Skip to main content

Pan con xamón

Page 1

Pan con xam贸n


Título orixinal: Ham on Rye Published by arrangement with Ecco, an imprint of Harper Collins, Inc. © do texto: Charles Bukowski, 1982 © da tradución: Eva Almazán, 2009 © desta edición: Faktoría K de libros, 2009 Urzaiz, 125 baixo – 36205 Vigo faktoria@faktoriakdelibros.com www.faktoriakdelibros.com Ilustración e deseño de portada: Marc Taeger Corrección: Laura Almazán Directores de colección: Xosé Ballesteros e Silvia Pérez Tato Primeira edición: outubro, 2009 Impreso en C/A Gráfica, Vigo ISBN: 978-84-96957-72-5 DL: PO 607-2009 Reservados todos os dereitos

Esta obra recibiu a axuda da Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, na convocatoria de axudas para o ano 2008.


Pan con xam贸n Charles Bukowski

Traduci贸n de Eva Almaz谩n


1

O primeiro que lembro é estar debaixo de algo. Era unha mesa, vía a pata dunha mesa, vía as pernas da xente e parte do mantel que colgaba. Estaba escuro alí debaixo, gustábame estar alí debaixo. Debía ser en Alemaña. Debía ter entre un e dous anos. Era 1922. Estaba ben a gusto debaixo da mesa. Parecía que ninguén sabía que estaba alí. Daba o sol na alfombra e nas pernas da xente. Gustábame o sol. As pernas da xente non eran interesantes, non coma o mantel que pendía da mesa, non coma a pata da mesa, non coma o sol. Despois non hai nada... e entón aparece unha árbore de Nadal. Candeas. Adornos en forma de paxaros: paxaros cunhas poliñas de bagas no bico. Unha estrela. Dúas persoas grandes a pelexaren, a berraren. Xente a comer, sempre xente a comer. Eu tamén comía. Tiña a culler revirada, cando quería comer tiña que agarrala coa man dereita. Se a agarraba coa esquerda, a culler quedábame para o lado contrario da boca. Eu quería coller a culler coa man esquerda. Dúas persoas: unha máis alta de pelo rizo, nariz grande, boca grande, moita cella; a persoa máis alta daba a impresión de estar sempre enfadada, moitas veces berraba; a persoa máis pequena era calada, de cara redonda, máis branca, cos ollos grandes. Eu tiña medo das dúas persoas. Ás veces había outra máis, unha señora gorda que levaba vestidos con encaixe na gorxa. Tiña un broche grande e moitas verrugas na cara, con peliños. «Emily», chamábanlle. Esas persoas non parecían estar moi con-

7


tentas cando se xuntaban. Emily era a avoa, a nai de meu pai. Meu pai chamábase Henry. Miña nai chamábase Katherine. Eu nunca lles chamaba polo nome. Eu era Henry fillo. Esas persoas falaban alemán case sempre, e ao principio eu tamén. O primeiro que lle acordo dicir a miña avoa é: «Heivos enterrar eu a todos!». Díxoo por primeira vez xusto cando iamos empezar a comer, e a partir de alí díxoo moitísimas veces máis, sempre antes de comer. O de comer parecía moi importante. Comiamos puré de patacas con salsa de carne, sobre todo domingos. Tamén comiamos carne asada, salchichas e xucrut, ervellas frescas, ruibarbo, cenorias, espinacas, tirabeques, pito, albóndegas con espaguetes, ás veces con ravioli; había cebolas cocidas, espárragos, e domingos sempre había torta de amorodos con xeado de vainilla. Para almorzar tomabamos torradas rebozadas con salchichas, ou freixós ou gofres con touciño e ovos revoltos para acompañar. E sempre había café. Mais o que mellor me acorda é o puré de pataca coa salsa de carne e miña avoa, Emily, a dicir: «Heivos enterrar eu a todos!». Íanos ver moitas veces despois de virmos para América; collía o coche de liña vermello desde Pasadena a Los Ángeles. Nós visitabámola moi de cando en cando; iamos no Ford Model T. A min gustábame a casa da avoa. Era unha casiña pequena que quedaba debaixo da follaxe pendurada dunhas falsas pementeiras. Emily tiña os canarios en cadansúas gaiolas. Lembro unha visita mellor ca ningunha. Ese serán estaba ela a tapar as gaiolas cunhas fundas brancas para que os paxaros adormecesen. A xente parolaba, sentada nas cadeiras. Había un piano e eu fora sentar ao piano e dáballe ás teclas e escoitaba o son que facían mentres a xente parolaba. O son que máis me gustaba era o que se facía nunha punta do piano, onde case que non se sentía nada; as teclas facían uns ruidiños coma de cachiños de xeo que batían entre si. –Queres parar con iso? –berrou meu pai. –Déixalle tocar ao neno –dixo miña avoa.

8


Miña nai sorriu. –Ese neno –dixo miña avoa–, cando o fun coller do berce para lle dar un bico, sacou a man a bateume no nariz! Volveron parolar e eu seguín a tocar no piano. –Por que non mandas que cho afinen? –preguntou meu pai. Despois dixéronme que iamos visitar a meu avó. Meu avó e miña avoa non vivían xuntos. Dixéronme que meu avó era moi malo, que lle fedía o alento. –E por que lle fede? Non contestaron. –E por que lle fede? –Porque bebe. Montamos no Model T e fomos ver a meu avó Leonard. Cando chegamos e paramos, encontrámolo de pé na solaina da casa. Era vello, pero estaba moi dereitiño. En Alemaña fora oficial do exército e viñera para América cando lle contaran que acó as rúas eran de ouro. Non eran, así que traballara de director dunha construtora. As outras persoas non baixaron do coche. O avó fíxome un aceno co dedo. Alguén abriu unha porta e eu baixei do auto e fun onda el. Tiña o pelo branquiño de todo e longo e a barba branquiña de todo e longa, e segundo me achegaba vin que lle brillaban os ollos, que eran coma unhas luces azuis a mirar para min. Parei un pouco antes de chegar onda el. –Henry –díxome–, ti e mais eu coñecémonos ben. Entra. Púxome a man. Cando fun onda el, chegoume o fedor do alento. Fedía moitísimo, pero como era o home máis bonito que eu nunca vira, non collín medo. Entrei na casa con el. Levoume ata unha cadeira. –Senta, fai favor. Que contento estou de verte. Foi para outro cuarto. E logo volveu cunha caixiña de lata. –Para ti. Ábrea. Non me daba xeito coa tampa, non daba aberto a caixa. –A ver, trae –dixo–. Déixame a min.

9


Afrouxou a tampa e devolveume a caixa de lata. Levantei a tampa e vin que dentro había unha cruz, unha cruz alemá cunha fita. –Ai, non –dixen–, non a quero. –Para ti –dixo–. Non che é máis ca unha insignia de trapallada. –Grazas. –Mellor vai indo. Hanse preocupar. –Moi ben. Adeus. –Adeus, Henry. Non, agarda... Eu parei. Meteu dous dedos nun petiño que tiña na parte de diante dos pantalóns e coa outra man tirou dunha cadea de ouro moi longa. Entón regaloume o seu reloxo de peto, que era de ouro, e mais a cadea. –Grazas, avó. Fóra estaban a agardar e eu subín ao Model T e xa marchamos. Falaron de moitas cousas polo camiño. Eles eran sempre a falar, e falaron todo o tempo ata que chegamos á casa de miña avoa. Falaron de moitas cousas, e mais de meu avó non dixeron nin palabra.

10


2

Lémbrome do Model T. Alí no alto, os estribos parecían amigosos, e cando ía frío, polas mañás, e moitas veces a outras horas tamén, meu pai tiña que meter o manubrio por diante do motor e darlle moitas voltas para arrincar o coche. –Pódelle crebar o brazo a un home tranquilamente. Recoucea coma un cabalo. Os domingos que non viña de visita a avoa iamos dar paseos no Model T. A meus pais gustábanlles os laranxais, quilómetros e quilómetros de laranxeiras floridas ou cargadas de laranxas. Meus pais tiñan un cesto das merendas e mais unha caixa metálica. Na caixa metálica levaban latas de froita conxeladas pousadas en xeo seco e no cesto das merendas había salchichas de Viena e paté de fígado e bocadillos de salami, bolsas de patacas fritidas, plátanos e refresco. O refresco pasaba seguido da caixa metálica ao cesto das merendas e volta para a caixa. Conxelábase decontado e logo había que derretelo. Meu pai fumaba Camel e sabía facer moitos trucos e xogos cos paquetes do tabaco e sempre nolos facía. Cantas pirámides hai? Contádeas. Nós contabámolas e despois el nos dicíanos onde había máis. Tamén sabía trucos das xibas dos camelos e das letras que saían no paquete. Os cigarros Camel eran máxicos. Acórdame un domingo en concreto. O cesto das merendas estaba baleiro. Pero nós seguiamos a conducir polos laranxais, afastándonos máis e máis da nosa casa.

11


–Papi –preguntou miña nai–, non quedaremos sen gasolina? –Non, temos gasolina a Deus dar. –Onde imos? –Vou coller unhas laranxas, cago na hostia! Miña nai ía todo o tempo moi quieta no asento. Meu pai foi parando á beira da estrada, aparcou cerca dun valado de arame e quedamos dentro do coche un momento, a escoitarmos. Entón meu pai abriu a porta dun couce e baixou. –Colle o cesto. Pasamos por entre os fíos do valado. –Vide –dixo meu pai. Andabamos por entre dúas filas de laranxeiras, á sombra que daban as pólas e as follas. Meu pai parou, levantou un brazo e botouse a arrincar laranxas das pólas máis baixas da árbore que lle quedaba máis cerca. Daba a impresión de estar enfadado, arrincaba con forza as laranxas, e as pólas tamén parecían enfadadas, a subiren e baixaren. Ía botando as laranxas para o cesto das merendas, que lle aguantaba miña nai. Ás veces apuntaba mal e eu corríalles detrás ás laranxas e metíaas no cesto. Meu pai ía de árbore en árbore a arrincar laranxas das pólas máis baixas e a botalas para o cesto. –Papi, xa temos abondas –dixo miña nai. –Unha merda. Seguía a apañar nelas. Entón chegou un home, un home moi alto. Levaba unha escopeta. –A ver, vostede, que anda a facer aí? –Collo unhas laranxas. Hainas de sobra. –E son todas miñas. Veña, xa lle está a dicir á muller que as baleire para o chan. –Aquí hai laranxas a Deus dar. Que lle leven un par delas non lle vai ser moita perda, cago na hostia. –Nin un par nin media. Dígalle á muller que as baleire. O home apuntou a meu pai coa escopeta. –Baléiraas –díxolle meu pai a miña nai. As laranxas rolaron e caeron.

12


–E agora –dixo o home– fóra da miña horta. –A vostede non lle fan falta tantas laranxas. –O que me fai falta ben o sei eu. Veña, fóra. –A xente coma ti había que colgala! –Aquí a lei son eu. Fóra, xa! O home volveu apuntar coa escopeta. Meu pai deu volta e botouse a andar para saír do laranxal. Nós fómoslle detrás e o home seguiunos. Despois metémonos no coche, pero era unha desas veces en que non lle quería arrincar. Meu pai tivo que saír para darlle ao manubrio. Deulle dúas veces, pero non había forma. Meu pai empezaba a suar. O home seguía á beira da estrada. –Arrinque xa esa lata de merda e vía! –dixo. Meu pai preparouse para lle dar outra vez ao manubrio. –Agora non estamos no seu terreo! Aquí podemos estar ata que nos saia do carallo! –Unha merda! Sáqueme de aquí esa ferralla, e rápido! Meu pai volveulle dar ao manubrio. O motor petardeou un pouco e volveu parar. Miña nai seguía sentada co cesto baleiro no colo. Eu tiña medo de mirar para o home. Meu pai volveu xirar o manubrio e o motor arrincou. El meteuse no coche dun chimpo e púxose a manexar as panquiñas do volante. –Non volvan por aquí –dixo o home–. A próxima vez non se libran tan facilmente. Meu pai puxo o Model T na estrada. O home seguía ao pé dela. Meu pai corría moito. Despois freou e deu volta. Volvemos pasar por onde estivera o home. Xa marchara. Démoslle moito gas para saír dos laranxais. –Hei volver un día para lle axustar as contas a ese fillo de puta –dixo meu pai. –Papi, hoxe imos cear coma reis. Que che apetece? –preguntou miña nai. –Costeletas de porco –respondeu el. Nunca o vira conducir tan rápido.

13


3

Meu pai tiña dous irmáns. O máis novo chamábase Ben e o máis vello chamábase John. Os dous eran uns borrachos e uns pelandráns. Meus pais falaban moito deles. –Ningún dos dous vale para nada –dicía meu pai. –É que vés dunha mala familia, papi –dicía miña nai. –Pois teu irmán tampouco non vale unha merda! O irmán de miña nai estaba en Alemaña. Meu pai botaba pestes del. Tiña outro tío, Jack, que estaba casado coa irmá de meu pai, Elinore. Eu nunca vira o tío Jack nin a tía Elinore, porque había moitos resentimentos entre eles dous e meu pai. –Ves esta cicatriz que teño aquí na cabeza? –preguntaba meu pai–. Pois é de cando Elinore me cravou un lapis moi afiado, sendo eu noviño. Quedoume para sempre a marca. A meu pai non lle gustaba a xente. Non lle gustaba eu. «Os nenos hai que velos e non oílos», dicíame. Era domingo pola tarde e a avoa Emily non viñera. –Tiñamos que ir ver a Ben –dixo miña nai–. Está para morrer. –A quen, a ese que lle pediu emprestada a Emily aquela burrada de cartos para fundilos en apostas, en mulleres e en bebedelas? –Iso ben o sei, papi. –E agora Emily non vai ter diñeiro que deixar de herdanza. –Aínda así, tiñamos que ir velo. Din que lle quedan quince días.

15


–Moi ben, moi ben! Imos! Así que nos metemos no Model T e nos botamos á estrada. Quedaba lonxe e miña nai tivo que baixar para coller unhas flores. Era unha viaxe longa, ás montañas. Chegamos ao pé delas e collemos unha estradiña de montaña que ía para arriba dando reviravoltas. O tío Ben estaba nun sanatorio que había naquel monte, a morrer de tise. –Sabe Deus o que estará a pagar Emily para ter a Ben nese centro –dixo meu pai. –Igual axuda Leonard. –Leonard non ten un can. Regalouno todo a poder de bebelo. –A min o avó Leonard gústame moito. –Os nenos hai que velos e non oílos –dixo meu pai. Seguiu–: Ah, ese Leonard... O único momento en que nos trataba ben aos cativos era cando viña bébedo. Facíanos chistes e dábanos cartos. E ao outro día, cando xa se lle pasara, non había quen lle gañase a ruín. O Model T tiraba moi ben pola estrada de montaña arriba. O aire era limpo e ía sol. –Xa estamos –dixo meu pai. Meteu o coche no aparcadoiro do sanatorio e baixamos. Eu entrei detrás de meu pai e miña nai. Ao entrarmos no cuarto, o tío Ben estaba sentado na cama, a mirar pola fiestra. Virouse e mirou como entrabamos. Era un home moi guapo, delgado, de pelo negro, e tiña uns ollos escuros que escintilaban, que brillaban cunha luz escintilante. –Ola, Ben –dixo miña nai. –Ola, Katy –mirou para min–. Este é Henry? –É. –Sentade. Meu pai e eu sentamos. Miña nai quedou de pé. –E estas flores, Ben? Non vexo floreiro.

16


–Son moi bonitas, grazas, Katy. Non, floreiro non hai. –Vou buscar un –dixo miña nai. Marchou co ramo na man. –Onde van agora todas as túas mozas, Ben? –preguntou meu pai. –Veñen de visita. –Seguro. –Veñen. –Nós viñemos porque te quería ver Katherine. –Xa o sei. –E eu tamén te quería ver, tío Ben. Eu penso que es un señor moi bonito. –Si, bonito do carallo –dixo meu pai. Miña nai volveu entrar no cuarto co ramo posto nun floreiro. –Mira, déixoas nesta mesiña da fiestra. –Son preciosas, Katy. Miña nai sentou. –Non podemos quedar moito –dixo meu pai. O tío Ben meteu a man por debaixo do colchón e sacou un paquete de tabaco. Tirou un cigarro, prendeu un misto e acendeuno. Deu unha chupada longa e botou o fume. –Sabes perfectamente que non podes fumar –dixo meu pai–. Xa imaxino de onde sacas o tabaco. Traerancho as prostitutas esas. Pois mira, vóullelo contar aos médicos e dicirlles que non deixen entrar máis prostitutas! –Non vas facer unha puta merda –dixo meu tío. –Penso quitarche ese pito da boca como non o quites ti! –dixo meu pai. –Ti non pensaches nada na túa vida –dixo meu tío. –Ben –dixo miña nai–, non debes fumar, que te vai levar á tumba. –Xa cumprín o meu nesta vida –dixo meu tío. –Non cumpriches un carallo –dixo meu pai–. O único que fixeches foi contar mentiras, emborracharte, pedir cartos, andar de

17


putas e darlle ao frasco. Non traballaches nin un só día da túa vida! E agora morres aos vinte e catro anos! –Non estivo mal –dixo meu tío. Deulle outra chupada forte ao camel e botou o fume. –Vámonos –dixo meu pai–. Este está tolo! Meu pai ergueuse. Despois ergueuse miña nai. Despois erguinme eu. –Adeus, Katy –dixo meu tío–; adeus, Henry. Miroume a min para indicar a que Henry se refería. Andamos detrás de meu pai polos corredores do sanatorio e saímos ao aparcadoiro para coller o Model T. Subimos, arrincou e comezamos a baixar pola estrada serpeante das montañas. –Debemos quedar máis tempo –dixo miña nai. –Ti non sabes que a tise é contaxiosa? –preguntou meu pai. –A min pareceume un home moi bonito –dixen eu. –É pola doenza –dixo meu pai–. Ponlles a cara así. E amais da tise colleu un cento de cousas. –Que cousas? –preguntei. –Non cho podo dicir –respondeu meu pai. Conducía o Model T polas reviravoltas da estrada abaixo mentres eu me ía preguntando polo tal cento de cousas.

18


4

Outro domingo metémonos no Model T para ir buscar polo tío John. –Non ten ambición –dixo meu pai–. Non entendo como é capaz de levar alta esa cabeza do demo que ten e mirarlle á xente nos ollos. –Oxalá non mascase tabaco –dixo miña nai–. Cóspeo por todas as partes. –Se neste país fosen todos os homes coma el, os chinatas habíanos asoballar a todos e poñernos a traballar nas lavanderías... –O que pasa é que non tivo oportunidade ningunha –dixo miña nai–. Escapou da casa moi noviño. Ti polo menos fuches ao instituto. –Á universidade –dixo meu pai. –A cal? –preguntou miña nai. –Á de Indiana. –Pois Jack di que non pasaches do instituto. –O que non pasou do instituto foi el. Por iso anda de xardineiro dos ricos. –E eu vou ver o tío Jack algunha vez? –preguntei. –Primeiro a ver se damos co tío John –dixo meu pai. –E os chinatas quérennos asoballar a todos de verdade? –preguntei. –Eses amarelos hai séculos que nos teñen gana, os moi cabróns. Se non nos viñeron aínda encima é porque sempre andan moi ocupados a guerrear cos xapos.

19


–E quen guerrea mellor, os chinatas ou os xapos? –Os xapos. O malo é que chinatas os hai a dar co pé. Matas un chinata e do morto saen dous chinatas novos. –E por que son amarelos? –Porque non beben auga, que beben pis. –Papi, non lle digas iso ao neno! –Daquela mándalle que non pregunte máis. Percorriamos no coche outro día de calor de Los Ángeles. Miña nai levaba un vestido bonito daqueles que ela tiña cun sombreiro de moitos adornos. Cando miña nai ía elegante sempre sentaba moi tesa e poñía o pescozo moi dereitiño. –Quen me dera termos cartos para lles poder botar unha man a John e aos seus –dixo miña nai. –Se non teñen onde pousar un pé, non vai ser culpa miña –respondeu meu pai. –Papi, John estivo na guerra igual ca ti. Non cres que algo merece? –El non pasou de soldado raso. Eu cheguei a brigada. –Henry, non todos os irmáns poden ser coma ti. –O que pasa é que non teñen miga de iniciativa, os moi fillos de puta! Pensan que poden vivir do país! Andamos un pouco máis. O tío John vivía coa muller e os fillos nunha casiña de veciños. Subimos pola beirarrúa rompida ata unha soleira pandada e meu pai deulle ao timbre. A campaíña non soou. Petou na porta con moita forza. –Abran! Policía! –berrou meu pai. –Papi, para! –dixo miña nai. Un bo anaco despois abriuse un cachiño a porta. Despois abriuse de todo. E vimos a miña tía Anna. Estaba moi fraca, tiña a cara toda eschumida e os ollos con bolsas, con bolsas negras. A voz tamén a tiña fraca.

20


–Ai, Henry... Katherine... Pasade, pasade. Entramos canda ela. Case non se vían mobles. Nun recanto había un comedoriño cunha mesa e catro cadeiras, e tamén había dúas camas. Miña nai e meu pai sentaron nas cadeiras. Dúas cativas, Katherine e Betsy (o nome sóubenllelo máis adiante) estaban no vertedoiro a avezaren un bote baleiro de manteiga de cacahuete para repañarlle os restos. –Estabamos a xantar –dixo miña tía Anna. As nenas achegáronse cunhas repañaduras mingurrentas de manteiga de cacahuete e untáronnas nuns cachos de pan seco. Non deixaban de mirar para dentro do frasco e de raspalo co coitelo. –Onde vai John? –preguntou meu pai. Miña tía sentou, cansa. Estaba moi feble, moi esbrancuxada. Tiña o vestido sucio, a cabeza espeluxada, era cansa, triste. –Estamos a agardar por el. Non o vemos desde hai un tempo. –Onde foi? –Non cho sei. Colleu a motocicleta e marchou. –Ese non pensa máis ca na motocicleta –dixo meu pai. –E este é Henry fillo? –É. –Mira, pero non di nada. Que caladiño está. –Como queremos que estea. –Onde vai máis fondo o río, pasa con menos ruído. –Con este non. O único que ten fondo este neno son os furados das orellas. As dúas rapazas colleron as rebandas de pan, foron para fóra e sentaron nas escaleiras a comer nelas. Non nos dixeran nada. A min parecíanme bastante simpáticas. Eran fracas coma a nai, pero aínda así bastante bonitas. –E ti como estás, Anna? –preguntou miña nai. –Non teño dúbida. –Anna, ti non tes boa traza. Para min que tes falta de comer. –E por que non senta o neno? Senta, Henry.

21


–É que lle gusta estar de pé –dixo meu pai–. Así colle forzas. Estase a preparar para guerrear cos chinatas. –Non lles queres ben aos chineses? –preguntoume miña tía. –Non –contestei eu. –En fin, Anna –preguntou meu pai–, como van as cousas? –Fatal, a verdade... O caseiro non deixa de pedir o alugueiro. Ponse moi bruto e xa lle teño medo. Non sei o que facer. –Seica a John lle anda detrás a policía –dixo meu pai. –Non foi para tanto o que fixo. –E logo que fixo? –Falsificou unhas moedas de dez centavos. –De dez centavos? Pero que ambición é esa, cago na hostia? –No fondo John non quere ser malo. –Nin malo nin nada, quere ser! –Se puidese ser algo, seríao. –Xa, e se a miña avoa tivese rodas, sería unha bicicleta! Ninguén dixo nada e quedaron alí sentados. Eu dei volta e mirei para fóra. As rapazas xa non estaban na solaina, marcharan para algures. –Ven sentar, Henry –dixo miña tía Anna. Eu quedei de pé. –Non, grazas, estou ben así. –Anna –preguntou miña nai–, ti estás segura de que John vai volver? –Xa volverá cando se farte das cricas –dixo meu pai. –John quérelles ás fillas... –dixo Anna. –Pois a min dixéronme que a policía lle vai enriba por outra cousa. –Por que cousa? –Por violación. –Por violación? –Si, Anna, contáronmo a min. Ía un día na motocicleta e había unha moza que facía autostop. Recolleuna de paquete e, segundo

22


ían pola estrada, de repente John viu un garaxe baleiro. Meteuse alí coa motocicleta, pechou a porta e violou a rapaza. –E ti como o sabes? –Que como o sei? Contoumo a policía, que me veu preguntando se eu sabía onde estaba. –E dixéchesllo? –Para que? Para que o metan na cadea e se libre das súas responsabilidades? Iso é xusto o que el querería. –Nunca me deu por velo así. –Eu non defendo os violadores, pero... –Ás veces un home non se dá contido. –Como? –É que... Despois de ter as nenas, e con esta vida que levamos, e coas preocupacións e todo iso... Eu xa non son moi guapa que se diga. Viu unha mociña, pareceulle guapa e... E ela subíuselle na motocicleta, xa ves, e abrazouno polas costas e... –Como? –preguntou meu pai–. A ti gustaríache que te violasen? –Imaxino que non. –Pois estou seguro de que á rapaza tampouco. Apareceu unha mosca que se puxo a dar voltas e voltas por riba da mesa. El mirouna. –Aquí non hai nada que comer –dixo meu pai–. Esta mosca veu para onde non era. A mosca poñíase máis valente de cada vez. Achegábase máis e zumbaba. Canto máis se achegaba, máis forte zumbaba. –Ti non lle vas dicir á policía que John igual volve á casa, verdade? –preguntoulle miña tía a meu pai. –Non vou deixar que se libre tan facilmente –dixo meu pai. A miña nai saltoulle unha man no aire. Pechouna e pousouna outra vez na mesa. –Chapeina –dixo. –O que? –preguntou meu pai.

23


–A mosca –sorriu. –Non cho creo. –Ti ves a mosca por algures? Desapareceu. –Sairía pola porta. –Non, téñocha eu aquí na man. –É imposible que sexas tan rápida. –Que si, que a teño aquí na man. –Que vas ter. –Non me cres? –Non. –Pois abre a boca. –Pois veña. Meu pai abriu a boca e miña nai púxolle a man encima. Meu pai púxose cun chimpo, agarrando a gorxa. –HOSTIA! A mosca saíulle da boca e púxose outra vez a voar en círculos por riba da mesa. –Acabouse! –dixo meu pai–. Marchamos para a casa! Ergueuse e saíu pola porta e baixou polo camiño e meteuse no Model T e quedou alí sentado, moi teso e con cara de poucos amigos. –Trouxémosvos unhas poucas latas –díxolle miña nai a miña tía–. Pésame que non sexan cartos, pero Henry ten medo de que John os meta en xenebra ou en gasolina para a motocicleta. Non che é moito: sopa, pisto, ervellas... –Ai, Katherine, Deus volo pague! Deus volo pague aos dous... Miña nai levantouse e eu fun con ela. No coche había dúas caixas de latas, eu vin a meu pai alí sentado, todo teso. Seguía enfadado. Miña nai deume a caixa pequena e ela colleu a grande e volvín detrás dela para a casa. Deixamos as caixas no comedoriño. A tía Anna achegouse e colleu unha lata. Era unha lata de ervellas e na etiqueta víanse moitas ervellas, todas verdes e redondiñas.

24


–Que marabilla –dixo miña tía. –Anna, temos que marchar. A Henry picóuselle o orgullo. Miña tía deulle unha aperta a miña nai. –Paseinas negras, pero isto é un soño. Xa verás cando volvan as nenas! Xa verás cando as nenas vexan todas estas latas! Miña nai tamén lle deu unha aperta a miña tía. Despois separáronse. –John non é malo –dixo miña tía. –Ben cho sei –respondeu miña nai. –Adeus, Anna. –Adeus, Katherine. Adeus, Henry. Miña nai deu volta e saíu pola porta. Eu funlle detrás. Baixamos ata o coche e subimos. Meu pai arrincou o coche. Cando marchabamos, vin que miña tía estaba na porta e facía adeus coa man. Miña nai fixo tamén adeus. Meu pai non. Eu tampouco.

25


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook