A FIESTRA DE
RODARI
Unha mañá de primavera, cando as flores ventureiras tinguían de cores os prados ondulados da rexión italiana de Umbría, un escritor chamado Gianni Rodari acudiu á escola dunha pequena vila situada entre Perugia e Foligno. O alumnado desa escola levaba días esperando a visita. Engalanaran os corredores con debuxos, e colocaran no vestíbulo un retrato grande do escritor que a profesora se atrevera a copiar dunha fotografía. Con enormes letras de cores conformaran unha frase ao seu redor:
Benvenuto alla nostra scuola, GIANNI RODARI O escritor chegou mediada a mañá, nun automóbil negro que conducía outra persoa. Recibírono na porta dúas nenas e dous nenos que fixeron de anfitrións e lle amosaron todas as dependencias do colexio: as aulas; o comedor, que tamén facía as veces de ximnasio; a biblioteca; o laboratorio, onde tiñan exposta nunha vitrina unha colección de fósiles; os servizos dos alumnos, que eran novos…
13
Unha vez concluído o percorrido, os catro pequenos anfitrións petaron na porta do despacho da directora Floriani e fixeron as presentacións. Acto seguido, dirixíronse todos xuntos ao salón de actos, onde os demais agardaban con impaciencia. O salón de actos tamén servía de capela e, durante as fins de semana, de cine. O escritor foi recibido cun aplauso e outros dous nenos, visiblemente nerviosos, encargáronse de presentalo. Isto debeu de acontecer contra 1968, pois Gianni Rodari falou do próximo libro que ía publicar, Vinte historias mais unha. Por desgraza, no colexio, que aínda existe, non quedou constancia da data da visita, e os profesores que daquela daban clase ou están mortos ou non a lembran. O escritor falou de moitas máis cousas e respondeu a todas as preguntas que os alumnos e as alumnas lle formularon. A continuación, propúxolles un xogo que consistía en inventar unha historia a partir duns poucos elementos. Foi un acto longo que a todos os asistentes, empezando polos nenos e nenas, se lles fixo moi curto. Finalmente, e como colofón, contoulles unha historia. Era a historia dun nubeiro que cubría unha cidade. Ameazaba tormenta. A media tarde, un relampo iluminou as rúas e un tronido fixo vibrar os cristais das fiestras. Aínda que parecía que ía caer unha boa bategada, só caeron catro pingueiras.
14
Catro! Foi explicando onde caera cada unha delas até que chegou á cuarta. A cuarta pingueira caeu no cristal dunha fiestra e... Nese intre, o escritor virouse na procura dun encerado onde poder debuxar, como acostumaba facer. Pero ás súas costas só había unha cortina. Mirou a un lado e a outro. Nada! Encolleu os ombreiros, alzou o brazo dereito e mostroulle ao público o furabolos. –Mirade atentamente. Este dedo vai deixar de ser un dedo para se converter nun lapis máxico –dixo–. E con el debuxarei unha fiestra. Todos viron como trazaba no aire unha fiestra rectangular. E con aquela fiestra, que quedou colgada no aire, continuou o conto, que desvelaba as andanzas da cuarta pingueira de chuvia, a que caera xusto naquel cristal, e unha vez alí… Chiara estaba sentada na primeira fila e seguía a historia encandeada, coa boca aberta. Os seus ollos podían ver ás claras a fiestra imaxinaria que o escritor debuxara co dedo e que flotaba de maneira misteriosa. E, por suposto, tamén vía a cuarta pingueira de chuvia escorregando polo cristal con movementos controlados. Ao final do conto, a cativada da escola que asistira ao encontro literario con Rodari aplaudiu a barullo.
15
A continuación, arrodeárono e acompañárono até o vestíbulo, onde aviaran unha mesa. En primeiro lugar, a directora entregoulle o libro de honra do colexio para que asinase, e despois unha botella de viño e mais un torciglione, pois pensaran que o mellor detalle que podían ter con el era agasallalo cos produtos típicos do lugar. –Viño rosso de Montefalco –explicoulle a directora Floriani–. O torciglione faise ao xeito tradicional dende hai séculos. O libro de honra do colexio, como tantas outras cousas, tamén se perdeu. Os rapaces xa formaran unha fileira para que o escritor lles dedicase os seus libros. –Como te chamas? –Chámome Doménico. Chiara era a única nena que aínda permanecía no salón de actos. Cando todos marcharon, levantouse e esculcou a fiestra que o escritor trazara co dedo e que seguía colgada do aire. Achegouse a ela, abriuna e ollou cara ao outro lado. O que viu, fíxoa sorrir. Despois pechouna. Cavilou un anaco. Xirou a cabeza á dereita e á esquerda para se asegurar de que non había ninguén máis no salón e, con decisión, agarrou a fiestra coas dúas mans. Como imaxinaba, era moi liviá. Cos brazos cara a arriba, encamiñouse á saída. Confiaba en que o resto dos seus compañeiros estivesen pendentes do escritor e ninguén reparase nela.
16
Porén, Giuseppina mirou para ela cun aceno de curiosidade. –Por que levas os brazos así? Á compañeira só lle estrañara vela cos brazos levantados, o que quería dicir que a fiestra de Rodari seguía a ser invisible para todos, agás para ela. Encolleu os ombros. –Fago exercicios. E continuou camiñando coma se tal cousa até saír do colexio. Ninguén llo impediu porque xa era a hora da saída e o conserxe abrira a porta da rúa. A súa casa ficaba preto. Por sorte, polo camiño non topou con ninguén coñecido, malia que algunhas persoas quedaron mirando para ela con xestos de estrañeza, xestos que lle confirmaron a Chiara que só ela era quen de ver a fiestra. Como na súa casa non había ascensor, tivo que subir os tres andares cargando coa fiestra. A dificultade non residía tanto no peso coma na angostura e na falla de luz da escaleira. De ningún modo quería que levase un golpe, nin sequera unha rozadura. Non tiña dúbida de que se trataba dunha fiestra sobranceira, e calquera rabuñada lle parecía unha profanación. Pousouna no chan, apoiada contra a parede, e abriu a porta da casa. A esa hora non habería ninguén. Volveuna
17
coller e meteuna con moito coidado. Tivo que sortear os trastes ciscados polo chan até chegar ao seu cuarto. Daquela pensou en agochala en algures, pero axiña se decatou de que non sería necesario, pois ninguén a podía ver. Deixaríaa colgada no aire, como estivera no salón de actos do colexio, como a debuxara o escritor Rodari co dedo que deixara de ser dedo para se converter en lapis. Ao cabo de quince minutos chegou a súa nai e, sen lle dirixir nin sequera un saúdo, meteuse na cociña. –Esta mañá estivo Rodari na escola –tentou contarlle. –Rodari? E ese quen é? –Un escritor. A nai puxo unha pota ao lume e comezou a falar entre dentes, ignorando as palabras da filla. A Chiara, afeita a que refungase, non lle estrañou, así que regresou ao seu cuarto. Ao ver a fiestra colgada do aire, esbozou un sorriso. A seguir, espalancouna e asomouse ao outro lado. Todo o seu rostro se iluminou, coma se espreitase algo marabilloso. Un bocado máis tarde chegou o seu pai, e dous minutos despois principiaron os berros. A Chiara isto tampouco non lle estrañou, pois era o conto de todos os días da súa vida. Miraba cara a atrás, tan atrás como podía, e trataba de lembrar algo diferente; pero só era quen de escoitar berros, reproches, ameazas, insultos…
18