Skip to main content

O rei oso branco G - Tim Bowley / Óscar Villán

Page 1

O Paxaro de Fogo

O mozo entrou no bosque ao lombo do seu cabalo máxico. Cos seus ollos feroces, o peito ancho e os cascos de ferro, non se parecía a ningún outro cabalo do mundo. De súpeto, cabalo e home pararon. Algo raro sucedía. O bosque estaba completamente en silencio. Nin aves a cantar, nin bechos a remexer entre as matogueiras. O mozo, inquieto, mirou arredor ata que viu que máis adiante había algo que brillaba. Cabalgou naquela dirección e o corazón deulle un brinco. Decatouse entón de por que ningún animal ousaba moverse, pois o que relucía no chan era a pluma dun Paxaro de Fogo. O primeiro que lle veu á cabeza foi levarlle aquela pluma ao rei, pero antes de moverse para apañala, o cabalo díxolle: –Deixa estar esa pluma! Se a tocas, has de sentir o medo e aprenderás o que é a tristeza. O mozo non desexaba sentir medo nin aprender o que era a tristeza, pero tamén pensou: «Se lle levo a pluma ao rei, seguro que me recompensará, quizais me arme cabaleiro!». Por fin 7


o seu desexo de gloria e aventuras foi máis forte ca a súa prudencia, de maneira que saltou do cabalo, apañou a pluma e cabalgou de volta ao palacio, onde, cheo de orgullo, lle entregou o agasallo ao rei. –Abofé que unha pluma de Paxaro de Fogo é unha marabilla –dixo o rei antes de entornar os ollos e engadir–: Pero unha soa pluma non é agasallo digno dun rei. Visto que me trouxeches unha pluma, seguro que serás quen de traerme un Paxaro de Fogo enteiro, e se fracasas en tal misión, a túa cabeza rodará polo chan. Chorando, o mozo marchou do palacio e foi onda o cabalo. –Por que choras? –preguntoulle o cabalo. –O rei acaba de ordenarme que lle traia o Paxaro de Fogo, e se fracaso, a miña cabeza rodará polo chan –dixo o mozo–, e como é imposible cazar un Paxaro de Fogo, choro porque vou perder a vida. –Ai –dixo o cabalo–, acaso non te advertín de que deixases estar a pluma? Agora o que sentes é medo. Pois ben, seca eses ollos, que os teus problemas aínda están por chegar. Vai pedirlle ao rei cen sacos de gra para espallar polo campo que hai detrás do palacio e pídelle tamén tres cordas ben fortes. O rei ordenoulles aos seus servos que esparexesen a gra; ao outro día, antes do amencer, o mozo, cargando coas cordas, subiu ás pólas dunha grande árbore que se erixía no medio do campo, mentres o cabalo pastaba abaixo. Ao abrir o día polo levante, o Paxaro de Fogo chegou voando e pousou no campo. Mentres comía na gra, o cabalo foi achegándoselle cada vez 8


máis cerca. De súpeto, o cabalo chimpou e cos seus cascos de ferro pisoulle unha ala contra o chan. O mozo chimpou da árbore, atou o Paxaro de Fogo coas cordas e cargou con el a ombros, de xeito que as alas lle caían a cada un dos seus costados coma se levase unha capa dourada. Entón cabalgou ata o palacio e segundo avanzaba cargando co Paxaro de Fogo, as plumas resplandecentes ían caendo e deixando atrás un carreiro dourado. O rei quedou compracido ao recibir o Paxaro de Fogo e o corazón do mozo estremeceuse cando o armaron cabaleiro. Pero entón o seu gozo tornou en desesperación cando o rei lle dixo: –Visto que me trouxeches un Paxaro de Fogo, seguro que serás quen de traerme algo que o meu corazón desexa desde hai tempo. Quero que viaxes ata a fin da Terra, onde o sol fai arroibar o mar, e me traias a fermosa Basilisa, que vive alí. Se fracasas, a túa cabeza rodará polo chan. Chorando, o mozo saíu do palacio e foi onda o cabalo. –Por que choras? –preguntoulle o cabalo. –O rei acaba de ordenarme que lle traia a fermosa Basilisa desde a fin da Terra, e se fracaso, a miña cabeza rodará polo chan. –Seca eses ollos –dixo o cabalo–. Os teus problemas aínda están por chegar. Vai pedirlle ao rei unha tenda de prata con teito de ouro e pídelle que che dea os mellores manxares e viños. O rei deullo de bo grado e o mozo cabalgou ata a fin da Terra. Plantou a tenda na praia, preparou unha mesa coa 9


comida e o viño e despois sentou e quedou á espera. A fermosa Basilisa logo veu navegando sobre a súa barca de prata cos remos de ouro. Viu a tenda na beira e navegou cara a ela. Cando se achegou máis preto, contemplou as escenas de antigas historias bordadas nas paredes da tenda, contemplou a mesa posta coa comida e o viño, contemplou o mozo alí sentado, agardando en silencio. Nada máis atracar a barca na praia, o mozo convidouna a cear con el. Comeron e beberon, riron e falaron, mais a fermosa Basilisa non estaba afeita a tanto viño e axiña quedou durmida. O mozo colleuna en brazos, subiu ao cabalo en cabalgou de volta ao palacio. O rei estaba tan compracido ao ver cumprido o desexo do seu corazón que premiou o mozo. Pero cando Basilisa acordou e descubriu que estaba lonxe do seu amado mar, comezou a chorar. –Non chores –dixo o rei–. Serás a miña raíña, non che ha de faltar nada. Cando Basilisa viu que non había maneira de fuxir, díxolle ao rei: –Non penso casar contigo mentres non teña o meu vestido de noiva. Está gardado dentro dun cofre, no fondo do mar. Dille ao mozo que me trouxo ata aquí que vaia por el! O rei inmediatamente mandou chamar polo mozo e díxolle que fose buscar o vestido, e engadiu: –Se fracasas nesta misión, a túa cabeza rodará polo chan. Chorando, o mozo marchou do palacio e foi onda o cabalo. –E agora por que choras? –preguntoulle o cabalo. 10


–O rei acaba de ordenarme que vaia buscar o vestido de noiva da fermosa Basilisa, que está no fondo do mar. Sen dúbida que vou morrer no intento, pero no caso de logralo, non farei máis que contribuír a que o rei despose a fermosa Basilisa, de quen estou namorado. –Ai –dixo o cabalo–, acaso non te advertín de que deixases estar a pluma? Agora xa coñeces o que é a tristeza. Pois ben, seca eses ollos, que os teus problemas aínda están por chegar. Sube ao meu lombo. Veloces coma o raio, cabalgaron ata a fin da Terra. Camiñando ao longo da praia, o cabalo chimpou de súpeto e cun dos seus cascos de aceiro atrapou un cangrexo xigante contra o chan. –Non me deas morte, déixame vivir e farei o que me pidas – berrou o cangrexo. –Rei dos cangrexos –dixo o cabalo–, tráeme o vestido de noiva da fermosa Basilisa, que está gardado no fondo do mar. O rei dos cangrexos deu a orde e un milleiro de cangrexos e lagostas saíron da auga cargando cun cofre de ouro. O mozo deulles as grazas aos cangrexos, colleu o cofre e cabalgou de volta ao palacio. Con todo, cando Basilisa recibiu o seu vestido díxolle ao rei: –Hai outra cousa que tes que facer antes da voda. Quero que traias o caldeiro de ferro máis grande que teñas, que o enchas de auga e que lle prendas lume debaixo. Cando a auga comece a ferver con toda, bota o mozo que me trouxo ata aquí dentro do caldeiro! 11


Malia todo o que o mozo fixera por el, o rei non dubidou en ordenar que lle trouxesen o caldeiro, que o enchesen de auga e que o puxesen a quentar. Ao mesmo tempo, ordenoulles aos outros servos que preparasen o banquete da voda. Mentres contemplaba como a auga ía quentando, o mozo pensou: «Agora si que teño un problema! Ai de min, por que non lle faría caso ao meu cabalo?». Ao lembrarse do cabalo a súa tristeza aumentou, e díxolle ao rei: –Deixade que polo menos vaia despedirme do meu cabalo antes de morrer. O rei deulle permiso e, chorando, o mozo saíu do palacio. –Por que choras? –preguntoulle o cabalo. –O rei acaba de ordenar que me boten na auga a ferver, e ti e mais eu xamais volveremos galopar baixo o ceo. –Seca eses ollos –dixo o cabalo–. Cando veñan prenderte, non te resistas. Despois záfate dos gardas, vai correndo e bótate por ti mesmo dentro do caldeiro. Por fin estivo todo preparado. O banquete estaba listo e a auga a ferver, pero cando foron prender o mozo, zafouse dos gardas e botouse correndo dentro do caldeiro. Tres veces desapareceu baixo a auga a ferver, tres veces emerxeu, e coa terceira chimpou fóra do caldeiro. Non só saíra indemne, senón que ademais se transformara: se antes xa era aposto, agora era fermosísimo e brillaba cunha luz interior. Cando o rei viu semellante transformación, tamén quixo mudar daquel xeito e botouse ao caldeiro, pero morreu no acto. 12


O banquete de voda xa estaba preparado e o país non tiña rei, conque o mozo e a fermosa Basilisa casaron, foron rei e raíña do país e viviron felices para sempre.

13


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook