Skip to main content

Pipi mediaslongas G - Astrid Lindgren / Ingrid Bang Nyman

Page 1

Pippi vai vivir a Vilapenela Nas aforas dunha pequena vila había un eido abandonado. No eido había unha casa vella e na casa vivía Pippi Mediaslongas. Tiña nove anos e vivía completamente soa, sen pai nin nai. Iso era unha vantaxe, pois non había ninguén que a mandase para a cama xusto cando máis estaba a divertirse, e ninguén que a obrigase a tomar aceite de fígado de bacallau cando prefería comer lambetadas. Houbo un tempo no que Pippi tiña un pai ao que quería moitísimo e, por suposto, tamén tivera unha nai, pero había xa tanto tempo que non se lembraba. A súa nai morrera cando Pippi era unha nena moi pequena que estaba no berce e berraba de xeito tan terrible que ninguén podía achegarse a ela. Pippi pensaba que a súa nai estaba agora alá enriba no ceo a mirar por un buratiño para a súa filla. Pippi saudábaa coa man e dicía: –Non teñas medo por min! Amáñome ben eu soa. Pippi non se esquecera do seu pai. Era capitán e navegaba polos grandes mares. Pippi navegara con el no seu barco ata que un día el caeu ao mar durante un temporal e desapareceu. Pero Pippi estaba ben segura de que un día volvería. Pippi non cría que afogase. Pensaba que o seu pai chegara nadando a terra, a unha illa dos mares do sur, e que alí o nomearan rei da illa e andaba todo o día cunha coroa de ouro na cabeza. 5


–A miña nai é un anxo e o meu pai, un rei. Poucos nenos poden dicir que teñen uns pais tan estupendos –adoitaba dicir orgullosa–. E cando o meu pai poida construír un barco novo, virame buscar e serei a princesa da illa. Abofé que vai ser cousa boa! Había moitos anos que o seu pai comprara a vella casa do xardín, coa intención de vivir alí con Pippi cando fose vello e xa non puidese navegar. Pero entón sucedeu a desgraza de que o vento o tirase ao mar e, mentres Pippi agardaba a súa volta, foi dereitiña para Vilapenela. Chamábase así a casa. E alí estaba, amoblada e preparada, a agardar por ela. Unha fermosa tarde de verán dixéralles adeus a todos os mariñeiros do barco do seu pai. Os mariñeiros adoraban a Pippi e Pippi tamén os quería moito. –Talogo, rapaces! –dixo Pippi, e deulles cadanseu bico na fronte–. Non teñades medo por min. Sempre me amaño ben. Recolleu dúas cousas do barco: un mono chamado señor Nilsson –que lle regalara o pai– e unha maleta grande chea de moedas de ouro. Os mariñeiros permaneceron de pé na borda mirando para Pippi ata que a perderon de vista. Ela marchou con firmeza sen virar as costas, co señor Nilsson no ombreiro e coa maleta na man. –Unha nena extraordinaria –dixo un dos mariñeiros, e secou unha bágoa da meixela cando Pippi desapareceu ao lonxe. Tiña razón. Pippi era unha nena extraordinaria. E o máis extraordinario dela era a súa forza. Era tan forte, tan forte que non había ningún policía no mundo enteiro que fose tan forte 6


coma ela. Se quería, podía levantar un cabalo. E querer, quería. Tiña o seu propio cabalo, que mercara cunha das moitas moedas de ouro o mesmo día que chegou a Vilapenela. Sempre quixera ter o seu propio cabalo. E agora o animal vivía na solaina. Pero, cando Pippi quería tomar alí o café da tarde, levantábao e sacábao para o xardín. A carón de Vilapenela había outro xardín e outra casa. Nesa casa vivía un pai e unha nai cos seus dous encantadores fillos pequenos, un neno e unha nena. El chamábase Tommy e ela Annika. Eran dous nenos moi amables, ben educados e obedientes. Tommy non roía nunca nas unllas e case sempre facía o que lle pedía a súa nai. Annika nunca protestaba cando non podía facer o que quería, e sempre estaba moi xeitosa cos seus vestidos de algodón co ferro ben pasado e que tiña conta de non ensuciar. Tommy e Annika pasábano moi ben xogando un co outro no xardín, pero sempre quixeran ter algún compañeiro de xogos e, nos tempos nos que Pippi aínda estaba a navegar polos mares, eles paraban onda a cancela do xardín e dicíanse un ao outro: –Que mala cousa que ninguén veña para esta casa! Debería vivir alguén aquí, alguén con nenos. Aquela bonita tarde de verán na que Pippi entrou polo limiar de Vilapenela, Tommy e Annika non estaban na súa casa. Foran pasar unha semana coa súa avoa. Non tiñan nin idea de que alguén se instalara na casa do lado. E os primeiros días despois de regresar apoiáronse na cancela a mirar para a rúa, sen saber que había unha 8


compañeira de xogos tan pretiño. Nese preciso momento no que estaban alí a pensar o que podían facer, e se podía acontecer algo bonito nese día ou se ía ser un día tristeiro, deses nos que non se lles ocorría nada que facer, xusto nese preciso momento, abriuse a cancela de Vilapenela e apareceu unha rapaza pequena. Era a nena máis estraña que viran Tommy e Annika: Pippi Mediaslongas, que saía a dar un paseo matutino. E así era ela: Tiña o cabelo da mesma cor ca as cenorias e recollíao en dúas trenzas duras e dereitas que lle saían polos lados. O nariz tiña o mesmo xeito ca unha pataca pequena e estaba cheo de pencas. Debaixo do nariz tiña unha boca ben ancha con dentes brancos e sans. O vestido era moi curioso. Fixérao ela mesma. Pensara en facelo azul, pero a tea azul non lle chegara, así que Pippi foille cosendo pequenos anacos vermellos de tea por aquí e por alí. Cubría as pernas longas e delgadas cun par de medias longas, unha marrón e a outra negra. E calzaba un par de zapatos negros que eran xusto o dobre de longos ca os seus pés. Os zapatos comprárallos o pai en América do Sur, para as medras, e nunca quería pór outros distintos. Mais o que lles fixo regalar os ollos a Tommy e a Annika foi o mono que estaba no ombreiro daquela estraña. Era un macaco pequeno, vestido cuns pantalóns azuis, unha chaqueta amarela e un sombreiro branco de palla. Pippi botou a andar rúa arriba. Camiñaba cun pé na beirarrúa e co outro pola cuneta. Tommy e Annika miraron para ela 9


todo o tempo ata que desapareceu. Despois dun intre veu de volta. E agora andaba de costas, recuando. Non quería ter que virarse cando volvía para a casa. Cando chegou fronte á cancela de Tommy e Annika, parou. Os nenos miráronse en silencio. Ao final Tommy dixo: –Por que viñas de costas? –Por que viña de costas? –dixo Pippi–. Vivimos nun país libre, non? Acaso non se pode camiñar como a un lle pete? Direiche ademais que en Exipto todo o mundo anda así e a ninguén lle parece raro. –E ti como sabes iso? Non puideches estar en Exipto! –dixo Tommy. –Que se estiven en Exipto! Pois claro que si. Podes estar seguro. Eu estiven en todos os lugares do planeta e vin cousas 10


máis estrañas que xente andando de cu. Non sei que dirías se me vises camiñar coas mans como fan en Indochina. –Iso xa é mentira redonda –dixo Tommy. Pippi cavilou un intre. –É, si. Tes razón. Minto –dixo con tristura. –É feo ser mentireira –dixo Annika, que por fin se atreveu a abrir a boca. –Si, é moi feo ser mentireira –admitiu Pippi aínda máis triste–. Pero esquéceme de cando en vez, entendes? Non se pode pedir que unha nena que ten unha nai que é un anxo e un pai que é rei dunha illa e pasou a vida navegando, diga sempre a verdade. E, por certo –dixo coa faciana chea de pencas a lle brillar–, direivos que no Congo non hai nin unha soa persoa que diga a verdade. Menten todo o día. Comezan ás sete da mañá e seguen así ata o solpor. Así que, se de cando en vez digo algunha mentira, tedes que perdoar e recordade que é porque estiven demasiado tempo no Congo. Pero podemos ser amigos de todos os xeitos, non? –Claro –dixo Tommy comprendendo, de súpeto, que este non sería un deses días aburridos. –E logo non poderiades vir almorzar á miña casa? –preguntou Pippi. –E por que non iamos poder? –dixo Tommy–. Imos alá! –Imos agora mesmo! –dixo Annika. –Primeiro teño que presentarvos o señor Nilsson –dixo Pippi. O moniño quitou o sombreiro e saudou amablemente. 11


E así atravesaron a cancela medio escangallada do xardín e subiron o carreiro, entre as vellas árbores cheas de musgo, árbores fantásticas para gabear por elas, e chegaron á casa. Na solaina estaba o cabalo a mastigar avea nunha bacía. –Como é que tes un cabalo na solaina? –preguntou Tommy. Todos os cabalos que el coñecía vivían na corte. –Pois –dixo Pippi cavilando– na cociña só faría estorbar. E no salón non está cómodo. Tommy e Annika acariñaron o cabalo e despois entraron na casa. Había unha cociña, un salón e un dormitorio. Pero semellaba coma se Pippi esquecera esa semana a limpeza dos venres. Tommy e Annika miraron ao redor con coidado, para ver se ese rei dos mares do sur estaba sentado nalgún recuncho. Nunca viran ningún rei dos mares do sur na súa vida. Pero non se vía pai ningún e nai tampouco e Annika preguntou con medo: –Vives aquí ti soa? –Non, non –dixo Pippi–. O señor Nilsson e o cabalo tamén viven aquí. –Xa sei, pero quero dicir, non están aquí a túa nai e o teu pai? –Non, en absoluto –dixo Pippi contenta. –Entón quen che di cando te tes que deitar polas noites e todas esas cousas? –preguntou Annika. –Pois fágoo eu mesma –dixo Pippi–. Primeiro dígoo unha vez de xeito moi amable e, se non obedezo, dígoo unha vez máis en serio e, se aínda non quero obedecer, entón levo unha zurra, entendedes? 12


Tommy e Annika non o entendían todo, todo, pero pensaron que se cadra funcionaba. Así chegaron á cociña e Pippi comezou a berrar: Tortas tortiñas imos facer na cociña, tortas tortelas pra min, pra ti e pra ela, tortas tortolas imos fritir na tixola. 13


Colleu tres ovos e guindounos ao aire. Un deles deulle na cabeza, escachou e a xema caeulle polos ollos. Pero os outros apañounos con xeito nunha cazola, onde romperon como era debido. –Sempre oín que a xema do ovo é boa para o cabelo –dixo Pippi limpando os ollos–. Xa veredes como medra que dá gusto. No Brasil, por certo, anda toda a xente con ovos no cabelo. E así non hai alí ningún calvo. Só houbo unha vez un rapaz que estaba tan toliño que comeu os ovos todos en lugar de untalos no cabelo. Volveuse moi calvo e, cando saía á rúa, armábase tal algueirada que tiña que acudir a policía. Mentres falaba, Pippi quitara cos dedos todas as cascas de ovo da cazola. Despois colleu un cepillo de baño pendurado da parede e comezou a bater a masa das tortas de tal xeito que salpicou todo polas paredes. Finalmente verteu o que quedaba nunha tixola que había no fogón. Cando a torta acabou de facerse por un lado, guindouna para arriba cara ao teito e volteouna no ar e apañouna outra vez coa tixola. E, cando a acabou de fritir, guindouna a través de toda a cociña directamente a un prato que había na mesa. –Comede –berrou–, comede antes de que arrefríe! E Tommy e Annika comeron e pareceulles unha torta moi boa. Despois Pippi convidounos a entrar no salón. Só había un moble. Era un aparador grande grande, con moitos caixóns pequenos pequenos. 14


Pippi abriu os caixóns e amosoulles a Tommy e Annika todos os tesouros que tiña alí gardados. Había singulares ovos de paxaro e cunchas e pedras estrañas, caixiñas pequenas e bonitas, fermosos espellos de prata, colares de perlas e moitas outras cousas que Pippi e o seu pai compraran durante as súas viaxes ao redor do mundo. Pippi deulles aos seus novos compañeiros de xogos candanseu presente de recordo. A Tommy, un puñal cun mango de nácara brillante e a Annika, unha caixiña coa tampa cuberta de cunchas rosas. Na caixiña había un anel cunha pedra verde incrustada. –E agora podedes marchar para a casa –dixo Pippi–, e así podedes vir de novo mañá. Porque se non ides para a casa, non ides poder volver. E sería unha mágoa. Tommy e Annika opinaban o mesmo e marcharon. Pasaron á beira do cabalo, que comera toda a avea, e saíron pola cancela de Vilapenela. O señor Nilsson axitou o sombreiro ao velos pasar.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Pipi mediaslongas G - Astrid Lindgren / Ingrid Bang Nyman by kalandraka.com - Issuu