Skip to main content

Río Miño. Unha viaxe entre solsticios G - Xesús Fraga

Page 1

LIMIAR

Remansado polo val, o río ofrece unha lámina de horizontalidade case perfecta. Flúe silencioso e lento, sen obstáculo que entorpeza o seu empuxe. A folgura do leito, a amplitude dun horizonte arbóreo uniforme, un rumor apenas imperceptible: todo convida á contemplación dunhas augas onde escintila fugaz, igual que pebidas douradas entrevistas baixo a superficie, a luz amarela do último sol de novembro. Se batésemos o río, como suxeriu o poeta, soaría a «puro ouro». Deitado sobre a herba a uns metros da beira, sigo a corrente coa mirada. Hai algo hipnótico no seu discorrer, continuo e apraciblemente monótono, como un canto melismático que se repetise ad infinitum. Sempre en movemento, inexorable e irreversible, incapaz de subtraerse á «gran persuasión» do seu destino último, o océano. Ao incorporarme, espanto un corzo que bebe na outra ribeira. Inmóbil durante dous, tres segundos, mírame cos seus ollos acibeche; logo xírase e desaparece entre bidueiros e carballos. Quizais descenda da «cerva namorada das cantigas» que lle pedía a Álvaro Cunqueiro que lle contase

9


como era o mar, pregunta á que el respondía coa máis resignada e fermosa explicación de por que convertemos o río na mellor metáfora do que significan vivir e morrer: A auga doce que bebes salgada será. Así é. Sabemos que a auga que hoxe nos refresca mañá amargaranos. E non hai nada que poidamos facer para evitalo, só deixarnos ir e manternos á boia, ser un coa corrente. Nas marxes quedarán esquecementos e chegarán achados. Atoparemos augas renovadas e novas, transfusións vitais dos afluentes. Haberá rápidos que nos mergullen e acheguen á escuridade do fondo, diques que nos freen e anuncien finais que intuímos falsos. Unicamente o proído do salitre resultará definitivo. Pero tampouco eterno. Descomposta en millóns de moléculas primarias, esa auga salgada viaxará de novo cara ao seu nacemento para acabar aflorando como doce, sen memoria ningunha da súa vida anterior, salvo a irresistible pulsión por volver completar o seu ciclo. Faino agora, nas entrañas duns cúmulos –cumulus congestus– que me sobrevoan seguindo ese compás infalible que lles marca o ronsel do río. Un río que honra o seu nome, de fonte –mei– indoeuropea: camiñar, ir. Fluír, moverse, vivir.

10


O río Miño. O Minius dos romanos, o pai Miño do país galego, pastor, que dixo outro poeta, dos mil ríos –multiplicados por dez, segundo algúns– que se estenden pola práctica totalidade do seu territorio. Percorre tres das súas provincias –tamén baña as sés de tres das catro dioceses que atravesa– e os seus 315 quilómetros de lonxitude abarcan unha conca de 17 619 quilómetros cadrados que se estende por dous centos de municipios de tres comunidades e dous países, dos que é, á vez, fronteira e unión. O seu leito e os seus afluentes máis notables alimentan un tecido natural tan rico como diverso –regatos e lagoas, remansos, canóns e estuarios– no que floreceu a paisaxe humana. Nas súas augas bebe o gando e faenan mariñeiros e pescadores. Fertilizan as colleitas de hortalizas e froiteiras. As súas ribeiras nutren os delicados viños de Galicia e Portugal: Ribeira Sacra, O Ribeiro, O Rosal, O Condado, Vinho Verde. Crúzano incontables pontes, dende pragmáticas pasarelas ata audaces obras de enxeñería que resisten séculos dun tránsito que, durante longo tempo, conviviu coas barcas de pasaxe, convertidas agora en reliquias arqueolóxicas. Os seus barqueiros tamén ingresaron na memoria colectiva e, xunto a lavandeiras e muiñeiros, cada vez aseméllanse máis a seres míticos como as aureanas, feiticeiras e xacias de cantigas, romances e lendas. Este patrimonio material e inmaterial converte o Miño na auténtica columna vertebral, física e simbólica, de Galicia. Non en balde eramos moitos os que criamos

11


que merecía ser a súa bandeira e por iso a pintabamos coa banda azul seguindo o seu curso –unha diagonal de derei ta a esquerda e non a oficial, de esquerda a dereita, herdeira dunha mutilación decimonónica para evitar confusións coa insignia do Imperio Ruso–, ata que o maxisterio nos sacaba do noso erro. Un erro gozoso: quen non querería vivir nun país que fai da súa riqueza fluvial o estandarte para representarse ante o mundo. Aletargado ao seu paso por Lugo, o Miño outonal compón unha estampa de melancolía para a que, á vez, inclúe a prescrición do remedio: bañarse en ríos frescos prolonga a vida, a dicir do inglés Richard Burton, anatomista das aflicións que afectan a alma. A melancolía pesa, é certo, pero non tanto como para tentarme a mergullarme máis aló dunha man que o río devolve aterecida tras uns segundos reflexivos. O sol xa se puxo. A corrente parece tomar forza conforme chega a hora do crepúsculo, que tingue de rosa o horizonte polo que se perden os cúmulos, decididos na súa misión higrométrica. Unha luz tenue converte en sombras pardas o verdor co que os ranúnculos alfombran este tramo no verán, e que agora se reclúen no leito fluvial, como se decidisen hibernar ata a próxima estiaxe. Unha lavandeira imita o corzo fuxidío e baixa a beber, confiada na súa capacidade aérea de fuxida. Corrente abaixo gralla un corvo solitario; ninguén lle responde. Tamén desapareceron os xubilados

12


que se exercitaban no paseo, a estridencia fluorescente dos corredores. A soas co Miño, a auga devólveme a lembranza dunha vez, hai xa máis de vinte e cinco anos, que me asomei ao río xusto neste sitio. Chegara a Lugo como xornalista licenciado para unhas prácticas de verán que ao cabo se prolongaron cinco anos de estadía. Un tempo, o do tránsito definitivo da mocidade á idade adulta, no que nacían e morrían ilusións: un período de intenso cambio persoal que coincidiu tamén con notables transformacións na cidade e a súa contorna. Como esta ribeira do Miño. O que hoxe é parque daquela estaba inzado de silvas que vencer, coa guía dos buratos que furaban os animais sedentos, ata achegarme, coas rabuñaduras como proba, á auga. O río, como a paisaxe, garda a memoria do que viu. Depositario e custodio, retena deica a nosa volta –ou se o visitamos por vez primeira– ao lugar dende o que o interpelamos. A soas co Miño, é o momento idóneo para formularlle as dúas preguntas que, segundo o escritor británico Robert Macfarlane, debemos exporlle a toda paisaxe: Que sei deste lugar que non saiba de ningún outro? e Que sabe esta paisaxe de min que non saiba eu mesmo?

13


A primeira resposta espero obtela do propio Miño, para o que deberei mergullarme no seu territorio, longo e ancho. A tentación de ceder á «gran persuasión» do Atlántico, invisible por agora, pero sempre presente, é notable, aínda que o percorrido xa nacería incompleto: hai que remontar o curso, situarse no manancial que dá orixe a todo. A segunda resposta espero estar en condicións de ofrecela ao cabo da viaxe. Ás fontes, pois.

14


1

UN NACEMENTO DISPUTADO

NÉBOA NO PEDREGAL No pedregal de Irimia, o Miño esconde e atrasa o seu nacemento tras un triplo intento de camuflaxe: a lingua de rocas que anticipa a súa fonte, a escuridade da noite máis longa do ano –o viaxeiro elixiu a mañá despois do solsticio de inverno para o seu descenso do río–, que se resiste aínda ao amencer, e unha néboa tan espesa que impide ver algo a máis dun par de metros, deixando o oído –atento ao rumor soterrado– como único recurso para chegar ao manancial. Cun comezo así, un podería botarse ao camiño e, de paso, encomendarse á guía espiritual de dous viaxeiros cuxas narracións sempre admirou e que tamén son responsables en parte desta modesta expedición. Pero este viaxeiro non é o poeta nos seus vinte anos que remontou hai décadas o curso do lendario río que atravesa en

15


vertical a montaña leonesa, como tampouco é o «home novo, delgado» que, hai décadas tamén, andou e viu, cal vagabundo, unha extensa comarca castelá. Este viaxeiro acumula uns cantos achaques –hipertensión e presbicia, osteopatías varias–, como corresponde á súa idade –aos cincuenta xa suma outro ano máis–, e ademais, mentres eles gozaron da placidez do verán, no seu caso o inverno saúdao coa aperta húmida da néboa, capaz de infiltrarse por todos os poros ata enchoupalo a un. Un calafrío trae consigo un lonxevo recordo infantil: o trato íntimo coa auga doce. Nunca nos abandonaba. As nais e avoas galegas sempre advertían dos perigos das correntes de aire, mais a causa de tanta catarreira infantil máis ben habería que procurala noutro inimigo invisible, a humidade, contra a que era inútil librar batalla: os deshumidificadores eran aparellos descoñecidos na nosa nenez. Esa omnipresente auga descompoñíase en millóns de moléculas para pegarse a nós como unha segunda pel a través da roupa de tacto sempre frío que poñiamos pola mañá antes de ir ao colexio. De camiño, corriamos tras as poliñas ou as cascas de noz que levaban as cunetas que salvabamos con ambas as pernas facendo ponte para ver pasar o que a nosa imaxinación convertera en carabelas ou galeóns. Nas aulas, as pingas escorregaban polos vidros condensados; no recreo, penetrabamos con catiúscas na antiga braña que non cubrira o recheo de terra do patio para ver quen era capaz de arrincar a lámina de xeo máis grande sen que crebase. A mesma choiva que caía,

16


mansa ou feroz, sobre os nosos xogos reencontrabámola máis tarde nos canos aos que acudiamos a beber aquí e acolá: un mapa mental de fontes levábanos ata a máis próxima. A fonte do Miño, con todo, durante longos séculos non figurou como tal. Correspondíalle esa honra a unha lagoa uns poucos quilómetros máis abaixo, unha honra consagrada por unha sucesión de voces autorizadas, do Licenciado Molina a Domingo Fontán, así como no imaxinario popular a través da toponimia: a lagoa coñécese como Fonmiñá ou Fonte Miña. No seu mapa pioneiro de 1834 –a Carta Xeométrica de Galicia, á que haberei de volver máis veces durante esta viaxe–, Fontán consigna a parroquia adxacente como «Fumiñá» e engade «Fonte Miñá ou nacemento do Miño», mentres que o tramo que discorre dende o pedregal de Irimia se identifica tan só como «Río de Meira», tomando o seu nome da serra e a primeira vila de importancia que atopa o curso do río. Posteriormente, Pascual Madoz e Otero Pedrayo recoñeceron as achegas dos regos que baixan da serra cara ao Atlántico –na súa vertente leste tamén nace o Eo, que flúe ata o Cantábrico– e, no século xx, Pérez Alberti divide en tres as fontes do Miño: Rego da Pena, Xirómeno e o que brota no pedregal; deste trío, especialistas como Río Barja e Rodríguez Lestegás singularizan o de Irimia como o nacemento principal. Con todo, tras esa espera tan prolongada, a gloria de Irimia como nacemento do Miño podería esvaecerse por intervención dos modernos sistemas de cartografía dixital.

17


Nun estudo recente sobre a contorna ambiental do seu leito, Pablo Ramil Rego e Javier Ferreiro da Costa, seguindo o criterio de asociar as fontes dun río cos tramos fluviais máis afastados da súa desembocadura, trasladan o nacemento á subconca do Sil, o principal afluente do Miño, en concreto, á ladeira de Pena Orniz, no municipio leonés de Cabrillanes. Esta atribución parece confirmar a sabedoría tradicional do refraneiro: «O Sil leva a auga, o Miño a fama». Ao Sil chegaremos, pero non adiantemos acontecementos: aínda faltan moitos quilómetros para ese encontro. De cinguirse á subconca do Miño, a precisión informática destronaría o rego de Irimia –e con el, os demais da serra de Meira– para situar como o tramo fluvial de maior lonxitude, con 325 quilómetros ata o océano, o que nace dos regatos que agroman nas ladeiras entre o pico O Carrancho e o monte Toxoso, no concello lucense de Abadín, e que converxen no Labrada, tradicionalmente considerado parte dese rabaño que pastorea o Miño. Sería tentador atribuír esta sucesión de cambios –ás veces polémicos e disputados– ao tópico do galego indeciso, pero nisto o Miño limítase a sumarse á tradición doutros grandes ríos, do Nilo ao Amazonas e o Danubio, de divertirse á conta de regar a confusión sobre os seus respectivos nacementos. Sexa como for, malia non contar coa toponimia da súa parte, o pedregal de Irimia acredita para a súa causa unha paisaxe única e un feixe de lendas que tratan de explicar este prodixio da natureza. Agora que a noite por fin se

18


despide e a néboa comeza a levantarse, unha fervenza petrificada, formada por centos de rocas de gran tamaño e de todas as formas, parece brotar do manto branco que aínda cobre a serra para, de súpeto, licuarse no regato que aflora xusto aos seus pés, entre fentos arborescentes. É unha paisaxe doutra era, unha era virxe de toda man humana, cando a terra a habitaban tan só os elementos. Aquí non só nace un río, aquí naceu un mundo cuxas pegadas fósiles perdurarán mentres queiramos contemplalas. Era inevitable que unha paisaxe tan abraiante inspirase numerosas lendas que xustifiquen a súa orixe. Unha delas bota man do próximo mosteiro de Santa María de Meira: tal era o esplendor do cenobio cisterciense que o diaño, corroído pola envexa, quixo derrubalo a pedradas, pero a aparición repentina de san Bernardo de Claraval impediu a falcatruada das hostes diabólicas; non tiveron máis remedio que recuar, deixando amoreadas as rocas que pensaban usar como proxectís. Unha variante adxudica aos relixiosos o papel contrario: son eles os que acosan unha meiga que se negaba a render os tributos requiridos por unhas terras bendicidas con abundantes fontes; en represalia, Irimia, que así se chamaba a meiga, ao berro de «destas augas nunca beberedes, porque o río é miño», fixo crecer os pelouros que acabaron por ocultar os mananciais, co que o mito vale tanto para explicar a orixe do pedregal como, de paso, para engadir outro argumento á defensa de que aquí nace o Miño. E outra versión sostén

19


que as rocas non son senón homes malvados que buscan a expiación dos seus pecados na pureza destas augas. Un relato xeolóxico do nacemento do Miño será menos lendario, pero non por iso desprovisto de poesía. Ao contrario, coa súa precisión, a linguaxe científica reforza as resonancias míticas, anteriores á historia humana, dun mundo en formación. O pedregal é unha morena cárstica do período periglaciar –de entre dez mil e vinte mil anos de antigüidade–, é dicir, unha sucesión de pelouros arrastrados por un glaciar nos procesos de conxelación e desxeo. É un perfecto exemplo do que se coñece como campo de bloque de ladeira. A longa concentración de clastos de cuarcita espállase pola pendente, partindo dun farallón rochoso no que aínda se ven as pegadas da xelifracción, e estréitase a medida que descende formando unha valgada baixo a que se oe correr a auga ata que se fai visible no seu extremo inferior. Esta fractura permite que aflore dende a reserva subterránea de case un quilómetro e medio cadrado de extensión baixo a serra. O imbricado dos bloques, cubertos de musgo e unha pátina de liques que sería a envexa de calquera pintor informalista, delata o seu movemento en conxunto grazas ao xeo intersticial que ocupaba uns ocos onde agora crecen os fentos. Con todo, dende a súa fixación, a gravidade parece quedar en suspenso, sen que se producisen novas mobilizacións, aínda que algunhas rocas gardan memoria, ou quizais nostalxia, daqueles días nos que a lingua do glaciar as empuxaba val abaixo, e ceden traizoeiras baixo os meus pés.

20


Ou quizais sexa que a meiga, celosa da súa propiedade acuífera, segue a defenderse, coa ameaza de esvaróns e caídas, dos intrusos que percibe como unha ameaza. Cando o ascenso empeza a fatigar, cando o alento da miña boca escapa como se desexase reintegrarse coa néboa que xa se levantou, cando o sol, oculto aínda polos eucaliptos que coroan a serra, xa arrinca escintileos das cuarcitas, sei que é o momento de deterse. Ata este momento, só fun gabeando, en precario, pola corrente petrificada, o remonte dun río que quedou inmóbil por unha maldición mineral. A apenas uns metros do cume, onde unha parella de aeroxeradores eólicos se suma ao dubidoso privilexio invasor do eucaliptal, chántome sobre dúas rocas de solidez fiable. E dou a volta. Tras tantos minutos atentos ao microcosmos do pedregal, os meus ollos sorpréndense coa amplitude súbita do campo de visión. A lingua rochosa converteuse agora nunha liña de fuga que atrae con forza a miña mirada: a gravidade, que durante milenios non conseguiu desprazar os pelouros, leva sen dificultades a miña atención cara á panorámica que se abre ante min: prados e casais que aínda resisten o empuxe das plantacións de eucaliptos, fileiras de carballos, olmos e salgueiros que delatan o Miño no seu mozo discorrer cara ao Atlántico que se intúe tras as lombas que pechan o val polo oeste. Xa non se oe o rumor da corrente soterrada. Son os chíos dos merlos os que reciben un día que tratará de compensar a súa brevidade aínda invernal cun sol que, mesmo se non chega a un

21


frío de herdanza glaciar, si quenta o corazón de quen se dispón a emprender esta longa viaxe fluvial polas marcas da paisaxe e as pegadas do tempo, se seica ambas as cousas non son o mesmo. Un sol que parece temperar tamén, como se quixese desmentir a súa ascendencia glacial, coa auga que sae á superficie baixo a cúpula protectora das ramas, agora espidas, duns salgueiros que lle dan a benvida. Está fría, pero non corta nin manca, cando mollo os dedos na breve charca que forma o manancial, antes de levalos á fronte, a xeito de bendición pagá antes de emprender a viaxe do seu curso que me conducirá ata o océano, onde esta auga agora doce salgada será.

AS RELIQUIAS DE MEIRA A apenas uns pasos do seu afloramento, o Miño vai furando un camiño de seu cara ao val, flanqueado nunha marxe por un prado e, na contraria, por ringleiras marciais de eucaliptos que se arriman ata o bordo mesmo do regato. Faino tras superar a estrada que leva ata o propio pedregal, pola que esta mañá retumba un remolque madeireiro –onde hai plantacións hai maquinaria– sobre os dous tubos de formigón que canalizan a auga: non tivo tempo de correr libremente apenas uns metros e o Miño xa se enfronta á primeira de incontables intervencións humanas que non deixarán de acompañalo ata a súa desembocadura.

22


Co recordo aínda presente do xogo infantil, colócome cun pé a cada lado do regato e deixo que a miña mirada marche ladeira abaixo coa auga cristalina. A postura devólveme ao territorio do pensamento máxico da nenez, ese que se satisfai coa idea de que o gran río Miño, a columna vertebral do país, agora mesmo pode pasar polo arco que forman as miñas pernas. Outro arco, o das copas entrelazadas de carballos e olmos que poboan a ribeira, leva o Miño en dirección oeste ata un breve val, antesala da súa entrada en Meira. Aquí, en Porto da Pena, recibe os tributos dos seus primeiros afluentes, os regatos Irimia, Feás ou Xirómeno e o que bautiza tamén o que na antigüidade se coñecería como un locus amoenus, pero ao que hoxe chamamos, de forma máis prosaica, área recreativa. Para que non quede dúbida ningunha, unha placa de bronce, fixada a unha rugosa lousa, lémbranos que a contorna foi acondicionada por unha escola taller, actuación promovida e subvencionada polas administracións correspondentes; aí están os nomes dos políticos, como se a alguén, ademais de a eles mesmos, lle puidese importar. Tampouco sorprende: é difícil de esquecer o monólito de máis de dous metros de alto, xunto ao pedregal, con outra placa que pregoa que a contorna foi rehabilitada –como se a natureza o necesitase– polo Concello. Un cheiro inconfundible para quen o percibise xa algunha vez interrompe as miñas estériles reflexións sobre a infinita vaidade dos homes: flota no aire un penetrante fedor a xurro. Como unha desas criaturas infernais que

23


enturban os cadros do Bosco, un tractor e a súa ranqueante cisterna emerxen dun prado, e a fraxilidade do idilio clásico crébase ao contacto co seu pestilente ronsel. Os que talvez se deixaron tentar pola literatura bucólica, como respiro de aire puro ás súas moi elevadas leccións no Colexio Maior de Filosofía, foron os monxes do mosteiro de Santa María de Meira. Ata este Porto da Pena chegaba o muro que circundaba as súas propiedades, muro que sobrevive en parte e a cuxos pés arrincaba dende o Miño a acea que movía o seu poderoso muíño de tres moas. Noutrora motor das feraces colleitas cereais que cobraba a congregación cisterciense, magoa asistir á decadencia do muíño. Os seus muros de cachotería ao descuberto comparten ruína cun transformador contiguo –quizais as rodas pasaron de moer gran a xerar electricidade–, unidos ante o asedio dos depredadores da desolación, algúns naturais –hedras e silvas– e outros que nacen da incuria humana: unha roda de camión, plásticos negros e azuis, refugallos varios. O muíño puido seguir mellor sorte, a que correu outro semellante río abaixo, pero, malia os intentos municipais por adquirilo, segue con paso firme o seu curso cara á desintegración e o esquecemento. Cóntamo Yoani, experta na historia de Meira e a quen acudín na oficina de turismo para ver o interior da igrexa cenobítica á hora preceptiva que se indica nun taboleiro de anuncios. Atopámonos no escenario doutra desaparición, a dos claustros do mosteiro: do coñecido como dos cabaleiros, onde se situaban a hospedería e a escola

24


filosófica, chegaron ata hoxe uns poucos arcos e unha á do edificio, reconvertido en concello; do segundo, o dos frades, só se ven os arranques dos arcos no muro sur da nave principal do templo. Con todo, o granito que os sostiña non marchou demasiado lonxe. Boa parte segue aquí, xa que se reutilizou para pavimentar rúas e a praza central de Meira, reconstruír outros edificios da vila e mesmo como canteira. Durante uns segundos, observamos en silencio a gran praza que se estende onde antes se erguía o claustro gótico. Yoani cóntame que o convento xa se achaba nun estado ruinoso tras a desamortización de 1835, que non fixo máis que empeorar as desfeitas cometidas polas tropas francesas –foi hospital de sangue– a comezos do século xix. Lonxe quedaban xa os seus tempos de esplendor, nos que concorría o patrocinio interesado da nobreza e de monarcas como os Reis Católicos, artífices de que se fundase aquí un dos cinco colexios maiores de Castela, o xa amentado de Filosofía e Artes. A fundación do mosteiro é moi anterior. Remóntase a mediados do século xii e atribúeselle ao propio Bernardo de Claraval –presente tamén nas lendas de Irimia–, artífice da expansión europea do Císter. Disque dende Claraval saíron un grupo de monxes, comandados polo abade Vidal –«moi insigne suxeito, excelente en santidade e vida», segundo frei Damián, historiador galego da orde–, en busca dun lugar idóneo para establecerse como comunidade. Ese lugar foi Meira, despoboado daquela,

25


pero que, de entón en diante, ligaría o seu destino ao do seu poderoso –del dependían dúas comunidades de relixiosas, en Pantón e Moreira– mosteiro. A súa igrexa axústase case ao milímetro ao chamado plan bernardín, molde de templos: planta de cruz latina, tres naves e cabeceira con cinco capelas. Yoani, que espera fóra, ten a xentileza de deixarme percorrelas nunha soidade que acentúa aínda máis a espida austeridade cisterciense, sumida na penumbra. O celebrado rosetón da fachada principal está orientado ao poñente e, a tal hora da mañá, apenas filtra unha tenue claridade. Con todo, a luz si penetra con forza na sancristía posterior á capela maior, iluminando un dos prodixios case secretos da igrexa de Meira: a Sala das Reliquias. Accédese a ela por un breve e escuro pasadizo curvo, acompañado por unha lenda en latín que advirte do carácter sacro e sapiencial do recinto; en consonancia, o teito, baixo, obrígao a un a abaixar humildemente a cabeza. A sala, en cambio, está asolagada pola luz matinal que entra a través dunha xanela bastante máis pequena do que se podería pensar: parece traer consigo toda a forza resplandecente do Miño, que discorre a escasos metros da cabeceira. Non en balde outra inscrición lémbralle ao visitante que se atopa no ceo. Se non o era en verdade, debía estar moi próximo cando o sagrario albergaba as reliquias –san Atanasio mártir, santa Úrsula, san Pedro Regalado e san Roque, entre outros, son os que figuran no Tombo de Meira–, e aínda hoxe defende a súa condición de

26


recinto celestial exhibindo os retratos de papas e santos, enmarcados en granito. Sobre eles, por se aínda non quedase claro, cúrvase unha bóveda poboada de soles, estrelas e querubíns coas súas ás. «Que é isto, senón a porta do ceo», sostén o tramo do deambulatorio que me devolve á nave central logo da miña breve incursión no paraíso cristián. A outra marabilla da igrexa atópase no extremo oposto, pero non agochada; ao contrario, as ferraxes medievais do portón principal espállanse sobre os taboleiros como unha hedra metálica. Quizais instigados pola nula decoración do tímpano que coroa a entrada –unha lápida muda de puro granito, cuxa lisura creba cal raio unha greta vertical–, son moitos os que viron en tanta retorsión unha pareidolia de serpes, xabaríns, cans e cabalos, pero que eu, por máis que o intento, non son quen de distinguir. En troques, suxíreme un caudaloso curso fluvial no que concorren ducias de afluentes, como ese Miño que aquí bordea o antigo predio cisterciense. Nada máis entrar en Meira atravesa –literalmente– unha fábrica de prefabricados de formigón. Saúdan o seu paso fileiras e fileiras de palés cargados de bloques grises, idénticos aos que se usaron para afear o próximo muíño das Gabinas, ao que sucesivas reformas non redimiron da ruína, como o seu homólogo corrente arriba. Merecía unha sorte mellor, como a que correu o muíño de Pedreiras, restaurado e que coñece unha nova vida como restaurante. Pero, para desgraza miña, as súas portas están pechadas, así que non

27


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Río Miño. Unha viaxe entre solsticios G - Xesús Fraga by kalandraka.com - Issuu