaba de xadrez. - A partida comeza aquí! – dixo Sara nun ton misterioso e ao mesmo tempo burlón. - O que perda a partida converterase nunha peza! –engadiu Raquel no mesmo ton. - Condenado a seguir a partida por toda a eternidade! – ramatou Sara. E as rapazas botáronse a rir sen decatarse que non se trataba dun chiste… 6
Capítulo 4. A camisa (Javier Brey) Chegaron as 2:15 e soou o timbre. O instituto estoupou en gritos, portazos e carreiras, os nenos ás súas casas e os profesores aos seus coches. Ao pouco, silencio. Plácido percorreu o instituto revisando as aulas, pechando portas e ventás, pero algo chamou a súa atención. "Que carallo fan estás pezas no chan?". A biblioteca estaba aberta e as luces apagadas pero había tres pezas negras de xadrez perfectamente colocadas na súa entrada. - Emilio?- chamou. Ninguén contestou. Recolleu as pezas, botou una mirada rápida ao interior da biblioteca e pechou a porta. - Adeus Plácido, ata mañá -despedíanse Mar e Almudena, e aínda que o sobresalto de Plácido lles fixo rir, el continuou cavilando. - Encontrei estas pezas no chan, aquí na porta da Biblioteca... a biblioteca está aberta... non sei, non entendo nada -explicaba Plácido. - Nin o entenderás xamais -respondía Almudena ironicamente mentres saía do instituto a toda présa cara ao seu coche. Mar cerraba a porta de dirección, pero Plácido non estaba de todo tranquilo - Ben, mañá vemonos, Plácido - despedíase Mar. - Mar, un momento -interrompeu Plácido- Emilio segue no instituto? Fáiseme raro que non pechara a porta da biblioteca. - Emilio? Que Emilio? - preguntou Mar, pero a bucina do coche de Almudena non lle deixou un momento a Plácido para responder -Déixote que hoxe está Almudena con moita présa, xa sabes, dille a Kyle que xa falarei con el do asunto da biblioteca. Mar saiu correndo a toda présa do centro sen mirar atrás - xa vou, xa vou!. Plácido gardou as pezas de xadrez no peto; algo non encaixaba na rutina diaria, "Kyle… , quen é Kyle?, seguro que se confundiu con Emilio". Pechou o instituto e dirixiuse ao seu coche.”Merda, as pezas!”, pero xa non pagaba a pena voltar a abrir o instituto. “Non pasa nada, xa as deixarei mañá”, cavilou. O ceo ameazaba tormenta e as nubes grises e escuras traían pouco a pouco a noite antes de tempo. “Que desagradable se fai moitas veces o inverno cando anoitece tan pronto, ás 6 xa é case de noite”, pensaba Plácido.
7
Terminou de comer e a súa muller recollía a mesa. A televisión era só un ruído de fondo cando uns fortes golpes contra a porta espertárono dos seus pensamentos. - Eeeeeeh, traquiiiiiiilo, vas romper a porta! - gritaba mentres abría. Empurrando brutalmente entrou unha figura na sala que do golpe tirou a Plácido contra a parede. Este levantouse rapidamente e, abalanzándose contra o intruso, agarrouno do pescozo e o aprisionouno contra o marco da porta. Pero…, a súa cara resultoulle coñecida, moi coñecida. - Emilio? - preguntou sen entender o que pasaba - Que fas? Que pasa? - O exame... Kyle... as pezas.. as pezas... -Emilio choraba desesperado, non podía manterse en pé e acabou abrazando a Plácido- A partida comeza aquí... Estou condenado, estou condenado! Plácido non tivo tempo de reaccionar cando Emilio saiu fuxindo rúa arriba. Os gritos sacaban á xente das súas casas que, pouco a pouco, íase amontoando a curiosear. - Emilio! -gritaba, pero non recibiu resposta. Perdeuno de vista entre o xentío e saiu na súa busca cando unha ambulancia branca empurrouno contra o chan. Levantouse como puido e correu buscando a Emilio; abriuse paso entre a xente, pero cando o alcanzou, unha camisa de forza impedíalle a Emilio calquera movemento, mentres dous homes uniformados introducíano a empurróns na ambulancia. - Eu son Emilio! E que non me coñecedes? Son Emilio! -gritaba desesperadamente e revolvíase intentando escapar, pero era inútil. Entón, entre a multitude puido ver a Plácido. - Plácido, son Emilio, son Emilio!- suplicaba - Eu son Emilio! Plácido intentou acercarse, pero o golpe que notou na súa cachola deixouno sen sentido uns minutos. Cando espertou a rúa estaba baleira. Volveu á súa casa buscando as chaves no seu peto, pero só encontrou as malditas pezas de xadrez. Tirounas ao chan e seguiu buscando as chaves, as malditas chaves que non 8
aparecían. Petou na porta, pero ninguén abriu. "Onde carallo estará a miña muller?" preguntábase. Golpeou outra vez máis a porta, e outra vez moito máis forte. Non había tempo que perder, colleu o coche e saiu camiño do instituto. Nin se decatou de que deixara prendido o motor do coche cando entrou no instituto. Tampouco se decatou de que o estaban observando, pero non lle pasaron desapercibidas as tres pezas negras de xadrez, perfectamente colocadas na entrada da biblioteca. Xa era demasiado tarde cando viu a Kyle baixando as escaleiras da entrada. - Plácido, a partida comeza aquí.
Capítulo 5. Sherlock vai de camiño (Roi Chans Gerpe 4ºA) Plácido quedou aterrado con esas palabras. Kyle acercouse e díxolle que entrara na biblioteca e collera un taboleiro de xadrez. Sentáronse nunha mesa do fondo e empezaron a partida. Uns cinco minutos máis tarde chegou Roi, todo preocupado polo que lle pasara a Emilio, e Kyle levantouse para sacalo da biblio. Roi resistíase, pero finalmente quedou fóra e Kyle pechou a biblioteca. Continuaron a partida: - Non me podes facer isto!!! – berraba Roi desde fóra. Marchou desesperado en busca de Henrique para pedirlle a chave mestra, pero resulta que a tiña Plácido, coas outras chaves, colgadas do pantalón. A partida era interesante, Plácido estaba a punto de perder e Kyle tiña case todas as pezas sobre o taboleiro. Moveu a raíña e: - Xaque mate!!! - Non pode ser, mecaghina..., pero felicidades de todos modos - dixo Plácido. Cando lle quixo dar a man xa se convertera nun peón xigante sobre a mesa. - Xa cho dixera Plácido, a partida comeza aquí, e o que perda perderá a vida e converterase nunha peza de xadrez, pero non teño porque gastar saliva, xa es un peón. Nese intre Roi abriu a porta de golpe: - Detente Kyle. Devólvelle a vida a Plácido ou matareite.
9
- Que insinúas? - Quero dicir que ti fuches o que puxo esa carta maldita na carpeta de Emilio e tamén fuches ti o que maldiciu a carta. - Engánaste. Non fun eu, foi a túa amiga Sara a que me dou a idea. - Non cho creo, Sara non é quen de facerlle iso a un profesor nin a ninguén. Jacobo escoitou os berros entre Roi e Kyle; foi mirar e entrou na biblio. - Ola, ti debes ser o alumno de intercambio, Kyle. - Si, encantado. - Non o toques Jacobo, faime caso, este rapaz non é unha boa persoa- dixo Roi. -Penso que estás un pouco alterado, reláxate –dixo Jacobo. Nese mesmo día Jacobo estivera corrixindo uns exames de 4ºA e partíndose de risa. Pero cando foi dar clase a 4ºA xa non os tiña, igual que lle pasara a Emilio. Outro misterio que non tiña solución. Tamén entrou na biblio Olga, un chisco máis tarde, a buscar uns libros para uns alumnos castigados. Kyle saudouna en inglés e os dous puxéronse a conversar: - Olga, a partida comeza aquí. - Que partida, Kyle? - Unha partida na que haberá que loitar pola vida, unha partida de xadrez. - Eu non sei xogar a iso. - Tranquila que che aprendo eu. Roi tratou de impedilo, pero unha forza misteriosa púxoo fóra da biblioteca e a porta pechouse soa. Roi comezou a chorar de desesperación e a dar patadas contra a parede. De repente entra no insti Emilio. - Emilio, estás ben!!! - Que pensabas? - Encontraches os exames?
10
- Non, aínda non, pero ando niso. - Non es o único ao que lle desapareceron os exames. - Ai si? - A Jacobo tamén lle desapareceron uns exames da nosa clase. - Isto non é unha coincidencia, estou seguro, pero non te preocupes, entre nolos dous resolveremos este caso. - Penso que che sentaron mal as pastillas, Sherlock. - Estou falando en serio Roi. - Acepto investigar xuntos o caso, pero cunha condición. - Cal? - Eu quero ser Sherlock Holmes. - Como queiras. Uns ruídos estraños viñeron da biblioteca. Roi e Emilio achegáronse e miraron pola ventaniña da porta; viron unhas luces extraordinarias polas paredes. Cando deron a volta apareceu Sara e o insti tiña as paredes pintadas como un taboleiro de xadrez. - Sara -berrou Roi- ti estás aliada con Kyle! Vós creastes un conxuro sobre esa carta que atopou Emilio no cartafol. -Tarde o pillas, eu e Kyle non somos persoas normais, somos feiticeiros. Nese intre Álvaro, que chegara ás agachadas, agarrou a Sara, pero esta trincouno no brazo e escapou. Roi, Emilio, Álvaro e Jacobo estaban atrapados no instituto. Todas as portas estaban pechadas e Olga estaba na biblioteca xogando ó xadrez con Kyle. De repente misteriosas pezas de xadrez apareceron movéndose soas polos taboleiros pintados nas paredes. A sirena, en vez de soar coma sempre, falaba de forma robótica: - Xaque mate, xaque mate, xaque mate…!!! Escoitouse a voz de Kyle dende a biblioteca: 11
- SI!!! TOMA!!! Xaque mate!!! - Felicidades. Todos foron mirar pola ventaniña e viron unha torre sobre unha mesa; era Olga convertida nunha peza. Kyle rompeu a porta e deulle un golpe na cabeza a Roi, que quedou inconsciente durante moito tempo. - Xa tedes dúas persoas menos coas que contar. Ha, ha, ha, ha –ría Kyle. - Non che permitiremos que fagas máis das túas -dixo Jacobo- Roi xa me avisara, e non lle fixen caso, pero agora doume de conta do erro que cometín. Pero Kyle xa non o escoitaba, desaparecera da súa vista. Todos quedaron reunidos ao carón de Roi. - Esperta, esperta. - Que, que?? Ai, como me doe a cachola! - Déronche un golpe coa porta da biblioteca. - Perdón por non facerche caso Roi - dixo Jacobo. - Non pasa nada, todos cometemos erros. Basta xa de falar sobre min e busquemos a ese maldito feiticeiro. Todos foron buscando porta por porta, pero quedaron alucinados cando viron que as aulas se converteran en taboleiros de xadrez e as mesas e sillas en pezas.
Capítulo 6. A morte de Sherlock (Álvaro Parga González 4ºA) Asustáronse e pecharon a porta de 2ºB, que era a que acababan de abrir. Roi deu un suspiro e todos quedaron observándoo. Estaba a sangrar pola cabeza. Pensaron que sería do golpe que levara, pero non estaban seguros. -Maldito Kyle! - exclamou Roi. Emilio suspirou e foille buscar uns algodóns e alcohol á secretaría. Mentres esperaban, sentáronse no chan mirando as lousas e escoitaron uns pasos no piso de arriba. As súas miradas pasaron do chan ao teito, ao tempo que Jacobo viu a Silvia acercarse a eles dende a sala de profesores. 12
- Que pasou? - dixo Silvia ao ver o sangue de Roi. - Nada, Kyle espetoume a porta nos fuciños. - Quen estades aquí, no insti, tan tarde? - preguntou a profesora. - Estamos Jacobo, Roi, Emilio e mais eu - contestou Álvaro. - Ah! Que ben! Onde está Emilio? Teño que falar con el. Nese mismo intre, Emilio chegou ata onde eles estaban co alcohol na man. - Querías algo, Silvia? - preguntou. - Estábache a buscar polo dos exames. - Encontráchelos? - preguntoulle Emilio estrañado. - Sí, atopeinos - sorriu e indicoulle a Emilio que fora con ela. Emilio foi sen dubidalo, víase que tiña ganas de encontrar os exames. Mentres el marchaba, Álvaro correu a secretaría a fume de carozo. - Vou intentar chamar a alguén para que nos saque deste cárcere! - dixo mentres entraba no lugar que anteriormente ocupaba Plácido. Colleu o teléfono e marcou un número, pero non un número calquera, era o número do manicomio. Esperou a que alguén contestase, poñéndose cada vez máis nervioso. Contestou unha voz coñecida, con acento inglés… Era Kyle, sen dúbida. -Le atiendo desde la sala de ordenadores, quería hablar con alguien? - dixo facéndose pasar polo médico do manicomio. Álvaro colgou con rapidez…O teléfono estaba pinchado. Correu onde os demais, e viu como Emilio chegaba derreado, sen os exames. Parecía nervioso. - Encontraches os exames? - preguntou Jacobo. Os del seguían sen aparecer. - Non - contestou sinxelamente- eran outros distintos, eran os de primeiro. - Pasa algo? - preguntou Roi. - Si… Silvia obrigoume a xogar unha partida de xadrez. 13
- E xogáchela?! - exclamou Jacobo. -Mmm… sí - afirmou dubidosamente Emilio. Álvaro semellaba preocupado. Chamou a Roi e díxolle que tiña que falar con el. Tódalas cousas se lle acumulaban, o misterio crecía; Silvia debería estar convertida nunha peza tamén. Emilio aparecera de repente, sen explicacións... Achegouse con Roi ata a porta da biblioteca, para que ninguén os escoitase. - Roi, intentei chamar ao manicomio para saber por que soltaran a Emilio, e colleume o teléfono Kyle. - Como que che colleu Kyle? Que fai nun manicomio? - Creo que non estaba realmente no manicomio. Tes que ir arriba, á sala de ordenadores cunha escusa, a mirar se está alí. - Vale, non hai problema, pero só non vou - medio negouse Roi. - Por que? - Porque cada vez que está a soas con alguén proponlle unha partida de xadrez, e eu non son quen de resistirme a unha partida - suspirou. -Vale, irás con Jacobo, dirémoslle que tes que ir a procurar algo a clase, porque se vou eu desconfiará de min despois da chamada telefónica, non cres? Mentres vós ides, nos rexistramos o insti. Quedaron de acordo. Entón, Roi subiu as escaleiras en compaña de Jacobo. Mentres estaban a subir viron a Silvia, que lles impedía o paso. Roi separouse de Jacobo, esquivándoa, sen crer o que estaba a ver, unha das súas profesoras preferidas no bando contrario… Que facía alí Silvia? Roi, sen querer pensar máis, entrou na sala dos ordenadores para mirar se estaba realmente alí Kyle. A porta pechouse nas súas costas, el douse a volta desesperado, sen querer mirar atrás. Pensou que seguramente, enriba da mesa, estivese xa colocado un taboleiro de xadrez. Xa estaban os dous a soas, como a vez anterior. O bo da última vez fora que un rapaz entrara correndo na biblioteca e tirara as pezas, para enfado de Kyle. Aí comezara a sospeitar sobre el… Quen se enfada de tal maneira só porque un rapaz che tire as pezas? 14
Roi acercouse a Kyle que estaba de costas, ríndose polo baixiño. - Brancas ou negras? Un arrepío percorreu de pés a cabeza a Roi. Por instinto, e cre que só por iso, sentouse na silla. Elixiu brancas. Pensaba que ía ser como unha desas partidas que xogaba con Álvaro no recreo: escolle brancas, move os peóns e logo os cabalos. Así podería ter unha oportunidade de vencer fronte a Kyle. Mentres, Álvaro e Emilio foron rexistrando por separado as aulas do insti. Emilio elixira a esquerda, e a Álvaro tocoulle a dereita. Foron entrando unha a unha nas aulas. Emilio descubriu que a aula de 2ºA estaba pintada en forma de taboleiro. Álvaro entrou na aula de PCPI e viu a Javier o de plástica a esborranchar nas paredes. Acercouse con cautela, só para ver que estaba debuxando, nada máis nin nada menos que cadrados brancos e negros… A partida de Roi estábase a poñer interesante. Ía gañando Kyle claramente, a Roi non lle quedaba outra que intentar “afogarse”, así quedarían en táboas e ninguén morrería. Pero, de súpeto, Roi ten un despiste e bota a súa xogada a perder. Entón, Kyle aproveita a situación e está a un movemento de facer xaque mate. A Roi trémalle o pulso e non é quen de mover; é un xaque mate imparable… Entón, move un peón e Kyle vaille dar a sentenza… Pero algo o detén. Entra Jacobo de pronto, coa intención de rematar coa partida tirando as pezas ao chan, pero… Non chega a tempo, e Roi transfórmase nunha peza de xadrez. O día xa rematara daquela.
Capítulo 7. O alfil namorado (Aitana Pérez Canosa 4ºA) Jacobo quedou asustado tras ver como Roi se convertera en peza. Non podía pensar noutra cousa. Baixou ao piso de abaixo e estivo buscando un sitio onde pasar a noite sen que ninguén o puidese molestar, xa que el tiña un sono moi delicado e espertaba co mínimo ruído. Decidiu pasar a noite na sala onde se garda o material para a clase de educación física, xa que alí se garda unha padiola que podería utilizar en lugar da cama. Pechou a porta por dentro, deitouse na padiola e ao pouco tempo quedou durmindo. Comezou cun soño moi bonito no que estaba coa súa familia, pero todo deu un xiro cando apareceu un xadrez. Alí estaba Kyle, 15
sentado nunha mesa da biblioteca, esperando a que chegara Jacobo. Sentouse e comezaron a xogar, Jacobo perdeu e converteuse en peza. Foi entón cando espertou e escoitou que chamaban á porta. Achegouse á porta e preguntou: - Quen é? - Son eu, Álvaro. - Que queres? - Podo pasar? - Está ben. Dubidou entre abrir ou non a porta pero ao final decidiu abrir. Álvaro tiña cara de cansazo. Levaba polo menos dous días sen durmir e os seus ollos vermellos eran a principal mostra. Estiveron un cacho falando ata que quedaron durmindo. Pola mañá Sara entrou na aula de 4ºA e viu unha notiña enriba da súa mesa. Achegouse a lela e sorprendeuse moito cando leu:
Sara saíu da aula e foi ao baño do piso de abaixo. Nese momento Álvaro entrou na clase e viu a nota que Sara esquecera. Sen pensalo dúas veces correu á mesa dela e leu a carta. Non o podía crer... Kyle quería conquistar a Sara, esa rapaza da que el estaba namorado dende preescolar e, aínda que moitas veces intentara esquecela, non o lograra. El non podía permitir que aquel rapaz tan malo e ruín se
16
quedara con ela. Non mentres el vivise. Tirou a carta no lixo e saíu da clase decidido a atopar a Kyle e enfrontarse a el. Non tardou moito en atopalo, Kyle estaba na biblioteca. Álvaro entrou e díxolle: - É verdade iso de que amas a Sara? - Si -contestou Kyle decidido. - Eu lévoa amando dende que teño lembranza, non vou permitir que ti te quedes con ela. Non a mereces! - Por que non? - Porque es a persoa máis malvada que coñecín na miña vida. - Non penso deixar de amala porque ti mo digas. - Entón xoguemos unha partida de xadrez- dixo Álvaro sen pensar ao que se enfrontaba. - E que gaño eu con iso? - O que gañe quédase con Sara, e o que perda convértese en peza. - Está ben. Os dous rapaces sentáronse e comezaron a xogar. A partida estaba moi igualada e os dous estaban moi nerviosos. Por un momento pareceu que Álvaro ía gañar, pero de súpeto… - Xaque mate!- dixo Kyle. Nese momento escoitouse un ruído e enriba da cadeira apareceu un gran alfil. Álvaro fora derrotado por Kyle e xa nunca lle podería dicir a Sara todo o que sentira por ela. Mentres todo iso estaba a acontecer na biblio, Jacobo estivera investigando polo instituto chegando á conclusión de que se esqueceran de mirar nos desdobres. Rexistraran todas as aulas pero podía ser que nalgún dos desdobres houbese alguén pechado. Subiu as escaleiras e dirixiuse aos desdobres. Foi probando un por un, todas as portas estaban pechadas, menos unha. Abriu a porta con moito coidado e atopouse con que Luz e dúas alumnas estaban atadas a tres cadeiras e tiñan a boca tapada. Apresurouse a retirarlles a cinta illante da boca e a desamarrar as cordas que as ataban. As dúas rapazas eran alumnas súas, Virginia e Aitana. 17
- Que facedes aquí?- preguntoulle a Luz. - Estáballes a explicar unha cousa porque faltaron a clase cando un rapaz entrou con Sara e nos ataron- dixo Luz coa voz entrecortada. - Dixéronvos algo? - Non, pero falaban nun idioma bastante estraño- dixo Virginia. - Non era un idioma estraño, era inglés- aclarou Aitana. - E puideches entender algo do que dicían?- preguntou Jacobo. - Un pouco. Dixeron algo así coma que ían apoderarse do instituto. - Pero eses están mal da cachola ou que?- dixo Virginia. - Pero que está pasando?- preguntoulle Luz a Jacobo. - Non sei, non o acabo de entender. Cada persoa que perde ao xadrez convértese en peza. - Outro máis que está mal! Pero como se vai converter en peza?- dixo Virginia. - Profe, eu creo que tanto mapa che está a afectar. Será mellor que vaias á cafetería e tomes unha tila- dixo Aitana. - Non sería mala idea- dixo Luz- a verdade é que eu tamén necesito unha.
Capítulo 8. Pechados (Jacobo Santos) A noite fixérase moi longa para todos os que se atopaban no Instituto. Coa luz da mañá semellaba que o misterio debería chegar ao seu fin. Axiña chegarían os diferentes autobuses co alumnado e os coches dos profesores e do equipo directivo. A búsqueda de Kyle e Sara remataría de contado e todo voltaría á normalidade. O vento asubiaba con forza mentres unha copiosa chuvia non deixaba de caer. O que non sabían os de dentro é que a Consellería de Educación mandara a tarde anterior unha mensaxe a tódolos profesores co seguinte texto: “Suspéndense as clases no día de mañá por mor da chuvia e do vento.” O primeiro en decatarse da nova situación fora Jacobo que, instintivamente, baixara ata a sala de profesores para vestir a súa famosa bata branca. Mais cando abriu a porta do seu casilleiro observou que tamén a bata lle desaparecera. Sen 18
embargo, a súa cazadora estaba alí, no colgador, co móbil no seu interior. Foi entón cando viu a mensaxe da Xunta. Botou unha ollada de resignación cara a fóra e dispúxose a buscar aos demais. Cando estaba a punto de saír reparou que sobre a mesa se atopaba unha caixa con bombóns que tiñan forma de pezas de xadrez. De súpeto, foise a luz e a porta pechouse de golpe. Da escuridade xurdiron as siluetas de Kyle e Sara. A sala voltouse a iluminar. - Unha partida? – preguntou Kyle - Creo que non teño outra opción – respostou Jacobo - Non o fagas, Kyle – rogoulle Sara -. Non quero seguir con este xogo. Estou cansa. Eu non son así. Ademais, o profe cáeme ben. - Non te preocupes Sara – díxolle Jacobo con rotundidade - son un tipo con sorte e sempre salgo dos líos. Veña Kyle: move! Todo indicaba que Jacobo se ía coverter nunha nova peza, cando o móbil de Kyle soou. - Fáltame un só movemento para rematar a partida – díxolle ao seu interlocutor no outro lado do teléfono-. Sei que lle tes ganas, pero non vou deixalo para ti. Así que podes ficar no teu agocho. Todo vai segundo o plan. Mentres estaba a falar, Sara empurrou a Jacobo e colocouse no seu lugar. Kyle, absorto na chamada, non se decatou do cambio e moveu ficha ao tempo que gritaba cun sorriso na súa faciana: - XAQUE MATE!!! Ao instante, Sara converteuse nunca torre. Kyle e Jacobo ficaron pasmados sen saber que dicir. Kyle levantouse e fuxiu con rapidez. Jacobo non soubo reaccionar. Álvaro entrou en escena e ao enterarse que aquela peza era Sara rompeu a chorar. Tralo shock, Jacobo empezou a darlle voltas ás cousas que sucederan e comentoulle a Álvaro o que pensaba. - Kyle e Sara non actuaban sos. Hai unha terceira persoa por enriba deles. - E non é Silvia – engadiu Álvaro- porque eu mesmo vin como Kyle converteuna nun peón. 19
- Esa persoa ten meus exames e mais os de Emilio. Asemade, ten acceso a todos os recunchos deste edificio e coñéceos moi ben. Sabe onde agacharse sen ser vista. Dime unha cousa: quen está en todos lados, sabe como funciona todo, interésase polos alumnos, coñece a súas vidas, failles recomendacións, estuda con eles, mestúrase cos profesores, pregúntalles sobre as súas clases, le os seus exames, mesmo contesta ás preguntas e, sobre todo, ten unha situación de privilexio preto da biblioteca?
Capítulo 9: O misterio resolto. (Mabel Ulla) - Mabel!!!!! - exclamou Álvaro. Os dous comezaron a correr ata o despacho de orientación, pero Álvaro foi o primeiro en chegar. Empurrou a porta con todas as súas forzas e... efectivamente alí estaba Mabel. Estaba inusualmente sentada na súa mesa. A súa mirada estaba cravada na pantalla do ordenador e ría, ría esaxeradamente. - Felicítovos, non esperaba menos!! Nunca dubidei que descubrirades o misterio, pero tardaches máis do esperado, non cres? - dixo dirinxíndose a Álvaro. Nese momento ensinoulles a pantalla, a mensaxe que alí aparecía dicía: “XAQUE MATE. A PARTIDA FINAL CONCLUÍU”. - Que dís, Mabel? Que misterio, que sentido ten este xogo? berrou Álvaro. - Este xogo era unha partida de xadrez onde o que tiñades que facer era observar atentamente ao outro, coñecer as súas debilidades, coma as coñezo eu..., para apoderase da súa alma -contestou entre sinistras risadas-, quedando así condenados a ser fichas de xadrez. A non ser que alguén abrira a porta do meu despacho e descubrira o misterio. Eu sabía que ti, Álvaro, serías capaz. - Pero iso non ten lóxica, ningunha lóxica. Por que? Cal é a razón? - Non dicides sempre que neste instituto nunca pasa nada, que os días son iguais uns ca outros? Pois estou cansa de oírvos. Por unha vez quería que todos 20
tiverades a oportunidade de facer algo distinto do que facedes todos os días no centro, aínda que pode que non fora o que vós esperabades, verdade? E volveu rir de maneira estrondosa. Por momentos a súa cara parecía transformarse, as sombras xogaban no seu rostro, desfigurándoa, como se en realidade fose alguén descoñecido, que mostraba o seu ser real nestes momentos. - Todos foron, nalgún momento, retados e todos, nalgún momento, tiveron que loitar pola súa vida – continuou falando Mabel, ou quen queira que fose realmente aquela-. Pero eu teño as miñas regras e sempre ofrezo unha oportunidade: só podía parar isto o que fora capaz de descubrir o que pasaba aquí. Por fin pasou algo neste instituto, non vos parece? - Ben, visto así non estivo mal- dixo Álvaro tragando saliva, intentando seguirlle a corrente por medo a que fixera algunha outra desfeita, convencido de que aquela non era realmente Mabel, desde logo non a que el coñecía. E agora que? - Agora todo chegou ao seu fin. Calade calade.... oíde.... iso que é? que ruído é ese? - Que máis pode pasar agora? – dixo, asustado, Jacobo. - Non o sei. Eu cumpro as miñas propias regras – contestou Mabel-. A partida acababa cando alguén abrira a porta do meu despacho e descubrira o misterio. O que suceda agora xa non depende de min. Saíron do despacho, case estaba abrindo o día e de repente todos e cada un dos participantes da partida foron aparecendo. Nas súas caras podíase observar unha mestura de cansazo, ilusión e tranquilidade. Abrazáronse uns a outros, contentos de verse de novo, sans e salvos. Pero o ruído continuaba e ía aumentando. Escoitouse unha especie de alarido arrepiante. Todos se volveron a ver que era aquilo...
Epílogo (Emilio Roca) Pareceulles ver unha sombra que se deslizaba veloz polo corredor da primeira planta, deixando tras de si un chío histérico.
21
- É Kyle - dixo Sara- estou segura de que era el. - Kyle! Ouh, non! –dixo Mabel. - Que sucede, Mabel? Por que te asustas ti agora, logo das que levas feito? preguntou Jacobo con cara de poucos amigos. - Pouco a pouco volvo a ser eu, a Mabel de sempre. Estiven como hinoptizada, pero voume recuperando. O caso é que recordo vagamente que Kyle estaba baixo o meu control, pero agora xa non son quen de saber o que fará. E sei que é perigoso, capaz de calquera... Non acabara de falar cando viron que dunha das aulas de cuarto saía lume. Ao momento viron como uns libros voaban entre lapas, sen dúbida lanzados por aquel ser fóra de control. Intentaron apagalos, pero seguían caendo máis e pronto o lume prendeu na planta baixa. Parecía ter vida propia, esténdendose a gran velocidade. - Isto empeza a ser perigoso –dixo Silvia, que case nin tempo tivera de recuperarse- temos que saír de aquí, e axiña. - É certo- dixo Emilio- temos que buscar a saída antes de que o lume... Nese mesmo intre sentiron todos un ruído tremendo, como se algo inmenso estivera rompendo. - Ímonos de aquí! Todos! Xa! Álvaro colleu a Sara pola man, quizais por medo a perdela de novo, e comezou a tirar dela cara á porta principal. - Veña, rápido, e comprobade que non deixades a ninguén detrás – berrou Jacobo. Saíron todos correndo, sen mirar atrás, mentres sentían que algo terrible estaba a punto de suceder. Cando chegaron á rotonda dos autobuses pararon a comprobar que todos estaban ben. Levantaron a vista cara ao Instituto e comprobaron, atónitos, que todo o edificio se viñera abaixo. Non quedaban máis que ruínas ennegrecidas polo lume, que aínda se podía ver entre anacos rotos de parede.
22
- Isto é terrrible –dixo Sara- non podo crelo.
- As veces que botei pestes deste instituto –dixo Roi- pero agora, ao velo así... non sinto máis que mágoa. E todo por culpa dese Kyle! - Polo menos estamos vivos e podemos contalo –dixo Silvia- iso é o máis importante. Quedaron un anaco en silencio, mirando aquelas ruínas que, agora decatábanse, tanto significaran para uns e outros. Entón viron unhas luces que se acercaban e escoitaron o motor dun coche. Eran Mar e Almudena, que chegaban para comezar o traballo, como calquera outro día. Baixaron do coche e acercáronse a eles. Tan pronto os miraban como quen ve unha aparición como miraban cara ao Instituto, sen crer o que os ollos lles mostraban. Almudena mirounos a todos, dun en un, cun brillo especial nos ollos: - Que pasou aquí? Quero que mo contedes todo desde o principio, sen deixar nada. Miráronse uns a outros, sen saber por onde empezar. Logo Emilio empezou a contar: - Eu estaba na biblioteca, pensando nun exame que tiña ao día seguinte cando Roi me dixo: xaque mate! Pero dun xeito estrano, e entón eu... E seguiu contando a historia desde o principio. Logo continuou Sara, falando do „amigo inglés‟, Roi falando das partidas. E así todos, ata chegar ao estrano comportamento de Mabel. Almudena quedou calada un intre, concentrada en si mesma. Logo levantou a vista e díxolles:
23
- Non pasa nada. Por algo son a profe de música. Quedaron mirando cara a Almudena coa boca aberta, sen saber que dicir. Foi Mar a que rompeu o silencio. - Como que non pasa nada? Seica toleaches? –preguntou- non acabas de escoitar todo o que pasou? Non ves como quedou o edificio? Todos ollaban para ela, que de novo foinos mirando un a un, con calma, e díxolles: - Xa vistes que aquí pasaron cousas que parecían imposibles. Vese ben que hai poderes terribles xogando unha partida aquí. Pero tamén eu teño os meus poderes. Ninguén entendía nada do que falaba. Moitos pensaron que Almudena toleara ao ver o que sucedera. - Moitas veces téñovos dito que a música é marabillosa. E que a música é, fundamentalmente, unha cuestión de tempos. Pois ben, coa música dominamos o tempo. Non temos máis que cantar unha melodía especial que eu sei, e logo interpretala ao revés e o tempo retrocederá. Todo isto desaparecerá. Tedes que confiar en min. E sen agardar resposta comezou a cantar. Todos quedaron en silencio. Aquilo tiña que ser que Almudena perdera a cabeza. Sen embargo algo sucedía. No seu interior ían sentindo como se aquela melodía, que nunca escoitaran, fora algo coñecido, algo familiar, aínda que non souberan dicir o que era. Cada un seguía a música en silencio, adentrándose en si mesmos. Sentiron como se a música voase, subindo como nunha espiral de son. Inesperadamente, escoitouse unha voz seguindo á de Almudena. Era Jacobo. Foi unha sorpresa, pero enseguida Silvia entrou no coro. Logo Roi. Despois Sara e Álvaro. Pronto todos estiveron cantando, seguindo unha música que non oíran pero que, incriblemente, coñecían. Ao pouco tempo unha bruma cálida empezou a baixar do monte. Pronto cubriu as ruínas do instituto e aos propios intérpretes, que seguían a cantar. Logo, paseniñamente, o resplandor do sol foi cubrindo de cores todo canto alcanzaba a
24
vista, ao mesmo tempo que as voces se ían apagando suavemente, ata que todo foi luz e silencio. Abriron os ollos, que mantiveran pechados mentres cantaban, e o que viron non lles sorprendeu. Alí estaba o instituto, coma sempre. Nada indicaba que alí sucedera nada extraordinario. Felices e esgotados, sentáronse na acera a descansar. Case sen decatarse quedaron durmidos. Todos menos Almudena, que seguía en pé, mirando cara a eles...
Emilio entrou na biblioteca, cun feixe de exames baixo o brazo. O ambiente era do máis tranquilo, incluso pode que un tanto tranquilo de máis. - Xaque mate! Roi miraba cara el, coa man aínda enriba da peza de xadrez, pasando a mirada por riba de Álvaro, o seu eterno rival no taboleiro. Emilio mirou a partida: - Como que xaque mate? – preguntou – se iso non é mate. - Claro que non, home. É unha indirecta. Unha forma de dicirche que a ver cando empezamos co torneo de xadrez!
25