Skip to main content

Tantos cabaliños lindos

Page 1

Tantos cabali単os lindos


Título orixinal: All the Pretty Horses Copyright © 1992 by Cormac McCarthy © da tradución: Eva Almazán, 2013 © desta edición: Kalandraka Editora, 2013 Italia, 37 - 36162 Pontevedra Tel.: 986 860 276 faktoria@faktoriakdelibros.com www.faktoriakdelibros.com Faktoría K de libros é un selo editorial de Kalandraka Ilustración e deseño de portada: Marc Taeger Corrección: Carme Pereiro Directores de colección: Xosé Ballesteros e Silvia Pérez Tato Primeira edición: marzo, 2013 ISBN: 978-84-15250-44-9 DL: PO 61-2013 Reservados todos os dereitos

«Esta obra recibiu unha axuda da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Secretaría Xeral de Cultura, na convocatoria de axudas para a tradución do ano 2012.»


Tantos cabaliños lindos Cormac McCarthy

Traducido por Eva Almazán


I

A luz da candea e a imaxe da luz da candea reflectida no espello colgado entre as dúas fiestras retorceuse e endereitouse cando entrou na sala e outra vez cando pechou a porta. Tirou o sombreiro e achegouse amodo. As táboas do piso renxéronlle baixo as botas. Co traxe negro quedou detido no vidro escuro en que os lirios se inclinaban moi pálidos desde a fina cintura do floreiro de cristal tallado. Ao longo do corredor frío ás súas costas pendían os retratos de devanceiros que apenas coñecía todos encadrados en vitrinas e apenas alumados sobre os paneis estreitos da parede. Baixou a vista para observar o cabo acanalado da candea. Gravou a pegada do polgar na cera quente empozada na chapa de carballo. Finalmente mirou para o rostro tan consumido e mirrado entre as pregas do pano funerario, o bigote amarelecido, as pálpebras finas coma o papel. Aquilo non era durmir. Aquilo non era durmir. Fóra estaba escuro e ía frío e non había vento. Ao lonxe bruou un becerro. Seguiu alí parado co sombreiro na man. Nunca na vida levaches ese peiteado, dixo. Dentro da casa non se oía nada agás o tictac do reloxo da repisa da cheminea no salón de diante. Saíu e pechou a porta. Escuridade e frío e ausencia de vento e unha vea estreita e gris a xurdir no bordo oriental do mundo. Saíu á pradaría e detívose alí termando do sombreiro coma un suplicante perante a escuridade que os cubría a todos e alí quedou moito tempo. Cando se virou para marchar sentiu o tren. Parou e agardou por el. Percibíao nas plantas dos pés. Chegaba furando o espazo desde o leste igual ca un satélite xarelo do sol inminente a ouvear e bramar ao lonxe e a longa luz dos faros dianteiros a abrirse paso por entre os

7


matos enmarañados de mesquite e a crear a partir da noite o valado infindo ao longo da serventía de rectitude absoluta e a volvela engulir arame e estaca milla tras milla para dentro da escuridade ata que o fume da caldeira se dispersou devagar sobre o horizonte tenue e novo e o son empezou a chegar atrasado e el seguía a agarrar o sombreiro con ambas as mans no tremor terreiro que pasaba e quedou a observalo ata que marchou. Logo deu volta e volveu entrar na casa. Ela levantou a vista da cociña ao el entrar e miroulle o traxe de arriba abaixo. Buenos días, guapo, dixo. Colgou o sombreiro nunha percha de onda a porta entre chuvasqueiros e abrigos de manta e pezas soltas de arreos e achegouse á cociña e colleu o café e levouno á mesa. Ela abriu o forno e tirou unha bandexa de bolos doces que fixera e puxo un nun prato e acercoullo e pousoullo diante xunto cun coitelo para a manteiga e tocoulle a caluga coa man antes de volver á cociña. Grazas por prender a candea, dixo el. ¿Cómo? La candela. La vela. No fui yo, dixo ela. ¿La señora? Claro. ¿Ya se levantó? Antes que yo. Tomou o café. Fóra empezaba a facerse unha luz borrosa e Arturo subía cara á casa. Viu o pai no funeral. Só ao outro lado do sendeiro de grava próximo ao valado. Nun momento saíu á rúa e foi ata o coche. Logo volveu. Desde media mañá pegaba nortada e había picas de neve no aire con po suspendido e as mulleres estaban sentadas a termar do sombreiro. Puxeran un toldo por encima da fosa pero o temporal viña de lado e non valeu para nada. A lona vibraba e sacudíase e as palabras do predicador perdíanse no vento. Cando terminou e os despidentes

8


se ergueron para marchar as cadeiras de lona que estiveran ocupando saíron voando a rolos polo medio das tumbas. Ao serán enselou o cabalo e marchou da casa rumbo ao oeste. Acalmara moito o vento e ía moito frío e o sol era unha elipse sanguínea baixo as veas nubosas e sanguíneas que tiña ante si. Cabalgou pola súa ruta predilecta, por onde o ramal occidental do camiño comanche vello que baixaba do país dos kiowa desde o norte pasaba pola zona máis oeste do rancho e se vía o vestixio vago del a descender cara ao sur pola pradaría baixa que se estendía entre o brazo norte e o brazo medio do río Concho. Á hora que sempre prefería cando as sombras eran longas e o camiño secular adquiría forma perante el á luz rosa e nesgada coma un soño do pasado en que os ponis pintados e os xinetes daquela nación perdida baixaban do norte coa cara pintada de xiz e a melena trenzada e cada un deles armado para a guerra que era a súa vida e as mulleres e os nenos e as mulleres cos nenos na teta todos xuramentados con sangue e redimibles soamente con sangue. Cando o vento pegaba do norte chegaban a sentirse, os cabalos e o alento dos cabalos e os cascos dos cabalos calzados con coiro en bruto e o chocallo das lanzas e o arrastre constante das varas das zorras pola area coma a pasaxe dunha serpe enorme e os rapaciños espidos en cabalos salvaxes desenvoltos coma xinetes circenses e aburando os cabalos salvaxes por diante e os cans a trotar coa lingua a doután e escravos de a pé a seguilos seminús e con cargas dolorosas e por riba de todos o ton baixo da salmodia de viaxe que entoaban os xinetes ao cabalgaren, nación e espectro de nación a pasar en coral suave por aquel deserto mineral ata a escuridade carrexando perdida para toda a historia e toda a lembranza coma un graal a suma das súas vidas seculares e transitorias e violentas. Cabalgaba co sol a cobrearlle a cara e o vento vermello a soprar do poñente. Virou cara ao sur polo camiño vello de guerra e subiu ao cotarelo dun promontorio pequeno e desmontou e soltou as rendas e afastouse e detívose en pé coma un home que chegou á fin de algo. Había unha caveira vella de cabalo no mato e encrequenouse e apañouna e xirouna nas mans. Fráxil e crebadiza. Branqueada ata parecer

9


papel. Quedou encrequenado á luz longa a termar dela, os dentes de historieta cómica soltos nos alvéolos. As suturas craniais coma unha soldadura crebada das placas óseas. O chorro abafado de area contida na bóveda cerebral cando a xirou. O que lle gustaba dos cabalos era o que lle gustaba dos homes, o sangue e a calor do sangue que os percorría. Toda a súa veneración e todo o seu afecto e todas as querenzas da súa vida eran para os de corazón ardente e sempre o serían e nunca cambiaría. Volveu cabalgando na escuridade. O cabalo apertou o paso. Os restos da luz do día abríanse en abano sobre a chaira tras del e retirábanse de novo polos bordos do mundo nun azul arrefecente de sombra e luscofusco e fresco e uns cantos rechouchíos finais de paxaros recluídos na escuridade e o mato aramento. Volveu atravesar a senda vella e el tiña que enfilar o poni pola chaira e de retorno á casa pero os guerreiros habían de seguir a cabalgar naquela escuridade en que deviñeran, pasando cun chocallo de ferramentas de guerra da idade de pedra carentes de toda substancia e cantaruxando baixiño envolvidos en sangue e morriña rumbo ao sur polas chairas en dirección a México. A casa construíuse en mil oitocentos setenta e dous. Setenta e sete anos despois o seu avó aínda foi o primeiro home en morrer nela. Aqueloutros que se expuxeran en velorio naquel corredor foran transportados ata alí nunha rella ou envolvidos nunha lona de carreta ou entregados dentro dunha caixa de piñeiro bruto cun carreteiro chantado na porta cun albará de carga na man. Iso os que chegaran, que non foran todos. A maioría dábanse por mortos en virtude do rumor. Un recorte amarelecido de xornal. Unha carta. Un telegrama. O rancho orixinal tiña dous mil trescentos acres segundo o catastro de Meusebach sobre a asignación de terras de Fisher-Miller e a casa orixinal era un alboio sen dividir de paus e canas. Iso foi en mil oitocentos sesenta e seis. Ese mesmo ano leváronse as primeiras cabezas de gando a través do que aínda era o condado de Béxar e cruzando o ex-

10


tremo norte do rancho e seguindo rumbo a Fort Sumner e Denver. Cinco anos despois o seu bisavó mandou seiscentos becerros pola mesma ruta e cos cartos construíu a casa e para entón o rancho xa tiña dezaoito mil acres. En mil oitocentos oitenta e tres tenderon o primeiro arame de pugas. Para o oitenta e seis xa non quedaban búfalos. Ese mesmo inverno houbo unha gran mortaldade de reses. No oitenta e nove baleirouse Fort Concho. O seu avó era o máis vello de oito homes e o único que pasou dos vinte e cinco anos. Os máis morreron afogados, de disparos, do couce dun cabalo. Pereceron en incendios. Polo visto o único que temían era morrer encamados. Aos dous últimos matáronos en Porto Rico en mil oitocentos noventa e oito e ese ano o avó casou e levou a muller para o rancho e debeu saír e quedar a mirar a súa facenda e a cavilar por longo sobre os camiños do Señor e as leis da primoxenitura. De alí a doce anos, cando o andazo de gripe lle levou a muller, aínda non tiveran fillos. Un ano despois casou coa irmá máis vella da finada e de alí a outro ano naceu a nai do rapaz e aí xa acabaron os nacementos. O apelido Grady quedou enterrado co vello ese día que a nortada botou a rodar as cadeiras de xardín pola herba seca do cemiterio. O rapaz apelidábase Cole. John Grady Cole. Encontrouse co pai no vestíbulo do Saint Angelus e subiron por Chadbourne Street ata a cafetería Eagle e sentaron nun reservado do fondo. Algúns das outras mesas calaron ao eles entrar. Uns poucos homes saudaron o pai cunha inclinación de cabeza e un polo nome. A camareira chamáballe corazón a todo o mundo. Apuntoulles a encomenda e flirteou con el. O pai tirou o tabaco e prendeu un cigarro e pousou o paquete na mesa e puxo enriba del o chisqueiro Zippo da Terceira de Infantería e recostouse no asento e fumou e mirou para el. El contoulle que o tío Ed Alison fora onda o predicador despois do funeral e lle dera a man, e que quedaran os dous alí termando do sombreiro e escorando trinta graos no vento coma cómicos de revista mentres a lona se sacudía e ruxía todo ao redor e os empre-

11


gados da funeraria andaban ás carreiras polo camposanto detrás das cadeiras de exterior, e que se inclinara cara ao predicador e lle dixera a berros que era boa cousa que o enterramento xa quedase feito da mañá, porque tal como se vía a cousa tiña traza de acabar en verdadeiro furacán antes da noite. O pai riu en silencio. Logo pasou a tusir. Bebeu un grolo de auga e quedou sentado a fumar e a darlle á cabeza. Cando volveu de alí do norte do estado contoume o Buddy que un día deixou de pegar o vento e as pitas caeron todas. A camareira levoulles os cafés. Aquí tes, corazón, dixo. Tráiovos a encomenda nun minutiño. Marchou para San Antonio, esa, dixo o rapaz. Non lle chames esa. A mamá. Xa o sei. Tomaron café. Que pensas facer? Con que? Con todo. Pode ir onde lle pete. O rapaz mirouno. Non sei quen che manda fumar iso, dixo. O pai engruñou os beizos e repenicou cos dedos na mesa e alzou a vista. O día que veña e che pregunte o que debo ou non debo facer daquela saberás que tes idade para dicirmo, dixo. Perdón. Fanche falta cartos? Non. Observou o rapaz. Vaiche ir ben, dixo. A camareira levoulles a comida, pratos de porcelana grosa con bisté con prebe e patacas e feixóns. Agora vos traio o pan. O pai someteu o pano da mesa na camisa. Quen me preocupa non son eu, dixo o rapaz. Iso podo dicilo? O pai colleu o coitelo e cortou o bisté. Si, dixo. Iso pódelo dicir.

12


A camareira levoulles a cesta de boliños e pousouna na mesa e marchou. Comeron. O pai non moito. De alí a un pouco afastou o prato co polgar e botou a man para coller outro cigarro e deulle unhas petadiñas contra o chisqueiro e levouno á boca e acendeuno. Ti di o que che pete. Que carallo. Pódesme poñer a feder por fumar se che apetece. O rapaz non respondeu. Xa sabes que eu non quería, verdade? Si, xa sei. Coidas ben do Rosco? Está sen montar. Por que non imos sábado? Pois imos. Se tes máis que facer non fai falta. Non teño máis que facer. O pai fumou, el mirouno. Se non che apetece non fai falta, dixo. Apetéceme. Podedes cargar ti e o Arturo e recollerme na vila? Si. A que hora? A que hora te levantas? Xa hei estar en pé. Pasamos ás oito. Xa hei estar en pé. O rapaz asentiu. Comeu. O pai mirou en volta. Seica aquí hai que poñer unha instancia para que che traian un café, dixo. Rawlins e el desenselaran os cabalos e viráranos na escuridade e estaban deitados nas mantas de montar e as selas usábanas de almofada. Era unha noite fría e rasa e as faíscas que saltaban da cacharela voaban candentes e vermellas por entre as estrelas. Chegáballes o ruído dos camións desde a autoestrada e distinguían as luces da vila reflectidas no deserto quince millas máis ao norte.

13


Que pensas facer? dixo Rawlins. Non sei. Nada. Non sei o que esperabas. O tipo lévache dous anos. Ten coche de seu e todo. Non vale nada. Nunca valeu. Ela que dixo? Nada. Que ía dicir? Non hai nada que dicir. Pois non sei o que esperabas. Non esperaba nada. Vas ir sábado? Non. Rawlins sacou un cigarro do peto da camisa e soergueuse e colleu un chamizo do lume e prendeu o cigarro. Fumou en silencio. Eu non lle daba o gusto de saber que me amola, dixo. Sacudiu a cinsa do cabo do pito contra o taco da bota. Non paga a pena. Coma todas as mulleres. El tardou en responder. Ao cabo dixo: Pagan tal. Cando volveu estrillou o cabalo co rascón e gardouno e foi para a casa e entrou na cociña. Luisa deitárase e a casa estaba queda. Puxo a man na cafeteira para ver como estaba e baixou un tanque e encheuno e saíu ao corredor. Entrou no gabinete do avó e foi ao escritorio e prendeu a lámpada e sentou na vella cadeira xiratoria de carballo. Na mesa había un calendario pequeno de latón montado nun soporte rotatorio que cambiaba a data ao inclinalo. Seguía a marcar o trece de setembro. Un cinseiro. Un calcapapeis de cristal. Un secante que poñía Forraxes e Subministracións Palmer. A fotografía de graduación do instituto da nai nun cadro pequeno de prata. A sala cheiraba a fume rancio de puro. Inclinouse e apagou a lámpada pequena e dourada e quedou ás escuras. Pola fiestra dianteira vía a pradaría estrelada en declive cara ao norte. As cruces negras dos postes telegráficos vellos xunguidos entre as constelacións de leste a oeste. O avó dicía que os comanches cortaban os cables e os volvían

14


empatar con pelo de cabalo. Recostouse no respaldo e puxo os pés cruzados encima da mesa. Alustros secos polo norte, a corenta millas de distancia. O reloxo deu as once no salón de diante, ao outro lado do corredor. Ela baixou as escaleiras e parouse no limiar do gabinete e premeu o interruptor da parede. Ía en bata e tiña os brazos apertados contra o peito, os cóbados nas palmas. El botoulle unha ollada e volveu mirar pola fiestra. Que fas? dixo ela. Estar. Quedou alí parada en bata moito tempo. Logo deu volta e desandou o corredor e volveu subir as escaleiras. Cando oíu que pechaba a porta el ergueuse e apagou a luz. Aínda quedaban os poucos días cálidos do final e despois de xantar ás veces o pai e el acomodábanse no mobiliario de vimbio branco do cuarto do hotel coa fiestra aberta e as cortinas finas de gancho a incharse para o interior coa brisa e tomaban café e o pai engadía un chisco de whisky no tanque del e bebíao a groliños mentres fumaba e contemplaba a rúa. Aparcados pola rúa adiante había automóbiles de prospectores petroleiros que parecían que viñan dunha zona de guerra. Se tiveses cartos compraríalo? dixo o rapaz. Xa os tiven e non o comprei. Refíreste á liquidación do exército? Non. Despois diso. Canto foi o que máis gañaches nunca? Non che fai ningunha falta sabelo, que te vezas. Por que non traio o taboleiro de xadrez algunha tarde? Porque non teño paciencia para xogar. Pois para xogar ao póker si que a tes. Iso é distinto. Que ten de distinto? Os cartos, ten de distinto.

15


Quedaron en silencio. Segue a haber unha chea de diñeiro soterrado por aí adiante, dixo o pai. O número un de I. C. Clark que saíu o ano pasado era un bo pozo. Bebeu un grolo de café. Alongou a man e acadou o tabaco da mesa e prendeu un cigarro e mirou para o rapaz e volveu mirar para a rúa. Ao cabo dixo: Gañei vinte e seis mil dólares en vinte e dúas horas de partida. No último bote había catro mil, con tres xogadores. Dous rapaces de Houston. Gañei eu a man cun trío de raíñas que me chegaron de entrada. Xirou a cabeza e mirou para o rapaz. O rapaz estaba sentado co tanque diante a medio camiño da boca. Xirouse e volveu mirar pola fiestra. Non me queda un centavo, dixo. Ti que cres que debía facer? Non creo que teñas moito que facerlle. Has falar ti con ela? Eu non podo falar con ela. Podías. A última conversa que tivemos foi en San Diego California en mil novecentos corenta e dous. Non é culpa dela. Eu non son o que era daquela. Gustaríame pensar que si. E mais non. Por dentro si. Por dentro es. O pai tusiu. Bebeu café. Por dentro, dixo. Quedaron calados moito tempo. Anda a actuar nunha obra ou non sei que. Si. Ben o sei. O rapaz acadou o sombreiro do piso e púxoo no xeonllo. Mellor vou indo, dixo. Ti xa sabes que eu tiña o vello en moitísima estimanza, va que si? O rapaz mirou pola fiestra. Si, dixo. Agora non te me poñas a chorar. Non estou a chorar.

16


Mellor. El nunca perdeu a esperanza, dixo o rapaz. Foi el quen me dicía que non a perdese. Dicía que non iamos facer funeral ningún ata termos algo que enterrar, aínda que fosen as chapas de identificación. Xa estaban a organizalo todo para doar a túa roupa. O pai sorriu. Pois ben puideron, dixo. O único que me serve son as botas. El sempre pensou que iades volver todos. Si, xa o sei. O rapaz ergueuse e puxo o sombreiro. Mellor vou volvendo, dixo. Metíase en pelexas por ela. Mesmo de vello. Con calquera que dixese algo dela. Conque o oíse... Poñíase en evidencia e todo. Mellor vou indo. Pois nada. Baixou os pés do peitoril da fiestra. Baixo contigo. Teño que coller o xornal. Pararon no vestíbulo azulexado mentres o pai repasaba os titulares. Como se vai divorciar Shirley Temple? dixo. Levantou a vista. Incipiente luscofusco invernal nas rúas. Ao mellor vou cortar o pelo, dixo. Mirou para o rapaz. Sei como te sentes. Tamén eu me sinto así. O rapaz asentiu. O pai volveu mirar o xornal e pregouno. A Santa Biblia di que os manseliños han herdar a terra e supoño que será certo. Non che son librepensador ningún, pero vouche dicir unha cousa. Nin moito menos estou convencido de que sexa tan bo arranxo. Mirou para o rapaz. Sacou a chave do peto da chaqueta e entregoulla. Volve subir. No armario hai unha cousa para ti. O rapaz colleu a chave. Que cousa? dixo. Unha cousiña que che comprei. Pensaba regalarcha no Nadal pero xa estou farto de tropezar con ela.

17


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Tantos cabaliños lindos by kalandraka.com - Issuu