Skip to main content

Un ianqui na corte do rei Artur

Page 1

Un ianqui na corte do rei Artur


Título orixinal: A Connecticut Yankee in King Arthur’s Court Do texto orixinal: Marc Twain, 1889 © da tradución: Carlos Acevedo, 2013 © desta edición: Kalandraka Editora, 2013 Italia, 37 - 36162 Pontevedra Tel.: 986 860 276 faktoria@faktoriakdelibros.com www.faktoriakdelibros.com Faktoría K de libros é un selo editorial de Kalandraka Ilustración e deseño de portada: Marc Taeger Directores de colección: Xosé Ballesteros e Silvia Pérez Tato Primeira edición: marzo, 2013 ISBN: 978-84-15250-50-0 DL: PO 82-2013 Reservados todos os dereitos

«Esta obra recibiu unha axuda da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Secretaría Xeral de Cultura, na convocatoria de axudas para a tradución do ano 2012.»


Un ianqui na corte do rei Artur Mark Twain

Traducido por Carlos Acevedo


PREFACIO

As crueis leis e costumes que se mencionan neste relato son históricas, e os episodios empregados para ilustralas tamén o son. Con isto non se quere dicir que tales leis e costumes existisen na Inglaterra do século VI, senón que, na medida en que existiron en Inglaterra e noutras civilizacións moi posteriores, é razoable pensar que non sería calumnia para o século VI supor que estivesen en práctica tamén naquela época. Está máis que xustificado deducir que, se algunha desas leis ou costumes non existía naqueles tempos remotos, o seu lugar ocuparíano outras peores. Neste libro non se dirime a existencia do dereito divino dos reis. Resultaba moi difícil. Que a xefatura executiva dunha nación debía recaer nunha persoa de carácter elevado e capacidades extraordinarias era manifesto e indiscutible; que ninguén máis ca a Deidade podía escoller de xeito infalible a tal xefe, era tamén manifesto e indiscutible; que a Deidade debía facer tal escolla era igualmente manifesto e indiscutible; por conseguinte, que a Deidade fixese tal, segundo se afirmaba, era unha dedución necesaria. Vaia, polo menos ata que o autor deste libro coñeceu a madame

7


Pompadour, a lady Castlemaine e outras autoridades executivas desa clase; estas encaixarían tan mal na trama que se considerou mellor adoptar o outro enfoque neste libro (que debe publicarse neste outono), e despois prepararme e dirimir a cuestión noutro libro. Por suposto que é algo que cómpre dirimir, e de todos os xeitos eu non vou ter nada especial que facer no próximo inverno. Hartford, 21 de xullo de 1889

8


NOTA EXPLICATIVA

Foi no castelo de Warwick onde me topei co curioso forasteiro de quen vou falar. Chamoume a atención por tres cousas: a súa cándida sinxeleza, o seu incrible coñecemento das armaduras antigas e o sosego da súa compañía, pois foi el quen levou o peso da conversa. Encontrámonos, como é propio de xente modesta, ao final dun grupiño de xente que estabamos de visita guiada, e de repente comezou a dicir cousas que me interesaron. Mentres o home falaba de maneira tan doce, agradable e lixeira, parecía perderse imperceptiblemente fóra deste mundo e deste tempo, cara a unha remota era e un esquecido país. E así foi gradualmente urdindo un feitizo tal sobre min que acabei movéndome entre os espectros, as sombras, o po e a terra dunha antigüidade gris, mudo ante semellante reliquia. Exactamente do mesmo xeito que eu falaría dos meus amigos ou inimigos máis próximos, ou dos meus veciños máis coñecidos, así falaba el dos señores Bedivere, Bors de Ganis, Lancelote do Lago, Galahad e todos os demais grandes nomes da Táboa Redonda... E que antigo, antiquísimo e murcho, que seco e vedraño me acabou parecendo mentres falaba! Ata que se

9


virou cara a min e dixo, coma quen fala do tempo ou calquera outro asunto corrente: –Sabe algo da transmigración das almas, ou da transposición de épocas... e corpos? Respondinlle que nunca oíra falar diso. El mostraba tan pouco interese –igual que cando a xente fala do tempo– que nin se decatou de se eu lle daba resposta ou non. Houbo un intre de silencio, interrompido inmediatamente pola monótona voz do cicerone a soldo: –Antiga cota de malla, datada no século VI, época do rei Artur e a Táboa Redonda; dise que pertenceu a sir Sagramor o Desexoso; obsérvese o buraco redondo que atravesa a malla na esquerda do peito; non se sabe de que é; suponse que foi unha bala, despois da invención das armas de fogo... quizais disparada vilmente polos soldados de Cromwell. O forasteiro sorriu, mais non era un sorriso moderno, senón un sorriso que debeu de quedar en desuso hai moitos séculos, e murmurou aparentemente para si: –Catade ben, eu vin como sucedeu. –E despois dunha pausa, engadiu–. Fíxeno eu. Cando me recuperei da impresionante sorpresa causada por aquel comentario, o home xa non estaba. Pasei o serán sentado fronte á lareira no Warwick Arms, sumido nun soño de tempos pretéritos, coa chuvia a bater nas xanelas e o vento a zoar contra os beirados e as esquinas. De cando en vez enfrascábame no vello e encantador libro de sir Thomas Malory e gozaba do seu rico festín de prodixios e aventuras, aspiraba a fragrancia dos seus vetustos nomes e volvía soñar outra vez. Chegada por fin a medianoite, lin outro relato para durmir, este que vén a seguir:

10


DE COMO O SEÑOR LANCELOTE DEU MORTE A DOUS XIGANTES E LIBEROU UN CASTELO Entón viñeron contra el dous grandes xigantes, ben armados, fóra a cabeza, con dúas horribles mazas na man. O señor Lancelote cubriuse co escudo, parou o golpe dun xigante, e coa espada partiulle a cabeza polo medio. Cando o seu compañeiro viu tal, fuxiu correndo como louco, temendo os horribles golpes, e o señor Lancelote foille detrás con toda a saña, e deulle un golpe no ombro, e fendeuno polo medio. Despois o señor Lancelote entrou na sala, e presentáronse ante el sesenta donas e doncelas, e todas se axeonllaron perante el, e deron grazas a Deus e a el pola súa liberación. –Pois, señor –dixeron elas–, as máis de nós somos presas aquí desde hai sete anos, e tecemos toda clase de labores de seda para o noso sustento, e somos todas de grande e nobre nacenza, e en boa hora nacestes, cabaleiro, pois fixestes a maior fazaña que un cabaleiro fixo no mundo, que dela daremos fe, e pregámosvos que nos digades o voso nome para podermos contar aos nosos amigos quen nos liberou. –Xentiles doncelas –dixo el–, o meu nome é Lancelote do Lago. E así se foi e se despediu. Entón montou no cabalo e cabalgou por moitos países estraños e salvaxes, e por moitos ríos e vales, e tivo mal apousento. E por fin chegou por fortuna a un cercado, e alí encontrou unha dona anciá que o hospedou de boa vontade, e tiveron bo repouso el e o cabalo. Cando chegou a hora, a hóspede levouno a unha fermosa garita sobre a porta, onde estaba o leito. Alí o señor Lancelote desarmouse, gardou o arnés e deitouse, e logo adormeceu. Pouco despois chegou alguén a cabalo, e bateu na porta con moita presa. E cando o señor Lancelote o sentiu púxose en pé, e catou pola ventá, e viu que baixo o luar viñan tres caba-

11


leiros perseguindo aquel home, e os tres feríano coas espadas, e o cabaleiro tornouse contra eles moi valente e defendeuse. –En verdade –dixo Lancelot– que a ese cabaleiro hei de acudirlle, pois sería vergonza para min ver tres cabaleiros contra un, e se el morre, eu hei de partillar a súa morte. –E con isto apañou o arnés e saíu por unha ventá valéndose dunha saba a onde estaban os catro cabaleiros, e entón o señor Lancelote clamou–: Tornádevos contra min, cabaleiros, e deixade a lide con ese cabaleiro. E todos tres deixaron o señor Kay, e tornáronse contra Lancelote, e comezou unha gran batalla, porque descabalgaron os tres e deron moitos golpes fortes ao señor Lancelote, e acometérono por cada lado. Entón o señor Kay dispúxose a acudir a Lancelote. –Non, señor –dixo este–, non quero a vosa axuda; se queredes axudarme, deixádeme só con eles. O señor Kay, por compracer o cabaleiro, deixouno á súa vontade e apartouse. E despois de seis golpes, o señor Lancelote xa os tombara a todos. E todos tres rogaron: –Señor cabaleiro, rendémonos ante vós como home sen igual. –A iso –dixo Lancelote–, non aceptarei a rendición ante min, senón ante o señor Kay, o senescal; só así vos salvarei a vida. –Xentil cabaleiro –dixeron eles–, iso sería moi odioso para nós, pois perseguimos o señor Kay ata aquí, e haberiamos de vencelo de non ser por vós, e non sería razoable rendernos ante el. –Pois ben –dixo Lancelote–, pensádeo ben, pois podedes escoller entre vivir ou morrer; se vós rendedes, será ante o señor Kay. –Xentil cabaleiro –dixeron eles entón–, por salvar a vida faremos canto nos mandedes. –Daquela –dixo Lancelot–, no vindeiro Domingo de Pentecoste iredes á corte de el-rei Artur, e alí habedes rendervos ante a

12


raíña Xenebra, e sometervos á súa graza e misericordia, e dicir que o señor Kay vos mandou alí para serdes prisioneiros dela. Pola mañá o señor Lancelote acordou cedo, e deixou o señor Kay a durmir. O señor Lancelote colleu a armadura e o escudo de Kay e armouse, e tamén foi á corte dos cabalos e colleu o seu cabalo, e despediuse da hóspede, e así marchou. Logo acordou o señor Kay e notou a falta do señor Lancelote, e despois catou que este lle marchara coa armadura e o cabalo. –Agora abofé ben sei que ofenderá a algúns da corte del rei Artur, pois mostraranse ardidos con el pensando que son eu, e iso ha de enganalos. E grazas á súa armadura e escudo estou certo de que cabalgarei en paz. Logo marchou o señor Kay, dando grazas á hóspede.1

Cando pousei o libro, petaron na porta e entrou o forasteiro. Ofrecinlle unha pipa e unha cadeira, e deille a benvida. Tamén o convidei a tomar un whisky escocés quente; despois servinlle outro, e outro, á espera da súa historia. Tras o meu cuarto argumento, deixouse ir dunha maneira moi natural:

A HISTORIA DO FORASTEIRO Son americano. Nacín e crieime en Hartford, no estado de Connecticut... en fin, á beira do río, no campo. Conque son o máis ianqui dos ianquis e, por tanto, son práctico, si, e supoño que case carente de sentimento ou poesía, noutras

1

Fragmento tirado de Le morte d’Arthur, de sir Thomas Malory. (N. do T.)

13


palabras. O meu pai era ferreiro, o meu tío era veterinario, e eu era as dúas cousas ao principio. Despois entrei a traballar na gran fábrica de armas de Colt e aprendín o meu auténtico oficio. Aprendín todo o relacionado con el. Aprendín a facer de todo: pistolas, revólveres, canóns, caldeiras, máquinas e toda clase de aparellos para aforrar traballo. Vaia, que sabía fabricar o que fixese falta, calquera cousa do mundo, daba igual o que fose. E se non existía algún xeito moderno e rápido de facer unha cousa, inventábao eu tan fácil coma comer pan. Acabei sendo director, e tiña dúas mil persoas ás miñas ordes. En fin, que un home así anda sempre en liortas, non fai falta dicilo. Con dous mil homes por debaixo, sempre sobra ese tipo de diversións. Ou polo menos a min. Ata que atopei con quen as daba, e cobrei. Foi durante un intercambio de pareceres executado con pancas, contra un fulano a quen lle diciamos Hércules. Tomboume dunha pancada na cabeza que me sacudiu todo, coma se me saltasen todas as xuntas da cabeza e quedasen sobrepostas entre si. Entón quedou todo ás escuras, e non sentín máis nada, nin souben máis nada... polo menos durante un tempo. Cando acordei, estaba sentado baixo un carballo, sobre a herba, ante un amplo e fermoso escenario campestre todo para min... ou case, porque había un fulano montado a cabalo que miraba para min, un fulano que parecía sacado dun libro ilustrado. Levaba posta unha antiga armadura de ferro desde a cabeza ata os pés, cun casco con forma de bocoi e provisto dunhas fendas; tamén levaba un escudo, unha espada e unha tremenda lanza; e o cabalo tamén tiña armadura, e un corno de aceiro saíndolle da fronte, e mais unha fermosa

14


vestimenta de seda vermella e verde que lle caía todo en redor coma se fose o cobertor dunha cama, case ata o chan. –Xentil señor, prácevos xustar? –Se me prace o que? –Estades disposto a lidar en paso de armas por mor de terra, dama ou...? –Pero ti que dis, ho? –dixen–. Ala, marcha xa para o circo, ou hei de dar parte de ti. Entón o home colle e retrocede así como cento cincuenta metros e arranca a toda velocidade cara a min, co casco abaixado case ata o pescozo do cabalo e a longa lanza apuntada para diante. Decateime de que quería liorta conque, cando chegou, eu xa estaba empoleirado no carballo. Afirmou que eu era propiedade súa, cativo da súa lanza. Daba moitas razóns, e tiña toda a vantaxe, de maneira que xulguei oportuno tomarlle o pelo. Chegamos a un acordo segundo o cal eu marcharía con el e el non me había de facer dano. Así que baixei e partimos; eu ía a pé, ao lado do cabalo. Camiñamos placidamente atravesando clareiros e regatos que eu non lembraba ter visto xamais –cousa que me sorprendeu e marabillou–, mais ao final non chegamos a circo ningún nin a nada que se parecese. Así que abandonei a idea do circo e concluín que home procedía dun manicomio. Pero nunca chegamos a ningún manicomio, e eu quedei de pedra, como din alí. Pregunteille a que distancia estabamos de Hartford. El respondeu que nunca oíra tal lugar, cousa que tomei por mentira, pero deixeilla pasar. Logo dunha hora avistamos unha remota vila sumida nun val e á beira dun río retorto; e máis alá, sobre un outeiro, unha vasta fortaleza gris, coas súas torres e atalaias, a primeira que vía fóra dunha ilustración.

15


–Aquilo é Bridgeport? –dixen apuntando a ela. –É Camelot –respondeu. O forasteiro xa viña dando sinais de sono. Xa estaba a cabecear, e entón sorriu cun deses sorrisos seus tan anticuados e emotivos, e dixo: –Creo que xa non podo seguir, mais veña comigo, téñoo todo por escrito; así poderá lelo se quere. Xa no seu cuarto, dixo: –Ao principio ía escribindo nun diario; despois, pouco e pouco, co paso dos anos, collín o diario e convertino en libro. Ai, canto tempo pasou! Tendeume o manuscrito e sinaloume o lugar onde debía comezar: –Empece por aquí... xa lle contei o que pasou antes. –O home xa era presa do sono. Segundo saín pola porta, escoitei como murmuraba con voz somnolenta–: Salve, xentil señor. Sentei fronte á miña lareira e examinei o tesouro. A primeira parte –o groso do libro– era de pergameo, amarelecido co tempo. Observei unha folla polo miúdo e descubrín que era un palimpsesto. Por debaixo da fina e antiga escrita do historiador ianqui aparecían trazas doutro escribente a pluma, máis vellas e finas aínda... palabras e frases en latín, evidentemente eran fragmentos de antigas lendas monacais. Abrín na páxina indicada polo forasteiro e comecei a ler, tal como segue.

16


HISTORIA DA TERRA PERDIDA


CAPÍTULO I

CAMELOT

–Camelot... Camelot –dixen para min–. Creo que non me soa. Ha de ser o nome do manicomio. Era unha doce e tranquila paisaxe estival, amena coma un soño, e solitaria coma un día de domingo. O aire estaba cargado do recendo das flores, e o zunido dos insectos, e o rechouchío dos paxaros, e non había xente, nin carros, nin o bulicio da vida, non pasaba nada. O camiño non era máis ca unha vía retorta, marcada con pegadas de cabalo, e de cando en vez víanse rodeiras a ambos os lados, pola herba; aquelas rodas debían de ter unhas lamias do ancho dunha man. Entón apareceu unha rapaza duns dez anos cunha catarata de pelo louro caéndolle polos ombros. Na cabeza levaba unha coroa de papoulas encarnadas. Nunca na vida vira eu un disfrace tan lindo. Veu camiñando ao noso lado despreocupadamente, coa mente perdida, reflectindo paz no seu inocente rostro. O saltimbanqui non lle prestou atención ningunha; semellaba que nin sequera a vía. E ela... ela non parecía nada sorprendida polo fantástico aspecto do home, coma se estivese afeita a velo todos os días. A rapaza marchaba coa indiferenza de quen anda ao lado dunha parella de vacas, pero cando reparou en min, entón si que cam-

18


biou. Levantou as mans e quedou de pedra, a boca dunha cuarta, os ollos estartelados e temorosos: era o vivo retrato da curiosidade cun toque de medo. E alí quedou a mirar para min, nunha especie de fascinación estupefacta, ata que viramos nunha revolta da fraga e desapareceu da nosa vista. Que quedase abraiada comigo e non co outro home xa me pareceu demasiado; eu non lle vía sentido ningún. E que, polo visto, me considerase un espectáculo, ignorando os seus propios méritos a tal respecto, era tamén asombroso, á parte dunha mostra de magnanimidade, cousa sorprendente para unha persoa tan nova. Aquilo daba moito que pensar. Seguín camiñando coma nun soño. Segundo nos achegabamos á vila comezaron a aparecer sinais de vida. A cada pouco pasabamos por diante dalgunha que outra cabana con teito de colmo, rodeadas de veigas e hortas cultivadas de calquera maneira. Tamén había xente: homes musculosos de guedellas longas, brutas e sen peitear caéndolles pola cara e dándolles un aspecto de animal. En xeral, tanto eles coma as mulleres vestían unha especie de túnicas de estopa que lles chegaban moi por debaixo dos xeonllos, e calzaban unha especie de sandalias bastas, e moitos levaban un colar de ferro. Os rapaces pequerrechos andaban todos espidos, mais ninguén parecía consciente diso. E todos eran a mirar para min, a falar de min; metíanse correndo nas cabanas e sacaban fóra as familias para que me contemplasen, pero ninguén reparou nunca no outro fulano, agás para lle dedicaren un humilde saúdo sen recibiren resposta aos seus padecementos. Na vila había algunhas casas grandes de pedra, sen fiestras, espalladas entre unha maraña de cabanas con teito

19


de colmo. As rúas non eran máis ca unhas canellas reviradas, sen pavimento. Había mandas de cans e rapaces a xogar baixo o sol e a montar barullo; os porcos andaban por aí a fozar todos satisfeitos e, no medio e medio da rúa, había unha porca deitada nunha fedorenta fochanca a aleitar a camada. Entón oíuse ao lonxe un estoupido de música militar; foi achegándose cada vez máis preto, e axiña apareceu unha nobre comitiva a cabalo. Daba gloria vela cos helmos e os penachos, as brillantes mallas e os vistosos pendóns, os ricos xibóns e vestiduras dos cabalos, e as puntas de lanza douradas. E por entre o esterco e os porcos, por entre os cativos espidos e os cans, por entre as casas ruíns abriuse camiño elegantemente, e nós seguimos a súa estela. Seguímolos por unha canella retorta detrás de outra, costa arriba, sempre costa arriba, ata que por fin alcanzamos o cumio aireado onde se erixía un enorme castelo. Houbo un intercambio de toques de clarín; a seguir, un parlamento desde as murallas, onde uns guerreiros con cota de malla e morrión marchaban adiante e atrás, alabarda ao ombro, baixo uns pendóns ondulantes nos cales figuraba a feroz figura dun dragón. Entón abríronse de golpe as grandes portas, baixouse a ponte levadiza e o guía da cabalgata avanzou por debaixo dos ameazadores arcos. E nós, detrás, logo aparecemos nun gran patio empedrado, con torres e atalaias alzándose cara ao ceo azul aos catro lados; e ao noso redor xa estaban a desmontar, con moito saúdo e cerimonia, moito movemento, e unha leda exhibición de cores mesturadas e móbiles, alén dun xeral e agradable bulicio, ruído e confusión.

20


CAPÍTULO II

A CORTE DO REI ARTUR

Así que tiven a oportunidade, escapulinme discretamente e toqueille no ombro a un home de aspecto anticuado e díxenlle cun ton insinuante e confidencial: –Ei, amigo, fai favor: ti es do manicomio ou só estás aquí de visita? O home olloume sorprendido e dixo: –Albízaras, xentil señor, paréceme... –Xa me chega –dixen eu–. Ben vexo que es un paciente. Aparteime del reflexionando ao tempo que buscaba algún viandante accidental e asisado que me puidese iluminar. Pareceume atopar un, conque leveino a un lado e díxenlle ao oído: –Gustaríame falar co encargado un minutiño, só un minutiño... –Prégovos que non me poñades empezo. –Que non vos poña o que? –Que non me estorbedes, se vos prace máis esa palabra. Entón proseguiu dicindo que era un mozo de cociña e que non podía parar a latricar, aínda que lle gustaría facelo noutro momento, pois daría o que fose por saber onde conseguira a miña roupa. Segundo marchaba, sinaloume a alguén que estaba ocioso dabondo para o meu propósito, e que ademais estaba a buscarme, sen dúbida. Tratábase dun

21


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Un ianqui na corte do rei Artur by kalandraka.com - Issuu