Este cartel puxérano había ben pouco. De feito, nos últimos tempos acontecía con frecuencia que a xente chegaba e preguntaba como ir ata Vilapenela, en realidade moito máis do que preguntaban polo camiño ao museo local ou ao túmulo prehistórico. Un bonito día de verán, chegou un home no seu coche á vila. Vivía nunha cidade moito máis grande e por iso pensaba que el era máis distinguido e importante ca a xente da pequena vila. Pero tamén se daba o caso de que tiña un coche moi bo, e el mesmo era un home espléndido con zapatos lustrosos e un anel gordo de ouro no dedo. Así que non era tan estraño que el se considerase alguén moi fino e distinguido. Ao entrar nas rúas da vila, fixo soar moi forte a bucina do seu coche para que a xente oíse que chegaba. Cando o señor distinguido viu os carteis, na súa boca debuxouse un amplo sorriso. «“Ao museo local” non, graciñas –dixo para si–. Non o vou pasar tan ben. . .» «Ao túmulo prehistórico», leu noutro cartel. «Isto vai cada vez mellor, creo eu.» –Pero que parvadas do demo son esas –dixo cando viu o terceiro cartel–. «A Vilapenela» . . . Vaia nome. Cavilou un intre. Se era unha casa grande, non podía ser algo digno de ver en comparanza cun museo local e cun túmulo prehistórico. Deberon poñer o cartel por algún outro motivo, pensou el. Finalmente ocorréuselle unha boa explicación. Seguro que estaba en venda. Seguro que puxeran o cartel para amosarlle o 6
caer en calquera momento. O señor distinguido fitou a casa e de súpeto xemeu un pouco. Había un cabalo na solaina. Ese señor tan fino non estaba afeito a ver cabalos nas solainas das casas e por iso xemeu. Nas escaleiras da solaina, directamente baixo a luz do sol, había tres rapaces sentados. A que estaba sentada no medio era unha rapaza con moitas pencas na cara e dúas trenzas rubias e tesas sobresaíndo cara aos lados. A cada lado estaban unha rapaciña moi bonita co cabelo rizo e claro, e cun vestido de cadros azul, e un rapaz pequeno e ben peiteado. E, no ombreiro da rapaza do cabelo rubio, había un mono. O señor distinguido cavilou. Seguro que se trabucou no camiño. Ninguén podía pensar en vender unha casa tan desfeita. –Escoitade, rapaces! –berrou–. Esta casa tan ruín é Vilapenela? A rapaza do medio, a do cabelo rubio, ergueuse e achegouse á cancela. Os outros dous foron amodo atrás dela. –Comeuche a lingua o gato? –dixo o señor antes de que a rapaza de cabelo vermello chegase onda el–. De verdade esta ruína é Vilapenela? –Déixame pensar –respondeu a rapaza de cabelo rubio, quen engurrou a fronte como para cavilar–. O museo local non é. O túmulo prehistórico, tampouco! Xa o teño –berrou–. É Vilapenela! –Contesta coma a xente –dixo o señor distinguido baixando do coche. Decidira, de todos os xeitos, botarlle unha ollada ao lugar desde máis preto. 8
–Poderíase tirar abaixo esta casoupa e construír unha nova –rosmou para si. –Ai, si. Comezamos agora mesmo! –berrou a rapaza do cabelo rubio, e arrincou rapidamente dúas táboas da fronte da casa. O señor distinguido non a escoitaba. En xeral, non lle interesaban os rapaces pequenos e ademais agora tiña algo en que cavilar. O xardín, aínda así, descoidado, tiña un aspecto atractivo e agradable á luz do sol. Se construía unha casa nova, cortaba a herba, varría os camiños e plantaba flores bonitas, mesmo podería vivir alí un señor tan distinguido coma el. Decidiu mercar Vilapenela. Mirou un pouco ao redor para descubrir máis cousas que podería mellorar. Por suposto, habería que sacar de alí a árbore vella chea de musgo. Mirou enfurruñado para un carballo ancho e con nós, que espallaba as súas pólas por riba do tellado de Vilapenela. –Este hai que cortalo –dixo decidido. A rapaza pequena e bonita do vestido de cadros azul deu un berro. –Ai, Pippi, oíches? –dixo coa voz aterrorizada. A rapaza do cabelo rubio practicaba a choutar coma as pegas polo camiño do xardín sen ningunha preocupación. –Como dicía, ese carballo vello e podre vouno cortar –dixo para si o señor distinguido. A nena pequena do vestido azul de cadros estendeu as mans cara a el como suplicándolle. 9
–Ai, non, non o faga –dixo ela–. É . . . É unha árbore tan boa para gabear… Ademais, é oca, e pódese estar dentro dela. –Parvadas –respondeu o señor–. Eu non gabeo polas árbores, por suposto. O rapaz ben peiteado tamén se achegou. Parecía intranquilo. –Si, pero nesa árbore nace limoada –suplicou–. E tamén chocolate, os xoves. –Escoitade, rapaces. Creo que levades moito tempo sentados ao sol. Parece que a cabeza vos dá voltas. Pero eu non teño nada que ver con todo iso. Quero mercar este lugar. Podedes dicirme onde podo atopar o propietario?
A rapaza pequena dos cadros azuis comezou a chorar, e o rapaz ben peiteado correu cara á nena do cabelo rubio, que aínda estaba a saltar coma unha pega. 10
–Pippi –dixo el–, non oíches o que está a dicir? Por que non fas nada? –Como que non fago nada? –dixo a nena do cabelo rubio–. Estou aquí a choutar coma unha tola, e vés ti e dis que non fago nada. Salta ti tamén, xa verás que ben o pasas! Entón incorporouse e foi onda o señor distinguido. –Chámome Pippi Mediaslongas. E estes son Tommy e Annika –dixo sinalando os seus compañeiros de xogos–. Hai algunha cousa na que poidamos axudar? Algunha casa que botar abaixo ou algunha árbore que cortar ou algunha outra cousa que cambiar? Non ten máis ca dicir unha palabra! –Non me interesa como vos chamedes –dixo o home–. O único que quero saber é onde podo atopar o propietario desta casa. Quero mercala. A rapaza do cabelo rubio, a que se chamaba Pippi Mediaslongas, continuou a saltaricar coma unha pega. –A propietaria está un pouco ocupada xusto agora –dixo ela. Daba chimpos con gran perseveranza mentres falaba–. Moi ocupada –dixo mentres choutaba ao redor do home distinguido–. Pero sente e agarde un chisco, que ela debe de estar a chegar. –Ela! –dixo satisfeito o home distinguido–. É unha muller a que ten esta casa miserable? Pois moito mellor. As mulleres non entenden de negocios. Esperemos entón que poida quedar con todo isto por tres patacóns. –Esperemos –dixo Pippi Mediaslongas. 11
Como non pareceu atopar outro sitio para sentar, o home distinguido sentou con coidado nas escaleiras da solaina. O pequeno mono brincaba intranquilo de diante a atrás polo pasamáns da solaina. Tommy e Annika, os dous rapaces lindos e ben peiteados, permanecían un pouco afastados e miraban con medo para el. –Vivides aquí? –preguntou o señor fino. –Non –respondeu Tommy–, vivimos na casa do lado. –Pero vimos xogar aquí todos os días –dixo Annika timidamente. –Moi ben, con iso imos acabar axiña –dixo o señor fino–. Non quero ver rapaces a correr arredor do meu xardín. Os nenos son o peor que hai. –Tamén o penso eu –dixo Pippi, e parou un pouco de choutar–. Había que fusilar todos os nenos. –Como podes dicir iso? –dixo Tommy, molesto. –Si, creo que deberían fusilar todos os nenos –dixo Pippi–. Pero non pode ser. Porque entón non poderían medrar e converterse en tíos pequenos e simpáticos. E sen eles non se pode estar. O señor distinguido mirou para o cabelo rubio de Pippi e decidiu divertirse un pouco mentres agardaba. –Sabes que hai de semellante entre ti e un misto prendido? –preguntou. –Non –respondeu Pippi–. Pero sempre o quixen saber. O home distinguido colleu a Pippi forte pola trenza. –Pois, mira, os dous arden por riba, ha, ha, ha! 12
–O que hai que oír antes de que lle caian a unha as orellas –dixo Pippi–. Como non me decatei antes? O señor distinguido mirou para ela e dixo: –Escoita. Eu creo abofé que es a rapaza máis fea que vin na miña vida. –Ahá –dixo Pippi–. Eu tampouco creo que ti sexas unha beleza natural como para dar saltos de alegría ao verte! O señor distinguido pareceu ofendido, pero non dixo nada. Pippi calou un pouco e mirou para el coa cabeza de esguello. –Escoita –dixo entón–. Sabes que é igual entre nós os dous? –Entre nós os dous... –dixo o señor fino–. Non hai nada igual entre nós os dous, espero. –Hai, si –dixo Pippi–. Os dous temos moita labia. Agás eu. Un riso pequeno oíuse onda Tommy e Annika. Ao señor distinguido púxoselle a cara encarnada. –Ai, si, non tes vergoña? –berrou–. Pois voucha sacar dunha tunda. Estricou o seu brazo groso cara a Pippi, pero nese mesmo intre ela deu un chouto a un lado e, un segundo despois, estaba xa sentada enriba do carballo oco. O señor distinguido ficou mirando para ela abraiado. –Cando comezamos coa tunda? –preguntou Pippi, e sentou comodamente enriba dunha póla. –Teño tempo para agardar –dixo o señor distinguido. –Moi ben –dixo Pippi–. Porque estou pensando en quedar aquí ata mediados de novembro. 13
Tommy e Annika riron e bateron as palmas das mans. Pero talvez non deberon facelo, porque o señor distinguido se anoxou terriblemente e, como non podía coller a Pippi, agarrou a Annika pola pel da caluga e dixo: –Entón levas ti a tunda. Parece que ti tamén precisas que che quenten o cu. Annika nunca levara unha tunda na súa vida e botou un berro de espanto que rompía o corazón. Oíuse un golpe, zas!, cando Pippi baixou dun chimpo da árbore. Cun chouto púxose diante do señor distinguido. –Ai, non –dixo ela–. Mellor que empezar a bater uns nos outros será que comecemos contigo. E así fixo. Colleu o home distinguido pola súa grosa cintura e chimpouno ao ar un par de veces. Despois, levouno cos brazos dereitos ata o seu coche e meteuno no asento traseiro. –Creo que imos agardar para derrubar a casoupa ata outro día –dixo ela–. Sabías? Un día á semana derrubo casas, pero nunca os venres. Porque hai que pensar na limpeza semanal. O que fago normalmente é limpar a casa o venres e botala abaixo o sábado. Todo ten o seu tempo. O señor distinguido arrastrouse con moito esforzo ata o volante e marchou de alí a toda velocidade. Tiña medo e estaba enrabiado, e irritábao non poder falar coa propietaria de Vilapenela, porque tiña moita gana de mercar ese lugar e botar fóra eses nenos tan abominables. 14
Pouco tempo despois, atopou un dos policías da pequena vila. Parou o coche e dixo: –Pode axudarme a atopar a dona de Vilapenela? –Con moito gusto –respondeu o policía. Meteuse no coche dun chimpo e dixo–: Vaia ata Vilapenela! –Non, alí non está –dixo o señor distinguido. –Si, está alí seguro –respondeu o policía. O señor distinguido sentiuse seguro cun policía á súa beira e volveu a Vilapenela, como lle dixera o policía. Tiña moita gana de falar coa propietaria da casa. –Alí está a dona de Vilapenela –dixo o policía, e sinalou cara á casa. O señor fino mirou cara a onde sinalaba o policía. Botou a man á fronte e deu un xemido. Na escaleira da solaina estaba a rapaza de pelo rubio, a terrible Pippi Mediaslongas, e enriba dos seus brazos estricados, tiña o cabalo. O mono estaba sentado enriba do seu ombreiro. –Ei, Tommy e Annika! –berrou Pippi–. Vide, imos andar un pouco a cabalo antes de que veña o próximo espiquelador. –Dise especulador –dixo Annika. –É esa… a propietaria da casa? –preguntou o señor distinguido con voz débil–. Pero se só é unha rapaza pequena. –É, si –dixo o policía–. É só unha rapaza pequena: a nena máis forte do mundo. Vive aí, completamente soa. 15