Skip to main content

Vitamina N G - Richard Louv

Page 1

20


22


NON ESTÁS SÓ: HAI QUE REFORZAR OS VÍNCULOS FAMILIARES E AS AMIZADES

Para levar unha vida saudable, feliz e completa, é absolutamente necesario pasar tempo na natureza? Non, pero para moitos rapaces e adultos pode ser fundamental. Para algúns de nós, experimentar o mundo natural forma parte da nosa vida cotiá. Gustaríanos dispor de máis tempo e espazo para a natureza, descubrir novas sendas ou recuperar outras vellas. Pero para moita xente, a conexión coa natureza non lles vén de xeito natural, mesmo contando co privilexio de teren estado expostos a ela durante a xuventude. Os medios electrónicos, uns horarios escolares longuísimos, o tráfico, o urbanismo deficiente, o medo aos descoñecidos ou o medo a non sabermos dabondo para compartir a natureza son só algúns dos obstáculos. O obxectivo deste libro é mostrar como se poden superar eses obstáculos comezando por certas accións sinxelas na casa. Centrémonos primeiro nun dos beneficios máis gratificantes de levar unha vida rica en natureza: o establecemento de vínculos máis fortes dentro da familia, entre os amigos e coa veciñanza. Que mellor maneira de enriquecer a relación pai-fillo que ir dar un paseo polo monte xuntos, desengancharse dos dispositivos electrónicos, da publicidade e da presión grupal? 23


«Desde a década de 1960, as investigacións sobre o desenvolvemento infantil veñen dando abundante información sobre a importancia da calidade da vinculación paternofilial, pois esta exerce unha forte influencia no desenvolvemento futuro do rapaz», escribe Martha Farrell Erickson, psicóloga do desenvolvemento e directiva fundadora do Children, Youth & Family Consortium da Universidade de Minnesota. «O vínculo paternofilial, construído lenta e gradualmente durante o primeiro ano de vida do neno, é a primeira relación estreita que ten o neno e, ata certo punto, é un modelo de todas as relacións que veñan no futuro.» En Together in nature: shared nature experience as a pathway to strong family bonds, escribe: «O mundo natural parece incentivar e facilitar a conexión paternofilial e as interaccións sensitivas». Desconectar e apartar o cativo de calquera distracción electrónica «crea unha ocasión para o que se coñece como “intercambio afectivo”, isto é, abraiarse xuntos coa luz do sol que se filtra polas follas dunha grande árbore […] sentir na cara unha suave orballada de primavera ou unha nevarada no inverno». COMEZA DESDE O PRIMEIRO DÍA jj Dálle ao bebé o regalo da natureza. Introduce o neno que acaba de nacer no mundo exterior. Cando naceu o noso primeiro fillo, collino no colo e fun ata a ventá, e desde alí amoseille o seu primeiro día. Se o momento e o lugar son os apropiados, podes mostrarlle ao teu fillo como é o mundo desde o principio: o ceo azul, as nubes grises, a lúa, as estrelas, o xeo dos vidros, o amencer.

24


jj Aproveita a natureza para reducir o estrés da paternidade. Hai estudos que demostran que os adultos obteñen practicamente os mesmos beneficios que os rapaces ao estar ao aire libre: redución do estrés, melloras na saúde mental e física, e a capacidade para pensaren con máis claridade e seren máis creativos. Incluso antes de o neno nacer, o tempo que se pasa na natureza pode ter efectos curativos para os pais. jj Acouga o neno coa natureza. O cativo colleu unha perrencha no restaurante ou noutro lugar público? Pois lévao para fóra, busca unha árbore e explorade xuntos a cortiza ou as follas mediante a vista e o tacto ao mesmo tempo que expresades emoción e sorpresa. En moitas ocasións, isto abonda para acougar un cativo nervioso, ou para acougar un pai avergonzado e fóra de si. jj Explorade xuntos o universo. Durante os primeiros meses e anos do neno, e tamén despois, ide xuntos a un parque, estendede unha manta, deitádevos un ao lado do outro durante unha hora ou máis; contemplade as nubes ou a lúa a través das follas ou das gallas das árbores. Levade auga e leite. Pode que pasedes aí unha chea de tempo. jj Utiliza a mochila portabebés apropiada. Para visitar espazos naturais próximos ou facer sendeirismo, aos pais vailles vir ben informarse antes de compraren unha mochila portabebés. As guías de Consumer Reports en materia de mochilas portabebés son unha boa fonte de información. Pola súa parte, a REI dá información sobre produtos máis específicos para as actividades ao aire libre. Ambas dan consellos sobre tamaños para cada idade e peso, e tamén sobre o seu uso e seguridade. 25


jj Adquire o carriño apropiado, preferiblemente un modelo todo terreo. Igual que os portabebés, o carriño tamén é bo para expor o bebé ou cativo ás vistas, olores e texturas dos espazos naturais, sobre todo cando paras no medio do camiño e falas do que estás a experimentar. A primeira decisión que hai que tomar é se queres un carriño para correr ou un todo terreo, que é mellor para o sendeirismo. En stroller-envy.com dan orientacións para tomar esta decisión, ademais de comentarios e unha guía para comprar. jj Aproveita a natureza para reducires o illamento social como pai ou nai. Participa nalgunha das redes de pais e nais que levan os nenos á natureza. «Se tes un bebé ou un cativo pequeno, considera a posibilidade de organizar un grupo de excursionismo para facerdes paseos semanais pola natureza», suxire a National Audubon Society. Entre esas redes está o grupo de Yahoo chamado Nature Strollers (en groups.yahoo. com), que organiza andainas e sendeirismo para familias con bebés e nenos pequenos. Toddlertrails.com ofrece un directorio que pon en contacto os pais, nais e avós para facer actividades e cousas aptas para cativos no condado de Orange (California) e outras cidades da rexión. Se na túa comarca non hai ningunha rede dese estilo, xúntate con outros pais e nais e creade unha. jj Participa no desafío Hike it Baby. Tes gana de competir? Hike it Baby 30 (www.hikeitbaby. com) patrocina unha campaña trimestral a nivel nacional para animar as familias a saíren a pasear ou faceren sendeirismo durante un mínimo de 30 minutos diarios e polo menos durante medio mes. Os minutos poden sumalos as nais, pais, 26


tíos, avós, coidadores ou calquera que desexe saír de paseo co neno. jj Comeza a xuntar vocabulario natural. Cando vaias pola natureza co cativo, vai sinalándolle os elementos da paisaxe. Iso contribuirá a asociar as palabras co que ve, sente ou oe, tal como afirman na National Association for the Education of Young Children: «Ao ofrecérmoslles obxectos reais, os nenos asocian palabras cos obxectos concretos que estas representan». jj Cando vaias de andaina co cativo, vai amodo e preparado para detencións imprevistas. Deixa que el marque o camiño. Anímao a deterse e reparar nas rochas, a tocar no musgo, a guindar pedriñas aos charcos e, cando sexa capaz, a subir enriba das rochas e das árbores caídas. Calquera que sexa a paisaxe (quitando os perigos que xulgues razoables), o cativo pode marcar o ritmo e así estimulamos a súa confianza, a axilidade, a capacidade para resolver problemas, a creatividade e a capacidade de marabillarse. jj Observa como queda abraiado o teu fillo cunha herbiña, cun seixo, co movemento das nubes. Non o interrompas.

27


MÉTODOS SINXELOS PARA DARLLES MÁIS TEMPO E ESPAZO A NENOS E ADULTOS Somos moitos os que devecemos polo tempo libre non planificado para gozar da natureza, e non nos falta razón. As investigacións amosan que cando os rapaces xogan en espazos naturais, é moito máis probable que inventen os seus propios xogos que cando están en contextos máis estruturados, e iso é un factor clave para se tornaren máis independentes e inventivos no futuro. De feito, a creatividade e a aprendizaxe ao longo da vida pódense estimular pasando máis tempo na natureza. Pero aí está o paradoxo: lograr máis tempo para pasar momentos non planificados na natureza probablemente lle esixa á familia organizar unha boa cantidade de tempo. Axuda moito facelo cunha boa dose de sentido común e bo humor. jj Reserva sitio no calendario. Se planificas con antelación as actividades deportivas e as vacacións familiares, fai outro tanto para planificar o tempo que pases na natureza. Intenta deixar de lado durante unha tempada os deportes organizados e emprega ese tempo para saírdes ao aire libre. Este consello non ha de valer para todo o mundo, mais para as familias moi ocupadas, reservar tempo para a natureza require o seu tempo, e hai que marcalo no calendario. jj Practica a friluftsliv. Friluftsliv é unha palabra norueguesa, introducida en 1859, que se traduce máis ou menos como «vida ao aire libre». Trátase, en xeral, dun estilo de vida que promove as actividades ao aire libre por seren boas para a saúde humana. O sistema é bastante sinxelo: pasa todo o tempo que poidas no exterior. Introdúceo na túa vida cotiá comprometéndote a estar na 28


natureza unha cantidade de tempo mínima cada día, ou un determinado número de días ao mes. jj O tempo que pases na natureza debes tomalo como un tempo enriquecedor. O lecer é bo, por suposto! Xogar é esencial. Mais a nosa cultura tende a menosprezar o tempo de lecer e o tempo na natureza coma se fosen adornos prescindibles. Ora ben, no caso do desenvolvemento infantil, ou do desenvolvemento humano en calquera idade, o tempo na natureza é tan importante coma as actividades que consideramos agora educativas ou enriquecedoras do desenvolvemento. jj Converte o desprazamento ao traballo nun safari. Se estás parado no medio dun atasco de tráfico, entretédevos ti e os nenos observando as plantas, os animais ou outros elementos naturais que aparezan á beira da estrada. Se ves algo moi interesante, para na beiravía e vai botarlle un ollo. «Nós temos parado unha chea de veces porque algún viu algo que pagaba a pena mirar. Nubes con formas curiosas, solpores preciosos e arcos da vella que te fan sorrir. E os paxaros, ai os paxaros!, eses nunca decepcionan!», comenta unha nai. jj Fai unha ruta de Aninovo. Es un novato nisto do sendeirismo? Non hai problema. Os parques públicos, moitos deles en zonas urbanas ou próximas, ofrecen centos de rutas guiadas para o Aninovo orientadas a particulares ou familias con rapaces de oito anos ou máis. En americanhiking.org pódese atopar máis información sobre o programa First Day Hike. jj Sígueme. Na primeira ruta de sendeirismo que fagan, os rapaces máis pequenos poden xogar a un xogo que consiste en camiñar 29


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Vitamina N G - Richard Louv by kalandraka.com - Issuu