Skip to main content

Tic tac G / Pablo Díaz - Marc Taeger

Page 1

Tes nas túas mans, querido lector, oínte atento, un disco que é tamén un libro moi es­ pecial, dos que poucas veces botan a rodar polo ancho mundo. É como un reloxo que se esquece da hora e é como un anaquiño de cristal sonoro que ten moitas cores. As cores do bosque, do mar, da rúa, do interior dos fogares máis alegres da nova socie­ dade galega, a que sente o porvir no rostro como unha choiva lixeira ou un raio de sol no amencer. Pablo Díaz escribiu, interpretou e gravou un feixe de cancións fermosas. Marc Taeger elaborou a partir delas unhas ilustracións alucinantes. Cancións e imaxes falan a mesma linguaxe, vanlles gustar tanto aos rapaces como aos adultos. E é que aos rapaces hai que tratalos como a seres intelixentes, sempre e cando se comporten coma tales. Hai que respectar ante todo esa intelixencia pri­ meira que non deberiamos perder co paso do tempo. Pablo e Marc non a perderon, non señor, son dous artistas valentes, porque non lles importa pensar e rir, tocar e bailar, pintar coma se fosen nenos e compartir cos máis pequenos o que aprenderon a facer ao longo dos anos. Porque para facer boa música ou un bo debuxo é preciso pasar anos aguzando o oído, gardando na memoria o que nos entra polos ollos, estudando e practicando con pa­ ciencia, sen chegar a aburrirse. Hai que xogar cos instrumentos e coas voces como se fosen cores, ata que soen xuntos coma nos soños.


A boa música, a que parece que canta e baila tamén na quietude dos debuxos con fei­ tizo, é o agasallo que nos reserva a vida por facernos maiores, o consolo máis grande que temos para ir facendo fronte ás mágoas do camiño. A mellor música, as ideas máis fermosas, o humor máis fino, xorden case sempre na compaña de voces e instrumentos amigos, como os que fixeron posible este disco. As imaxes que se ven no cristal destas cancións –que parecen ter saltado da letra ás páxinas do libro– son atrevidas como as Musas, que na antigüidade danzaban collidas da man, máis ben lixeiras de roupa, e hoxe vístense e peitéanse cada unha ao seu aire. Pablo e Marc ofrécennos aquí o seu amor por todas as idades. As súas cancións e ima­ xes transmiten as mellores vibracións, conservadas dende tempos remotos, adecuadas aos tempos que corren. Ondas profundas da terra galega, vellas como o mar e a mon­ taña, ondas eléctricas que voan dun continente a outro, coa forza da poesía que renace como unha chispa en cada casa. Aquí tendes, atentos oíntes, ávidos lectores, bailaríns de primeira, o tictac dun reloxo que se esquece efectivamente das présas, que xoga co ritmo contaxioso e nos incita a mover o esqueleto. Se o poñedes para espertar, coidadiño, que hai que chegar a tempo ao colexio ou ao traballo. Pero que non vos dea morriña, saíde á rúa marchosos, con choiva ou con sol e lembrádevos de que estas cancións e estas ilustracións vos esperan na casa, á caída da tarde. Santiago Auserón


Tic tac, tic tac, o reloxo vai soar. Tic tac, tic tac, témonos que levantar. Estaremos todos cansos, cos ollos apegañados, ao mellor alporizados, témonos que levantar. [Retrouso] Miña nai está na entrada, creo que está anoxada, teño pegadas as sabas, téñome que levantar. [Retrouso] O almorzo estará listo mentres tanto xa me visto, chegarei tarde ao colexio, téñome que levantar. [Retrouso]

Miña nai está berrando, o reloxo está soando, xa me queda pouco tempo, téñome que levantar. [Retrouso] Ao mellor estou soñando pensando que está soando e non teño que ir ao cole, non me quero levantar. Tic tac, tic tac, o reloxo vai soar. Tic tac, tic tac, témonos que levantar.


Eu teño oito anos e chámome Antón e gústame ler libros a montóns.

Hai que ter un libro a carón da cama para poder ler toda a semana.

Eu leo e leo, así estou ledo. Eu leo de todo e mesmo de medo.

Ter un libro novo é unha aventura e así coñecemos outras culturas.

E nas bibliotecas pódennos prestar os fermosos libros que nos fan soñar.

Libros de aventuras e outros de acción, até de misterio teño no caixón.

Un libro está sempre comigo e así pode ser o meu amigo.

Un libro está sempre comigo e así pode ser o meu amigo.

Un libro está sempre comigo e así pode ser o meu amigo.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Tic tac G / Pablo Díaz - Marc Taeger by kalandraka.com - Issuu