Pippi segue vivindo en Vilapenela Se un bo día alguén chegase de viaxe á pequena vila e por un casual se descamiñase cara ás aforas, daquela podería chegar a ver a casa Vilapenela. Non é que tivese moito que ver, pois só era unha gran casa vella e medio ruinosa cun xardín descoidado arredor, pero o forasteiro seguramente pararía diante dela para ver quen vivía alí. Todos os habitantes da pequena vila sabían quen vivía en Vilapenela, e sabían tamén por que había un cabalo na solaina. Mais a un forasteiro seguramente lle estrañaría. E aínda máis se xa fose tarde, case de noite, e vise unha nena ás voltas polo xardín, sen ningunha intención de irse deitar. Seguro que había pensar: «Non me explico por que a nai desa rapaciña non a manda ir durmir. Todos os nenos están xa na cama a estas horas». Como podería el saber que a nena non tiña nai? E tampouco tiña pai, ou polo menos non estaba naquela casa. Vivía soíña en Vilapenela. Aínda que, para ser exactos, non completamente soa, porque o seu cabalo vivía na solaina, e tiña, ademais, un moniño chamado señor Nilsson. Pero alguén que acabase de chegar á vila non tería nin idea diso. Se a nena se achegase á cancela –e seguro que o faría, porque lle gustaba falar coa xente–, entón o forasteiro aproveitaría para botarlle unha ollada de arriba a abaixo e non podería deixar de pensar: 5
«É a rapaza con máis pencas e co cabelo máis rubio que vin xamais». E logo pensaría: «En realidade, é bonito iso de ter pencas e o cabelo rubio, sobre todo tendo un aspecto tan vivo e alegre coma o desa nena». Talvez lle interesaría saber tamén o nome da nena rubia que andaba soa e ás voltas na penumbra. E, se chegase diante mesmo da cancela, só tiña que preguntar: –Como te chamas? Seguramente recibiría a resposta dunha voz moi alegre e vivaz. –Chámome Pippilota Victualia Cortinela Piperminta Efraímez Mediaslongas, filla do capitán Mediaslongas, antigo terror dos océanos e agora rei nos mares do sur. Pero a min chámanme simplemente Pippi. Si, así era. Chamábase Pippi Mediaslongas. E cando dicía que o seu pai era rei nos mares do sur, era, polo menos, o que ela pensaba, porque o seu pai desaparecera nun temporal cando estaban a navegar. E como o pai de Pippi era ben gordiño, ela nunca pensou que puidese afogar. Para ela era evidente que chegara flotando a unha illa e se convertera nun rei con moitos súbditos. Iso era exactamente o que Pippi pensaba. Podería acontecer que o forasteiro, no caso de ter tempo dabondo e de non precisar coller o tren esa mesma noite, quixese falar un pouco máis con Pippi. Acabaría entón descubrindo que ela vivía completamente soa en Vilapenela, a non ser polo cabalo e o mono. E, se tivese bo corazón, non podería evitar pensar: 6
«De que vivirá esta pobre rapaza?». Aínda que diso non tería por que preocuparse. «Son rica coma un porco», adoitaba dicir Pippi. E si que o era, porque tiña unha maleta chea de moedas de ouro que lle dera o seu pai. Así que o forasteiro non tiña por que preocuparse polas necesidades de Pippi, que se amañaba perfectamente sen pai 7
e sen nai. Era certo que non había ninguén que lle dixese polas noites cando se tiña que deitar, pero Pippi atopara un método estupendo: mandábase en si mesma! Ás veces non o facía antes das dez da noite porque nunca lle parecera ben iso de que os nenos tivesen que deitarse á forza ás sete da tarde. Era precisamente a esa hora cando máis se divertía. E por iso o forasteiro non debería amosar tanto abraio de ver a Pippi ás voltas polo xardín, aínda que o sol xa se puxese, comezase a haber fresco, e Tommy e Annika xa levasen un tempo fungando mergullados no seu sono. E quen eran Tommy e Annika? Ai, iso tampouco o sabería 8
Así era Vilapenela por dentro. un forasteiro! Tommy e Annika eran os amigos cos que xogaba Pippi e vivían na casa do lado de Vilapenela. Era unha mágoa que o forasteiro non chegase algo máis cedo, pois podería velos e comprobar que eran en verdade dous rapaces ben riquiños e bos, e con toda seguridade atoparíaos na casa de Pippi se chegase antes, porque eles ían correndo para Vilapenela todos os días, e sempre estaban con Pippi agás á hora de durmir, á hora de comer e cando ían á escola. Pero a esa hora da noite estaban xa na cama, porque eles si que tiñan pai e nai, e os dous pensaban que o mellor para os nenos era que se deitasen ás sete da tarde. 9
Se o forasteiro tivese tempo dabondo, podería agardar aínda un intre despois de que Pippi se despedise e afastase da cancela. Así podería ver o que facía cando xa estaba soa, e se aínda non pensaba entrar na casa e deitarse axiña. O forasteiro podería agocharse detrás dun poste e axexar con precaución. Talvez vería entón o que Pippi adoitaba facer cando, á noitiña, decidía dar unha volta no cabalo! Vería como ía ata a solaina e levantaba o cabalo en peso cos seus fortes brazos e o levaba ata o xardín! Seguro que o forasteiro refregaría os ollos preguntándose se estaba a soñar. «Pero que demo de rapaza é esta?», diría para si alí detrás da cancela. Está levantando o cabalo, se non vexo mal! É a rapaza máis extraordinaria que vin nunca! E niso tiña razón. Pippi era a rapaza máis extraordinaria que había, polo menos nesa vila. Se cadra había rapazas ou rapaces extraordinarios noutros lugares, pero nesa vila non había cousa igual a Pippi Mediaslongas. E en ningures, nin na pequena vila nin en ningún outro lugar do planeta, había ninguén tan forte coma ela.
10
Pippi vai de compras Un fermoso día de primavera en que o sol lucía no ceo, os paxaros cantaban e a auga corría polos regatos, Tommy e Annika chegaron correndo a saltos onda Pippi. Tommy traía dous terróns de azucre para o cabalo, e tanto el como Annika pararon un momento na solaina para acariñalo antes de entrar na casa e ir onda Pippi, que aínda estaba deitada a durmir cando chegaron. Tiña os pés na almofada e a cabeza no outro extremo da cama debaixo da manta. Sempre durmía así. Annika beliscoulle o dedo gordo do pé e díxolle: –Esperta! O señor Nilsson, o pequeno mono, xa estaba esperto e subira dun chimpo á lámpada do teito. Pouco a pouco, algo comezou a remexerse debaixo da manta e, despois dun intre, asomou unha cabeza rubia. Pippi abriu os seus ollos claros, e na súa cara debuxouse un gran sorriso. –Vaites! Fostes vós os que me beliscastes os dedos dos pés? Soñei que era o meu pai, o rei dos mares do sur, que quería ver se tiña calos. Pippi sentou na beira da cama e puxo as medias, unha marrón e a outra negra. –Pero mentres meta os pés aquí, non terei calos –exclamou poñendo os grandes zapatos negros, que eran o dobre de longos ca os seus pés. 11
–Pippi –dixo Tommy–. Que facemos hoxe? Annika e mais eu temos o día libre. –Pois teremos que pensar en algo –dixo Pippi–. Non podemos bailar arredor da árbore de Nadal porque hai xa tres meses que a quitamos. Tamén poderiamos patinar polo xeo toda a mañá, se houbese xeo. Buscar ouro sería divertido, pero tampouco podemos porque non sabemos onde está o ouro. Por certo, que a maioría do ouro está en Alaska, pero alá non se dá chegado porque está ateigado de buscadores de ouro. Temos que pensar noutra cousa. –Si, algo divertido –dixo Annika. Pippi peiteou o cabelo facendo dúas trenzas tesas que lle saían para os lados e púxose a pensar. –Que vos parecería se fósemos de compras á vila? –dixo finalmente. –Pero non temos cartos –contestou Tommy. –Eu teño –dixo Pippi. Para demostralo foi correndo coller a súa maleta chea de moedas de ouro e abriuna. Colleu un puñado considerable e meteu as moedas nun peto que levaba diante á altura da barriga. –Só me falta o sombreiro, e xa estou lista para marchar –dixo. O sombreiro non aparecía por ningures. Pippi mirou primeiro no caixón da leña, pero curiosamente non estaba alí. Logo abriu a lacena e mirou no cesto do pan, mais alí só había uns tirantes, un espertador escangallado e unha torrada de pan. Ao final mirou incluso no estante dos sombreiros, pero 12
alí non había máis ca unha tixola, un desaparafusador e un anaco de queixo. –Non hai orde ningunha e non hai maneira de atopar nada nesta casa –dixo Pippi de mal humor–. Pero levaba tempo botando en falta ese anaco de queixo, así que foi unha sorte atopalo. Ola, sombreiro! –berrou despois–. Vés connosco de tendas ou non? Se non vés agora mesmo, será demasiado tarde. Pero non apareceu ningún sombreiro. –Pois a culpa é del, por ser tan parvo. Despois non quero oír queixas cando volva á casa –dixo severa. Pouco despois, os nenos foron camiño da vila a grandes pasos, Tommy, Annika e Pippi co señor Nilsson enriba do ombreiro. O sol brillaba precioso, o ceo estaba azul e os nenos felices. 13