Skip to main content

Puberdade en marcha G - Gloria A. Calvo/Camila Lynn/Agostina Mileo/Martina Trach

Page 1

Por que estás a ler este libro? SE ESTE LIBRO chegou ás túas mans é porque seguramente estás comezando a transitar ou xa estás transitando á puberdade. Esta etapa é unha das máis transformadoras da vida, pois implica cambios profundos, desexos novos e sensacións descoñecidas. Moitos cambios: no teu corpo e na túa relación con el, na túa forma de pensar e de pensarte, no modo de vincularte con outras persoas e co mundo. Moitas cousas novas: sentimentos, interrogantes, temores, intereses… E moitos desexos novos: de explorar, de vivir outras experiencias, de adquirir autonomía e de ter unha maior intimidade.

Fixemos este libro coa idea de axudarche a entender un pouco máis o que che está a pasar. Ao longo das súas páxinas, encontrarás información que lles dará resposta a moitas das túas preguntas, aclarará algunhas das túas dúbidas e che permitirá saber a que se deben tantas cousas novas. Oxalá che brinde ferramentas para que poidas expresar o que sentes e vivir a túa puberdade plenamente.

Agora si:

3

a ler!


Mulleres e homes: iguais ou diferentes? CANDO NACICHES inscribíronte no rexistro civil e déronlle

á túa familia documentos que certifican a túa identidade. Nestes documentos figuran o teu nome e apelidos, a data e a hora do teu nacemento, o domicilio da túa familia naquel momento, o teu sexo e certos datos máis. Agás polo nome, que seguramente foi escollido por outros membros da familia, todos os demais datos xurdiron de distintas observacións. A hora, por exemplo, tomouse do que marcaba o reloxo. E como determinaron o teu sexo? Mediante a observación dos teus xenitais externos: se tes vulva, rexistrarían «feminino», e se tes pene, «masculino». Con todo, cres que abonda con ver os xenitais para saber se alguén é muller ou home? E hai só dous sexos?

Hai persoas cuxos xenitais externos non son nin unha vulva nin un pene. Estas persoas denomínanse intersexuais e son case o 2 % da poboación do mundo. Paréceche pouco? É máis ou menos a mesma cantidade que a de persoas co pelo roxo!

6


A experimentar! Busca fotos de cando eras bebé. En que te pareces? En que te diferencias? Recoñéceste na foto que hai no teu DNI?

SEXO

Baséase principalmente na observación dos xenitais, pero tamén está definido por outras características. Adoitan recoñecerse só dous: feminino e masculino, malia que hai persoas que teñen características de ambos.

7


Que teñen que ver os xenitais? TALVEZ che pareza que a discusión sobre os sexos é algo actual,

pero xa en 1949 a escritora e filósofa francesa Simone de Beauvoir tratou o tema nun libro que titulou O segundo sexo. Nel aparece unha frase que causou moito rebumbio: «Non se nace muller, chégase a selo». Que quixo dicir con iso? Para Simone, as diferenzas entre mulleres e homes non se relacionan coas diferenzas que existen entre os seus corpos, senón coas diferenzas que hai na forma en que criaron a unhas e a outros. Segundo ela, ser muller ou ser home non é cuestión de xenitais, senón do que os demais esperan de cada persoa.

Ademais, o biolóxico –como é e como se forma o teu corpo– non se pode separar completamente do social –por exemplo, onde vives e que che aprenden na escola–. Por iso, afirmacións como esa que asegura que «os homes son mellores para o fútbol» dan moito que pensar: son mellores porque son máis hábiles coa pelota ou porque lles dan unha pelota así que comezan a camiñar e os incitan a xogar con ela?

8


Para ter en conta! No momento de nacer, as persoas posúen só o 10 % das conexións cerebrais que terán na idade adulta. Iso quere dicir que a forma de pensar e de tomar decisións, que está ligada a esas conexións, se desenvolve ao longo da vida e a través das experiencias. Moitos estudos afirman que as diferenzas entre mulleres e homes se deben a diferenzas nos seus cerebros, pero hai que ter en conta que, en xeral, esas investigacións se fan con persoas adultas que xa foron educadas de determinada maneira.

9

Son o conxunto das características e dos comportamentos que se esperan dunha persoa segundo sexa clasificada como muller ou home.


Ser ti mesma, ser ti mesmo ALGUNHA VEZ fixeches algo que non querías só porque alguén cho pediu ou porque sentiches que debías facelo ante a súa ollada? Algunha vez lle insistiches a alguén para que fixese algo que non desexaba? Comer algo noxento, dicirlle a alguén algo desagradable ou participar nunha broma pesada son só algunhas das cousas que se fan baixo presión ou por non defraudar o grupo de pertenza.

Moitas veces, detrás destas presións, hai ideas equivocadas sobre o xénero que consisten en crer que as probas, os desafíos, os castigos ou as apostas serven para demostrar que muller ou que home se é e encaixar nalgún estereotipo. Antes de embarcarte nalgún destes retos, poderías preguntarte por que o farías e que é o que terías que demostrar. En definitiva, as cousas que decidas facer ou non facer deberían depender de ti e non do que se espera de ti.

10


#MASCUmito Os homes non son sensibles Todas as persoas senten, pero moitos homes están apremados para ocultar as súas emocións ou avergóñanse de amosar os seus sentimentos.

#FEMImito As mulleres son tranquilas A tranquilidade non ten relación ningunha co xénero. É unha característica que teñen moitas persoas. Un mito é unha fábula, unha invención, unha ficción…

Sabías que… Nalgunhas universidades aínda é frecuente ter que realizar certas probas de «valentía» para poder ingresar nun grupo, como bater noutras persoas, roubar ou espirse en público.

11


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Puberdade en marcha G - Gloria A. Calvo/Camila Lynn/Agostina Mileo/Martina Trach by kalandraka.com - Issuu