Skip to main content

Rigorosamente humano G - Manuel Álvarez Torneiro

Page 1

I

ROLDA DO SANGUE


LITURXIA DO RETORNO Días atravesando a voz. Disciplinas de outubro. Areas doutro mar que aquí non chega. Galerías abertas na memoria do aire, lentamente. Quen vive? A man arreda as arañeiras, o espello disecado, as idades do cal e dos espantos. Quen vive? Quen dá fe daquela rebeldía ou dorme tan cabal na confianza? Que anxo distraído escoita as chuvias, o vento: esa liturxia? Que animal moi amado nos celebra? Por que alfabeto comezar de novo? Por que rostro ou abismo de finísimo azul? Con que voz ir dicindo pomba, buxo, Altamira de luz, Ramil, pistilo, Bach, vehemencia? Quen recorda a promesa máis xurada: vivir, atravesar o soño ata os límites, extinguirse no soño, morrer pola beleza nun recanto do lume,

15


tentar a porta do Enigma, dispoñer a roupaxe, o aire de habitarnos? Onde a flora narcótica e o preludio incompleto? (Distraían as aves, o perfil dos deuses, o carburo de luces libertarias.) Quen informa da menta? Quen sabe das campás e daquela muller que foi amada sobre as pontes do tempo? Ai!, se é tarde no mundo. Ai!, se é tarde nos días con maneiras de mar. Agora estou a chamar ás grandes portas onde estivo prohibido quedar máis tempo do que tardan os paxaros en dar a volta á estación feliz e saquear a luz. Arredo o atavío das idades, neves da desposesión, certeza de bruma, e pregunto: quen conserva o inicio da partitura, a brasa, a memoria das mans sementando a temperanza? Quen meteu o meu nome nos arquivos do inverno? Quen o gardou no mar?

16


Ai!, se é tarde no mundo, no día da emboscada da memoria: deshora xa do azar, consolación, licor destilado no sal, limiar recoñecido. Quen vive daquilo que outorgou tanto e tanto desexo, dádiva posuidora, vixilia, potestade entón sen vencemento? Quen responde con pan, atabal, barro de mundo inacabado, cromos, trenzas, planetas de meter nos petos, queimaduras de fe? Quen delira ou incendia? Onde é véspera? Que graffiti deixastes os da espiga, os do roncón, os rexos maiorais, os da forza e arrebato? Quen de min dá razón? O que chega de lonxe. Onde ceo esta noite, amor, viño de apoteose, esperanza?

17


ESE INTERIOR DE AUGA QUE SE PENSA NA SEDE

Bidueiros cantantes. Ir e vir do xirín. Esa pedra sombriza traballada nos mares da paciencia, o trevo, unha pinga de soidade caendo nos abismos, nas fonduras da tarde. Reirrei, ocarina, un perfil na poeira, o retrato de Carmen. Tactos de brancura tan íntima, escumas onde render o corpo de incendio pensativo. A fiestra voando sobre os pulsos que soñara Magritte pintando a primavera. Os mapas que máis tarde serían outras patrias. E as sombras das madeiras temerosas de xullo, a miniatura súbita da flor lunar e soa, ese interior de auga que se pensa na sede, os baixíos da luz, a escola do maínzo. Unha dalia na boca do crepúsculo. Os círculos de seixo, memorias abatidas polo mar. Buguinas,

18


unha duna na man tamén area, o barro onde ler o libro vivo, a carnación da vida. A flor seca no álbum do que esquece. Os armarios que un día arderán de fatiga. Os astros dos ourives. Amo esta ala cíclica, este gran de salitre, aquel limo defunto, os tilos que derraman a sombra máis calada. Estes son os tesouros: as arcadas de palma, as zafras dos esquíos, o esterno do paxaro, os cordames do tempo, nervaduras de ámbar na contraluz… Amo o ábaco inútil, a luz do logaritmo, a usura das memorias, a vidreira caduca, os breviarios pulidos de paz abeatada, a semente apremada polos pobres, as escenas da estampa: ese friso.

19


Luz que sustenta o asombro, secretas catedrais de sol e mĂşrice, interiores de irreal milagre. AĂ­nda esta defensa no milenio extremado.

20


FRAGMENTO DOS CAMIÑANTES Crúzanse nos camiños tristísimos xigantes de ignorancia e tenrura, montañas de silencio, ou ben restos dun himno. Pasan falando sempre do de nunca: serias figuras de benaventuranza, resistencia de mel ou mica pobre. Van aínda negando a princesa do conto, atuando o horror sobre anacos de louza, referindo as trampas da música, ou fan xogos de mans nos milladoiros, beben ou xuran vingarse se non medran os ríos. Levan pouca equipaxe, algo de cinza, navallas que concentran o fulgor das tormentas, unhas estampas sepias que os delatan: esa debilidade por facer memoria, restaurar interiores tan afíns ao misterio. Ás veces atópanse á sombra das cortizas, nos pórticos ociosos, ou saíndo dos museos que os devolven tan tristes, ou na pólvora enteira que mollou o inverno.

21


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Rigorosamente humano G - Manuel Álvarez Torneiro by kalandraka.com - Issuu