Skip to main content

O neno bisesto G - José Luis Alonso de Santos / Federico Delicado

Page 1

Ninguén me entende Se retallas unha nube do ceo polo burato entrará a choiva.

Dígocho de verdade, ninguén me entende. Debe ser porque nacín un 29 de febreiro e o meu aniversario é cada catro anos. Bisesto, chámanme todos no colexio. Os meus pais dinme que tanto ten celebrar o aniversario o 28 cando non hai vinte e nove días, pero non sei a razón de ter eu que andar a cambiar o meu aniversario. Que cambien o calendario e poñan o 29 un día como deus manda, coma os demais. Díxome un profesor que un emperador romano, Xulio César, decidiu pór un mes para el só, o mes de xullo; e outro, Augusto, o de agosto. Ou sexa, eran dez meses antes deles, e estes dous emperadores puxeron dous meses máis porque lles deu a gana. Pois eu quero pór o día 29 a febreiro, fixo, todos os anos, pero non hai maneira, que non me fan caso. Por iso son un marxinado no colexio, no recreo, na casa e na biblioteca do

5


cole onde vou xogar cos computadores cando hai estudo no programa. Sobre todo desde o día en que me atopei co monstro cibernético aquel que entrara novo ese ano e din que viña do norte de Europa, non sei de onde. Nós chamabámoslle Viquingo porque tiña o pelo vermello. Eu sabía del de vista, de velo no patio xogando ou por alí. Como non o ía coñecer, co grandeiro que era? Na biblioteca estaba sempre sentado diante do mellor portátil, o da esquina da esquerda, que ten unha cadeira desas abraiantes, de boa que é, desas que soben e baixan cando queres ao tocar unha panca de debaixo, que seica estás no parque de atraccións. Ese día que che conto, el non estaba na cadeira boa cando eu cheguei e encantoume sentar alí. Era xenial! Era moito para o corpo ver os que xogaban nos portátiles do fondo coma ananos. Ademais, veu sentar ao lado unha moza loura coma as que saen nas películas, incrible! Mirou para min e sorriu. Tiña uns dentes que semellaban de anuncio da tele, de limpos e colocados que estaban. Era maior ca min pero, como sentara nesa cadeira e a puxera tan alta, creo que nin se decatou. E alí estaba eu, encantado ao seu lado disparando nun labirinto lunar contra unha partida de presos da quinta galaxia, cheos de tatuaxes, que fuxiran eliminando os seus gardiáns. Puxéraseme mesmo o floco de punta do ben que o estaba a pasar... E de súpeto chegou el, o Viquingo.

6


–Pódese saber que fas no meu sitio, mamalón...!? Díxoo berrando, e tan alto que o oíron mesmo os que pasaban pola rúa. –É a min? –dixen eu facendo o parvo, que se me dá sempre moi ben. –Si, a ti, mamalón, panoco do ca...! Aínda engadiu outra palabra, e díxoa enteira e máis alta aínda, para que a oísen mesmo os xordos, por se alguén non o soubese antes. E quitoume a cadeira. Así, sen máis explicacións. Ergueume medio no aire, colléndome cunha man polo pescozo, afastando a cadeira. –Ti, ao fondo, Bisesto! –dixo–. Cos ananos! –Pero... Eu estaba antes, pódecho dicir calquera –dixen coma un chalado, que é como me sentía nese momento. El ergueu daquela o seu puño enorme de monstro cibernético, e apuntou cara ao meu nariz. Era un duelo a morte, coma os das películas, e os que estaban preto deixaron os seus computadores e puxéronse a mirar aquela outra pelexa, que prometía sangue de verdade. Si, ben sei que debín facer aquilo que fan os heroes nas películas da tele, enfrontarme a ese puño pasase o que pasase, pero é que non podes nin imaxinar como era de grande. Tapáballe a cara. Eu só vía puño. Como se pode razoar con alguén que se converte de súpeto nun puño?

8


–Oes, perdoa... –dixen eu, e deume unha vergonza horrible soltar esa estúpida palabra, mentres ía cara ao fondo coller o derradeiro computador que había na ringleira dos de primeiro, medio escangallado e que daba mágoa velo. Cos ollos húmidos de rabia borreime do bando dos policías bos na partida que estaba a xogar, e púxenme no dos presidiarios tatuados galácticos resentidos e perseguidos, a matar a todos os que puidese, para me vingar da humillación que sufrira diante de tanta xente e, sobre todo, da loura de sorriso de dentífrico, que por riba ría agora, a moi cretina, mentres o outro seguía a chamarme Bisesto. Pero non conseguía darlle a ningún no computador e deseguida me mataban e quedaba fóra. Tiña nese momento moi mala puntaría, se cadra porque tiña os ollos cheos de bágoas e non vía moi ben a quen disparaba. –A vida éche moi dura –diríame o meu pai se llo contase. Non llo contei a ninguén fóra de ti, porque morro da vergonza, pero a min paréceme que a vida é máis dura para uns que para outros, e máis para os que nacemos un 29 de febreiro. Para o monstro galáctico «puño xigante», que quedou gozando alí sentado na cadeira do rei, e que ademais nacería noutro día calquera do ano, a vida era estupenda, seguro. Só cumpría ver a cara que puña de satisfacción, o animal, e os risos que botaba. Consoleime pensando que de certo sacaría malas cualificacións con esa cara de fato que tiña. Consoleime en parte,

9


quero dicir, pois de quedar coma un parvo diante dos demais nunca se consola un totalmente. Eses días o tío apareceu nos meus soños, dentro dun xogo de computador que consistía en que eu fuxía coa cadeira boa e el perseguíame e dábame arreo na cara con todo o seu puño cando me collía, e quitábame a cadeira, e eu repetía detrás de cada golpe que me daba, con voz de chalado: –Oes, perdoa! Perdoa! Perdoa!... E el ría ás gargalladas, e unha chea de rapazas louras con sorriso de dentífrico aplaudíanlle entolecidas. Se che digo a verdade, naqueles momentos o que me prestaba era meterlle unha boa serie de disparos cunha das pistolas do xogo do ordenador e mandalo contra a parede. Mais a pistola era de mentira e, aínda que fose de verdade, tamén sería de verdade a del, e de certo que ese animal me mandaría contra a parede a min antes, xa que tiña pinta, ademais, de disparar coma ninguén de ben, e algúns non somos bos coa violencia, ou sexa que somos un pouco pacifistas, e iso di o meu pai que está ben, pois a violencia é mala. Unha cousa é xogar nun computador e outra ben diferente facerlle algo malo a alguén de verdade. E moito peor aínda é se cho fan a ti, claro. Eu, se che digo a verdade, nunca me sentín quen de facerlle nada malo a ninguén (non tanto por pacifista como por medo a que logo me fixesen a min algo peor), e menos ao monstro galáctico do puño aumentado, pero sinto dicirche

10


que no fondo si que o desexaba, pero non llo digas ao meu pai. Non podía remedialo, sabía que estaba mal, que non debía pensar niso, pero o pensamento saíame dalgún sitio secreto do meu corpo que eu non controlaba. «Cando saia de aquí para ir á súa casa, oxalá o colla un coche –oía eu que dicía por dentro a miña vingativa voz interior, dándolle ordes ao universo–. Que non o mate... –engadía para tranquilizar a miña conciencia–, pero que teña que estar no hospital un par de meses polo menos. Ou seis.» Cando días despois souben no patio do colexio que Todo Puño estaba no hospital e que lle pasara xustamente o que eu lle desexei, por unha banda sentinme culpable, pero por outra feliz ao decatarme de que eu era un ser perigoso cheo de poderes extraordinarios no meu interior que nin coñecía, seguramente por ser bisesto, e que abondaba con que desexase algo para que se realizase. Ollo ao que se metese comigo a partir de agora! Ao día seguinte púxenme a andar detrás dunha señora, pola rúa, e coa miña mente poderosa dei a orde aos seus pés de que tropezase ao terceiro paso. «Un..., dous... e tres!» Nada. Intenteino outra vez aos dez pasos e outra aos vinte... Tampouco. Aos trinta... Aos corenta... Canso de contar pasos, e de seguir a señora por toda a cidade, coma se fose C-3PO detrás de R2-D2 n’A guerra das gala-

11


xias, marchei para a miña casa a merendar porque tiña fame. Víase que os meus poderes ás veces funcionaban e ás veces non. Tamén sería que a señora esa non me fixera nada, dixen para min. Talvez só funcionase cos que me ameazaban con puños enormes. E decidín matinar niso diante do espello un bo anaco ao chegar á casa e falar comigo mesmo de se tiña poderes máxicos ou non. Non sei se che dixen que me gusta mirarme no espello media hora seguida ou máis cada día, e poñerme alí a falar polo baixo das miñas cousas. É coma se estivese a falar coa persoa coa que mellor me levo no mundo. A miña nai pregúntame sempre que fago alí, chantado coma un paspán. É o que pasa, non lle deixan a un nin se mirar a gusto no espello cando quere. Debe de ser por iso polo que di o meu pai moitas veces ao día que a vida é moi dura. Ao contarche isto agora lembreime de que o que me pasa a min se asemella moito ao que estudamos este ano no colexio, que é algo que facemos con lecturas, representacións de teatro, debuxos, exposicións, e esas cousas. Pois iso, que este ano tivemos como proxecto anual do centro Don Quixote da Mancha, a novela esa tan gorda e tan célebre de Miguel de Cervantes, que conta que tampouco entendía ninguén ao home e lle saían as cousas fatal, malia que el tiña moi boa intención no que facía. Cando lin e vin nos debuxos o que lle pasou cos muíños de vento, penso que se asemella moito ao

12


que a min me pasou con «puño xigante», aínda que eu penso que a loura parva dentífrico que ría mentres eu facía o ridículo non debe de semellarse en nada a Dulcinea del Toboso, que era a rapaza da que estaba namorado don Quixote. Era moi boa xente. Ía coa súa lanza nun cabalo moi fraco que se chamaba Rocinante, cun escudeiro moi simpático que se chamaba Sancho Panza, que dicía moitos refráns montado nun burro. Don Quixote, a quen non admitía que a súa moza era a máis guapa do mundo, dáballe coa lanza na cabeza, aínda que logo acababan dándolle máis golpes os demais a el. Se cadra tamén era bisesto.

13


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
O neno bisesto G - José Luis Alonso de Santos / Federico Delicado by kalandraka.com - Issuu