Skip to main content

Os contos da avoa Pepa G - Francisco X. Fernández Naval | Manolo Figueiras

Page 1

A avoa Pepa compón un ramo coas rosas das roseiras que cada ano florecen no camiño que vai da casa ao pozo, cruzando a aira. Hainas vermellas, brancas, amarelas, tamén da cor da rosa. Medra na súa man o ramo que completa con gladíolos alaranxados e caraveis da China. Con el alegrará a galería. Gústanlle as flores, a súa perfección, a súa luz, o seu recendo. A avoa Pepa fai ramos dende que ten memoria e son xa moitos os anos que fixo. Moitos anos feitos e sempre lle gustaron as historias, os contos, as fábulas. Dende nena, o seu foi un mundo marabilloso no que todo podía e debía ser contado, tamén o misterioso e inverosímil, o fantástico, o triste e o alegre. Un mundo no que os animais falaban e no que pasaban cousas que facían rir, e soñar, cousas de emocionar e, ás veces, tamén, de chorar. A ese mundo pertencen os contos que se recollen neste libro.

7


A CASA DA AVOA PEPA Cantos anos ten a casa da avoa Pepa? Ninguén o sabe. Os veciños din que é a máis antiga do lugar. Bintil, o seu avó, que acadou a idade de noventa e sete anos, xa nacera nela e, segundo dicía, nela nacera tamén a súa nai. A casa queda no alto do lugar e dende alí vese o río, que pasa sosegado polo campo, admirado da sombra das choupas e dos olmos. O río detense no cachón onde hai moitos anos se remansaba a auga para a acea que moía o trigo, o millo e o centeo das searas da contorna, cando a avoa era nena. Pola parte de atrás da casa está a aira das cerdeiras e maceiras, dos figos e pexegos dos que tanto gustan os paxaros. Tamén a palleira e o pozo. Antigamente, contra un dos muros da palleira había un galiñeiro. Polas tardes deixaban ceibas as galiñas por entre as verzas e as leitugas. Elas escarvaban a terra na procura de vermes, caracois e miñocas. Mentres andaban por fóra, había que coidar delas, por se viña a raposa. Logo para que retornasen ao poleiro, os nenos ían detrás berrándolles: «Churra, churra, churra!!!». Ou cantándolles unha adiviña que lles ensinara o avó Bintil:

9


«Unha señorita, moi enseñoritada, chea de remendos e sen unha puntada».

A casa ten dúas portas, unha que dá á aira e outra grande, de dúas follas, que se abre ao camiño que pasa por diante. Agora a porta grande está pintada de vermello. Esta foi a cor que escolleu a avoa Pepa. Pero ela lembra que, cando era nena, a porta estaba pintada de verde e que, anos máis tarde, a súa nai decidira pintala de azul. A porta sempre foi ancha para que puidesen entrar o carro e as vacas. Agora carro e vacas xa non hai, pero a avoa Pepa decidiu non facela máis pequena porque lle gusta así. Ten dúas pechaduras e unha tranca de madeira entre as dúas follas, que a asegura dende dentro. Traspasada a porta está o patio amplo e fresco no verán. Sobre un dos seus lados, pousada sobre unhas columnas de pedra altas e fortes, sitúase a galería. Nas trabes que sosteñen o sobrado, fan o niño as andoriñas, que chegan de lonxe, entre os meses de marzo e abril. Dende a galería vese o monte do Castro, no que canta o cuco ao chegar a primavera.

10


11


Dende o patio éntrase na adega. Na casa sempre se fixo viño. Agora non, a avoa vai maior e non pode traballar as viñas, pero del vivía toda a familia. Viñan arrieiros coas súas reatas de mulas, e no lombo das bestas cargaban os odres, nos que se transportaba o viño que vendían nas tabernas. A casa ten cinco cuartos, comedor, baño e cociña con lareira. Ao pé do seu lume o avó Bintil contaba historias e contos aos seus netos cando eran nenos, uns certos e outros inventados por el. Tamén lles lía libros de fábulas nas que os animais falaban e aprendíalles trabalinguas e adiviñas. O cuarto do fondo é o do avó. Na parede hai un reloxo moi antigo, con péndulos de chumbo e unha esfera branca que marca as horas e os días da semana. A avoa Pepa sempre durmiu no mesmo cuarto e, ata que casou, compartiuno coa súa irmá Lela, cada unha no seu leito. O dela era o máis próximo á fiestra, pola que, nas noites claras, buscaba a Lúa, coa que falaba. No chan dese cuarto hai unha trampa que dá sobre a boca da cuba máis grande da adega. Ela, os seus irmáns e os nenos veciños, xogaban ás agachadas e aproveitaban a trampa para pasar dun andar a outro. Era moi emocionante abrir a trampa do sobrado e perderse na escuridade da adega.

12


A adega era un mundo máxico, cheo de recendos, que non só cheiraba a viño e a uva, tamén a xamón, touciño, chourizos, porque a carne do porco se colgaba das trabes do teito para mantela fresca e illada dos ratos. Unha noite, hai moitos anos, cando Pepa era aínda unha nena, uns homes petaron na porta da casa. Eran tempos difíciles, de medo, porque había guerra e polos camiños andaba xente armada. Na casa asustáronse. O avó e a nai de Pepa decidiron non abrir. O avó dixo que o mellor era baixar á adega pola trampa e esconderse todos no interior da cuba grande. E así o fixeron, levando canda si a Moro, o can que tiñan daquela, e a Lopina, unha gata parda, moi boa cazadora. Fóra, os homes golpearon na porta ata que conseguiron vencela e entrar no patio. Falaban a berros, con palabras fortes coma trebóns. As voces metían medo. Semellaban anoxados e furiosos. Eles sentían as súas pegadas na galería e nos cuartos e, polo alboroto que causaban, souberon que rexistraban a casa toda. Abriron e pecharon armarios e caixóns. Ciscaron polo chan a roupa, os libros, a madeira para queimar amoreada ao pé da lareira. Desfixeron as camas, escacharon pezas de louza. Buscaban o pai de Pepa, pero non o atoparon, o que os enfureceu aínda máis. Tamén entraron na adega.

13


Os homes levaban candeas acesas e un asomou pola boca da cuba e alumeou dentro, pero non chegou a velos, todos abrazados e feitos un nobelo, contra o fondo do enorme bocoi. Manuel, o irmán de Pepa, tivo que coller o Moro polo fociño para evitar que os delatase ladrando ou fungando embravecido. Pepa meteu a Lopina por dentro da camisa, para que non se movese e todos contiveron a respiración. Ao cabo os instrusos marcharon, levando canda eles os xamóns e os chourizos. Sería por iso, polos nervios e o medo daquela noite, polo intenso cheiro a bagazo que desprendían as madeiras da cuba, que á avoa Pepa e aos seus irmáns nunca lles gustou o viño e nunca o probaron.

14


O AVÓ BINTIL –Queredes que vos conte o conto da boa pipa? Cada noite, despois de cear, o avó Bintil iniciaba así a sesión de historias coas que divertía os netos antes de se deitaren. E cada noite Pepa e os seus irmáns berraban: –Siiii!!!! E sabían que iso daría pé a que o avó lles retrucase: –Eu non vos preguntei se si ou se non, só se queredes que vos conte o conto da boa pipa? A escena, repetida, sucedía sempre ao pé do lume da lareira, na cociña vella, e sempre provocaba o riso dos nenos. O avó Bintil contaba moi ben as historias e as fábulas. Tiña sona entre os veciños, que, ás veces, se achegaban á casa só polo pracer de escoitalo. Ninguén sabía se o que contaba era certo, cousa da súa imaxinación ou unha mestura de historias inventadas por el con outras que sucederan de verdade. Del aprendeu a avoa Pepa o nome dos dedos da man:

Polgar, matapiollos; índice, furabolos;

15


medio, pai de todos; anular, o seu sobriño, e pequeno, o maimiño.

Tamén como se organizaban os días da semana:

Hoxe é luns, mañá é martes, o mércores logo vén, de mañá en sete días, é a semana que vén.

–Non todas as sombras das árbores son iguais –afirmaba–, unhas son boas e outras non. Gardádevos da dos castiñeiros, por húmida, e da dos piñeiros, porque quenta o aire –e eles facíanlle caso. Gustáballes deitarse baixo a sombra da carballeira das Cubelas, sentindo as cóxegas que lles facían na pel as herbas miúdas que o avó chamaba pelo de coello. Dicíalle orellas de lobo aos froitos secos e aveludados da xesta branca ou codeso, e contaba a historia dun xastre que traballaba indo a coser polas aldeas. Unha noite regresaba tarde á casa e decidiu atallar polo camiño do bosque. Sería certo ou non, pero o xastre aseguraba que no máis escuro da espesura empezou a ver uns ollos brillantes que camiñaban a rente del, a sentir contra a cara o tacto dun pelo animal e a escoitar un rosmar de fera. Pensou que era

16


o lobo e un arrepío percorreulle as costas. Colleu a tesoira e, ás escuras, deulle por cortar todo cando se lle poñía diante, segundo el, orellas de lobo. –Viches os ollos do medo e cortaches froitos de xesta –dixéralle o avó. O avó Bintil desconfiaba das cobras. Non as mataba porque consideraba que formaban parte da natureza e que tiñan dereito a vivir, pero prefería non velas diante. Segundo el, na ollada posuían o poder de hipnotizar os paxariños. Cando vía unha cotovía, unha chasca ou unha carriza, que permanecían fixas sobre o aire, malia bater as ás, dicía que era pola ollada dunha cobra e saía ás alancadas, facendo ruído contra o chan e o mato, para que a serpe se asustase e deixase de enfeitizar o paxaro. Bintil estivera en Cuba. Levárano obrigado a unha guerra, cando aínda non fixera os dezaoito anos. A guerra non servira para nada, só para causar desgraza e tristeza, como acontece con todas as guerras. Os soldados coma el ficaron alá, en América, abandonados, sen lles daren a oportunidade de regresar. Empregárase de cociñeiro na casa dunha familia propietaria de grandes extensións de terra nas que colleitaban cana de azucre e tabaco. El traballou e aforrou durante sete anos para pagar a pasaxe de volta no barco.

17


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Os contos da avoa Pepa G - Francisco X. Fernández Naval | Manolo Figueiras by kalandraka.com - Issuu