Skip to main content

Ocultos. Animais extraordinarios

Page 1

XULIO GUTIÉRREZ NICOLÁS FERNÁNDEZ

Ocultos ANIMAIS EXTRAORDINARIOS


XAGUAR Panthera onca

É o maior dos felinos do continente americano. Parécese moito ao leopardo africano pola súa pelaxe, constitución e modo de cazar. Ata hai 100 anos vivía en todas as selvas tropicais entre o sur dos Estados Unidos e a Patagonia.

O xaguar é un animal solitario. Domina un extenso territorio que percorre incansablemente. O seu mellor momento para cazar é á noitiña e pouco antes do amencer. A súa magnífica vista en condicións de pouca luz danlle vantaxe fronte ás presas que ven peor ca el. O xaguar é o terceiro felino en tamaño despois do león e o tigre. As súas patas, dotadas con potentes músculos, permítenlle correr a gran velocidade e dar grandes saltos para alcanzar as súas presas. Pero non é moi resistente; así que, cando non acerta no primeiro ataque, bátese en retirada. A diferenza dos outros felinos, desenvólvese moi ben na auga. Sempre que pode, prefire cazar en lugares enchoupados, como pantanos ou zonas da selva que se inundan estacionalmente. Este gran cazador ten unhas mandíbulas moi poderosas, armadas con grandes dentes cairos e enormes moas. O xaguar escorrega entre a vexetación, rozando apenas as plantas entre as que se esconde. Avanza lentamente, coa vista fixa na súa presa e os músculos en tensión. De cando en cando, detense e agarda totalmente inmóbil ata que, de súpeto, arranca veloz e se abalanza sobre a súa vítima sen darlle tempo a reaccionar. Despois crávalle os seus afiados dentes cairos no pescozo ou no cranio, esmiuzando os ósos, tendóns e cartilaxes da súa presa coma se fosen de papel. Pode capturar animais tan grandes como veados, capibaras, tapires, crocodilos e serpentes; pero normalmente confórmase con animais pequenos como ras, ratos, aves, peixes e, tamén, animais domésticos.

4

Hoxe só se encontra nas rexións máis inaccesibles entre o norte de México e o norte da Arxentina.


ANIMAIS EXTRAORDINARIOS |

ocultos

1

Cazador nas sombras Cando caza, o xaguar desprázase con sixilo. Os seus movementos son lentos e precisos. Non fai ningún ruído ao pisar porque ten unhas almofadiñas carnosas nas plantas das patas que amortecen calquera son que puidera facer ao pisar. A súa pel canela, con manchas marróns e negras, imita á perfección os brillos dos troncos e as follas que hai nas profundidades da selva. Así pode achegarse moito ás súas presas sen ser visto nin oído.


LEBRE ÁRTICA Lepus arcticus

É un mamífero herbívoro da familia do coello. É branca no inverno e parda no verán para pasar desapercibida na tundra. Vive na tundra ártica ao norte do Canadá e nas costas de Groenlandia.

A lebre ártica dispón dunha grosa capa de pelo para soportar as temperaturas extraordinariamente baixas da tundra. Tamén ten o corpo compacto e as patas moi curtas para reducir a perda de calor. Grazas aos seus grandes pés pode distribuír ben o peso e andar sobre a neve sen afundirse. No verán, a lebre ártica aliméntase de liques, musgo, herbas, sementes e froitos. Co seu agudísimo olfacto é quen de encontrar alimento a gran distancia, incluso baixo a neve. Durante os meses máis fríos escarva na neve coas patas traseiras na busca de comida. Utiliza os seus largos dentes incisivos para perforar o xeo e arrincar a codia das pólas de salgueiro, case o seu único alimento no inverno. Na tundra non hai árbores e apenas hai arbustos onde gorecerse dos depredadores. A súa mellor defensa é non deixarse ver; por iso, durante o longo inverno ártico a súa pelaxe é branca agás unha pequena mancha negra na puntiña das orellas. Isto permítelle pasar inadvertida sobre a neve. Durante o curtísimo verán, o xeo derrétese, as plantas agroman e a tundra énchese de flores e de cores. Entón o pelo da lebre vólvese pardo agrisado para confundirse coa terra ocre, os liques grises que cobren as rochas e as pólas marróns das plantas e arbustos que dominan esta paisaxe. No verán a lebre ártica móstrase moi activa: abandona a vida solitaria que leva no inverno e vai dun sitio a outro buscando alimento e compañía. Ás veces xúntase con outras lebres e forma grupos de máis de 200 individuos. Cando foxen dun depredador, corren en formación e cambian de dirección coma se fosen un só animal.

6


ANIMAIS EXTRAORDINARIOS |

ocultos

2

Abrigo invisible Grandes depredadores, como o oso polar, o raposo ártico e o bufo nival, deambulan pola tundra buscando presas desprevidas. Se algún deles se lle achega, a lebre ártica queda moi quieta, resultando así case invisible. Se a descobren, aínda ten outra opción: dá un enorme salto no aire impulsada polas súas vigorosas patas traseiras e lánzase nunha carreira veloz, dando xiros aloucados e vertixinosos cambios de dirección co fin de desorientar o seu perseguidor. Na carreira pode acadar os 65 quilómetros por hora.


Ocultos é o cuarto volume da colección Animais Extraordinarios. Nesta obra preséntanse algúns dos máis espectaculares exemplos de camuflaxe e mimetismo, así como as estratexias de engano máis sofisticadas que algúns animais utilizan para sobrevivir. Nos próximos títulos desta colección acompañaremos os animais que realizan as viaxes máis longas e arriscadas. Tamén descubriremos como ven doce animais que posúen ollos moi diferentes aos dos seres humanos. Outros títulos publicados: Bocas Nacer Construtores


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Ocultos. Animais extraordinarios by kalandraka.com - Issuu