LITURXIA DO RETORNO Días atravesando a voz. Disciplinas de outubro. Areas doutro mar que aquí non chega. Galerías abertas na memoria do aire, lentamente. Quen vive? A man arreda as arañeiras, o espello disecado, as idades do cal e dos espantos. Quen vive? Quen dá fe daquela rebeldía ou dorme tan cabal na confianza? Que anxo distraído escoita as chuvias, o vento: esa liturxia? Que animal moi amado nos celebra? Por que alfabeto comezar de novo? Por que rostro ou abismo de finísimo azul? Con que voz ir dicindo pomba, buxo, Altamira de luz, Ramil, pistilo, Bach, vehemencia? Quen recorda a promesa máis xurada: vivir, atravesar o soño ata os límites, extinguirse no soño, morrer pola beleza nun recanto do lume,
15
tentar a porta do Enigma, dispoñer a roupaxe, o aire de habitarnos? Onde a flora narcótica e o preludio incompleto? (Distraían as aves, o perfil dos deuses, o carburo de luces libertarias.) Quen informa da menta? Quen sabe das campás e daquela muller que foi amada sobre as pontes do tempo? Ai!, se é tarde no mundo. Ai!, se é tarde nos días con maneiras de mar. Agora estou a chamar ás grandes portas onde estivo prohibido quedar máis tempo do que tardan os paxaros en dar a volta á estación feliz e saquear a luz. Arredo o atavío das idades, neves da desposesión, certeza de bruma, e pregunto: quen conserva o inicio da partitura, a brasa, a memoria das mans sementando a temperanza? Quen meteu o meu nome nos arquivos do inverno? Quen o gardou no mar?
16
Ai!, se é tarde no mundo, no día da emboscada da memoria: deshora xa do azar, consolación, licor destilado no sal, limiar recoñecido. Quen vive daquilo que outorgou tanto e tanto desexo, dádiva posuidora, vixilia, potestade entón sen vencemento? Quen responde con pan, atabal, barro de mundo inacabado, cromos, trenzas, planetas de meter nos petos, queimaduras de fe? Quen delira ou incendia? Onde é véspera? Que graffiti deixastes os da espiga, os do roncón, os rexos maiorais, os da forza e arrebato? Quen de min dá razón? O que chega de lonxe. Onde ceo esta noite, amor, viño de apoteose, esperanza?
17
ESE INTERIOR DE AUGA QUE SE PENSA NA SEDE
Bidueiros cantantes. Ir e vir do xirín. Esa pedra sombriza traballada nos mares da paciencia, o trevo, unha pinga de soidade caendo nos abismos, nas fonduras da tarde. Reirrei, ocarina, un perfil na poeira, o retrato de Carmen. Tactos de brancura tan íntima, escumas onde render o corpo de incendio pensativo. A fiestra voando sobre os pulsos que soñara Magritte pintando a primavera. Os mapas que máis tarde serían outras patrias. E as sombras das madeiras temerosas de xullo, a miniatura súbita da flor lunar e soa, ese interior de auga que se pensa na sede, os baixíos da luz, a escola do maínzo. Unha dalia na boca do crepúsculo. Os círculos de seixo, memorias abatidas polo mar. Buguinas,
18
unha duna na man tamén area, o barro onde ler o libro vivo, a carnación da vida. A flor seca no álbum do que esquece. Os armarios que un día arderán de fatiga. Os astros dos ourives. Amo esta ala cíclica, este gran de salitre, aquel limo defunto, os tilos que derraman a sombra máis calada. Estes son os tesouros: as arcadas de palma, as zafras dos esquíos, o esterno do paxaro, os cordames do tempo, nervaduras de ámbar na contraluz… Amo o ábaco inútil, a luz do logaritmo, a usura das memorias, a vidreira caduca, os breviarios pulidos de paz abeatada, a semente apremada polos pobres, as escenas da estampa: ese friso.
19
Luz que sustenta o asombro, secretas catedrais de sol e mĂşrice, interiores de irreal milagre. AĂnda esta defensa no milenio extremado.
20
FRAGMENTO DOS CAMIÑANTES Crúzanse nos camiños tristísimos xigantes de ignorancia e tenrura, montañas de silencio, ou ben restos dun himno. Pasan falando sempre do de nunca: serias figuras de benaventuranza, resistencia de mel ou mica pobre. Van aínda negando a princesa do conto, atuando o horror sobre anacos de louza, referindo as trampas da música, ou fan xogos de mans nos milladoiros, beben ou xuran vingarse se non medran os ríos. Levan pouca equipaxe, algo de cinza, navallas que concentran o fulgor das tormentas, unhas estampas sepias que os delatan: esa debilidade por facer memoria, restaurar interiores tan afíns ao misterio. Ás veces atópanse á sombra das cortizas, nos pórticos ociosos, ou saíndo dos museos que os devolven tan tristes, ou na pólvora enteira que mollou o inverno.
21
E son os confidentes: esas palabras neutras a partir dalgún intre decadente, a partir desas mans de medir o pecado. E poden ser felices se non recordan nada ou conspirar e telo moi calado. Ás veces, ata poden ser felices e dignos, negar certa ruína ou velar o extravío co que se fan os soños.
22
PÓRTICO DA MEMORIA A nai das tabardillas. A crianza. A maciza tenrura das cousas feitas de auga. As solainas abertas. A nena de Balbís. Chagall: casa dos merlos que se incendian de azul mesturado de agosto. Compañeiros perdidos nunha carta sen data, na folla dos matices escrupulosamente detallados. O cazador de lume. O álbum de Boulogne. As insignias do triste dende a memoria mesma, dende o humus vital ata a caída. Un rostro de milenios desolados que acusa. Aquel terror de laca. Fusilaban ao pé do románico puro. As rosas sublimadas caían na tormenta. Horacio, Eliot, Vallejo: herdanza contra a eclipse. E navíos, pupilas, retóricas e colos onde tivemos patria. Silabario, acordeón, porcelana, cerdeira. A aura de melaza dos santos a pedir da man daqueles pobres.
23
E a noite, a barricada, a chuvia da ruína. Cohen. A dalia lila que restaura a mirada. A armadura de neve. A perfección máis triste nun adaxio. Palabra comunal ao abrigo das prímulas. Rúas do rito. Eiras clandestinas. Esperas aclamadas. A liturxia da herba en homenaxe a Liszt. Os primeiros pronomes. Os corpos apremados. Anisete. Balada. O enigma. O desdebuxo do que fora inocencia. Novembros descarnados. Sepia de seme rutineiro. Sede. A memoria cortés ilustrando os espellos. Poemas distinguidos en velador de sábado. Celia, Carmen, María, óboes, Leopardi. Ese perfil que a pena identifica cun poboado sen mar nin narradores un día que se sabe sobrevivido apenas… Tabardillas. Van Gogh. A ira. Os sete ríos. A metáfora escrita no tícket da penuria.
24
Navíos que chegan estraños de silencio. Aquel país vencido na luz da opacidade. O teu alcohol de océano ceibado ata o confín da pascua. Memoria xa esplendor de todo o saqueado. … vai frío na fronteira.
25