Skip to main content

Os libros e a beleza G - Michèle Petit

Page 1

INTRODUCIÓN

O esencial inútil Ao ser humano nunca lle abondou con cazar un bisonte: precisa representalo.1 Juan Villoro

No momento de presentar este libro, vénme un recordo. Hai al­ gúns anos, durante unha visita a un museo de Bogotá co escritor español Gustavo Martín Garzo, paramos diante duns cántaros con incisións decorativas. «É admirable como os seres huma­ nos nunca se limitaron a crear obxectos que só lles fosen útiles. En calquera lugar, precisaban outra cousa», díxome Gustavo. O utilitario nunca nos basta. Quizais sexamos ante todo ani­ mais poéticos, posto que os humanos levamos máis de 40 000 anos creando obras de arte, moito antes de inventarmos a moeda ou a agricultura. De maneira moi temperá, en diferentes rexións do mundo, existiu a necesidade de realizar rituais e de forxar obxectos para subliñar os grandes momentos da existencia, 1

«La desaparición de la realidad», en Reforma, 10 de febreiro de 2017.

11


comunicarse con outro mundo, dominar a estrañeza da vida e da morte, sentir a conexión cos elementos e os animais, celebrar actos cotiáns. Levamos milenios decorando os recipientes onde gardamos a comida, decorando as paredes das nosas casas, pin­ tando ou escarificando o rostro ou o corpo. E contando histo­ rias, máis ou menos complexas e frecuentes segundo os contextos culturais. Baixo múltiples formas, dende tempos inmemoriais, o ser humano practicou toda clase de xogos coa lingua. Todo o que aprendín ao longo dos últimos trinta anos men­ tres me interesaba polas formas de ler (ou de non ler) dos nosos contemporáneos, polo seu uso da literatura e a arte, me recordou, coma se fose necesario, que nunca poderemos ser reducidos a unha lingua fáctica, instrumental, limitada á designación inmediata das cousas e os seres, nin tampouco a estereotipos, discursos acartonados, slogans, xergas técnicas… A eses usos que nos em­ brutecen, sen que nin sequera sexamos conscientes, que nos exilian, nos afastan de nós mesmos, dos nosos seres queridos, do mundo, das súas paisaxes. E do pensamento. Porén, na actualidade e en case todas as partes do mundo, as linguas son obxecto de maltrato, como sinala Olivier Rolin: A lingua, todas as linguas, en calquera lugar do mundo, son atacadas, degradadas, niveladas, banalizadas; a súa forza expresiva vese suprimida pola influencia da lingua dos medios de comunicación, á súa vez pobre, repetitiva, ateigada de luga­ res comúns, invasora, omnipresente. A linguaxe dos medios e tamén a da política a miúdo é a mesma. É coma un enorme

12


edredón que afoga, ou cando menos susceptible de afogar, toda expresión orixinal.2

En contraposición sitúa a lingua «vasta, complexa, matizada, popular e erudita asemade, capaz de expresar todos os aspec­ tos do pensamento, os sentimentos, as sensacións. Unha lingua capaz de facer ver, tocar e sentir». Unha lingua que permite prestarlles algo máis de atención ao mundo e aos seus hóspedes. A lingua da literatura, tal e como a crean día tras día os escrito­ res, así como os que manteñen vivas as culturas orais ou inventan novas literaturas da voz. Unha lingua máis próxima ao cantado, que nos traslada alén do inmediato e permite construír «casas de palabras»,3 de novo en palabras de Gustavo Martín Garzo, sen as cales os lugares reais e materiais onde vivimos probablemente serían inhabitables. Porque teño para min que é isto o que está en xogo. Se lles dou creto a moitas das persoas que levo escoitado ao longo destes anos, o que se atopa na literatura e no contacto coas obras de arte, dende a máis tenra idade, é ante todo unha posibilida­de de har­ monizar, no sentido musical do termo, co que nos rodea, polo menos durante un tempo. Cando digo «o que nos rodea», como veremos, refírome a máis alá dos achegados ou mesmo da socie­ dade; ao mundo, ao ceo cos seus astros, ao océano, á montaña, ao bosque, á cidade, aos animais. Como sinalaba Todorov, o home ten Olivier Rolin: «À quoi servent les livres?». Conferencia pronunciada por invi­ tación da embaixada de Francia en Sudán, 2011. 2

3

Cf. Una casa de palabras, México/Barcelona, Océano Travesía, 2012.

13


«a necesidade de comunicarse co mundo, pero tamén co resto da humanidade».4 E o que se atopa ao escoitar ou ler textos li­ terarios, ás veces, é a sensación de habitar ou de estar no sitio axeitado. O que se sente de cando en vez é, ademais, unha certa harmonía co mundo interior, con un mesmo. Todas estas cousas merecen a nosa atención neste momento no que tantos mozos se senten desconcertados, desafinados, alleos ao mundo. E aí, redescubrindo o xogo na lingua, enriquecendo os seus usos, traballando a súa forma, descobren posibilidades, en particular en contextos críticos, como tentei demostrar en L’art de lire5 e en Ler o mundo.6 Nos meses posteriores á publicación de L’art de lire, a econo­ mía mundial caeu nunha grave recesión e, dende entón, baixo múltiples formas, as «crises» non cesaron, como resultado de guerras e desprazamentos de poboación, atentados terroristas, tremores de terra, inundacións ou incendios de gran magnitu­ de vencellados co cambio climático. E dende comezos de 2020, a humanidade enteira tivo que lidar cunha pandemia que está a socavar os fundamentos da vida en sociedade, acentuando seria­ mente as desigualdades, exacerbando os discursos de odio e alte­ rando as nosas capacidades de soñar e pensar. La Conquête de l’Amérique, París, Points Seuil, 1982, p. 126. Pódese atopar en cas­ telán: La conquista de América, México, Siglo XXI, 2010. 4

L’art de lire : Ou comment résister à l’adversité, París, Belin, 2008. Pódese atopar en castelán: El arte de la lectura en tiempos de crisis, Barcelona/México, Océano Travesía, 2009 (reed. en peto en 2021). 5

Ler o mundo. Experiencias de transmisión cultural de hoxe, Pontevedra, Kalandraka Editora, 2018. 6

14


Durante a irrupción de varias destas crises ou destas catás­ trofes, a xente escribíame para contarme que estaba poñendo en marcha obradoiros culturais ou clubs de lectura inspirados en parte nas miñas investigacións. Por exemplo, tras o violento sismo acontecido en México en 2017, que afectou sobre todo á capital, foron varios os proxectos que se apoiaron nas miñas pescudas, coma os iniciados pola Secretaría de Cultura de México, que máis adiante publicou o documento Para leer en contextos adversos y otros espacios emergentes.7 Outros, en diferentes países, aproveitaron o que escribira para levar a cabo experiencias literarias compartidas con refuxiados e migrantes, ou con motivo da pandemia. Por suposto, era unha honra e unha satisfacción pensar que o meu traballo podía servir de axuda en tempos difíciles. Pero ao mesmo tempo supoñía unha responsabilidade, e incluso en ocasións un motivo de inquietude. O que observara e relatara nos meus libros podía estenderse a todas esas situacións tan distintas unhas das outras? Non existía o risco de que eses profesionais ou voluntarios se ilusionasen, de incitalos a emprender experiencias que os decepcionasen? Ou que os afastasen de loitas máis urxen­ tes? Así pois, seguín pensando no que a literatura, oral e escrita, e a arte en todas as súas manifestacións podían achegar hoxe en día en contextos difíciles, incluso dramáticos. Os textos que se inclúen neste volume foron inicialmente escritos, en versións diferentes das aquí publicadas, para inter­ vencións en xornadas que reuniron profesionais do ensino, das Para leer en contextos adversos y otros espacios emergentes, México, Secretaría de Cultu­ ra/DGP, 2018. 7

15


bibliotecas, da animación á lectura, ou profesionais da infancia, traballadores sociais, ás veces xuíces e avogados, pais e avós… En liñas xerais, falan da beleza que permite transfigurar o peor despois de momentos tráxicos; da transmisión cultural, en par­ ticular no exilio, o destino de tantos nenos, mulleres e homes na actualidade; da maneira na que habitamos un lugar, da nosa rela­ ción co mundo, das paisaxes interiores que nos conforman; dos soños dos que estamos feitos e que a literatura axuda a recuperar; das bibliotecas, esas casas do pensamento onde en ocasións se inventan novas maneiras de convivir. Que competencia tiña eu para intervir sobre temas de tan­ to alcance? Só ter escoitado e recollido, coma nos meus libros anteriores, moitas voces: as de lectoras e lectores que, ao longo dos anos, me confiaron as súas experiencias arredor de como uti­ lizaban os escritos que atopaban ou as historias que escoitaran, e as dos intermediarios culturais que compartiron comigo a súa arte de facer, sobre todo en contornos onde a apropiación da cultura escrita non resultaba doada. Ao final desta recompilación, fálase das dificultades experi­ mentadas por moitas persoas para ler ao comezo da pandemia da covid-19 e dos intercambios secretos ou discretos arredor dos libros que algúns argallaron. Nese tempo estraño no que nos con­ cederon unhas supostas «necesidades esenciais» e nos reduciron a seres biolóxicos e aos nosos roles económicos. Durante os pri­ meiros confinamentos, en moitos países, «o esencial» limitouse á alimentación, ao coidado (nunha estrita acepción) e ao que requiría o exercicio do traballo. Os espazos culturais, as biblio­ tecas, as librarías, as tendas de discos, así como as florarías e

16


incluso os parques e os paseos marítimos, eses lugares para xogar e pasar o lecer, estiveron pechados, prohibidos. Fosen lectoras ou non lectoras, moitas persoas sufriron a desaparición do que Calaferte denominaba «o esencial inútil», a propósito do tempo dedicado aos seus poemas,8 pero que, máis alá, remite ao feito de que somos seres de desexo, non só de necesidades. «Sempre nos contamos historias cando nos desexamos –di Laurence Devillairs–. O que nos altera entón non é a realidade, senón a ficción e os soños, a esperanza e as ideas. Neste sentido, todo desexo é desexo do imposible, dunha vida máis intensa, máis dramática. Unha vida como a que lemos nos libros.»9 E engade que os libros «poñen máis vida na vida, que a transportan máis alto e máis lonxe ca o simple aquí e agora das necesidades. Xa que logo, as librarías son negocios imprescindibles. É un erro político pechalas, é unha falta moral prohibir o acceso a elas. Cómpre dispoñer dese esencial de peto para que a vida sexa un pouco soportable». Os libros poñen máis vida na vida, como di ela, unha vida máis intensa, e as librarías e as bibliotecas, eses faiados de historias, esas «caixas de sorpresas», en palabras de Daniel Goldin,10 espertan os desexos das persoas que franquean as súas portas. «Neste mundo convulso no que, acotío, a información nos transmite a imaxe de perigos que nos concirnen a todos sen excepción, que marabilla refuxiarme no que chamarei o esencial inútil.» Étapes. Carnets VII, París, L’Arpenteur, 1997, p. 150. 8

Laurence Devillairs, «Le reconfinement, le désir, l’essentiel… et les librairies», en Philomag, 30 de outubro de 2020. 9

Daniel Goldin e Muriel Amar, «La bibliothèque publique, un lieu de l’“écou­ te radicale”», en Christophe Evans, L’Expérience sensible des bibliothèques, Éditions de la Bibliothèque Publique d’Information, 2020.

10

17


Béatrice Commengé subliña que «en todas as partes, mesmo nos lugares máis estragados polo paso do tempo, a destrución e as construcións humanas, permanecen ínfimas parcelas de pai­ saxe que o resisten todo».11 O que aprendín no transcurso das miñas pescudas é que, nun mundo amplamente devastado po­ las guerras, as catástrofes, a depredación, o desexo de controlalo todo, fican mulleres e homes que resisten, non sei se «a todo», pero que, en calquera caso, empeñan as súas forzas con xene­ rosidade para que nenos, adolescentes e tamén adultos teñan a oportunidade de ser un pouco máis suxeitos das súas vidas, máis desexosos. Como veremos nas páxinas seguintes, privilexian a lite­ ratura, a arte, ás veces a ciencia, alí onde é poética, para construír maneiras de convivir máis habitables e amigables. Non pronuncian aburridos discursos sobre os beneficios da lectura. Axudan as persoas que acompañan a redescubrir posibilidades mediante a apertura doutra dimensión, mediante o reencontro con todo ese continente de desexos e fantasías que, alén de supoñer un conso­ lo, son unha parte esencial de cada un de nós. Hoxe máis ca nunca, cómpre homenaxear o seu labor. Iso é o que tratei de facer aquí.

11

Béatrice Commengé, Une vie de paysages, Lagrasse, Éditions Verdier, 2016, p. 119.

18


O inferno, a arte, os libros e a beleza O mundo é fermoso antes de ser verdadeiro. O mundo é admirado antes de ser verificado.12 Gaston Bachelard Leo para encher a miña vida, para completala e para compensar baleiros que deixaron os soños non cumpri­ dos, para vivir outras vidas. Leo porque estou conven­ cido de que un libro talvez non cambie a miña vida, pero si pode enchela de novos soños e beleza, e porque me fai escoitar o son e as voces do silencio.13 Cuauhtémoc López Guzmán

Tan pronto como me propuxen falar da beleza, pregunteime que mosca me picara para escoller un tema tan vasto, sobre o que, dende tempos inmemoriais, levan reflexionado e escrito tan­ to filósofos, artistas e científicos. Nunca antes abordara o estudo deste enigma de infinda complexidade; como moito, cavilara un 12

L’air et les songes, París, Corti, 1943, p. 192.

Cuauhtémoc López Guzmán, Mi encuentro con la lectura. Aproveito para agra­ decerlle a Rigoberto González Nicolás que me fixese chegar esta autobiografía.

13

19


pouco sobre os usos da literatura, e algunha que outra vez da arte, entre os meus contemporáneos, en particular cando se ven expostos á adversidade. Agora ben, todo aquilo que é belo non sempre é arte, igual que todo aquilo que é arte non sempre procu­ ra o belo, como se encarga de recordarnos a arte contemporánea. Non me aventurarei por estes terreos, nin tampouco pretendo propoñer unha definición da beleza sobre a que ninguén logrou endexamais un consenso. Tratarei dous ou tres temas que me chamaron a atención cando tiven oportunidade de escoitar as experiencias culturais de nenos, adolescentes e adultos, ou de ler textos escritos por artistas, escritores ou profesionais da media­ ción que plasmaron esas experiencias con agudeza. En primeiro lugar, falarei de como moitos nenos, e tamén adul­ tos, transfiguraron o horror, ou a pena, ou a inquietude, en beleza e, ao facelo, recuperaron «o reino da posibilidade».14 A seguir, aludirei á necesidade esencial que o ser humano ten da beleza para harmonizar co que o rodea, e ao dereito de acceder a ela de cada un de nós. Ao cabo, dado que a escola é o lugar polo que hipoteticamente pasarán todos os nenos, proporei algunhas refle­ xións sobre a beleza na aula, materiais dos que os meus lectores quizais se apropien para facer calquera outra cousa.

A técnica da ave Fénix A modo de entrada en materia, imos… ao inferno, nunha das múltiples formas que adopta neste mundo. Viaxemos a Nantes Tomo prestada esta expresión de Gustavo Martín Garzo en Una casa de palabras, op. cit., p. 39, e de Yolanda Reyes en El reino de la posibilidad, Barcelona, Lumen, 2021.

14

20


en 1943, a un tempo no que caen sobre a cidade as bombas dos aliados. Nantes sofre ducias de ataques aéreos que causan milleiros de mortos e feridos, e destrúen parte do porto, o centro histórico e diversos barrios. Os habitantes protéxense como ben poden e, entre eles, hai un raparigo de doce anos escondido nun refuxio antiaéreo. Chámase Jacques, Jacques Demy. É fillo dun mecánico e dunha peiteadora á que lle gusta cantar e escoitar operetas. Ao pequeno Jacques encántalle o teatro de monicreques, ao que o levaban de cando en vez antes da guerra. Aos catro anos, os pais regaláronlle un. E Jacques axiña construíu outro meirande no que representaba contos de fadas. Como dicía, en 1943, durante os ataques, Jacques está nese refuxio, aterrorizado. Anos máis tarde, contará: «Foi algo espan­ toso. […] Tes a impresión de que non pode ocorrer nada máis atroz. E a partir dese momento, soñas cunha existencia ideal. A catástrofe impactoume, e talvez os soños principiaron naquela etapa».15 Tras os bombardeos, mergullará curtametraxes de Chaplin en auga quente para disolver a xelatina e, sobre a película transpa­ rente, debuxará, imaxe a imaxe, con tintas de cores e unha lupa, o bombardeo da ponte de Mauves, co fin de convertelo no seu primeiro filme. Máis adiante, dirixirá fermosas comedias musi­ cais ambientadas en portos que todos ou case todos coñecen, As señoritas de Rochefort ou Os paraugas de Cherburgo, nas que as persoas bailarán, nas que triunfarán a cor sobre a poeira e as cancións so­ bre o caos. Se callar, Demy loitou ao longo de toda a vida contra Jacques Demy e Agnès Varda, À propos du bonheur. Démons et merveilles du cinéma, en ina, 19 de decembro de 1964.

15

21


o seu terror infantil. Coma tantos outros artistas, librouse dun drama concibindo algo marabillosamente vivo. Son moitos os escritores e escritoras que testemuñan esta capa­ cidade de transfigurar o horror en beleza recordando os nenos que foron. Hélène Cixous, por exemplo. Á idade de once anos, o seu pai morre de repente, e ela conta: «Marchou dun día para outro, levando o mundo canda el. Eu sentín que, en lugar do mun­ do, había un abismo. Tentei construír unha balsa para sobrevivir, e fíxena de papel. […] Non se reacciona ante a morte con morte, un trata de convertela en vida. É a técnica da ave Fénix. E para iso están as artes, a música, a literatura».16 Nesa época, ademais, o seu país, Alxeria, agonizaba, e estaba asustada pola crueldade que vía e sentía por todas as partes, de modo que se precipita cara aos libros para atopar un refuxio, a liberdade e a beleza que xa non existen no mundo que a rodea. Dende entón, Hélène Cixous confesa que para ela ler e vivir son sinónimos; ler e escribir tamén. Aos seus máis de oitenta anos, aínda aspira a unha revolución xuvenil e artística. Di que precisamos crear círculos iluminados. Citarei tamén a Giannis Kiourtsakis, quen lembra a «sensa­ ción de fondo equilibrio e serenidade» que o invadiu un serán, despois dun dó, cando tiña quince anos, namentres lía certas es­ cenas de Guerra e paz: «esta lectura proporcionábame unha estraña plenitude […] nese intre sabía con absoluta certeza que polo menos existía a beleza: demostrábanmo aqueles libros e aquela música que non cesaban de se espallar dentro de min, no medio da miña desgraza, aquela indescritible serenidade; e isto abondaba 16

Entrevista en Télérama Dialogue, 28 de setembro de 2017.

22


para xustificar a vida».17 A beleza era «na aparencia, capaz de re­ sistir a morte», engade. E incluso se pregunta se «á fin e ao cabo esa beleza non era Deus». Non obstante, esta experiencia non é exclusiva das persoas que con posterioridade se habían converter en escritores ou en grandes artistas. A fantástica capacidade humana para transfi­ gurar o inferno é ben coñecida polos homes e mulleres que lle propoñen á cativada debuxar logo de sufrir un trauma, tanto na América Latina coma en Oriente Medio, tanto na India coma en Europa cos nenos e nenas refuxiados. E, ao longo das sesións, constatan o sosego e o orgullo que senten eses nenos ao ir aman­ sando a peor das realidades mediante o traballo, o cicelado da forma dada. Pensemos tamén na exposición Déflagrations. Dessins d’enfants, guerres d’adultes,18 que recompila debuxos nos que os nenos repro­ ducen escenas de guerra, dende a Primeira Guerra Mundial até a Siria contemporánea, dende Vietnam até Darfur. Cada imaxe conta unha historia terrible, vista dende a perspectiva infantil, a miúdo cunha minuciosidade asombrosa. Porén, estes debu­ xos, moi inventivos e dunha gran forza no trazo, destilan unha beleza grandiosa, coma a que nos invade cando un choque es­ tético nos permite tomar conciencia do horror namentres segui­ mos en pé.

17

Giannis Kiourtsakis, Le Dicôlon, Lagrasse, Éditions Verdier, 2011, pp. 333-334.

Cf. Zérane S. Girardeau (coord.), Déflagrations. Dessins d’enfants, guerres d’adultes, París, Anamosa, 2017.

18

23


Un antídoto contra o horror Porei un último exemplo que nos ha permitir analizar máis de pre­ to algúns dos procesos polos cales a beleza (non só a creada, ta­ mén a contemplada) axuda a saír do inferno, a calquera idade. Ten que ver cunha muller, Catherine Meurisse, cuxa historia moitos coñecen. Para os que non, recordemos que era a encargada das páxinas culturais do semanario satírico Charlie Hebdo. A mañá do 7 de xaneiro de 2015, deprimida a causa dunha ruptura amorosa, non foi quen de levantarse. Finalmente, foi traballar máis tarde do habitual. Ao chegar ao inmoble, topouse co debuxante Luz, que perdera o tren. Este díxolle que non subise, xa que acababa de ver entrar dous homes armados. Escondéronse e sentiron as des­ cargas dos kalashnikov. Xa coñecemos o que sucedeu despois: un masacre do que se falou no mundo enteiro. Días máis tarde, Catherine Meurisse atópase nun estado «di­ sociado»: xa non sente nada, perde a coherencia e mais os recor­ dos. Unha parte dela está morta. Confunde as palabras, esquece o comezo das frases, perde o fío dos pensamentos… «O terro­ rismo non só aniquila os seres, tamén destrúe a linguaxe e a me­ moria», contará tempo despois.19 Está rodeada de amigos, ten un psicanalista que a escoita e a axuda, pero pronto intúe que precisa algo máis: a beleza. «Máis ca a arte, a beleza», matiza. «De maneira que me lancei á pro­ cura dunha beleza absoluta que esperaba que fose reparadora.» As frases citadas están tomadas das entrevistas publicadas en Slate, 11 de maio de 2016; 20 minutes, 25 de abril de 2016; Télérama, 1 de maio de 2016; France Inter, 15 de abril de 2016.

19

24


A das paisaxes e as obras de arte. Ao primeiro vai ao bordo do mar e ten a impresión de velo por vez primeira. Pasadas unhas se­ manas, visita unha exposición. Non lle di nada, non ve nada, está ausente. Pero na última sala bate de fronte co Berro de Munch: «É o grito que non conseguín lanzar despois do 7 de xaneiro». Literalmente, gustaríalle entrar no cadro. Como non pode facelo, describirá a escena que ve. Esfórzase por empezar a escribir e debuxar de novo, por re­ cuperar as emocións, os recordos, a palabra e o pensamento que perdera. E comenta: «Non podía debuxar en follas separadas coma adoito; todo tiña que estar unido, pegado. Tiña que asegu­ rarme de que nada estivese disperso, porque eu estaba esnaquizada, en desorde». Porén, París está demasiado marcada polo horror; prodúcense novos masacres o 13 de novembro de 2015. París é a cidade do sangue. Consegue alugar un pequeno cuarto na Villa Medici, en Roma. «Precisaba un respiro, unha cidade tranquila, coma ador­ mecida: Roma recibe o alcume de “cidade eterna”, é o arquetipo da beleza. Precisaba este tipo de símbolos para restablecerme.» Nos xardíns da Villa Medici, detense perante un grupo de estatuas: representan os fillos de Niobe asasinados polas frechas de Apolo e de Artemisa. Por todas as partes, cadáveres no chan. Coma os dos seus amigos, que non viu, pero que non deixou de imaxinar durante meses. Ou os de todos os mozos e mozas que acaban de ser masacrados en París, na sala Bataclan e nas terrazas dos cafés. Ver esta escena mitolóxica transportoume á sala Bataclan e á redacción de Charlie o 7 de xaneiro, onde non estiven.

25


A través da simbolización, a arte favoreceu unha mediación entre a violencia e mais eu. Tiven así a sensación de achegarme á morte, aos corpos dos meus amigos, paseniño e sen medo. Estes corpos, sublimados pola escultura, non eran mórbidos; o seu mármore branco e escintilante era dunha beleza que deixaba sen alento. A miña viaxe a Roma, en contacto con estatuas e vestixios da antigüidade, signo de inmutabilidade, signo da violencia da historia suspendida no tempo, permi­ tiume recobrar un pouco de eternidade.

Deambula polas rúas con Paseos por Roma de Stendhal no peto, ela que nunca separou as artes da literatura. Aprende de novo a dicir «eu». O seu pensamento empeza a reconstituírse. Nos mu­ seos, repara tamén nas estatuas de María Magdalena e de santa Teresa en éxtase, en pleno gozo. Comprende que retorna nela algo de libido, de desexo, de gana de vivir. A beleza figuróuselle como a «antítese do caos», como un «antídoto ideal contra o horror», e a súa busca converteuse no tema dun libro, La Légèreté,20 no que detalla todo o proceso para «reordenar as cousas», «reunir os fragmentos», «poñer o pánico en corentena», «resucitar os mortos no que dura un libro». Un percorrido ao longo do cal confiou na súa intuición: «Estaba ex­ tremadamente atenta, receptiva a todo o que puidese indicarme que non estaba morta. Encontraba eses sinais nas palabras dou­ tros, na natureza, na cultura, onde podía». Anos máis tarde, no canto da actualidade política, prefire o rit­ mo pausado da literatura. Volve escoitar a Bach e a Händel tras Catherine Meurisse, La Légèreté, París, Dargaud, 2016. Publicado en castelán co título de La levedad, Madrid, Impedimenta, 2018. 20

26


un amplo período de silencio. E debuxa. Publicou outro álbum, Les Grands espaces, unha ampliación do que acabo de mencionar. É un retorno á infancia no que se representa rodeada dos seus pais e a súa irmá, pero tamén da casa que os seus pais reconstruí­ ran, de natureza, de paisaxes. E vemos como a beleza xa estaba presente nesa nenez. En forma deses escallos de roseiras que a súa nai roubaba nos xardíns de grandes escritores para logo po­ der sentir os recendos que eles respiraban: é posible imaxinar unha transmisión ou iniciación máis fermosa? Ou desas cunchas fosilizadas e eses cravos enferruxados que a pequena Catherine descubría na terra e cos que facía pezas de museo no faiado. Ou tamén nesa visita ao Louvre na que queda fascinada polas paisa­ xes de Corot, Fragonard ou Poussin. O belo estaba alí, por todas as partes. Pensemos tamén no libro de Philippe Lançon, Le Lambeau, su­ pervivente do mesmo atentado, no que resultou atrozmente feri­ do. El conta que saíu do inferno grazas á cirurxía de guerra, ás mulleres, á música e á literatura. Someteuse a dezasete operacións, e cada vez que entraba no quirófano levaba un CD para quedar durmido escoitándoo: «A música de Bach, coma a morfina, aliviá­ bame. Facía algo máis que aliviarme: liquidaba calquera sensación de queixa, calquera sensación de inxustiza, calquera estrañeza do corpo. Bach descendía sobre o cuarto, a cama e a miña vida, sobre as enfermeiras e os seus carros. Envolvíanos a todos».21 Lançon leu moito, paseniño, páxinas de Kafka, de Proust, poemas, e tamén Philippe Lançon, Le Lambeau, París, Gallimard, 2018, p. 265. Publicado en castelán: El colgajo, Barcelona, Anagrama, 2019. Véxase tamén a entrevista publi­ cada en Libération, 11 de abril de 2018.

21

27


Noite de reis, a cuxa representación asistira a véspera do atentado: «Shakespeare sempre é un excelente guía cando se trata de avan­ zar entre unha brétema equívoca e sanguenta. Dálle forma ao que non ten sentido ningún e, ao facelo, dálle sentido ao que foi sufrido, vivido».22 Cando por fin puido regresar á casa, mandou refacer a biblio­ teca: era o símbolo da súa reconstrución. «Debía ser fermosa, e foino.» «A arte non repara ren, pero é a túa escolta até os infernos»,23 di. E engade que a arte é a vida transfigurada, o que bloquea a disolución do ser. Vemos o complexos e intricados que son os procesos en xogo, tal como testemuñan as persoas que os viviron: a beleza achega dozura e paz asemade; envolve, permite recuperar a fantasía, pero tamén darlles forma e sentido a acontecementos sen sentido, pensar o impensable no canto de ser o seu prisioneiro para sem­ pre. Reunir os fragmentos, reordenalos nun todo. Volver aprender a dicir «eu». E mesmo achegarse á morte sen demasiado medo, recuperar a eternidade. Coido que foi Lacan quen afirmou que a beleza era o derradeiro baluarte denantes do horror. Arquitectura equilibrada, condensada, inesperada: trátase máis dunha transfiguración ca dunha reparación. Ofrece harmonía e intelixibilidade alí onde reinaba o peor caos. Crear obras de arte, pero tamén apoderarse das que outros concibiron, contemplalas, escoitalas, lelas permite recobrar algo de paz, de sentido e de 22

Le Lambeau, op. cit., p. 20.

23

Citado por Alexandre Demidoff en Le Temps, 20 de abril de 2018.

28


desexo. Ao longo de todo este camiño, é o reino da posibilidade o que se restablece. Citei varios franceses e un grego, e mencionei nenos de distin­ tos continentes. Velaquí un chinés, como contrapunto, François Cheng, quen escribe: «Dicir que o ser humano se relaciona coa beleza é pouco dicir. Na cerna das súas condicións tráxicas, en realidade, é da beleza de onde extrae sentido e deleite».24

Un enigma escandaloso Porén, non é só en condicións tráxicas cando a beleza, creada ou contemplada, desempeña un papel moi importante no equilibrio dos nosos afectos e na nosa relación co mundo. Dende a máis tenra infancia, os cativos precisan unha lingua melodiosa, cantos, contos e imaxes dotados de calidades estéticas que lles permi­ tan sentir un benestar, físico e psíquico, moi particular. Sentir a harmonía, sintonizar co que os rodea e co seu mundo interior. Unha sensación momentánea, pero que se inscribe no corpo e na mente, e deixa pegadas. Gilbert Diatkine salienta que a maior parte dos nenos moi pequenos axiña son sensibles á beleza.25 Á melodía da voz, ao ritmo da música e aos xestos, pero tamén á beleza visual. E a primeira paisaxe coa que abraian é a cara da nai ou do adulto que os coide. Para Melzer, o sentido da beleza procedería incluso da François Cheng, Cinq méditations sur la beauté, París, Albin Michel, 2006, p. 35. Edición en castelán: Cinco meditaciones sobre la belleza, Madrid, Siruela, 2012.

24

«Les mots de la mère et le sentiment de la beauté», en Rencontre ACCES, 15 de decembro de 2016.

25

29


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Os libros e a beleza G - Michèle Petit by kalandraka.com - Issuu