UN ANIMAL EXTRAORDINARIAMENTE curioso Zackarina vivía cos seus pais nunha casa á beira do mar. A casa era pequena, aínda que o mar era enorme. E no mar pódese un bañar, polo menos no verán. E xa era verán, un verán cálido e solleiro. E Zackarina queríase bañar. Pero había un problema. Non tiña permiso para bañarse soa, e a papá non lle apetecía baixar á praia. –Agora mesmiño non teño tempo –dixo papá–. Teño que ler o xornal, sabes? E entón deitouse nunha hamaca cun grande e crepitante xornal. Era tan grande que case o tapaba por completo, coma se estivese debaixo dunha manta. Só lle asomaban os pés. Uns pés inusualmente aburridos, pensou Zackarina. Os tristes pés de papá, que non se querían ir bañar. –Eu baixarei igualmente á praia –dixo ela. –Vale, si –dixo papá.
11
–Porque vou escavar un furado na area –dixo Zackarina–. E será unha trampa para que caias dentro. –Mira que ben! –dixo papá, e oíuse crepitar o periódico. Zackarina entendeu que papá non prestara atención. Era o que facía sempre cando dicía: «Mira que ben!». –Non! –dixo ela–. Nada ben. Moi mal. Baixou para a praia e comezou a cavar coas mans na area. Ao primeiro, a area era fina e seca e quente, pero máis ao fondo era húmida, e escura e fría. Zackarina debruzouse na area e mirou para dentro do furado. Que profundo era! Vaia trampa! En realidade papá dáballe un pouco de pena, xa que ía caer nese furado tan fondo e espantoso. Pero estalle ben, pensaba, e cavou un pouco máis. Foi entón cando sucedeu. Algo se movía dentro do burato. Zackarina notouno claramente e non tardou en retirar as mans. Vaia, había algo alí abaixo, si que había, alí no fondo. Era coma se a area burbullase, e coma se alguén a apartase, e agora, agora!, algo asomaba. Algo que era negro e que brillaba un pouco. Zackarina viu enseguida o que era. Era un fociño. Un fociño que fungaba e osmaba. Que fozaba e bufaba. –Papá! –berrou Zackarina–. Hai un fociño no burato, e está vivo!
12
–Mira que ben! –rosmaba papá desde debaixo do xornal. «Que ben?» Zackarina non estaba tan segura diso. Pero se dependía por completo do tipo de animal do que fose o fociño! Imaxina que o animal do burato é unha besta! O fociño asomou máis arriba, e logo outro pouco máis. Zackarina retrocedeu e contivo a respiración. O animal estaba gabeando! Escarvaba e agatuñaba polo furado para arriba, ata que apareceu a cabeza. Pero que tipo de animal é este? Estaba claro que non era un can, aínda que tiña pinta de pastor alemán, pero pouca, e tiña un aire un tanto salvaxe. A pel non tiña moito pelo. Era máis coma a area; coma a area dourada do deserto. O animal mirou ao seu redor e, por suposto, fixouse nela. –Entendo –dixo o animal, e asentiu lentamente coa cabeza. Zackarina deuse conta de que era un macho. –Eras ti a que cavaba o burato –dixo el–. A ver, a ver, daquela debes ser un teixo, non si? Ela non se atrevía a dicir nin que si nin que non, así que non dixo nada. O animal suspirou. –Vaia becho máis raro –dixo o animal–. Escarvas coma un teixo, pero es muda coma un peixe. O animal colleu impulso e saltou fóra do burato. Catro patas e un corpo e un rabo que abaneaba. Achegouse
13
a Zackarina, que se encolleu e pensou: «Axuda! Vaime papar!». Pero non fixo iso. Só osmaba arredor dela. E a Zackarina entráballe a risa porque lle facía cóxegas. –Ahá! Rinchas –dixo o animal–. Entón debes de ser un cabalo. Ou cacarexas? Nese caso, pode que sexas unha pita. O animal apartou a cabeza para un lado e reflexionou. –Pero un tipo estraño de pita que non ten plumas –dixo–. Vaia, estasme inquietando, es un animal ben estraño. Zackarina non puido quedar calada por máis tempo. –Eu non son ningunha pita! –dixo–. Son unha persoa. O animal sorriu cun sorriso de mil dentes afiados, brancos coma cunchas de caramuxas. –Iso xustamente era o que dicía–dixo–. Un animal moi estraño. O animal arrolou pola area e estirouse a carón de Zackarina. O corpo areoso brillaba coma o ouro baixo o sol. –Eu son un lobo de area –dixo–. Encantado de coñecerte! Son moi atípico, pero tamén extraordinariamente fermoso, non si? Zackarina non sabía moi ben que pensar. Nunca coñecera un lobo de area antes, e non estaba segura de se tiña moito medo ou se estaba moi contenta.
14
–De que te alimentas? –preguntoulle cautelosa–. Comes... persoas? –Persoas? Agh! Pero que dis?! –respondeu el–. Aliméntome fundamentalmente da luz do sol e da lúa. Porque a luz da lúa faiche incriblemente sabio. Eu sei todo tipo de cousas. –Todas as cousas do mundo? –preguntou Zackarina. –Todas as cousas de todos os mundos, e todas as respostas para todas as preguntas –dixo o animal. Zackarina intentou imaxinar unha pregunta realmente difícil para que aquel fachendoso lobo non puidese respondela. Algo sobre o universo ou así. Ou sobre os formigueiros. Pero entón abriu a boca e saíu unha pregunta completamente distinta. –Por que...? –dixo–. Por que papá ten que ler o xornal? –Ha! Pregunta doada –dixo o lobo–. O teu pai está enfeitizado, sabes? –Enfeitizado? –preguntou Zackarina. –Si, claro, ou hipnotizado dalgún xeito. Os seus ollos están atrapados polo xornal, por esas letras pequeniñas e escuras, e agora non pode liberarse delas. A Zackarina non lle gustou nada aquela resposta. Ela non quería un papá atrapado nun periódico para o resto da súa vida. –Tranquila, vouno liberar.
15
Colleu impulso e marchou correndo. Dirixiuse coma unha tormenta de area contra a casa e a hamaca, e arrincou o xornal das mans de papá. As follas do xornal voaban sobre o mar coma grandes paxaros. Papá caeu da hamaca e bateu co chan e pensou: «Un lobo?!». –Zackarina! –berrou papá–. Creo que teño unha insolación! Téñome que ir bañar! –Por fin –dixo ela. E o mar era grande e azul, e bañáronse durante moito tempo, ata que se lles engurraron os dedos. E entón marcharon para a casa e beberon té e xogaron ás cartas, e só se facían trampas cando o necesitaban. Pero no furado, na area da praia, alí permanecía un lobo pensando na xente e nos papás e noutros animais estraños.
16