LEMMING Lemmus sp.
Este pequeno roedor de pelo suave e cola curta é moi parecido ao hámster.
Vive nas rexións árticas de Eurasia e América do Norte.
Nas vastas extensións da tundra ártica, o clima é tan frío que só poden sobrevivir liques e pequenas plantas herbáceas. O lemming vive baixo estas plantas, en longos tobos que escava e reviste con pelo de raposo e de caribú. Só así pode soportar as temperaturas xélidas e os feroces temporais que azoutan a rexión. Tamén constrúe cámaras onde garda alimento para o inverno. Os tobos dunha colonia de lemmings forman unha rede de galerías que poden estenderse por centos de quilómetros. A vida do lemming é solitaria. Xúntanse en parellas só na época do apareamento. Dedica a maior parte do día a buscar follas de plantas, raíces, bulbos e sementes. Tamén captura vermes e larvas de insectos para completar a súa dieta. Como acontece con todos os roedores, os incisivos médranlle durante toda a vida e debe desgastalos roendo sen descanso as raíces das que se alimenta. Algúns mamíferos do Ártico, como o esquío de terra ártico, o oso polar e a marmota, hibernan ou aletárganse durante o inverno, pero o lemming permanece activo todo o ano.
4
ANIMAIS EXTRAORDINARIOS |
Carreira temeraria O lemming é tan prolífico que unha femia pode ter seis camadas de oito crías antes de cumprir un ano de idade. Así compensa as numerosas mortes que causan os seus depredadores, como o bufo nival, o raposo e o armiño.
Durante esta viaxe pérdense moitas vidas. Algúns caen desde o alto dos acantilados, debido aos empurróns dos compañeiros que van detrás; outros morren afogados ao cruzaren un río e outros son capturados por depredadores.
Non se sabe moi ben a causa, pero algúns anos a poboación aumenta tanto que pode multiplicarse por trinta. Cando sucede isto, o alimento esgótase e a única saída que lles queda é emigrar. Millóns de exemplares dispérsanse en grandes grupos en todas as direccións para buscaren comida noutros territorios.
A migración é tan numerosa que ten dado lugar a moitas lendas e falsas crenzas. No século XVI críase que os lemmings caían do ceo, coma se dunha chuvia máxica se tratase. Tamén existe o mito, moi estendido, de que se suicidan en masa nadando por mar aberto ou saltando aos ríos desde acantilados.
Guiados polo seu instinto, os lemmings desprázanse rapidamente en liña recta, sen que lles importen os accidentes do terreo. Escalan montañas, atravesan pantanos e incluso cruzan ríos e lagos, porque nadan moi ben.
viaxeiros 1
BISONTE AMERICANO Bison bison
É o animal terrestre máis grande de América. Ten unha cabeza enorme con cornos curvos e unha xiba moi peluda sobre os ombreiros. O bisonte é ruminante, coma a vaca, pero difícil de domesticar, porque ten un carácter indómito e imprevisible. É intelixente e comunícase cos outros bisontes mediante bufidos, brados e gruñidos. Entre os bisontes existe unha xerarquía que depende da data de nacemento. Os machos que nacen antes serán os dominantes e, de adultos, forman un pequeno harén de varias femias, que protexen dos rivais. Despois das dúas ou tres semanas que dura a época de apareamento, os machos afástanse das femias e non participan no coidado da prole. O bisonte goza envorcallándose no po e na lama. Nos lugares onde o fan, fórmanse depresións tan cheas de excrementos e pelo que se impermeabilizan e, coa choiva, se converten en charcas. Esta auga é moi importante para a supervivencia de numerosos animais na época seca. Ao remexeren a terra cando se desprazan, fertilizan o solo e favorecen a floración das plantas. Os invasores europeos exterminaron os bisontes para aproveitar a pel e para privar os indios da súa principal fonte de sustento e, así, facilitar a ocupación das terras. Despois das matanzas dos séculos XVIII e XIX, a poboación de bisontes reduciuse drasticamente: de 60 millóns a 750 exemplares. Hoxe existen uns 500 000 bisontes en ranchos privados e uns 30 000 recluídos en reservas públicas. A maior destas reservas está no Parque Nacional de Yellowstone, onde uns 15 000 bisontes viven case libres en zonas non cercadas.
6
Antes da chegada dos europeos, habitaba en case toda América do Norte. Hoxe só vive en ranchos privados e reservas. (Distribución histórica en vermello, distribución actual en laranxa.)
ANIMAIS EXTRAORDINARIOS |
Viaxe interrompida O bisonte americano vive en territorios áridos, onde o clima cambia radicalmente en cada estación. Cando a herba escasea, forman grandes mandas e emprenden unha longa viaxe en busca de auga e alimento. Camiñan devagar uns 4 km ao día, deténdose continuamente para pastar. Pasan entre 9 e 11 horas ao día comendo. Antes da chegada dos europeos, as pradarías de América do Norte estaban poboadas por millóns destas grandes bestas, que atronaban cando trotaban na
gran migración anual. Unha desbandada de bisontes debía de ser un espectáculo aterrador, porque corren a máis de 60 km/h e saltan a máis de 1,80 m de altura. Hoxe os bisontes non poden emigrar porque están confinados en reservas. Cando intentan poñerse en movemento, encontran valados por todas as partes que lles impiden o paso. Estes impoñentes ungulados non teñen máis remedio que deixarse pastorear polos gardas da reserva, que os conducen a comedeiros coma se fosen gando. Unha triste imaxe.
viaxeiros 2