Skip to main content

Ramón Cabanillas. Escolma poética G - Ramón Cabanillas / Anxo Pastor

Page 1

CAMIÑO LONGO

Camiño, camiño longo, camiño da miña vida, escuro e triste de noite, e triste e escuro de día... camiño longo da miña vida! Vereda, vereda torta en duras laxes aberta, arrodeada de toxos, crebada polas lameiras… vereda torta, ti onde me levas! Camiño, camiño longo. A choiva, a neve e as silvas enchéronme de friaxe, cubríronme de feridas… camiño longo da miña vida! Vereda, vereda fonda de fontes tristes, sin ágoa; sin carballos que den sombra, nin chouzas que den pousada… vereda fonda, ti cando acabas!

De Vento Mareiro

9


AMOR DE NENO

O meu amor morréu. Foi un que tiven cando tiña dez anos. Nel non houbo feridas nin congoxas, tristuras nin salaios. Era unha nena branca como un lirio coa que xoguéi ó arco, axuntéi estampiñas, collín rosas e brinquei polos agros. ¡Veu nas azas dun morno Abril; levóuna irto vento dun Marzo! Nunca alcancéi a conocer en ónde nacía o seu encanto: nos seus braciños, soio semellantes a varales de nardos, nos seus ollos azúes, paxariños das lendas de miragros, nos seus pés, volvoretas bailadoras, ou no seu traxe branco que lle prestaba xeito desas fadas dos contos aldeanos que bendicen as erbas dos veirales, acrecentan o gando, trán a choiva no tempo da sequía, dispoñen dos orballos e fan fuxir as brétemas leitosas ó seu conxuro máxico. ¡Veu nas azas dun morno Abril; levouna o vento dun Marzo!

10


Cando nun leito de cheirosas frores ‐a caixa en que a enterraron‐ a vin durmir cunha sorrisa, pálida como un xazmín murchado, non choréi que non puden… ¡Ai, do peito sentín que me arrincaron un «non sei qué» de vida e de cariño; algo que tiña dentro moi cravado! ¡Aquel día que a nena compañeira quedóu no camposanto acabóuse o xogar, e entréi no mundo ó Dor encadeado! A rodar, a rodar… baixo outros ceos os ventos me levaron, e outras terras me viron, tras da loita, malferido e sangrando… máis o relembro da neniña aquela, aquel amor lonxano, no mesmo corazón enraizóuse como a edra no valo, e a frorecer, a frorecer, sinxelo, e mimoso, e calado, a miña vida enche de soave arrecendo nostálxico. E teño unha esperanza. Cando eu morra, Ela estará agardando… ¡e xuntiños iremos cortar rosas e brincar polos agros!

De No desterro

11


XOQUÍN

Xoquín, inda pequeno, cos seus ollos de neno veu craramente o mundo e máis a vida. E colleu seu camiño –o do seu corazón e o seu destiño– sin medo a dente, frecha nin ferida. Xoquín puxo seu gusto en camiñar e onde o levan os pés vai a cabeza mais seia besta ou home o que tropeza, Xoquín déixao pasar. Como un varal de fento, un milleiro de follas velaíñas ten o seu pensamento. E como non dá rido, cando ceiba as folliñas a xente di: «Xoquín non ten sentido.» Porque todo o que mira o mira arrente, non se dá conta a xente de que Xoquín ten ollos milagreiros: os dos santos, os tolos e os poetas que de todo o que brila fan luceiros e de todo o que voa volvoretas. Nunca dos homes ó vivir noxento ten de tornar Xoquín, xa que a súa vereda non ten fin e está empedrada polo Esquecimento. Tal como é, é ditoso. Nada o mágoa e nin sabe de envexas nin de dores. Todas as erbas, para el, son frores, pelras de luz todas as pingas de ágoa, e todos os paxaros, reiseñores. Din que é parvo Xoquín... ¡Parvos son os que o din!

15


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Ramón Cabanillas. Escolma poética G - Ramón Cabanillas / Anxo Pastor by kalandraka.com - Issuu