Skip to main content

Zackarina e o lobo de area G - Åsa Lind / María Elina

Page 1

Vaia ocorrencia Zackarina vivía nunha casa á beira do mar cos seus pais. Non tiña ningún irmán nin tampouco ningún coello, só tiña un pequeno rato marrón agrisado que era difícil de ver, porque se agochaba seguido. E, de feito, tampouco era dela. –Un rato non se pode ter. A que non, papá? –preguntou Zackarina–. Andan por aí, pero non se poden ter, como tampouco se pode ter un alce. O pai negou coa cabeza e rosmou cabreado algo sobre un monte de ferruxe. Zackarina e o seu pai estaban fóra, no patio. O pai estaba a arranxar o coche, pois había algo que non ía ben no motor, e apertaba algúns parafusos. Zackarina axudáballe termando das ferramentas. –O mesmo ca o Lobo de Area –continuou–. Que anda por aí. E entón Zackarina recolleu un desaparafusador que lle caera ao seu pai mentres pensaba que aquilo estaba ben.

11


Era unha sorte que o Lobo de Area estivese preto, na praia: que estivese alí todo enteiro, desde o fociño ata o rabo; relucente de purpurina, fermoso e extraordinario. –Pois non, isto non o entendo –dixo o pai–. Vaime volver tolo! Que é o que non vai? Mirou con atención para o motor e parecía realmente fóra de si. –E por que non probas co martelo outra vez? –preguntou Zackarina. O pai bufaba. –Oh! Xa sei! –seguiu Zackarina–. Pódolle preguntar ao Lobo de Area. Pregúntolle? –Preguntarlle ao Lobo de Area? –repetiu o pai. –Si, porque el sábeo case todo –respondeu Zackarina–. Sabe de cometas e de calquera cousa. –Pero Zacki, pequena –dixo o pai–, o Lobo de Area é só unha ocorrencia túa. El non me pode axudar a reparar o coche. O coche está avariado de verdade. Zackarina deixou os desaparafusadores na caixa da ferramenta e púxolle a tapa con moito coidado. –Pero o Lobo de Area adoita arranxar as cousas –respondeu–. Especialmente se lle preguntas. O pai suspirou e secou as súas mans, cheas de cotra, cun pano esfiañado igual de cotroso.

12


–Vou chamar o mecánico –dixo o pai. E meteuse na casa. Zackarina quedou onda o coche un anaco, removendo coa punta dos pés a grava do chan. Pegoulle unha pequena patada á caixa de ferramentas e despois foi sentar no bambán. «O Lobo de Area non é para nada unha ocorrencia –pensou–. Iso seicho eu ben.» Pero sabíao ela de verdade? De súpeto non estaba moi segura. Colleu impulso e empezou a bambearse. Pero non porque lle apetecese demasiado, senón porque algo había que facer. Adiante e atrás. Miraba de cando en vez para o mar, pero non vía nada en especial, só o sol que brillaba entre os tombos. Zackarina impulsouse un pouco máis, e subiu cada vez máis e máis alto. Había un vento radiante de verán, e Zackarina bambeábase con tanta forza que case chegaba ao teito da casa. Colleu máis impulso aínda e sentiu bolboretas no estómago. E bambeouse tan alto que alcanzou a copa dunha árbore. E aínda máis alto, dereitiña ata o ceo. E o ceo era azul. E despois deu un chimpo do bambán e saíu correndo dereita coma unha vela, polo camiño que ía ata a praia. Patexaba cos pés e repenicaba no chan. E entón berrou:

14


–Olaaa! E alí estaba: tras dos canavais, deitado, tan longo coma un día de verán, á beira do mar, coas súas gadoupas afiadas e a súa mirada azul nocturna. Zackarina debruzouse na area e suspirou. Todo era como debía ser. Os tombos rompían na ribeira e as gaivotas craiaban. –Que ben cho sabía eu –dixo Zackarina–. Sabíao todo o tempo! O Lobo de Area chiscou un dos seus ollos azuis e estaba de acordo. –Claro que si. Todo o tempo. –E tanto!, pero papá –continuou Zackarina– di que ti es unha ocorrencia miña. O Lobo botouse a rir e parecía encantado. –Recoiro! O que? Pensa niso? Adoro as ocorrencias! A ti non che gustan? –dixo o Lobo. –Pero non son certas –respondeu Zackarina. –Como certas? –preguntou o Lobo–. Todo o que é importante é certamente verdade. O Lobo atufouse e comezou a contar unha superocorrencia que tivera unha vez. –Quizais foi xusto hoxe pola noite –seguiu–. Ou foi a noite en que estoupou un estraloque? –Non estaba moi seguro. Pero a ocorrencia trataba sobre un fallo ben complicado–. E o pequeno fallo vivía nun cucho –dixo o Lobo.

15


–Nun cucho? –preguntou Zackarina–. E que é iso? O Lobo engurrou a fronte. –Ai, ho! Ao mellor era un cocho…, cacho, cocha, coche…, coche? Un coche! Iso. Era un coche! O fallo vivía nun coche. Iso é! Zackarina ergueuse e mirou fixamente para o Lobo. –E tamén había un pequeno rato –seguiu o Lobo. –Un rato? –preguntou Zackarina. –Si, xusto ao principio da ocorrencia –dixo o Lobo–, inventei un ratiño marrón agrisado que rillaba un furado pequerrecho dentro do cocho. –Un furado? –repetiu Zackarina–. Un furado dentro do coche? –Si, na goma da bomba da gasolina –dixo o lobo–. Vaia trabalinguas! Vaia un trebello! Levoume unha eternidade inven-ta-ta-ra-talo! A goma da bomba da gasolina. E nun chiscar de ollos Zackarina foi correndo para a casa. O pai estaba moi cabreado fóra, no patio. –Non tiñan vez no taller! –laiouse–. Nadiña antes da semana que vén! Zackarina deu unha volta arredor do coche. Deulle uns toques coa man, por aquí e por alí. –Ei, papá –dixo–. Miraches se era da goma da bomba da gasolina? O pai mirou para ela durante un bo anaco.

16


E logo abriu o capó do coche. «A goma da bomba da gasolina –pensou o Lobo de Area–. É incrible o que un pode inventar.» Xirou o fociño cara ao mar. Os tombos rían e escachaban contra a ribeira. Era un día solleiro e azul. E agora que? Que ía inventar agora? Ao mellor, un tigre. Un tigre que vivía nunha maceira. Ou quizais un pai? Un pai que atopaba un fallo complicado, que o reparaba e que lle daba unha aperta á súa filla e berraba «Viva!», e que a ía invitar a algo rico. Algo así coma un xiado. «Xiado? –pensou o Lobo de Area–. Non, non é así como se lle chama. Xiado non. Xeado. Soa moito mellor.» O Lobo repetiu a palabra varias veces e asentiu. O xeado era unha magnífica ocorrencia.

17


Querido canciño! Zackarina estaba desesperada. Non podía entender onde se metera o Fedello. Non o atopaba por ningures. Desaparecera sen deixar rastro! E o pai tamén desaparecera, xusto agora, para unha vez que o necesitaba de verdade. –Papá! –berrou Zackarina. –Aquí, no soto! –respondeulle o pai. Zackarina apresurouse escaleiras abaixo en dirección ao soto, ata dentro do cuarto da lavadora. Alí estaba o pai cunha serra, a punto de serrar algo que tiña apoiado nunha táboa. –Papá, viches o Fedello? –preguntou Zackarina. O pai respondeu que si que o vira, e milleiros de veces, pero que hoxe aínda non. –Aínda que onte si que o vin –dixo–. Mentres lle axudabas a mamá coa coada.

18


–Si, estaba dentro da cesta da roupa sucia. Pero alí xa mirei. –E na túa cama? –preguntou o pai–. Miraches alí? Zackarina xa mirara. Mirara tanto na cama coma debaixo dela, e por todo o cuarto, e por toda a casa. Mirara por todo canto sitio había, pero o Fedello desaparecera. –Non creo que marchase sen máis –dixo o pai–. Deberías seguir buscando. –Daquela tesme que axudar –pediulle Zackarina. Pero o pai non tiña tempo para axudar. Acababa de descubrir un furado no soto. Era un furado na parede, e ben grande, onda a ventá. E había que tapalo decontado. Zackarina pensou que o furado podía esperar, que non era tan importante. Pero o pai dixo que era importantísimo. Non estaba ben que houbese un furado nunha casa vella. Podía entrar calquera cousa; chuvia, por exemplo. –E ratos. Ratos e raposos, ou calquera animal salvaxe –explicoulle o pai. –Animais salvaxes? Si, iso é –dixo Zackarina–. Voulle ir preguntar ao Lobo de Area. Grazas polo consello –dixo, e saíu correndo. Zackarina foi todo o camiño cara á praia berrando polo Fedello. Non porque o can adoitase responder cando chamaban por el, polo menos non en alto. O can era o mellor

19


falando polo baixo, e sobre todo cos ollos. Pero Zackarina seguiu chamando por el, por se acaso. «E así sabe que o estou buscando», pensou. Pero había outros aos que non facía falta buscar. O Lobo de Area estaba sentado fóra da súa cova, coma unha escultura de ouro coa mirada fixa no chan. O Lobo esculcaba unha pequena pedra, branca e redonda. Sorríalle e bisbáballe palabras raras e curtas. Zackarina agarrouse á súa pel. –Ven, tesme que axudar! Temos que atopar o Fedello! O Lobo engurrou o fociño. A el non lle gustaban moito os cans. Parecíanlle demasiado inquietos. Agochaban cousas baixo a area da praia –dicía–. E ademais ladraban, e ao Lobo non lle gustaba que lle ladrasen. –Pero o Fedello é boíño –dixo Zackarina–. É un can que nin ladra nin escarva baixo a area. Ela tentou explicarlle ao Lobo de Area o incriblemente bo que era o Fedello. –E intelixente –continuou–. É tan intelixente coma min. –Oi, vaia –dixo o Lobo–. Vese que che cae ben ese fedello de can. Zackarina asentiu, porque quería tanto o Fedello que era case imposible expresalo: eses ollos tan brillantes e bos, e aquelas divertidas orellas caídas… E ademais a súa pel era tan suave e delicada que entraba gana de chorar!

20


E, cando todos se comportaban coma parvos e ninguén entendía, era tan bo ter o Fedello ao lado, porque el podía consolala. –El é case o mellor do mundo –dixo Zackarina cos ollos cheos de bágoas. E se o Fedello se fose de verdade e para sempre? Ela non quería vivir sen el. –Xa, xa –dixo o Lobo de Area–. Vouche axudar a buscalo, se é tan importante ese… becho. Zackarina empezou a moquear. –Pero tes que deixar de chorar –continuou o Lobo–. Se non, non vas poder ver o que estás buscando. Pero Zackarina seguía a moquear. –Ei, teño unha idea. Vouche contar unha historia para parar de chorar. Unha historia divertida. Atende… Vas rir a cachón… Patexou arredor da area e intentou acordarse dun chiste interesante. –Ha, ha! Sabes que? –dixo o Lobo–. Hoxe pola mañá pasou o raposo e cría que acababa de cazar un coello na túa casa! –Un coello? Pero eu non teño coello ningún –moqueou Zackarina. –Non, certo! –exclamou o Lobo–. Non había ningún coello; só era un anaco de coiro cheo de serraduras! Vaia pailán, o raposo, a que si?

21


A Zackarina non lle pareceu nada divertida a historia do raposo, senón parva e aburrida. Pero, de repente, ilumináronselle as ideas naquela cabeciña súa: a cesta coa roupa sucia, a saba engurrada, o furado na parede do soto, o raposo na casa… e un trapo cheo de serraduras. –E que fixo o raposo despois? –preguntou Zackarina con voz temorosa–. Que fixo o raposo co anaco de coiro? –Eu non che sei –contestou o Lobo–. Deixaríao entre os arbustos. Por que o preguntas? O Lobo apuntou o fociño cara a uns arbustos un pouco máis arriba, por riba da praia. E deseguida Zackarina meteuse no medio dos arbustos a buscar, arrancando e pisando neles… E alí, nunha rama espiñenta, estaba pendurado o Fedello cos seus ollos relucentes. Zackarina desenganchouno con moito coidado e quitoulle as espiñas. Despois acariñoulle as orellas caídas. –Pobre Fedelliño –dixo. O Lobo de Area mirábaa asombrado, coa boca aberta. –Pero… Ola…! Pero se iso non é un can! –exclamou–. Só é unha bolsa con serraduras! Zackarina mirou para el desconfiada mentres lle tapaba as orellas ao Fedello para que non escoitase aquelas parvadas. –Ti si que es serraduras! –espetoulle ao Lobo.

22


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Zackarina e o lobo de area G - Åsa Lind / María Elina by kalandraka.com - Issuu