Skip to main content

Soñan os androides con ovellas eléctricas? G - Philip K. Dick

Page 1

CAPÍTULO PRIMEIRO

Unha alegre descarguiña eléctrica activada pola alarma automática do órgano do ánimo que tiña a carón da cama espertou a Rick Deckard. Sorprendido, pois sempre o sorprendía espertar sen previo aviso, ergueuse da cama co seu pixama multicolor e estarricouse. A súa esposa, Iran, que seguía na cama dela, abriu os ollos grises e infelices, pestanexou, bocexou e volveu pechar os ollos. –Puxeches o Penfield moi baixo –díxolle á muller–. Vou reinicialo e, cando acordes… –Non me enredes na configuración –contestou ela con amarga severidade–. Non quero acordar. El sentou canda ela, achegóuselle e explicoulle en voz baixa: –Se pos a descarga alta abondo, estarás encantada de acordar. Ese é o obxectivo. Se a pos en C, supera o límite que te separa da consciencia, a min chégame. –E, como se sentía a gusto co mundo (el tíñaa posta en D), deulle unhas palmadiñas amigables no pálido e espido ombreiro. –Quítame esa bruta manaza de poli de enriba –dixo Iran. –Non son poli. –Agora sentíase irritable, aínda que non marcara esa sensación.

9


–Es peor –dixo a muller, que aínda tiña os ollos pechados–. Es un asasino a soldo dos polis. –Xamais na vida matei un ser humano. –Agora sentíase máis irritable, no punto da pura hostilidade. –Meus pobres andis –dixo Iran. –Nunca me pareceu que te incomodase gastar os cartos das recompensas que traio á casa en calquera cousa que che chame a atención aínda que sexa por un momento. –Levantouse e alancou ata a consola do seu propio órgano do ánimo–. No canto de aforrar para mercarmos unha ovella de verdade e cambiar o carneiro eléctrico falso que temos arriba. Tantos aniños eslombándome para gañalo e tan só temos un animal eléctrico. –Na consola, dubidou entre marcar un supresor talámico (que lle quitaría a carraxe) ou un estimulante talámico (que o irritaría abondo para impoñerse na porfía). –Como marques para que che dea máis bile, eu marco o mesmo –dixo Iran cos ollos abertos e atentos–. Marco o máximo e imos ter unha agarrada que vai facer que todas as rifas que tivemos ata agora parezan de chiste. Marca e verás, ti encírrame. –Ela ergueuse con axilidade, dirixiuse á consola do seu propio órgano do ánimo e quedou mirando para el, á espera. El suspirou, desarmado pola ameaza da muller: –Vou marcar o que teño programado para hoxe. –Comprobou o programa para o 3 de xaneiro de 1992 e viu que o procedente era unha actitude seria e profesional–. Se marco o que di o programa –suxeriu con prudencia–, fas ti o

10


mesmo? –E agardou co suficiente sentidiño para non lanzarse antes de que a muller aceptase corresponderlle. –Para hoxe teño programadas seis horas de depresión autoinculpatoria –dixo Iran. –Como? Para que programas iso? –Aquilo frustraba o obxectivo do órgano do ánimo–. Nin sequera sabía que puidese configurarse tal cousa –dixo el apesarado. –Pois estaba aquí sentada unha tarde –respondeu Iran– e, como non, tiña posto o de Amador Amigo e os seus amigables amigos. Andaba a falar dunha nova tremenda que estaba a piques de desvelar, e entón botaron ese anuncio espantoso, ese que odio; xa sabes, o das coquillas de chumbo Mountibank. Así que, durante un minuto, apaguei o son. E oín o edificio, este edificio. Oín… –Ela fixo un aceno. –Os apartamentos baleiros –concluíu Rick. Ás veces el tamén os oía pola noite, cando debía estar durmindo. Con todo, nestes tempos, os edificios de apartamentos en comunidade a medio ocupar presentaban uns valores elevados nos mapas de densidade de poboación; e, no que foran os suburbios antes da guerra, podían atoparse predios completamente baleiros… ou iso dicían. Conformárase con esa información de segunda man: coma case todo o mundo, pouca gana tiña de experimentalo en primeira persoa. –Naquel momento –dixo Iran–, co volume da tele quitado, tiña un ánimo 382, acababa de marcalo; así que, aínda que escoitaba o baleiro a un nivel intelectual, non o sentía. A miña primeira reacción foi dar grazas por poder permitirnos un órgano do ánimo Penfield; pero logo decateime de que

11


non era nada san percibir a ausencia de vida, non só neste edificio, senón por todas as partes, e non reaccionar. Non o ves? Supoño que non. O caso é que iso adoitaba considerarse síntoma de trastorno mental, chamábase «ausencia de afecto apropiado». Así que deixei a tele sen volume, sentei canda o meu órgano do ánimo e experimentei. E, ao cabo, conseguín dar coa configuración da desesperación. –A satisfacción reflectíase no seu rostro moreno e alegre, coma se conseguise algo meritorio–. E programeina para dúas veces ao mes; creo que é unha cantidade de tempo razoable para perder a esperanza respecto a todo, respecto a quedar aquí na Terra cando todos os que teñen algo de siso emigraron, non cres? –Pero ese estado de ánimo –dixo Rick– tenderás a mantelo, non a marcar outro para escapulirte. Unha desesperación así, respecto a toda a realidade, autoperpetúase. –Programo unha reconfiguración automática ao cabo de tres horas –dixo a muller con tino–. Un 481, a conciencia das múltiples posibilidades que se abren ante min no futuro, unha nova esperanza de que… –Coñezo ben o 481 –cortouna Rick, que marcara moitas veces aquela combinación e confiaba moito nela–. Mira –dixo mentres sentaba na cama e a collía das mans para atraela canda el–, mesmo cunha interrupción automática, é perigoso someterse a depresións, de calquera clase que sexan. Esquece o que programaches e eu esquecerei o que programei: imos marcar un 104 xuntos e experimentalo ao

12


tempo, e logo ti quedas así mentres eu reconfiguro o meu ánimo para adoptar a miña actitude profesional habitual. Así terei gana de subir á azotea, ver como está o carneiro e marchar ao choio sabendo que non quedas aquí cismando coa tele apagada. Soltoulle os longos e finos dedos e cruzou o amplo apartamento para ir ao salón, onde quedaba un leve olor a tabaco da noite anterior. Inclinouse e prendeu o televisor. Desde o dormitorio chegoulle a voz de Iran: –Non aguanto a tele antes de almorzar. –Marca o 888 –dixo Rick mentres o aparello se acendía–. É a gana de ver a tele, boten o que boten. –Agora mesmo non me apetece nadiña marcar nada –respondeu Iran. –Pois marca o 3 –suxeriu el. –Non podo marcar unha configuración que me estimula o córtex cerebral para que queira marcar algo! Se non quero marcar, moito menos vou querer marcar iso, porque entón quererei marcar, e querer marcar é o impulso máis estra­ ño que podo imaxinar neste momento. Só quero quedar sentada na cama mirando para o chan. A súa voz foi enchéndose de tons tétricos mentres a súa alma callaba e o seu corpo deixaba de moverse, mentres a instintiva e omnipresente capa dun gran peso, dunha inercia case absoluta, caía sobre ela. Deckard subiu o volume do televisor e a voz de Amador Amigo atronou enchendo a sala:

13


–… ha, ha, xentiña. Toca dar un breve parte do tempo para hoxe. O satélite Mongoose mostra que a chuvia radioactiva será especialmente intensa cara ao mediodía e logo esmorecerá, así que todos os que vaiades saír… Iran apareceu canda el, arrastrando o longo e lixeiro camisón, e apagou o televisor: –De acordo, réndome, xa marco. Que queres que poña, un extático gozo sexual? Síntome tan mal que ata iso estou disposta a aturar. Que carallo, que máis dá? –Xa marco eu polos dous –dixo Rick mentres a levaba de volta ao cuarto. Na consola dela marcou o 594: un compracente recoñecemento da superior sabedoría do marido en todas as cuestións. E, na del, marcou unha actitude fresca e creativa cara ao traballo, aínda que pouca falta lle facía, pois tal era súa perspectiva habitual e natural sen ter que recorrer ao Penfield para unha estimulación cerebral artificial. Despois de almorzar ás presas (pois perdera algo de tempo discutindo coa muller), subiu disposto a aventurarse ao exterior, protexido pola súa coquilla de chumbo Mountibank modelo Ajax, á azotea cuberta de herba onde o seu carneiro eléctrico «pastaba». Velaí o estaba, unha sofisticada máquina como era, papando con simulada satisfacción e enganando os veciños do edificio. Por suposto, algúns dos animais dos veciños serían, sen lugar a dúbidas, falsas imitacións electrónicas; e, por suposto, el nunca metera o nariz na cuestión, como tampouco fixeran os veciños na do funcionamento real do seu

14


carneiro. Sería unha falta de educación supina. Preguntar «O teu carneiro é de verdade?» sería aínda máis descortés ca preguntarlle a un cidadán se o seu dentame, o seu pelo ou os seus órganos internos eran auténticos. O aire da mañá estaba cargado dun po radioactivo gris que tapaba o sol e corría ao seu redor asexándolle o nariz, e nifrou sen querer a voaxa letal. «En fin, igual é demasiado dicir», decidiu mentres se encamiñaba ao pradiño particular que lle correspondía ao seu apartamento excesivamente grande. As secuelas da Guerra Mundial Terminal foran perdendo forza: os que non conseguiran sobrevivir ao po caeran no esquecemento había anos; agora, o po era máis débil e tiña que enfrontarse aos superviventes máis fortes, polo que só afectaba as mentes e as calidades xenéticas. Malia a coquilla de chumbo, abofé que o po iría meténdolle dentro, día tras día, en tanto non conseguise emigrar, a súa pequena carga de lixo contaminante. Ata o de agora, as revisións médicas mensuais confirmaron que era normal: un home capaz de reproducirse dentro das marxes de tolerancia prescritas pola lei. Con todo, calquera mes destes, o exame médico da Policía de San Francisco podería dicir o contrario. Non deixaban de xurdir novos especiais entre os normais a causa do omnipresente po. A consigna que reiteraban os carteis, os anuncios de televisión e os correos masivos do goberno dicía: «Emigración ou dexeneración, ti elixes!». Rick pensou que era moi certo mentres abría a cancela do

15


pradiño e se achegaba ao carneiro eléctrico. «Pero eu non podo emigrar –dixo para si–. Polo traballo.» O dono do pasto adxacente, o seu veciño do bloque de apartamentos en comunidade, Bill Barbour, saudouno. El, igual que Rick, ía para o choio, pero tamén se detivera de camiño para botarlle unha ollada ao seu animal. –Teño a egua preñada –declarou Barbour todo cheo sinalando a gran percherona, que tiña a mirada perdida no infinito–. Que che parece? –Pois paréceme que vas ter dous cabalos –dixo Rick, que xa chegara onda o seu carneiro. Estaba rumiando, e tiña os ollos alerta e fixos nel, por se lle trouxera un rolo de avea. O presunto carneiro tiña un circuíto aveatrópico que facía que, á vista do cereal, se puxese atento dun xeito convincente e se achegase para papalo–. Como empreñou? –preguntoulle a Barbour–. Co vento? –Merquei plasma fertilizante da mellor calidade dispoñible en California –informouno Barbour–. Por medio duns contactos que teño no Comité Estatal de Cría de Animais. Non lembras que a semana pasada veu o inspector para examinar a Judy? Están impacientes por que teña o poldro, é un espécime superior inigualable –Barbour deulle unhas cariñosas palmadiñas no pescozo á egua e ela aconchegoulle a cabeza. –Nunca pensaches en vendela? –preguntoulle Rick, que devecía por ter un cabalo, ou máis ben calquera animal. Posuír e manter unha imitación desmoralizábate aos pou-

16


cos. Con todo, desde un punto de vista social, e á falta dun exemplar auténtico, era o que había que facer. Non lle quedaba outra que seguir así. Mesmo aínda que a el non lle importase, seguía estando a súa muller, e a Iran importáballe. Moitísimo. –Vender a egua sería inmoral –afirmou Barbour. –Pois vende o poldro. Ter dous animais sería aínda máis inmoral ca non ter ningún. –Que queres dicir? –dixo Barbour perplexo–. Moita xente ten dous animais, mesmo tres ou catro; Fred Washborne, o dono da planta de procesamento de algas onde traballa o meu irmán, ata ten cinco. Non viches o artigo sobre o seu parrulo que publicaron onte no Chronicle? Disque é o pato crioulo máis grande e con máis peso da Costa Oeste. –Ao home brilláronlle os ollos ao imaxinar semellante espécime e foi entrando aos poucos en transo. Rick rebuscou nos petos do abrigo e acabou atopando o seu exemplar, moi engurrado e usado, do suplemento de xaneiro do Catálogo de animais e aves de Sidney’s. Consultou o índice, atopou o poldro (vid. cabalo, cría) e achou decontado o prezo que rexía a nivel nacional. –Podo mercar un poldro de percherón en Sidney’s por cinco mil dólares –dixo Rick en voz alta. –Non tal –replicoulle Barbour–. Mira ben a listaxe: aparece en cursiva, o que quere dicir que non lles quedan en stock, pero que ese sería o prezo.

17


–Poñamos que che pago cincocentos dólares ao mes durante dez meses –aventurou Rick–. É o prezo de catálogo. –Deckard, ti non sabes de cabalos –dixo Barbour apesarado–. Hai un motivo para que Sidney’s non teña poldros de percherón en stock: que non cambian de mans, nin sequera a prezo de catálogo. Son demasiado escasos, mesmo os relativamente inferiores. –Inclinouse sobre o cerrado común mentres xesticulaba–. Hai tres anos que teño a Judy e, en todo este tempo, non vin outra egua percherona que estivese á altura dela. Para mercala tiven que coller un avión ao Canadá, e tróuxena eu mesmo nun furgón para asegurarme de que non ma roubasen. Se levas un animal coma este por Colorado ou Wyoming, danche unha tunda e quítancho. E sabes por que? Porque antes da Guerra Mundial Terminal alí había centos de… –Pero –interrompeuno Rick– que ti tiveses dous cabalos e eu ningún iría en contra da estrutura teolóxica e moral básica do mercerismo. –Ti xa tes o teu carneiro; coiro, podes seguir a Ascensión na túa vida individual e, cando agarras as dúas asas da empatía, falo dun xeito honorable. Se non tiveses o carneiro, o teu postulado tería certa lóxica: por suposto, se eu tivese dous animais e ti ningún, estaría impedindo que acadases unha auténtica fusión con Mercer. Pero todas as familias deste edificio…, poñamos unhas cincuenta, calculo que unha por cada tres apartamentos…, todas teñen algunha clase de animal. Graverson ten un polo –dixo facendo un aceno

18


ao norte–. Oakes e a muller teñen ese can rubio tan grande que ladra polas noites. –Matinou un intre–. E creo que Ed Smith ten unha gata no apartamento, ou iso di el, porque ninguén a viu nunca. Igual anda a facer coma quen. Rick achegouse ao carneiro e rebuscou entre a mesta la branca (cando menos, o pelo era auténtico) ata que atopou o que buscaba: o panel de control oculto dos mecanismos. Baixo a atenta mirada de Barbour, abriu a tapa do panel e mostroullo: –Ves? –díxolle a Barbour–. Agora entendes por que devezo polo teu poldro? –Coitado –reaccionou Barbour ao cabo dun intre–. Sempre foi así? –Non –respondeu Rick mentres volvía pechar a tapa do panel do carneiro eléctrico; púxose dereito, volveuse e encarou o veciño–. Antes tiña un carneiro de verdade, déunolo o meu sogro cando emigrou. Pero logo, haberá cousa dun ano…, non sei se lembras aquela vez que o levei ao veterinario: ti estabas aquí arriba aquela mañá, cando saín e o atopei estomballado de lado e non podía levantarse. –Puxéchelo en pé –dixo Barbour lembrándoo e asentindo–. Si, conseguiches poñelo en pé, pero ao cabo dun par de minutos de camiñada, volveu caer. –As ovellas teñen enfermidades moi raras –comentou Rick–. Ou, mellor dito, as ovellas teñen unha chea de enfermidades, pero todas cos mesmos síntomas: a ovella non pode erguerse e non hai xeito de saber como de grave é a

19


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Soñan os androides con ovellas eléctricas? G - Philip K. Dick by kalandraka.com - Issuu