Skip to main content

Zoocities animais salvaxes na cidade G - Joëlle Zask

Page 1

Uns cantos feitos: cara ao gran regreso

Nas vilas sempre houbo animais salvaxes, como ratas, ratos, pombas e formigas, pero outras especies que antes vivían lonxe delas están a introducirse nos nosos espazos urbanos. En xaneiro de 2020, un mapache meteuse no metro de Nova York e provocou numerosos atrasos. Logo de semanas de tentativas infrutuosas, capturárono e ceibárono en Prospect Park.1 E, nesa mesma época, a presenza dun raposo na liña 8 do metro de París causou unha gran conmoción entre os viaxeiros; os maquinistas tiveron que frear o tráfico e a empresa pública de transportes parisiense tivo que chamar os especialistas do zoo de Vincennes para salvar o animal, que desapareceu entrementres. Polo incidente soubemos que, aínda que hai moitos menos raposos en París ca en Londres ou Zürich, onde viven uns 1300, ha de haber un cento deles, e probablemente máis. O aumento global do número de animais salvaxes en zonas urbanas quedou patente.2 Numerosas especies que considerabamos case extinguidas non só reapareceron nas vilas, senón que mesmo prosperaron nelas. É o caso do rabirrubio tizón, que apareceu de xeito espontáneo no centro de Londres;3 ou do falcón peregrino, case aniquilado no campo, que agora se desenvolve na skyline das grandes cidades americanas, cuxos rañaceos lle ofrecen un hábitat idóneo con desniveis abruptos, lugares onde 13


aniñar lonxe de posibles depredadores e alimento abundante na forma de pombas e aves migratorias. Tamén podemos citar o caso da aguia calva, tamén chamada aguia de cabeza branca ou pigargo americano, unha grande ave rapaz que se converteu en 1782 no símbolo máis coñecido dos Estados Unidos e que estivo a piques de desaparecer envelenada polo DDT. Logo da prohibición deste pesticida foi instalarse en Nova York, onde aniñaron 173 parellas, algunhas das cales seguiron rumbo ata o arboreto da vila de Washington. Grazas a unha cámara instalada preto dun niño, millóns de espectadores poden observar as vinte e catro horas da vida dunha parella de aguias bautizadas, pola súa proximidade á Casa Branca, como Señor Presidente e Primeira Dama, que hai pouco celebraron o nacemento de dous aguiachos. Algunhas vilas están a converterse en auténticos parques zoolóxicos: albiscar un raposo en Londres ou un xabaril en Berlín ou en Lugo é unha experiencia cada vez máis corrente. O exotismo que procurabamos nos circos e nos zoos atopámolo cada vez con máis frecuencia á volta da esquina nunha rúa. En Nova York danse seiscentas especies salvaxes: cervos, coiotes e focas no Bronx, mapaches e falcóns en Manhattan, bufos en Brooklyn e baleas e raposos en Queens. París conta con máis de mil cincocentas especies de mamíferos, réptiles, anfibios, crustáceos e mesmo medusas no Sena. Nas vilas da India, cada vez é máis abundante a fauna salvaxe: esquíos e monos en Delhi e Xaipur, chacais no Raxastán, leopardos en Bombai e innumerables especies de réptiles e aves, aos que hai que engadir mangostas, antílopes e civetas nas árbores e nos teitos das vilas de Karnataka, no sur do país. Hai pouco tamén apareceron familias de hienas a roldar de noite polas rúas de Gurugram, elefantes salvaxes que se arriscan a incursións en 14


zonas urbanas e unha trintena de leóns asiáticos que percorren as rúas de Junagadh pola medianoite.4 Agora cambiemos de rexión. Atopamos mandas de babuínos chacma, unha especie de simio grande da sabana, instaladas na Cidade do Cabo, capital de Suráfrica; e osos negros, cada vez menos asustadizos, que ás veces petan nas portas das casas canadenses. En Australia, os animais salvaxes son tan numerosos que a poboación pode chegar a ter a sensación de que están a tomar as vilas ao asalto. O caso dos morcegos arborícolas, que adoitan compararse con pequenos raposos voadores, é moi coñecido: forman xigantescas colonias e os especialistas pregúntanse por que se instalan nas cidades cando poden estar en plena natureza salvaxe a unha curta distancia de voo. E a presenza de canguros nas vilas, sobre todo en Camberra, xa non sorprende a ninguén: como non teñen auga nin alimento nas trinta reservas que rodean a capital, van probar sorte ao centro durante todo o verán. Tamén ocorre que certas especies urbanas desaparecen, como os grilos que, en tempos, vivían no metro de París. Chegaran hai uns cen anos, logo dunha viaxe clandestina a bordo de caixas de verduras importadas do sur de Francia, e atoparan alí un ecosistema ideal cunha temperatura constante entre 27 e 34 graos e toda clase de alimentos. Cambiar o balastro –que conserva a calor– por formigón –que non a conserva– e, sobre todo, a prohibición de fumar no metro –o que os privou do seu principal alimento: as cabichas– foi fatal para eles. Así rematou o cri, cri que nos encantaba oír cando non pasaban os trens, unha inesperada evocación dun solleiro recanto campestre nun dos espazos parisienses máis radicalmente opostos á natureza. Con todo, malia estes casos de extinción, os animais que parecen aclimatarse ao ambiente urbano son cada vez máis numerosos. Que os atrae ás vilas? Nelas o aire é máis respirable ca no campo? O rato da vila, heroe da fábula de Esopo, vese máis 15


favorecido ca o rato montés? A grandes trazos, dous factores operan en paralelo: por unha banda, a deterioración da natureza, e, pola outra, a mellora do biótopo urbano. Diésel no campo e enerxía limpa na vila. A natureza, no sentido máis ordinario do termo, esmorece ao tempo que o clima se descompón. En quince anos, os ecosistemas degradáronse dun xeito espectacular: deforestáronse enormes zonas boscosas, secaron reservas de auga doce, derre­téronse os polos e destruíuse a biodiversidade. Unha cuarta parte das especies coñecidas están ameazadas de extinción. Para comprender as motivacións dos animais migrantes, o ideal sería abandonarmos o estrito punto de vista humano e adoptar o seu: o de cada especie e, se cadra, o de cada individuo cunha traxectoria vital concreta. Ante a falta de alimento e auga, a destrución dos seus hábitats polo lume e o desmonte, o aumento das temperaturas e as secas, a contaminación de solos e mares, e a diminución e división dos seus territorios por unha urbanización desaforada, os animais salvaxes, coma os refuxiados climáticos, vense obrigados a exiliarse a paraxes máis hospitalarias. E resulta que as vilas lles ofrecen mellores condicións de vida ca as zonas de onde proveñen. Pois o certo é que mentres a natureza perde as súas cores, a vila reverdece. Collamos o exemplo de Washington D. C., a vila con máis vexetación dos Estados Unidos, que está a desenvolver un programa de plantación de 11 000 árbores: para 2032, case a metade da urbe gozará da súa refrescante sombra. Nela, os cursos de auga descontamínanse e reasalváxanse de forma sistemática para beneficio de aves, peixes e réptiles, que se multiplican con afán. O uso de pesticidas e asfalto regulouse, os tellados enchéronse de vexetación e os soares transformáronse en praderías floridas que atraen magníficas bolboretas monarca e outras especies polinizadoras. Aos cidadáns que teñen xardín 16


convidáronos a renunciaren ao céspede (e ao inevitable cortacéspede) e optaren por extensións de herbas silvestres. E, como resultado, os animais salvaxes, entre eles o lince e o corzo, foron instalarse alí. En termos xerais, un cruzamento entre a vila e o campo semella inevitable. Na vila, a concentración de poboacións (entre as que se contan as de maior capacidade económica) e os prexuízos da contaminación acadan uns niveis que fan abso­ lutamente necesaria unha acción a prol do ambiente urbano. Sexa cal sexa a gravidade dos males que afectan o planeta, a vila sempre desempeña o papel de voz de alerta e de catalizadora para unha toma de conciencia máis ampla. Cando os habitantes de Sydney empezaron a abafar en decembro de 2019, os megaincendios que asolaban Australia foron obxecto de cobertura mediática e conmocionaron o público, o que permitiu identificalos como fenómenos vinculados ao cambio climático. E a opinión internacional fíxose eco dos megaincendios de 2019 na selva amazónica e en Siberia cando afectaron a São Paulo e Irkutsk. Como é inmediata e fai que nos enfrontemos á morte, a extinción de incendios é unha experiencia determinante para cambiar de actitude respecto ás cuestións ambientais. Ben o saben os habitantes de Delhi, que todos os invernos sofren una contaminación atmosférica infernal. Ser vítima dun nivel excesivo de dióxido de carbono ou dun pico de ozono leva a experimentar a carencia de aire puro, un ben común cuxa falta sería inimaxinable, unha especie de escándalo moral, psicolóxico e físico. E isto leva á acción. Enfrontados á angustiosa tortura da asfixia, da cal nos ofreceu unha nova versión a pandemia da COVID-19, os urbanitas aceptamos de mellor grado modificar a nosa forma de vida e optar por unha transición verde cara á vila sustentable, a vila ecolóxica ou a vila verde. E, malia non alcanzar aínda todas as 17


expectativas que ofrecía, este novo paradigma habitacional goza dun consenso mundial que vai máis aló das fronteiras e dos partidos políticos. Os programas destinados a plantar vexetais, crear corredores verdes, parques ou zonas con vexetación, limitar o acceso e a circulación de vehículos con motores contaminantes etcétera, multiplícanse. Aínda que antes eran as asociacións veciñais as que os puñan en práctica, os proxectos de ecoloxización xorden cada vez máis dimensionados para abranguer a vila enteira, que se converteu na vangarda da loita contra o quecemento global. Mentres os estados se desentenden da cuestión, as urbes implícanse cada vez máis, e un cento de cidades de todo o mundo están colaborando para actuar en favor de plans climáticos con orzamentos dedicados. E non queda aí a cousa, pois tenden a competir entre elas, xa que a imaxe de vila verde se volveu atractiva para os investidores, os turistas… e, ao parecer, os animais. Os premios e etiquetas verdes florecen por todas as partes, como o de Capital Verde da Comisión Europea, o índice británico de vilas sustentables, o índice francés EcoCité, o programa estadounidense Greenest ou o Green City Index americano e canadense co patrocinio de Siemens. Malia os defectos inherentes á actividade en competencia, estes programas constitúen os alicerces da vila respirable. Pola contra, a nivel de estados ou rexións, os programas e acordos verdes non avanzan ou, como sucedeu no Brasil e nos Estados Unidos, mesmo retroceden. A ecoloxización da vila e a degradación do campo son concomitantes. A natureza esmorece porque se considera distante e pouco rendible, agás para a extracción dos recursos que alberga. Entre o abandono e a sobreexplotación, os bosques, os areais, as montañas e os litorais, así como as xentes e os seres vivos que habitan neles, sofren unha deterioración calamitosa que, ao aceptarse mellor ca a que afecta os medios urbanos, pode facer moito máis dano a medio prazo. 18


O feito de que o proceso de ecoloxización das vilas sexa inversamente proporcional ao proceso de deterioración da natureza leva á catástrofe. Canto máis se descontaminan e enverdecen as vilas, máis favorecen os nacementos locais e os éxodos rurais de persoas e animais; e canto máis numerosos son os seus habitantes, máis importantes son as sangrías que lles fan ás reservas naturais de solo, area, madeira e superficie transformada pola agricultura e a gandería. E máis se degrada a natureza. Non custa imaxinar una inversión completa da perspectiva, cunhas vilas naturalizadas cada vez máis poboadas por masas de toda clase de seres e cuns campos industrializados cada vez máis empobrecidos, copados e explotados. A gran substitución que agoiran os grupos de extrema dereita desde finais do século xix ben podería darse, pero non entre persoas nin entre razas, senón entre especies.

19


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Zoocities animais salvaxes na cidade G - Joëlle Zask by kalandraka.com - Issuu